10.2 C
Pontevedra
Venres, 29 de Marzo de 2024
Máis
    HomeO CondadoPonteareasO BNG critica que PSOE e Podemos marxinen a Ponteareas nos Orzamentos...

    O BNG critica que PSOE e Podemos marxinen a Ponteareas nos Orzamentos do Estado

    O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, explicou o voto en contra da formación nacionalista ao proxecto de Orzamentos Xerais do Estado para 2021 presentado polo Goberno español e criticou “a marxinación coa que PSOE e Podemos castigan á veciñanza de Ponteareas, ao rexeitar as emendas do BNG que pretendían lograr investimentos para satisfacer necesidades históricas e vitais como son a mellora da seguridade viaria na estrada N-120 e a construción da Variante de Ponteareas”.

    O deputado considerou “lamentábel que existindo xa un proxecto, a pesar de comprometerse ante a Plataforma Veciñal, rexeiten a nosa emenda e non plasmen ese compromiso cunha partida económica nos Orzamentos”.

    “Primeiro PP, logo PSOE, outra vez PP e agora PSOE e Unidas Podemos. Así máis de 20 anos. Os partidos no goberno alternan, as promesas continúan, séguense pasando a pelota pero as solucións non chegan a Ponteareas. Nós tan só nos aliamos cos galegos e galegas e coa defensa dos seus intereses, estea quen estea no goberno de Madrid”, aclarou Néstor Rego.

    “Estamos diante dunhas contas que discriminan Ponteareas e que discriminan o noso País, cun descenso do investimento territorializado en 11% e unha caída de 104 millóns de euros en relación cos últimos orzamentos aprobados de 2018 do Partido Popular”, afirmou o deputado do Bloque no Congreso.

    Néstor Rego destacou que o BNG seguirá traballando para que todas as medidas que PSOE e Podemos non quixeron incorporar a estes orzamentos poidan saír adiante nos próximos tempos. “A actividade parlamentaria do BNG vai ir encamiñada en actuacións que consideramos que son esenciais, como é o caso destas demandas históricas e tan necesarias para Ponteareas”, afirmou.

    Subliñou tamén Néstor Rego que os partidos do Goberno rexeitaron emendas do BNG para que sectores especialmente vulnerábeis neste contexto paguen menos impostos, como a eliminación do IVE ás máscaras e materiais de protección fronte ao coronavirus, a rebaixa a 4 % aos produtos culturais, produtos de hixiene feminina ou a servizos esenciais como auga, luz ou gas “para que ninguén teña que optar entre comer ou pór a calefacción”, así como a baixada a 10 % nos salóns de peiteado.

    Rego sinalou que entre os elementos positivos destes orzamentos están as partidas para a rebaixa das peaxes da AP-9, “que están aí grazas á insistencia do BNG e a que as incluímos como prioritarias no Acordo de Investidura. En todo caso, insuficientes para dar o apoio a estas contas que discriminan Ponteareas e Galiza”, concluíu.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.