Domingo, 27 Xullo de 2025

A Xunta aproba preto de 300 axudas para a hostelaría do Condado e A Paradanta e inxéctalle máis de 500.000 euros ao abeiro do plan de rescate

Ponteareas, 23 de xaneiro de 2021.- A Xunta de Galicia aprobou case 300 axudas para o sector de hostalería das bisbarras do Condado e A Paradanta ao abeiro do seu Plan de Rescate para Autónomos, Microempresas e Hostalería, aprobado a finais do pasado ano para paliar os efectos socioeconómicos das restricións das medidas sanitarias fronte á covid-19 neste sector e outros afectados pola pandemia. Deste xeito, estase a inxectarlle máis de 500.000 € para superar a actual situación.

O Concello de Ponteareas lidera as achegas compensatorias á hostalería recibidas da Xunta de Galicia, xa que cursáronse ata 215, de entre as tres liñas do Plan de Rescate, de 121 hostaleiros por un importe total de case 400.000 €.

Pola súa banda, os Concellos de Salvaterra, A Cañiza, Mondariz e As Neves tamén superan a decena de axudas aprobadas polo executivo autonómico para colaborar co sector ante os prexuízos da pandemia e a continuación figuran os hostaleiros dos municipios de Arbo, Mondariz-Balneario e Covelo.

A piques de pechar esta primeira convocatoria do Plan de Rescate, a Xunta aprobou máis de 7.600 axudas por importe de case 14 millóns de euros na provincia de Pontevedra e ata 24.000 en toda Galicia. Ata o momento, no ámbito da comunidade, abonáronse máis de 20.000 compensacións por importe de 37 millóns de euros e os pagos quedarán completados nos próximos días.

Segundo Plan de Rescate

No marco da liña de colaboración e apoio ao sector da hostalería consensuada cos seus representantes, a Xunta xa está a perfilar un segundo Plan de Rescate para Autónomos, Microempresas e Hostalería cun montante de alomenos 50 millóns de euros e que se orientará a paliar os efectos económicos das medidas sanitarias fronte a terceira vaga da covid-19. Esta nova liña de compensacións directas, anunciada polo presidente, Alberto Núñez Feijóo, e que atende ás peticións dos representantes do Clúster de Turismo e da Mesa de Negociación da Hostalería, manterá o mesmo formato que a primeira con tres ordes que serán acumulables para este sector e compatibles coas percepcións anteriores, pero que esixirá menos requisitos e terá unha maior axilidade administrativa.

A intención da Xunta de Galicia, atendendo ao acordo no marco do diálogo social co sector da hostalería, pasa por activar este novo Plan de Rescate no mes de febreiro, pero previamente, o vindeiro luns, haberá unha reunion coas deputacións e a Fegamp para ver a posibilidade de que se sumen a estas achegas a través da creación dun Fondo Covid-19, xa que o Goberno galego estima que podería ser máis ambicioso, fortalecer o apoio ao sector e responder á súa demanda e á da cidadanía de actuar conxuntamente e sumando sinerxias con unidade de acción.

ConcelloTotal de Axudas para HostaleríaImporte de Axudas para Hostalería
Arbo815.200 €
A Cañiza1425.500 €
Covelo39.200 €
Mondariz1030.900 €
Mondariz-Balneario413.125 €
As Neves1014.075 €
Ponteareas215386.350 €
Salvaterra2246.825 €
TOTAL278541.175 €

A ANPA do CEIP Santiago de Oliveira de Ponteareas urxe á Xunta a construción dun ximnasio e do comedor escolar

A concellaría de Ensino, que dirixe a alcaldesa en funcións Cristina Fernández, apoia as demandas da Asociación de Nais e Pais do CEIP Santiago de Oliveira, que piden dende comezo de curso a construción dun ximnasio e oferta de comedor escolar e reclama unha resposta inmediata á Consellería de Educación da Xunta de Galicia.

A inicios deste curso, a ANPA de Santiago de Oliveira púxose en contacto coa Consellería de Educación para solicitar estas dúas actuacións que cualifican de “urxentes”. “Temos un centro educativo estupendo, amplo, con profesionais que se esforzan a diario, cun patio escolar grande e arrodeado de natureza pero precisamos ter un ximnasio para non mollarnos nos días de inverno cando queremos practicar a asignatura de educación física. Non pedimos nada extraordinario, pedimos unha infraestrutura básica”, explican dende a ANPA.

Ademais,as nas nais e pais de Santiago de Oliveira insisten na necesidade de ofertar o servizo de comedor escolar, unha ferramenta imprescindíbel para a conciliación familiar e laboral. “Afortunadamente no rural de Ponteareas viven moitas familias con nenos e nenas en idade escolar. Se o que realmente pretendemos é promocionar a vida no rural e potenciar as parroquias non se entende que un centro educativo non teña comedor escolar para que as familias con fillos/as poidan desenvolver unha xornada laboral sen a preocupación e dificultade de ter que recollelos ao mediodía. Dende a miña concellaría axudamos ás familias ofertando a aula matinal e os campus para as tempadas vacacionais pero o comedor é unha competencia da Xunta que ten que asumir”, explica Cristina Fernández.

Por último a ANPA, apoiada pola concellaría, reclama a ampliación da ruta do transporte escolar para que arrinque dende a estación de autobuses do centro urbano e dar opción ás familias da vila a elixir o centro educativo de Santiago de Oliveira que ten mellor proporción na ratio por aula. A día de hoxe a ruta para asistir a este centro educativo de infantil e primaria arrinca no cemiterio municipal polo que se trataría somentes de habilitar unha parada máis. “É unha mágoa que tendo aulas con espazo para acoller máis alumnado non se dea esta oportunidade e máis nos tempos que vivimos donde a distancia social é vital, ademais de dar un mellor servizo de transporte ao alumnado do centro que vive nesa zona e se ten que desprazar en coche ata a parada do cemiterio ou ata o propio colexio”, conclúe a ANPA.

ANPA e concelleira lamentan a falta de resposta da Xunta e agardan poder comezar as xestións canto antes.

A Deputación organiza #SocialHack, o primeiro ‘Hackathon en liña de Innovación Social para o terceiro sector’

Co obxectivo de continuar a impulsar a innovación e o talento da provincia, a Deputación de Pontevedra organiza para os vindeiros días 13 e 14 de febreiro #SocialHack, o primeiro Hackathon Online de Innovación Social para o Terceiro Sector. Este é o segundo reto tecnolóxico deste tipo que promove a institución, a través do programa SmartPeme, tralo celebrado no 2019, naquela ocasión relacionado co sector turístico. Neste caso, o Hackathon estará vinculado á dixitalización destas entidades sociais do Terceiro Sector, para o que o programa de asesoramento tecnolóxico SmartPeme abriu o pasado ano unha carteira de servizos específica, debido ao seu papel e relevancia para a provincia.

Nesta nova edición do Hackathon, que repartirá 3.500 euros en premios, o reto para os equipos participantes, que estarán formados por grupos multidisciplinares de entre 3 e 5 persoas, consistirá no desenvolvemento de solucións innovadoras que axuden a unha mellor xestión da colaboración entre a comunidade e as entidades do Terceiro Sector da provincia, así como a mellora e maior eficiencia na captación de persoas asociadas e fondos por parte destas entidades.

Debido á pandemia, o evento será integramente online, e comezará o 12 de febreiro cun acto de presentación, que será retransmitido por streaming, mentres que os días 13 e 14 os equipos traballarán a través de ferramentas de videochamada no desenvolvemento de solucións tecnolóxicas. As inscricións para #SocialHack poden realizarse na páxina web de SmartPeme (smartpeme.depo.gal) e o reto está aberto a persoas de todo o territorio nacional, estudantes ou profesionais de áreas como desenvolvemento de apps, deseño gráfico, Terceiro Sector ou área de negocio. Unha vez que estea pechada esta convocatoria de inscrición, formaranse os grupos, que traballarán xuntos vía online durante o citado fin de semana no desenvolvemento das solucións tecnolóxicas.

Os equipos terán o apoio de persoal experto en tecnoloxía e desenvolvemento de apps (contarase coa colaboración de Minube como provedor tecnolóxico), para resolver posibles dúbidas durante os dous días do Hackathon. Todas as propostas terán que ser inclusivas, vinculadas á provincia de Pontevedra e deberán fomentar a igualdade. Despois destes dous días de intenso traballo, o xurado valorará la busca de ideas creativas, o grao de desenvolvemento e deseño, a orixinalidade, a dificultade técnica, a usabilidade e a presentación final. Haberá un primeiro premio de 2.000 euros, un segundo de 1.000 e un terceiro premio de 500 euros. Finalmente, o día 18 de febreiro terá lugar, tamén en formato online, o acto de clausura desta actividade, xunto coa entrega de premios.

Gonzalo Caballero propón á Xunta “reconsiderar” uns orzamentos que non prevían a terceira onda para fortalecer a sanidade pública e salvar a economía

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, propuxo á Xunta, na semana na que se aprobarán os seus orzamentos para 2021, que “reconsidere” unhas contas públicas que non prevían esta terceira onda da covid “que nos acende todas as luces de alarma” polo número de contaxios e pola elevada presión asistencial á que están tendo que facer fronte os hospitais.

“O PP ten que deixar o rodillo e ser permeable”, defendeu Gonzalo Caballero, consciente de que cómpre “cambiar os orzamentos” para “fortalecer a sanidade pública, dar máis fondos aos sectores afectados por esta crise e trazar as liñas da reactivación de Galicia”.

Sobre todo, como dixo, porque os orzamentos da Xunta foron elaborados nuns momentos nos que Feijóo “criticaba o toque de queda, o estado de alarma e os peches perimetrais” e “só pensaba en salvar o Nadal e ter unha boa Semana Santa”. “Hai que adaptarse ás novas circunstancias”, subliñou o líder do PSdeG, e “os orzamentos actuais non valen”.

Nese contexto, puxo sobre a mesa as emendas presentadas polo PSdeG, que inclúen 100 millóns de euros adicionais para dotar á sanidade pública de máis persoal e en condicións “estables”, para desenvolver “axilmente” o programa de vacinación, para “mellorar” o sistema de rastrexo, para superar os defectos da telemedicina e para poder atender citas e operacións programadas.

“Neste 2021 temos que ser quen de resistir esta terceira onda cunha sanidade pública máis forte e con posibilidades económicas que dean futuro aos sectores máis afectados pola crise”, reivindicou Gonzalo Caballero, quen requiriu tamén un fondo covid extra para os concellos de Galicia, que están atendendo as necesidades sociais da cidadanía afectada e asumindo gastos adicionais en eidos como a limpeza dos espazos públicos.

No que atinxe ás novas axudas prometidas pola Xunta para a hostalería e o turismo, o dirixente socialista valorou que o anuncio chegara “dúas horas despois” de que o PSdeG mantivera unha xuntanza co Clúster de Turismo de Galicia para reclamar 62 millóns de euros adicionais. “Estaremos vixiantes para que se cumpra”, engadiu.

Ave a Galicia

Xunto a Gonzalo Caballero, no transcurso do Comité Federal do PSOE, compareceu tamén ante os medios Xoaquín Fernández Leiceaga, quen é presidente do PSdeG e coordinador da Interparlamentaria dos socialistas galegos.

Pola súa banda, o senador galego criticou “o cinismo do PP” por estar urxindo ao goberno de Pedro Sánchez a chegada do AVE a Galicia logo de que os retrasos nas obras entre 2012 e 2016, nos anos de goberno de Mariano Rajoy, estean motivando reclamacións xudiciais por máis de 440 millóns de euros.

“Neses anos houbo unha execución extremadamente baixa e deixaron o caos no ADIF”, incidiu, consciente da “xestión nefasta” que houbo co PP no goberno.

Ademais, Leiceaga contrastou “ese caos, eses retrasos” nas obras para achegar a alta velocidade ferroviaria a Galicia durante a etapa de Rajoy e Ana Pastor co “impulso decidido” a esta infraestrutura dende a chegada de Pedro Sánchez ao goberno, o que permitirá que o AVE conclúa no segundo semestre deste ano 2021.

En paralelo, destacou as melloras na liña Monforte-Lugo, a adaptación da liña Monforte-León para a súa entrada no corredor atlántico, os avances na saída sur de Vigo ou a modernización do equipamento ferroviario, que non se facía dende 2011.

Neste contexto, o presidente do PSdeG reclamou á Xunta “ todas as ferramentas” para utilizar “con axilidade” os fondos europeos, tamén no eido das infraestruturas.

Redondela pon en marcha a través do Plan Concellos un dos máis modernos sistemas de pasos de peóns automatizados

0

A rúa Telmo Fernández, en pleno casco urbano de Redondela e paso obrigado para os milleiros de peregrinos que realizan o Camiño de Santiago, conta dende onte cun semáforo regulador, dotado dun sistema se sensorización e un paso de peóns dotado de sistema led intelixente de advertencia.

A obra, que contou cun investimento de preto dos 45.000 euros con cargo ao Plan Concellos da Deputación, contribúe a mellorar a seguridade viaria das veciñas e veciños non só de noite, senón tamén en condicións de visibilidade reducida por mor das inclemencias meteorolóxicas.

O Sistema, utilizado xa en cidades como Valencia, está baseado no coñecido como Sistema Led Intelixente que multiplica exponencialmente a súa eficacia en relación á actual pintura reflectante que se utiliza neste tipo dotacións. Conta cun sistema de cámaras térmicas que detectan a proximidade de peóns e é capaz de distinguir se se trata de persoas ou de calquera animal por pequeno que sexa, decidindo así a activación dos semáforos e, ao mesmo tempo, das sinais verticais e o alumeado das marcas brancas horizontais que delimitan no chan o paso de peóns. No caso das marcas de delimitación do paso, o seu alumeado fai que sexa visible dende unha distancia moi superior ao da pintura reflectante tradicional.

A dotación deste novidoso sistema de seguridade viaria, explica a concelleira de Urbanismo, María Castro, “serve para reafirmar a aposta deste Goberno pola mobilidade sostible na que, no casco urbano, os peóns deben ter prioridade sobre os vehículos”.

Cómpre salientar que a rúa Telmo Fernández sitúase na contorna da rúa Isidoro Queimaliños e Cruceiro que son “paso obrigado de milleiros de persoas que fan o Camiño de Santiago xa que –lembrou a rexedora municipal– non se pode esquecer que, precisamente en Redondela conflúen o Camiño Portugués e o Camiño Portugués pola Costa”, lembra a alcaldesa Digna Rivas.

Doutra banda, Rivas amosouse especialmente orgullosa de poder dicir que se trata de “tecnoloxía de Redondela para Redondela” xa que o sistema “está sendo implementado por unha empresa con domicilio social en Chapela, o que contribúe a reforzar á nosa idea de apoiar ás empresas locais nestes tempos complexos”.

Webinar sobre a economía circular como oportunidade para as empresas organizada pola Deputación e a Fundación Incyde

“A economía circular: unha oportunidade para as empresas” é o título da webinar que organizan a Rede de Viveiros da Fundación Incyde e a Deputación de Pontevedra, a través dos viveiros de empresas de Barro e Lalín, e que impartirá o vindeiro mércores 27 de xaneiro a experta Dinnorah Suárez Lesmes. A charla virtual, que se desenvolverá entre as 19 e as 21 horas vía streaming, está dirixida a viveiristas, empresas, profesionais, persoas emprendedoras e ao público interesado, que poden inscribirse xa a través do formulario dispoñible na web da institución provincial (www.depo.gal).

Nesta webinar, Suárez Lesmes amosará ás persoas asistentes que afrontar a activación dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) e a circularidade é todo un reto, pero tamén unha oportunidade para mellorar a reputación da empresa e o equilibrio social, económico e ambiental. A charla incidirá en que a economía circular debe formar parte fundamental do desenvolvemento empresarial desde o primeiro momento, desde a concepción da idea. O obxectivo desta iniciativa é que as persoas asistentes coñezan os principios da economía circular, que saiban como incorporalos á estratexia empresarial e que poidan mellorar o posicionamento da empresa cara aos grupos de interese e a sociedade en xeral. A relatora afondará nos ODS e amosaralles ás persoas participantes ferramentas para a posta en marcha de iniciativas circulares e lles ensinará tamén como implementar un plan estratéxico sostible.

A relatora, Dinnorah Suárez Lesmes, é enxeñeira industrial e directora de programas de emprendemento. É unha firme defensora dos ODS e loitadora contra o cambio climático e fundadora e CEO de empresas relacionadas con I+D+I, o medio ambiente, moda, a formación e o sector audiovisual. Cunha traxectoria profesional de máis de vinte anos, Suárez orienta a empresarios e emprendedores cara a implementación de plans estratéxicos de sustentabilidade, á vez que promove a economía circular e a transformación dixital como pilares básicos de desenvolvemento dos negocios.

Para obter máis información sobre esta webinar, as persoas interesadas poden enviar un correo electrónico ao enderezo [email protected], ou tamén contactar cos teléfonos 686 540 897 e 886 217 360.

Concello de Ponteareas e Deputación de Pontevedra poñen en valor o erbedal do parque forestal da Picaraña

A concelleira de Medio Ambiente, Rosa Covelo, xunto con representantes das Comunidades de Montes de Ponteareas, Arcos e Bugarín, visitou as actuacións realizadas en 2020 no parque forestal da Picaraña, co financiamento do Concello de Ponteareas e da Deputación Provincial de Pontevedra. A edil nacionalista salientou que “as actuacións desenvolvidas nun total de 34 hectáreas supuxeron un investimento de 68.000 euros e atinxiron á mellora medioambiental do espazo natural e á creación de novos equipamentos de lecer na natureza”.

Por unha banda, executáronse en case 12 hectáreas traballos de eliminación da Acacia melanoxylon, unha especie invasora prexudicial para a biodiversidade e os ecosistemas do parque. Ademais, creouse unha área cortalume ao longo de estradas e pistas forestais con plantación de frondosas en case 3 hectáreas e realizáronse traballos de poda e roza noutra hectárea e media.

Unha das actuacións máis novidosas para a mellora e difusión dos valores ambientais consistíu na roza de matogueira en máis de 16 hectáreas do erbedal da Picaraña. O érbedo ou moroteiro é unha especie moi singular no parque forestal que está presente en forma de bosque arbustivo nunha ladeira da Picaraña. Entre outubro e decembro recóllese o seu froito coñecido como morote ou amorodo, redondo e de cor vermella, cun suculento interior de cor laranxa intensa e utilizado para producir xeleas e marmeladas ademais de aromatizar licores. Ademais da roza realizada para previr lumes forestais e reducir riscos de enfermidades, tamén se instalou un panel divulgativo ao pé do roteiro de sendeirismo dos Penedos da Picaraña para dar a coñecer este valor natural. Neste ecosistema habita a bolboreta diurna de maior tamaño de Europa, a bolboreta do érbedo (Charaxes jasius), de catro colas, que forma parte do logotipo do parque forestal. Trátase dun dos insectos máis bonitos da península ibérica. Na súa fase de eiruga aliméntase exclusivamente de follas de érbedo e por iso a súa presenza está ligada á do moroteiro.

Por último creouse o “Roteiro dos Castros” para a práctica do sendeirismo cun percorrido de 3 km que discorre por diferentes zonas arqueolóxicas do parque forestal. O roteiro iníciase no alto das Rabadeiras e conclúe nas Chans da Picaraña.

As actuacións do ano 2020 deron continuidade ás executadas nos dous anos anteriores, tamén co financiamento do Concello de Ponteareas e da Deputación de Pontevedra. A concelleira Rosa Covelo explicou que “con estas actuacións o goberno municipal, Deputación e comunidades de montes estamos convertendo espazos coma A Picaraña, que estiveron abandonados durante décadas, en lugares coidados, protexidos ambientalmente e de grande atractivo para o desfrute da veciñanza en contacto coa natureza”.

O PP de Mondariz aproba un cuarto recoñecemento extraxudicial de crédito “a pesar de non estar de acordo coa xestión do Goberno”

0

O grupo municipal do Partido Popular de Mondariz deu luz verde, cos seus votos, a un novo recoñecemento extraxudicial de crédito de 373.261,66 €, presentado polo goberno que preside o nacionalista Xosé Emilio Barros. As facturas aprobadas por este procedemento –permite aprobar facturas de gastos que efectuaron sen partida orzamentaria– correspóndense con débedas adquiridas polo actual Goberno de Mondariz.

Dado que algunas desas facturas corresponden ao mandato do anterior Goberno, Ana Corredoira non acerta a entender “como AxM abstense nunha votación na que se aproban facturas de gastos que eles xeraran, e claramente eluden as súas responsabilidades pendentes”.

A portavoz popular asegura que “coa situación pandémica actual, que está a afectar a moitos dos pequenos empresarios, comerciantes e hostaleiros de Mondariz, decidimos apoiar o recoñecemento extraxudicial de crédito que vai permitir cobrar as débedas pendentes de moitos deles, a pesar de non estar para nada de acordo coa xestión do actual goberno”.

Para Corredoira a xestión do actual Goberno “vai de improvisación en improvisación” e lembra que non foi quen de aprobar os orzamentos nunha tramitación normal, ao ser aprobados despois dunha moción de confianza, e que ten que recorrer a procedementos como este para pagar as facturas de gastos que non tiñan partida orzamentaria. “A xente que lle vende ao Concello non ten a culpa da mala xestión do Goberno, e ten dereito a cobrar polos traballos e servizos que prestaron”, sentencia a portavoz do Partido Popular.

“Unha vez máis pedimos ao señor alcalde e aos seus socios de Goberno “que goberne por e para Mondariz non para as siglas, e actúen coa responsabilidade que o cargo representa”.

Nigrán instala o primeiro parque de calistenia de todo o Val Miñor

0

O Concello de Nigrán ultima a instalación do primeiro parque de calistenia-street workout da comarca ao carón do Pavillón Municipal de Panxón mediante o investimento de 14.000 € a cargo das baixas do Plan Concellos 2018. Deste xeito, o deporte de moda a nivel mundial entre a mocidade poderá ser practicado no municipio a partir do mes de febreiro, cando estea xa concluída a colocación desta complexa estrutura da marca Kenguru, a mellor valorada polos usuarios e a única homologada no campionato mundial.

Noel e Lucas, dous dos afeccionados de Nigrán á calistenia no parque situado a carón do pavillón de deportes de Panxón

“Era unha petición expresa de moitos deportistas, especialmente adolescentes, e desde o Concello queremos poñer todos os medios para que a veciñanza poida practicar exercicio ao aire libre, algo máis recomendable que nunca tendo en conta a situación. Deste xeito, promovemos hábitos de vida saúdables potenciando ao mesmo tempo unha afección ao carón precisamente dunha instalación deportiva”, explica o alcalde, Juan González, quen recorda que Nigrán conta desde hai anos con sendas gaiolas de adestramento en Praia América e Lourido, “auténticos ximnasios ao aire libre gratuítos”.

Este novo parque ocupa 170 metros cadrados de superficie e, como todos os de calistenia street-workout, conta con estruturas estáticas de diferentes elementos (barras, postes, bancos, varandas ou paredes) para facer múltiples exercicios (ou acrobacias no caso do street workout) empregando o propio peso corporal. En esencia, trátase dun deporte dirixido a fortalecer a musculatura e de gran popularidade actualmente pero que xa se practicaba na antiga Grecia (de aí ven o nome de calistenia) pois inclúe desde a realización de dominadas, sentadillas, flexións, abdominais a complicadísimos exercicios como ‘A bandeira’; no caso do street-workout son máis acrobáticos ao incorporar disciplinas urbanas como o parkour.

Un lume causa danos materiais nunha empresa do polígono da Granxa

Un lume probablemente ocasionado por un curtocircuíto causou danos materiais de consideración nunha empresa do Polígono Industrial da Granxa nun suceso acaecido a pasada noite.

Os feitos aconteceron cara as 3:30 horas de hoxe cando unha dotación da Policía Local do Porriño recibiu o aviso dos vixiantes da Zona Franca dun lume nas instalacións da firma Diamant Boart-Husqvarna, sita na confluencia da avenida principal e a rúa Ons, nº 98 do devandito polígono.

As lapas procedían do fondo da nave e produciron diversos estalidos e moito fume. A Policía Local do Porriño alertou ao 112 para que mobilizase aos bombeiros do parque comarcal que extinguiron o lume. Segundo manifestaron, este tivo a súa presunta orixe nun cadro eléctrico situado nunha mesa de traballo.

Galicia continúa sen freo e rexistra hoxe un total de 18.286 casos activos por coronavirus

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 18.286, deles 4.826 son da área da Coruña, 1.545 da de Lugo, 2.568 da de Ourense, 1.579 da de Pontevedra, 3.349 da área de Vigo, 2.947 da de Santiago, e 1.472 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 142 están en UCI, 825 en unidades de hospitalización e 17.319 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 65.375 persoas curadas, rexistrándose 1.599 falecementos. O número de PCR realizadas é de 1.309.379.

Os datos de centros residenciais de servizos sociais corresponden aos que achegan con carácter diario os propios centros.

Os datos de escolas infantís e centros de ensino non universitario corresponden aos rexistrados diariamente a través da Central de Seguimento de Contactos, os propios centros e as xefaturas territoriais. A listaxe completa de centros de ensino de Galicia con casos positivos pode consultarse nesta ligazón.

Relevo no PP do Porriño, Ana María Martínez deixa o seu posto de concelleira por motivos laborais e é substituída por Ascensión Costa

O Partido Popular do Porriño deu conta da renuncia da concelleira popular Ana María Martínez Paradela por motivos persoais e laborais. Martínez Paradela formou parte da candidatura dos populares, liderada por Alejandro Lorenzo ‘Caroca’, nas pasadas eleccións municipais do 2019 indo no número 8 da lista; polo que agora a número 9 Ascensión Rosario Costa Táboas daralle o relevo como concelleira da oposición.

Esta renuncia derívase de motivos persoais e laborais que a levan a deixar a primeira liña política despois de máis de 15 anos de servizo nas candidaturas polo Porriño do Partido Popular. Os populares porriñeses lembraron que Martínez Paradela “desenvolveu unha importante labor na área de educación, así coma nas múltiples labores que lle corresponderon como concelleira, tanto na oposición coma no Goberno” e fanse eco dos desexos da exconcelleira de “seguirá apoiando ao seu partido desde as bases en todo o posible”.

“Quero agradecer e moito, o labor de Ana como concelleira e como traballadora incansable polo noso pobo e polo partido”, dixo o portavoz do PP porriñés, Alejandro Lorenzo que sinalou que, a súa renuncia “supón un grande cambio para o noso grupo Municipal, pero aínda que os motivos da renuncia non lle faciliten a súa labor como concelleira, non lle impedirán continuar coa súa colaboración, tan necesaria para nós”, puntualizou.

Unha vez presentado o escrito ante o Concello do Porriño a renuncia faise efectiva e se dará conta no próximo Pleno, tendo prevista a alta da nova concelleira Ascensión Rosario Costa Táboas para o próximo pleno municipal en Febreiro.

O Concello de Baiona pecha temporalmente toda a actividade deportiva municipal

0

O alcalde de Baiona, Carlos Gómez, anunciou na tarde de hoxe a suspensión temporal de “toda actividade deportiva municipal”. A suspensión afecta á oferta de escolas deportivas para á infancia e adultos, á práctica do deporte escolar e ás instalacións deportivas municipais.

O peche, que será efectivo dende este vindeiro luns, 25 de xaneiro e ata novo aviso, adóptase “por responsabilidade cara aos nosos veciños e veciñas”, afirma o alcalde Carlos Gómez. O rexedor local fixo un chamamento á responsabilidad de veciñas e veciños á hora de respectar escrupulosamente as medidas de seguridade e prevención.

Nese sentido, o alcalde baionés lembrou “a responsabilidade que amosaron a gran maioría das veciñas e veciños durante o confinamento, en circunstancias que non foron doadas e que, porén, constituíron un exemplo de comportamento cívico, responsable e solidario”.

A Guarda promove o Proxecto Trega 2020+5 para recuperar e consolidar parte das excavacións antigas e facelas visibles

0

O Concello da Guarda promove o Proxecto Trega 2020+5 co que se pretende desenvolver o potencial patrimonial, social, cultural e científico do castro de Santa Trega a través dunha actuación integral, de carácter conxunto e coordinado dos diferentes axentes sociais e entidades administrativas envoltas na conservación e promoción do monte.

O Proxecto Trega 2020+5 desenvólvese en torno a tres eixos fundamentais, recuperar e consolidar os sectores do castro escavados entre 1910 e 1930 e que hoxe se atopan abandonados, manter de forma sostida no tempo o conxunto das estruturas escavadas no castro e expostas ao público e investigar e afondar no coñecemento arqueolóxico do castro, e crear contidos destinados á divulgación e ao desenvolvemento patrimonial.

O castro de Sta. Trega conta cunha longa historia de actividade arqueolóxica, escrita cos nomes da Sociedad Pro Monte, Ignacio Calvo ou Cayetano de Mergelina, entre outros.

[su_image_carousel source=”media: 29113,29114,29112″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

No marco do proxecto Trega 2020+5 proponse a reescavación de varios sectores do castro. A actuación arqueolóxica cunha metodoloxía arqueolóxica permitirá recuperar boa parte da información dos traballos antigos e afondar no seu coñecemento por medio da aplicación das novas tecnoloxías.

O proxecto Trega 2020+5 permitirá agora consolidar ao castro como un referente na aprendizaxe dos arqueólogos do futuro por medio dunha escola permanente de arqueoloxía na que cada verán 5 alumnos do máster en Arqueoloxía e Ciencias da Antigüidade da USC terán oportunidade de formarse como profesionais, levando a cabo prácticas de escavación, rexistro, topografía, flotación ou mostraxe.

Baixo a dirección científica de Brais Currás da EST-AP do CSIC, e nun proxecto de 5 anualidades, os traballos de recuperación das escavacións antigas do castro permitirán acceder a novos datos que aportarán un coñecemento máis fondo do asentamento.

O proxecto Trega 2020+5 conta co Concello da Guarda coma promotor e tamén coa colaboración do Padroado do Monte Santa Trega e as Comunidades de Montes da Guarda e de Camposancos

Deputación e Editorial Galaxia retoman a exitosa ‘Escola de Letras’ como porta ao mundo da creación literaria

Trala súa excepcional acollida o pasado 2020, a Deputación de Pontevedra e a editorial Galaxia volven coa segunda edición da súa Escola de Letras, que ten previsto o seu arranque no vindeiro mes de marzo. A presidenta da institución provincial, Carmela Silva, e o director da Escola, Francisco Castro, fixeron un balance da primeira edición e presentaron as novidades para este ano que contará no profesorado con dúas novas escritoras que impartirán obradoiros, facendo así paritaria a súa composición, tres mulleres e dous homes, amais do director da Escola .

Carmela Silva recordou que “2020 foi un ano que sempre lembraremos pola situación pandémica histórica que vivimos, na que os libros e as historias foron fiestras cara a liberdade e a imaxinación en tempos de confinamento. Fronte ao distanciamento social e ás fortes restricións que condicionaron e condicionan a nosa vida, o acceso á cultura, tanto á programación como á formación, foi un importante punto de acordo que vai moito máis aló do simbólico e un alimento fundamental da nosa identidade cultural”. A Escola de Letras, a primeira escola deste tipo en Galicia e unha das poucas no Estado, naceu como unha idea da Editorial Galaxia que a Deputación apoiou dende o primeiro momento cunha “inmensa ilusión”. A presidenta provincial lembrou que naceu como un soño que foi convertido en realidade pola inmensa participación que tivo. Esta é unha das ideas que fai que a provincia de Pontevedra siga sendo o centro do pulo cultural, fómolo ao longo da historia, sómolo e queremos seguir séndoo”, recalcou.

Carmela Silva: “A Escola naceu como un soño que converteu en realidade a inmensa participación que tivo. Fai diferente a esta provincia e revalida o seu pulo cultural”

Neste contexto Francisco Castro lembrou que na edición pasada as prazas para os seis obradoiros celebrados esgotáronse en hora e media e a lista de agarda para matricularse nalgún dos cursos superou as 200 persoas. Carmela Silva quixo poñer en valor que “a xente demanda cultura, ter outro tipo de actividades humanas que non sexan o consumismo, o materialismo e o individualismo. A xente precisa construír sociedades diferentes onde a creación estea no centro e que as administracións apoien este tipo de iniciativas”.

A andaina da Escola de Letras do 2020 aínda non rematou. Francisco Castro anunciou “a guinda do pastel”: a publicación dun libro con textos do alumnado que participou nesta iniciativa. As alumnas e alumnos teñen ata o 30 de xaneiro para enviar un texto porque, para o director da Escola, “a literatura ten sentido se ademais se publica”. Castro cree que “para as alumnas e alumnos o saber que un dos seus textos formará parte dun libro é un aliciente estupendo. Un dato importante é que non vai ser un libro institucional senón que pasará á canle comercial e estará nas librerías de Galicia dentro do catálogo de Galaxia”.

A presidenta provincial quixo resaltar tamén o compromiso coa igualdade desta Escola, que na súa nova edición da un paso máis neste ámbito contando con tres mulleres e dous homes no seu profesorado. Destaca a incorporación de Anna Figueiredo e Elvira Ribeiro ao equipo docente, que se completa coa presenza de Inma López Silva, Antonio García Teijeiro e Diego Giráldez. Para Silva esta proporción correspóndese coa realidade “posto que hoxe no mundo da escrita galega as mulleres están ocupando moitísimo espazo e acadando grandes recoñecementos”. Con estas incorporacións a Escola acada un novo nivel posto que, como resaltou Castro, “non son cursos sen máis, e polo tanto a Escola cada ano ten que ir subindo o nivel de especialización. O ano pasado foron obradoiros máis xeralistas e este ano queremos ir matizando moito máis”.

Para este 2021 a Escola ten programados un total de seis talleres que terán lugar entre os meses de marzo e decembro. Comezará con dous obradoiros literarios impartidos por Inma López Silva entre os meses de marzo e maio. No mes de xuño Antonio García Teijeiro ten programado un taller de poesía ao que seguirá, entre os meses de setembro e novembro, o obradoiro “Escribir unha novela”, impartido por Anna Figueiredo. Será entre outubro e novembro cando Diego Giráldez imparta o seu obradoiro literario e, para finalizar a Escola, Elvira Ribeiro fará o propio cun obradoiro de poesía. A maiores este ano incrementaranse as masterclass, abertas a toda a cidadanía, nas se convida a diversas autoras e autores a realizar unha clase práctica. Estas actividades, ao igual que na edición anterior, serán de balde.

Entra en funcionamento o semáforo do IES O Barral na N-120 á entrada de Ponteareas

A concellaría de Mobilidade e Tráfico do Concello de Ponteareas, que dirixe Roberto Mera, informou da posta en marcha este venres do semáforo instalado no IES O Barral. A instalación deste dispositivo de seguridade, unido ao correspondente paso de peóns, sinalización vertical e beirarrúa de 100 mts de lonxitude permite agora ao alumnado, nai e pais e profesionais do centro educativo atravesar con seguridade a N-120. Unicamente queda pendente de executar parte da sinalización horizontal que non se puido acometer até agora por causa das choivas e néboas.

Esta actuación dá resposta a unha demanda histórica da comunidade educativa e resolve en boa medida os importantes problemas de seguridade vial dos accesos ao IES.

A concellaría de Mobilidade e Tráfico está xestionando co Ministerio de Mobilidade a instalación dun dispositivo de radar para que o semáforo tamén funcione como un elemento de calmado do tráfico, pechando cando os vehículos superen o límite de velocidade establecido neste tramo en 50 km/h.

Redondela acondiciona o campo de fútbol do Viso, incluíndo un vestiario para árbitras, nunha completa reforma con cargo ao Plan Concellos

0

O Concello de Redondela vén de transformar tres espazos que permiten mellorar a seguridade no centro urbano, os equipamentos deportivos e a accesibilidade rural. Os deputados de Réxime Interior e Facenda, Carlos Font; Cohesión Social, Olga García, e Infraestruturas, Gregorio Agís, visitaron hoxe as actuacións xunto coa alcaldesa Digna Rivas e a concelleira de Urbanismo, María Castro. As obras foron sufragadas polo Plan Concellos cun orzamento total de 145.800 euros. Gracias a estas actuacións, o concello choqueiro mellorou o tránsito peonil na rúa Telmo Bernárdez, en pleno Camiño de Santiago, fixo unha completa reforma nas instalacións do campo de fútbol do Viso-Tuimil e, finalmente, acondicionou o camiño Veiga dos Eidos, en Cesantes.

Carlos López Font destacou que “non hai nada mellor que ver as obras “in situ” para darse conta da forza do Plan Concellos para mellorar a vida das persoas”. Despois de destacar que a “filosofía” do plan é a colaboración cos alcaldes e alcaldesas “que son as e os que mellor coñecen o territorio e os que deciden”, subliñou “a especial alegría que produce, dado o noso compromiso político coa Igualdade, visitar as obras que se fixeron no campo de fútbol do Viso, onde, superamos outra barreira sexista”. O deputado puxo en valor a colaboración institucional entre Deputación e todos os concellos, entre eles Redondela. “Neste caso concreto, a colaboración é inmellorable”. “A alcaldesa é o mellor exemplo de colaboración institucional leal e queremos seguir nesta senda”. “A política”, rematou, “serve para moito cando se suma”.

De esquerda a dereita, a deputada de Cohesón Social, Olga García Ballesteros; o concelleiro de Vías e Obras, Vicente Lamas; a concelleira de Urbanismo, María Castro; a alcaldesa Digna Rivas e os deputados de Facenda, Carlos López Font e Infraestruturas, Gregorio Agís

Digna Rivas: “Hai moitas obras que me deron moita satisfacción, pero hoxe é un día feliz porque esta era unha espiña que tiña cravada”

Digna Rivas lembrou a súa etapa como deputada provincial no mandato anterior, é dicir o período no que o Plan Concellos botou a andar. “ Agora eu, como alcaldesa, podo dicir que puidemos facer estas obras porque existe este plan”. “Hai varias actuacións dende que cheguei á Alcaldía que me deron moita satisfacción, pero unha das máis importantes é este arranxo dos vestiarios do Viso, que eran moi necesarios e por iso hoxe é un día feliz”. “ Era unha espiña que tiña cravada”, declarou.

A alcaldesa eloxiou a potencia do Plan Concellos como ferramenta para desenvolver investimentos e actuacións municipais. “Agora sabemos de antemán de cantos cartos dispoñemos e temos liberdade para gastalos en aquilo que máis necesitamos, mentres outras institucións, como a Xunta de Galicia, non só nos tutelan, senón que, ademais, nunca nos anticipan os cartos dos que imos dispoñer”. “Confiar nos alcaldes e alcaldesas é o correcto, pois somos nós os que sabemos o que precisa a veciñanza”, reafirmou.

Digna Rivas destacou, tamén, a importancia da Liña 3 do Plan Concellos, que permite dispoñer de persoal para a prestación de servizos municipais por parte de persoas desempregadas. “Todos os concellos estamos nunha situación de falta de persoal por culpa das restricións legais, que nos impiden contratar xente”. “Esta liña é un respiro, pois permite saber desde principio de ano que podes contratar con liberdade e atender servizos que son necesarios”.

Seguridade viaria no Camiño de Santiago

No caso da rúa Telmo Bernárdez e a súa intersección coas rúas Isidoro Queimaliños e do Cruceiro, investíronse preto de 45.000 euros co obxectivo de acabar cos problemas de seguridade viaria para peóns, entre eles, as persoas que peregrinan neste tramo, coincidente co Camiño. Para conseguilo, procedeuse á instalación de redutores de velocidade e un sistema led intelixente de advertencia, así como a modernización dos semáforos cun sistema de sensorización.

Pola súa banda, no campo de fútbol do Viso deuse un paso máis a prol da igualdade, un compromiso común para o Concello e a Deputación provincial, coa creación dun vestiario para as árbitras. Ademais, acondicionáronse os dous vestiarios dos equipos, creouse un novo aseo para o público con acceso dende o exterior e construíronse dous aseos adaptados para persoas con problemas de mobilidade, solucionando así unha grave carencia. Finalmente, fíxose unha reforma ne a grada para facela máis accesible.

En canto ao camiño Veiga dos Eidos de Cesantes, que parte do entronque co camiño do Piñón, procedeuse ao ensanche do seu primeiro tramo, cuxa largura insuficiente dificultaba o tránsito cara as vivendas do lugar. Amais, renovouse o colector principal e acometidas da rede de augas fecais que se atopaban en mal estado, rehabilitouse o firme en todo o tramo e dotouse dun paquete de firme asfáltico ás zonas puntuais nas que o camiño só tiña terra.

A institución provincial leva investidos máis de 8,3 millóns de euros no Concello de Redondela desde 2015, tempo no que se financiaron preto de 50 obras de saneamento no rural, pavimentación de camiños, infraestruturas e mellora dos equipamentos do municipio a través do Plan Concellos. Ademais, subvencionáronse actividades socioculturais para a dinamización da vila e procedeuse á contratación de en torno a 120 persoas para traballar en servizos de competencia municipal a través dos sucesivos plans de emprego do Concello. Neste ano 2021, o Plan Concellos destina 1.031.803 euros a Redondela.

O Concello de Oia reparte 30.000 máscaras de protección entre a veciñanza

0

O Concello de Oia vén de poñer en marcha unha nova campaña de reparto de máscaras desbotables entre a veciñanza, procedentes dun pedido de 30.000 novas unidades que vén de facer nos últimos días. Unha vez recibida esta nova partida de material de prevención fronte á covid-19, a Administración local comezou este venres o reparto de máscaras cirúrxicas a domicilio.

O Concello lembra a importancia do uso axeitado destes equipos a fin de garantir o seu correcto funcionamento: a máscara debe colocarse de xeito que tape completamente nariz e boca, ben axustada á cara, e cómpre mudala cada 4 horas de uso.

Este novo reparto entre a veciñanza súmase ás anteriores entregas de material de prevención fronte á covid-19 que vén desenvolvendo o Concello durante a pandemia; tanto de máscaras de distintos tipos como de xel desinfectante.

A alcaldesa de Oia, Cristina Correa, lembra que o concello permanece actualmente en nivel máximo de restricións e fai un chamamento a extremar as precaucións. Nese sentido, incide na recomendación de restrinxir ao máximo a interacción social e que os encontros queden limitados unicamente ás persoas que forman a unidade de convivencia.

Nivel máximo de restricións

Debido á alta taxa de incidencia da covid-19 no municipio durante as últimas semanas, desde o pasado 15 de xaneiro Oia atópase no nivel máximo de restricións, con peche perimetral individual e grupos restrinxidos a 4 persoas (salvo convivintes). Só se pode saír do concello por motivos excepcionais como poden ser a adquisición de alimentos e bens de primeira necesidade, coidado de maiores, menores e dependentes, acudir a bancos e outras causas debidamente xustificadas.

Permítense os desprazamentos entre concellos a aquelas persoas que teñan cultivos, vides ou precisen atender animais, respectando en todo ocaso a distancia de seguridade e os protocolos de prevención establecidos. Ao igual que no resto de Galicia, o toque de queda mantense entre as 22.00 e as 6.00 horas.

A hostalaría e restauración debe permanecer pechada en interior, mentres que nas terrazas poderá dar servizo, ao 50% do aforo, ata as 18h. A recollida de comida no local está permitida ata as 22h e o servizo a domicilio ata as 00h.

O aforo dos lugares de culto relixioso será 1/3 da súa capacidade máxima permitida, quedando establecido o aforo para velorios en 10 persoas interior/25 exterior e para enterros en 25 persoas.

Toda a información pode consultarse na sección de CORONAVIRUS da web municipal.

O BNG presenta emendas aos Orzamentos da Xunta que axudarían a levar adiante importantes melloras para O Porriño

Entre as emendas presentadas polo BNG está a rehabilitación ou nova construción dun centro educativo para o CEIP Fernández López, cuxas instalacións non cumpren coas necesidades estruturais básicas, fundamentalmente no que respecta á eficiencia enerxética e accesibilidade. Trátase dunha emenda presentada en máis dunha ocasión aos Orzamentos da Xunta, pero que ten sido rexeitada sempre polo PP no Parlamento Galego.

Outro dos proxectos solicitados é a construción dunha escola infantil do polígono industrial da Granxa. O elevado número de persoas traballadoras que se desprazan ata os polígonos e os horarios laborais, que non sempre favorecen a conciliación familiar, fan necesaria a creación dun servizo de gardería infantil, inexistente na actualidade na área industrial do Porriño.

A eliminación de residuos de fabricación de Lindano en Torneiros é outra das emendas presentadas, xa que se trata dun proxecto urxente, pendente de executar, e que afecta directamente á saúde da veciñanza do noso concello.

Tres son as emendas presentadas no ámbito de Infraestruturas e Mobilidade, proxectos de interese que axudarían a mellorar a mobilidade das persoas. Por unha banda, solicítase a urbanización da estrada autonómica PO-407 no que respecta ao límite de Budiño e Salceda de Caselas. Trátase da antiga estrada que unía O Porriño con Salceda de Caselas e que na actualidade ten un uso principalmente local, desde que se executou a actual PO-510, polo que se reclama a súa urbanización.

Solicítase tamén a construción de zonas de seguridade para peóns na estrada PO-510 en Budiño e a execución de nova sinalización horizontal que permita o xiro á esquerda entre o punto quilométrico 3 e o 4 para favorecer o acceso ás vivendas. A Consellería de Infraestruturas comprometeuse a redactar o proxecto de variante para conectar directamente a PO-510 coa A-55.

Outro dos proxectos que mellorarían a calidade de vida no concello é a humanización das rúas Progreso e Bos Aires, desde o cruce da N-120 (cruce do Costilleta) ata a intersección coa PO-331. Na actualidade xa hai unha variante para o tránsito cara a Gondomar, polo que estas rúas deberían soportar unicamente o tránsito local.

Por último, pero non menos importante, o BNG demanda un ano máis a incorporación dunha partida orzamentaria que permita o soterramento da liña de alta tensión de Torneiros. Trátase xa dunha demanda histórica, pois son moitos os anos nos que se vén reclamando a eliminación da actual liña, que discorre concretamente entre a igrexa de San Rosendo e o polígono residencial nº5.

As demandas do BNG serán defendidas o vindeiro día 26 no Parlamento Galego.

Salvaterra de Miño contratará a 18 persoas a través do Plan Concellos

O Concello de Salvaterra de Miño ven de solicitar, a través da liña 3 de emprego do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, a contratación de 18 persoas por un importe de máis de 170.000,00€ para os seguintes postos:

  • Fontaneiro
  • Conductor de camión
  • Peóns de limpeza
  • Varredor
  • Peóns da construcción
  • Mozos para recollida do lixo
  • Oficial albanel
  • Monitor sociocultural
  • Informadores turísticos
  • Cobrador

Os novos traballadores iranse incorporando de maneira progresiva, desde o vindeiro mes de marzo, continuadamente ata o mes de decembro. A duración dos contratos ofrecidos será dun máximo de 10 meses.

Por un lado a través desta contratación búscase  xerar emprego e por outra banda reforzar os diferentes departamentos municipais como poden ser obras, turismo e cultura.

O Concello de Gondomar facilita aos colexios material para fomentar a educación ambiental

0

En total repartiranse entre os colexios de Educación Pimaria do municipio vinte lotes con diferente material cuxo obxectivo é achegar ao alumnado a conceptos relacionados co medio ambiente e familiarizalos cos recursos que teñen ao seu alcance para coidalos.

A iniciativa enmárcase dentro da campaña escolar “Cambio Climático. Misión Actúa por el Clima” que promociona a Federación Española de Municipios e Provincias, dentro da Rede Española de Cidades polo Clima da que forma parte Gondomar. O goberno municipal quere así, aproveitar para subliñar a importancia que ten a celebración de xornadas como a do Día Mundial da Educación Ambiental para sensibilizar e implicar ás novas xeracións na defensa do Medio Ambiente.

Dirixida ao alumnado de Educación Primaria, a campaña está enfocada no concepto da eficiencia enerxética e facilítase ao profesorado unha variedade de medios para que poidan traballar nas aulas abordando, de forma divertida, cuestións relacionadas coa reciclaxe, o aforro da auga, etc.

Os lotes que se farán chegar aos colexios comprenden unha guía completa para os docentes, así como distintos xogos nos que o planeta ou o clima son os protagonistas, por exemplo, “A carreira polo clima”, unha especie de xogo da oca para toda primaria ou o “Clima en raia” cun pequeno test de coñecementos, entre outras propostas .

Tomiño fará obras de acondicionamento na estrada de entrada a Estás

0

O Concello de Tomiño levará a cabo un proxecto de acondicionamento e mellora da seguranza viaria na estrada de entrada a Estás. O ámbito de actuación será a vía principal da parroquia, desde o enlace coa estrada autonómica PO-552 ata o cruceiro da peregrina, fronte ao Centro Social. Esta intervención complementarase tamén cun asfaltado da vía entre o Centro Social de Estás e o barrio dos Bravos.

Neste camiño atópanse equipamentos de gran relevancia na parroquia, como a Escola Fundación Peirópolis —un edificio indiano de gran interese arquitectónico—, a Capela de San Sebastián, o Centro Social de Estás e a Igrexa de Santiago de Estás, ademais de elementos de interese patrimonial como dous cruceiros, un deles o da virxe da peregrina, patroa da parroquia.

A intención da intervención é a de priorizar o uso peonil do espazo público, aumentando a seguridade viaria para as persoas na convivencia cos vehículos reducindo a velocidade máxima de circulación no tramo a 30km/h. Realizarase unha adecuación das redes pluviais, mellorarase o deseño da iluminación, priorizando as áreas peatonais, e proxectaranse espazos públicos de calidade como zonas de estancia, coa instalación de mobiliario urbano e árbores que contribúan tamén á mellora paisaxística da área.

Con isto preténdese tamén poñer en valor os elementos arquitectónicos e patrimoniais presentes ao longo do camiño, especialmente no caso da Escola Fundación Peirópolis, onde se procurará crear un espazo público de encontro coa instalación dunha plataforma única que contribúa a valorizar a arquitectura indiana do edificio, priorice o espazo público para as persoas e mellore a seguridade dos nenos e nenas da escola infantil a través da limitación de velocidade. Na súa contorna instalaranse tamén nesta área farois novos que melloren a iluminación do lugar e plantarase árbores.

O proxecto foi adxudicado á empresa Narom SL por un importe total de 173.727,75 euros e está previsto que as obras comecen a finais de febreiro.

Galicia rexistra un total de 17.125 casos activos por coronavirus

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 17.125, deles 4.414 son da área da Coruña, 1.449 da de Lugo, 2.413 da de Ourense, 1.485 da de Pontevedra, 3.153 da área de Vigo, 2.843 da de Santiago, e 1.368 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 137 están en UCI, 795 en unidades de hospitalización e 16.193 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 64.662 persoas curadas, rexistrándose 1.584 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 1.297.047.

O número de doses de vacina contra a covid-19 administradas é de 65.411.

A Xunta continúa a traballar desde a máxima coordinación interdepartamental e co Ministerio de Sanidade, tamén mantendo o contacto con todos os axentes socioeconómicos de Galicia. Neste senso, Sanidade reitera que segue alerta actualizando todas as medidas e recomendacións e en vixilancia permanente.

Os datos de centros residenciais de servizos sociais corresponden aos que achegan con carácter diario os propios centros.

Os datos de escolas infantís e centros de ensino non universitario corresponden aos rexistrados diariamente a través da Central de Seguimento de Contactos, os propios centros e as xefaturas territoriais.

Uso do 061 para casos graves e emerxencias e o 900 400 116 para dúbidas

A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

Sinalar, ademais, que o Sergas ten a disposición da cidadanía a páxina web https://coronavirus.sergas.gal/ na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.

Rexistro de viaxeiros no 881 00 20 21 e obrigatoriedade do uso da máscara

Lémbrase que as persoas que visiten Galicia nas vindeiras datas e procedan ou estivesen, durante os 14 días previos á súa chegada, nalgún dos territorios con alta incidencia epidemiolóxica incluídos na listaxe publicada no Diario Oficial de Galicia, deberán facilitar os seus datos de contacto ao Servizo Galego de Saúde, ben a través do teléfono 881 00 20 21 ou ben a través do formulario da web do Sergas.

Ademais, reitérase o carácter obrigatorio do uso da máscara tanto en espazos abertos como pechados, poñendo especial énfase na súa utilización nos locais e establecementos comerciais e de hostalería.

Recomendacións

Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade volven  reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembran que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do virus común a calquera infección respiratoria, como a gripe.

Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.

É importante tamén procurar unha axeitada ventilación dos espazos interiores optando preferentemente por espazos abertos e tratando de evitar aglomeracións.

Non se debe esquecer o mantemento da distancia de seguridade, o uso axeitado da máscara e atender ás restricións específicas que se poidan establecer en cada comarca ou concello.

Protección Civil retirou árbores, postes, toldos e chapas derrubados polos refachos de vento

A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil do Porriño informa que ao longo destes días realizou diversas intervencións para retirar árbores, postes, toldos e chapas derrubados polos refachos de vento.

A incidencia máis grave ocorreu hoxe, de madrugada. Requiridos polo 112, acudiron a retirar varias árbores que caeron sobre a Autovía A-55 e provocaron unha colisión en cadea de varios vehículos sen feridos. Aconteceu no quilómetro 22, sentido Tui, na recta do Polígono das Gándaras.

Protección Civil atendeu outros avisos para retirar outras árbores que caeron en Filgueira-Mosende; Casal do Vello-Torneiros e na estrada PO-331, estrada de Porriño a Gondomar. Tamén acudiron a retirar un poste telefónico en Torneiros; chapas dun galpón en Chenlo e achicaron balsas de auga en varios puntos do casco urbano e no Polígono da Granxa.

Denuncia sobre a presenza masiva de vehículos nos montes por parte das comunidades de montes

As comunidades de montes dos concellos de Ponteareas, Salceda de Caselas e O Porriño únense para denunciar a presenza masiva de motos, quads, todoterreos e outros vehículos nos seus montes, causando cuantiosos estragos no patrimonio natural e forestal.

Este problema xa preocupaba con anterioridade, pero desde a entrada en vigor do estado de alarma, e especialmente nos últimos meses, o aumento de vehículos no monte é exponencial. Debido aos peches perimetrais e, singularmente, a prohibición de desprazarse a Portugal, os pilotos atoparon nos montes da Louriña e O Condado un lugar acaído onde practicar a súa afección. O problema é que moitos circulan coma se se tratase dun circuito de competición sen ningún tipo de coidado nin respeto pola contorna. Habida conta das pegadas que deixan no monte, vese ben claro que o que practican non é deporte ao aire libre. Máis ben semella puro vandalismo.

Todos os días, pero de maneira alarmante nas fins de semana, sen pedir permiso, nin autorización, transitan a toda velocidade por pistas forestais, monte a través, instalacións das áreas recreativas, lugares de interese etnográfico e plantacións forestais. Non respetan nada, todo lles parece  tramo libre. Os danos que causan alí por onde circulan, son máis que evidentes.

A lei 7/2012 de 28 de xuño de Montes de Galicia, no artigo 98, baixo o epígrafe de “pistas forestais” dispón que éstas quedan adscritas á xestión forestal e en ningún caso terán consideración de “acceso rodado público”. Xa que logo, “queda prohibida a circulación motorizada campo a través, por sendeiros, cortalumes ou vías de saca de madeira, agás para aqueles vehículos vinculados á xestión agroforestal, cinexética nos períodos habilitados, prevención de incendios, ou outros autorizados”. O artigo 128 fixa as sancións á que se enfrontan os condutores de vehículos que incumpran o establecido no anterior artigo. Cabe lembrar ademais, que os montes comunais son propiedades privadas, non son públicos. O monte en man común é unha entidade de titularidade colectiva recollida no dereito civil galego de xeito incuestionable ao longo da historia.

Identificáronse motos e quads sen matrícula, sen seguro e condutores sen carné, axentes forestais e do Seprona teñen actuado e imposto tamén varias sancións. Pero aínda así, demándase das autoridades, especialmente da Consellería do Medio Rural, pero tamén das forzas e corpos de seguridade unha maior implicación na resolución do problema.        

As comunidades de montes levan anos facendo un esforzo ímprobo por coidar o monte e libralo destas agresións, pero os recursos que teñen son limitados. Puxeron sinais informativos, balizaron zonas e acotaron lugares a protexer para impedir o paso do vehículos, pero aínda así estas medidas non son todo o eficaces que deberan.

Redondela prepárase para un Entroido que mantén o seu espírito tradicional reinventando formas para adaptarse á pandemia

0

A grave situación sanitaria pola que se está a atravesar vén de facer que o Concello de Redondela veña de “reinventar” a forma de celebrar o Entroido ao impedir a pandemia da Covid-19 que non se poidan celebrar os habituais desfiles de comparsas, pasarrúas e outras actividades que congregaban a milleiros de persoas chegadas, non só de todos os puntos do municipio, senón de concellos veciños.

Así pois, o Entroido de Redondela, unha das súas manifestacións culturais e tradicionais por excelencia, ultima os seus detalles para asumir o reto de “utilizar novas formas para manter viva a chama da festa” e converterse nun Entroido máis virtual que nunca para evitar actividades de rúa garantindo a seguridade das veciñas e veciños e, ao mesmo tempo, chegar a todos os puntos do municipio a través das canles que ofrecen as novas tecnoloxías.

O meco redondelán, figura reivindicativa onde as haxa e que puxo o foco de atención sobre temas de actualidade, non deixará de facelo aínda que con cambios substanciais. Será representado por unha figura de fantasía estreitamente ligada a tradición redondelá e terá unha reivindicación clara: a necesidade de que, todas e todos unidos, fagamos fronte á COVID e gañemos esa dura batalla da que aínda non se avista o final. É unha mensaxe esperanzadora e unificadora da vontade de toda a cidadanía e, pode que por iso e polo que quere transmitir, este ano non será queimado senón que se conservará para formar parte a memoria histórica do municipio.

Por primeira vez na historia do Entroido redondelán –iso fala ben ás claras da excepcionalidade deste ano– o meco non será queimado, pasará a formar parte do patrimonio cultural de Redondela. Exposto en lugar ben visible será ao mesmo tempo o recordatorio da loita de todo un pobo contra a máis grave crise sanitaria das últimas décadas e a figura visible dunha das senlleiras tradicións redondelás. Outro tanto acontecerá en Chapela co seu berete, que tamén pasará a pasar forma do patrimonio da parroquia.

Doutra banda, a tradicional lectura e debida a grave situación sanitaria que atravesa o municipio, será substituída por un máis que atractivo proxecto audiovisual que chegará a todos os recunchos do municipio.

O concurso de disfraces adáptase tamén á nova situación e tira de novas tecnoloxías para a súa celebración. Chegado o momento, veciñas e veciños poderán enviar fotos e vídeos dos seus disfraces ao enderezo de correo electrónico [email protected], para ser publicados posteriormente nesta rede social do Concello. Aquelas fotos que máis “Me Gusta” obteñan, serán as que teñan dereito a premio.

O programa darase a coñecer en vindeiras datas, ao estar aberto a modificacións segundo evolucione a crise sanitaria e dependendo das recomendacións, tanto autonómicas como estatais, para esas datas.

Como festa popular e que se vive nas rúas –aínda que este ano por motivos obvios non poderá ser así– o Concello de Redondela busca que esas rúas reflictan tamén o espírito do Entroido e para iso, a través da Concellería de Comercio, vén de convocar un concurso de escaparates coa intención de dinamizar a actividade do comercio de proximidade e, ao mesmo tempo, de encher de corrido as rúas e prazas a través dos escaparates dos establecementos.

Dous premios, á Orixinalidade e á Tradición serán fallados por un xurado designado ao efecto. O establecemento gañador en cada unha das categorías terá como premio, unha cesta de produtos gourmet que, como é xa habitual por parte do Concello, será adquirida en establecementos do municipio.

Un terceiro premio, o do Público, será outorgado polas e polos clientes dos comercios que votarán o que, ao seu entender, é o mellor escaparate. Entre as persoas que emitan o seu voto, tamén se sorteará outra cesta de produtos gourmet.

Trátase, sinala a alcaldesa Digna Rivas, “de que a pesar da situación sanitaria, a pesar de todas as trabas e inconvenientes que iso supón, Redondela manteña o espírito do seu Entroido e a través del, como fará o meco, berrar que todos e todas xuntas, poderemos vencer ao virus. Que unidos temos superado situacións difíciles ao longo da nosa historia e unidos sairemos desta crise para, un día, lembrala só como un mal soño”.

A provincia de Pontevedra supera o cento de avisos por mor do temporal

Desde a pasada tarde, o 112 Galicia tivo conta de 173 avisos relacionados cos adversos meteorolóxicos activos na Comunidade. A provincia máis afectada foi Pontevedra, que sumou un total de 133 incidencias, seguida pola Coruña, con 21, e Ourense e Lugo, con 10 e 9, respectivamente.

A maior parte dos incidentes provocados polo adverso teñen que ver con árbores e pólas nas estradas, tanto en arterias principais como en pistas secundarias. Así, no Centro Integrado para a Atención das Emerxencias de Galicia rexistráronse 85 avisos destas características. Neste senso, cómpre destacar o efecto que tivo na autovía A-55 con catro puntos distintos de rexistro de carrís cortados por troncos.

Ademais, o 112 Galicia tivo coñecemento de desprendementos de terra e pedras orixinados polos fortes refachos de vento. Así, a pasada noite, Protección Civil de Soutomaior deu conta da caída de tellas na zona da Devesa, que orixinou danos nos coches aparcados no lugar. Tamén, na zona de Chapela, Redondela, os Bombeiros de Baixo Miño interviñeron para retirar parte dun tellado de uralita que se desprazara co vento. Xa no comezo da xornada, un particular de Tomiño contactou co 112 Galicia para alertar dun panel de obra desprendido que derrubou un poste e parte do muro da súa casa.

Xunto con isto, a choiva tamén tivo consecuencias nos concellos galegos en forma de anegamentos, tanto en vivendas como en vías de circulación. Aquí destaca o caso do concello de Padrón, onde tivo que actuar o GES para cortar a pista local que une Cambelas con Lamego, Rois, polo risco que presenta a auga acumulada no Río Sar.

Os efectos da borrasca tamén provocaron que veciños de varias localidades se atopasen sen luz, entre eles os de Fonte Boa, en San Cibrao das Viñas; os de Matamá e a Avenida do Aeroporto, en Vigo; os do lugar de Anfeoz en Cartelle; ou os de Vilela de Tirán en Moaña.

Con todo, hai que salientar que o temporal por adverso non deixou danos persoais ao seu paso.

O Concello pide o apoio da cidadanía ao sector da hostalería da Guarda

0

Unha vez publicadas as restricións ditadas pola administración autonómica e que afectaron dun xeito tan extremo á hostalería, o Concello iniciou unha rolda de contactos individualizados co sector para coñecer de primeira man a situación na que se atopaban e os pasos que darían de cara a continuar traballando baixo as novas limitacións.

Destes contactos obtivéronse datos para a elaboración dun listado de establecementos con información sobre horarios e datas de apertura das terrazas, servizos de comida para levar ou de entrega a domicilio, que podes descargar nesta ligazón.

Este listado foi difundido o martes día 19 a través da web e das redes sociais do Concello, na web de Turismo, así como na App Concello da Guarda, para que esta información poda estar dispoñible para a cidadanía. O listado irá actualizándose en función da evolución da situación ou de posibles cambios nos servizos.

De xeito paralelo, outra das medidas postas en marcha polo consistorio, e que ten como obxectivo manter informados aos hostaleiros e hostaleiras da Guarda, foi a habilitación dunha sección específica na web de Turismo coa seguinte ligazón https://www.turismoaguarda.es/hostaleria/, que ven a complementar as comunicacións que se facían ata agora dun xeito máis informal a través de mensaxería e correo electrónico, e no que se poderá acceder a información actualizada sobre liñas de axuda, convocatorias, novas, etc. relacionadas co sector.

Así mesmo, durante esta anualidade seguirase na liña do 2020 e non se pasarán a cobro as taxas por ocupación de vía pública das terrazas.

Por último, e na liña dos últimos días, a corporación municipal continuará denunciando a gravidade da situación pola que está a pasar a hostalería do noso pobo e instando as demais administracións para que lles proporcionen solucións rápidas e efectivas.

Desde o Concello pedimos tamén o apoio da poboación da Guarda a este sector, que está sendo especialmente castigado durante a pandemia e que supón o sustento de moitas familias da nosa vila. Esta situación está afogando aos nosos hostaleiros e hostaleiras e está nas mans de todas e todos tenderlles a man e axudalos a manterse a flote.

Con xestos tan sinxelos como pedir un café para levar, encargar unha comida para a casa, ou facer uso das terrazas cando o tempo o permita, e sempre con responsabilidade e baixo as indicacións sanitarias, estaremos contribuíndo á supervivencia de moitos dos nosos establecementos. Pola súa parte o Concello seguirá atento á evolución da situación e continuará traballando para poñer en marcha novas medidas que axuden ao remonte da hostalería e dos demais motores económicos da vila.

O Concello de Ponteareas saca a concurso o Servizo de Axuda no Fogar cun custo de 873.110,40 € ano

O Concello de Ponteareas sacará a concurso a continuidade na xestión do Servizo de Axuda no Fogar, que dende hai anos presta unha empresa privada, por un valor estimado de  5.038.398,00 euros por un período máximo de 5 anos, dous de contrato inicial e outros tres en prórrogas dun ano cada un.

O goberno local deu conta na Comisión Informativa de Benestar Social, Igualdade, Saúde e Consumo, que conta coa participación de todas as forzas políticas da Corporación, do expediente do procedemento da convocatoria para licitar o Servizo de Axuda no Fogar por dependencia pola cuantía indicada. Despois da súa previsíbel aprobación polo Pleno a celebrar o vindeiro martes, será publicado no Diario Oficial da Unión Europea xa que se trata dunha licitación “aberta e harmonizada”

As empresas interesadas na xestión do servizo terán a obriga de subrogar ás 40 auxiliares que prestan servizo na actualidade.

Na actualidade, segundo informa a concelleira de Benestar Social, Verónica Carrera, o SAF por dependencia atende a 83 usuarios/as nun total de 4.000 horas, polo que a Xunta de Galicia aporta unha parte do custo da prestación do servizo (9,70 euros/hora).

Os/as usuarios/as aportan unha pequena porcentaxe do importe total, fixado pola normativa vixente e na que se consideran os ingresos de cada usurio/a. De media, cada usuario/a aporta 2,5  euros/hora, segundo aclara a concelleira de Benestar.

A maiores, o Concello conta co Servizo de Axuda no Fogar por libre concorrencia do que se asume íntegramente os custos, agás o copago que corresponde as/os usuarios/as. Este servizo municipal atende na actualidade a 54 usuarios/as.

A concelleira de Benestar, Verónica Carrera tamén aclarou que “a lei de Dependencia  prevé a financiación dos servizos de dependencia entre o Estado e a Xunta de Galicia pero xa vemos que lle seguirá custando moitos cartos aos Concello”. A concelleira nacionalista explicou que a Xunta dalle ó Concello 9,70 euros por cada hora de atención a persoas dependentes mentres que o prezo que ten que pagar é superior aos 15 euros por hora.

“Cada mes, dunha media de 4.000 horas polas que a Xunta aporta 38.800 euros, o Concello ten que pagar 15.000, produce polo tanto un desfase anual de 180.000 euros ao ano ao que ten que facerlle fronte o Concello cos recursos propios, aínda que non debiamos ter que financiar este servizo”. Os usuarios abonan en conxunto un total de 8.000 euros ao mes.

No orzamento municipal para este ano 2021 resérvase a cuantía necesaria, así como o compromiso de habilitar o crédito para dar cobertura á prestación deste servizo nos vindeiros anos. “Agora o que procuramos é que a empresa que resulte adxudicataria garanta un bo funcionamento para as persoas usuarias e as propias traballadoras deste servizo.

Entre os criterios de adxudicación, recollidos nos pregos de licitación, serán puntuadas cun máximo de 28 puntos; as axudas técnicas e de enfermería; a mellor oferta económica, cun máximo de 15 puntos; e outros criterios avaliables cun máximo de 45 puntos, como a organización da xestión do servizo, os protocolos de intervención e o plan de formación do persoal, entre outros.

Un paso máis do ‘Mos Humanizado’ co inicio inminente da obra de humanización en Guizán

0

O Concello de Mos continúa co seu proxecto do ‘Mos Humanizado’ que o equipo de goberno local presentara como parte do seu último programa electoral e para elo segue avanzando na súa folla de ruta neste senso. A devandita folla de ruta marca como un dos principais obxectivos da administración local construír o Mos das persoas, con espazos e infraestruturas habilitados para o uso e desfrute da veciñanza.

Precisamente vense de dar un paso máis nesta folla de ruta e alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o tenente alcalde e concelleiro de Vías e Obras, Camilo Augusto, informan de que aprobouse en Xunta de Goberno Local o Plan de Seguridade e Saúde necesario para poder iniciar para a realización da obra de humanización na Estrada Louriñó-Sobráns en Guizán, prevista para comezos do vindeiro mes de febreiro.

Neste Plan Municipal ‘Mos Humanizado’ o goberno mosense prioriza os lugares de cada parroquia nos que son más necesarias obras de humanización. Para elo fíxose un estudo de todas as 10 parroquias do Concello para determinar as zonas prioritarias e con máis tránsito. Na parroquia de Guizán, tras haber acometido a humanización da Estrada Peinador-Santiaguiño, tocáballe o turno á Estrada Louriñó-Sobráns por ser o segundo vial máis concorrido da parroquia.

Trátase dun vial moi transitado tanto por vehículos como por peóns ao dar acceso ao Centro Recreativo e Cultural de Guizán, ao Parque Infantil do Plantel e á Igrexa Parroquial de Santa María de Guizán. Esta estrada sirve ademais de enlace entre as parroquias de Torroso e Guizán polo que soporta bastante tráfico.

E ademais a importancia desta obra aumenta ao coincidir cos traballos de construción dun novo local para a Asociación Recreativa e Cultural de Guizán que xa se atopan rematados e nos que a Comunidade de Montes de Guizán investiu 1 millón de euros.

O proxecto municipal de humanización da Estrada Louriñó-Sobráns inclúe beirarrúas, muros e unha glorieta na contorna do Centro Recreativo e Cultural de Guizán.Ademais realizarase a correspondente reposición do firme. As obras requerirán de traballos previos como o desbrozado lateral, e a limpeza de cunetas e noiros que, unha vez realizados, irán seguidos da rehabilitación de firmes e pavimentos acorde coa Instrucción de Estradas Norma 6.3-IC e o PG-3 do Ministerio de Fomento. A rehabilitación de firmes inclúe unha primeira fase de regularización da capa de rodadura e unha segunda fase de recrecido. A obra rematarase coa instalación e pintado da correspondente sinalización vertical e horizontal, respectivamente. Esta obra conta cun orzamento de execución por contrata de 261.467,64 euros que conta con subvención do Plan Concellos. O prazo de execución das obras é de 16 semanas.

Na Estrada Louriñó-Sobráns, na parroquia de Guizán, actuarase nun tramo de 457 metros de lonxitude, tratándose dun vial con pendente elevada e edificacións nas dúas marxes.

Protección Civil de Salceda conta cun novo remolque para emerxencias

A alcaldesa, Loli Castiñeira, e representantes da Agrupación de Protección Civil de Salceda recibiron de mans do vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, un novo remolque de emerxencias para incorporar aos equipamentos da agrupación de voluntarios e voluntarias.

O remolque está deseñado para acceder a núcleos de poboación con vías estreitas, así como para intervir en inundacións ou temporais, e para facelo en condicións seguras para o persoal que o manexe, e sen dúbida será de gran axuda nas intervencións da agrupación.

Protección Civil de Salceda realizou ao longo de 2020 un total de 213 intervencións en accidentes, emerxencias como escapes de gas, verteduras, caídas de árbores, animais soltos, etc, así como en apoio a eventos culturais, deportivos e das diferentes áreas. Ademais durante todo o ano resultou imprescindible o seu labor no ámbito da Covid-19, encargándose de dar apoio a persoas vulnerables e/ou confinadas en tarefas como compra de alimentación ou medicinas, entrega de tarefas escolares e outras, así como o seu papel fundamental nos diferentes actos organizados ao longo da pandemia, incluíndo o mercado semanal, realizando tarefas de control de capacidade e vixilancia do cumprimento das medidas de seguridade. Por outra banda, realizaron tarefas limpeza e desinfección de espazos e mobiliario público, e aproveitaban as súas saídas para dar mensaxes de ánimo á poboación e facer máis amena a estancia nas casas, con multitude de solicitudes da veciñanza para que felicitasen aos nenos e nenas que cumpriron anos durante o confinamento. Compre lembrar que se trata dun traballo non remunerado, realizado de xeito altruísta polas persoas voluntarias que forman a agrupación.

A alcaldesa aproveitou a ocasión para adiantar que por vez primeira a Agrupación de Protección Civil contará cunha subvención nominativa nos orzamentos de 2021 nos que xa se está a traballar dende o departamento de facenda, nunha mostra máis do apoio do equipo de goberno ao traballo realizado.

Gela Ledo, concelleira de Voluntariado agradeceu o traballo contínuo da agrupación.

Loli Castiñeira, alcaldesa de Salceda: “o traballo de Protección Civil é un traballo impagable, con dispoñibilidade as 24 horas do día os 365 días do ano, e sempre cunha inmellorable predisposición para botar unha man e colaborar en todo aquelo que sexa preciso, polo que dende o Concello faremos tódolos esforzos en que este grupo poida contar cos mellores recursos, conscientes de que mellorar as súas condicións equivale a mellorar as condicións da nosa veciñanza”.

ACiP bloquea dúas mocións do PP para instar á baixada do IVE dos salóns de peiteado e a creación dun fondo de axudas á hostalería

O Grupo Municipal do PP lamenta a actitude do portavoz de ACiP, Juan Carlos González Carrera, que, nas comisións informativas, bloqueou as dúas mocións presentadas polo PP por vía de urxencia.

Os populares entregaban á alcaldesa en funcións, Cristina Fernández, dúas iniciativas para acordar con todos os grupos. Primeiramente unha moción que instaba o Goberno central a reducir o IVE aplicado aos salóns de peiteado, barbarías e salóns de beleza, cuestión na que todos estaban de acordo.

A segunda moción propoñía crear un Fondo de Cooperación entre Xunta, Deputación e Concello de Ponteareas para axudar ao sector máis castigado durante a pandemia actual, o sector hostaleiro, pola obrigatoriedade de pechar as súas portas. Villar propuxo facer un texto conxunto, se así o estimaban, e a alcaldesa en funcións deu o visto e prace. A sorpresa chegou segundos despois, cando Juan Carlos G. Carrera, representante de ACiP, mostrou o seu malestar e bloqueou a votación. “Non estou de acordo, non se poden votar porque non foron incluídas na comisión informativa”, afirmou o portavoz independente.

A portavoz do PP, Belén Villar considera que Carrera boicoteou a votación polo simple feito de que as iniciativas foron presentadas polo PP e non por ACiP e lémbra que “noutras ocasións eles trouxeron mocións de urxencia, e se estamos todos de acordo trátanse e vótanse en comisións. Parece que o único que lles molesta é que tivésemos nós a iniciativa”, lamenta Villar.

Os populares presentarán as mocións igualmente no pleno e solicitan máis diálogo e consenso antes dous temas que son clave para os veciños de Ponteareas. “É de traca que o Goberno local apóienos e ACIP non. Espero que rectifiquen e que no pleno amosen o seu apoio a estas iniciativas de interese xeral, as cales seguen abertas a un texto consensuado por todos”.

A Xunta adxudica as obras de restauración da igrexa de Santo Estevo de Negros no concello de Redondela

0

A Xunta de Galicia vén de adxudicar as obras de restauración de Santo Estevo de Negros no concello de Redondela, tal e como anunciaron hoxe a delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, e a directora xeral de Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez Insua, nunha visita ao templo. Unha intervención que, detallaron, ten como obxectivo resolver os problemas de estanqueidade e ventilación deste templo, que data do século XIX e ten consideración de ben catalogado.

Así, cun orzamento de máis de 55.000 euros, as obras que se levarán a cabo inclúen o cambio completo de cuberta da nave da igrexa. No caso da cubrición do cabido, ademais de renovala, modificarase a súa pendente, co fin de mellorar a evacuación de augas pluviais. Así mesmo mudaranse as fiestras por outras novas con perfís de aceiro inoxidable mate que incorporen ventilación permanente. A actuación inclúe tamén a substitución da marquesiña de chapa metálica do acceso á sancristía por unha nova con estrutura de madeira e tella.

Con esta restauración a Consellería de Cultura, Educación e Universidade porá solución a algúns dos problemas derivados da última intervención neste ben, no ano 2002, cando se substituíron todas as cubertas e se construíu un cabido sobre columnas cadradas, cuxa cuberta foi executada con menos pendente da orixinal, que resultou moi escasa para a correcta evacuación das augas de choiva. Ademais, as solucións de cubrición adoptadas naquel momento resultaron non ser axeitadas.

A maiores de resolver a entrada de auga e a ventilación, o fin último desta obra que se porá en marcha nas vindeiras semanas é  a posta en valor deste ben para que poida ser empregado como recurso para o desenvolvemento sustentable e a promoción socio cultural, laboral e económica do ámbito territorial no que se atopa, aplicando criterios e políticas de actuación que persigan, ademais, o desenvolvemento local, a creación ou promoción do emprego e o respecto polo medio ambiente.

Aposta decidida en Patrimonio

A actuación levada a cabo en Redondela enmárcase no importante compromiso por parte da Administración autonómica  desde o punto de vista do patrimonio cultural. Así, nos últimos meses puxéronse en marcha diferentes actuacións na provincia de Pontevedra entre as que se inclúe, ademais da igrexa de Santo Estevo de Negros, a restauración da igrexa de Santa María de Baiona, rematada recentemente e que contou cun investimento de 455.000 euros, ou a rehabilitación da igrexa do Mosteiro de Santa María de Oia, prevista para este ano.

Ana Abad de Larriva, gañadora do ‘I Premio de Microteatro da Memoria’ da Deputación e a ESAD

A actriz e xornalista Ana Abad de Larriva vén de gañar o ‘I Premio de Microteatro da Memoria’ convocado polo departamento de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra e a Escola de Arte Dramática de Galicia (ESAD) coa peza ‘Un biolo na noite’. O xurado destacou a obra entre os 22 traballos presentados pola súa empatía ao abordar a situación das mulleres na guerra e na posguerra en Galicia, así como polos recursos teatrais e o “excelente” tratamento lingüístico.

O galardón foi comunicado á autora na mañá de onte pola deputada de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra, María Ortega, quen quixo subliñar a calidade e tamén a visión de país, xénero e clase da peza, cuestións que o departamento provincial pon en valor en todas as súas actuacións. Destacou tamén que “esta primeira edición do certame comezou xa cun grande nivel que agardamos manter en próximas anualidades”.

‘Un biolo na noite’ foi presentada baixo o lema ‘Berrar en silencio’ e está baseada en feitos reais: a historia de Guillermo Vicente Santiago, o último alcalde republicano de Tui, que logo do golpe franquista -e durante catro anos-  viviu agochado nun furado na adega da casa da súa nai María, onde morreu enfermo de tuberculose e onde tivo tamén que ser enterrado en segredo para que a familia non sufrise represalias.  O eixo central da peza pretende poñer en valor a figura de María, quen percorría os montes para irlle buscar as menciñasao fillo e vendía roscas na feira para poder mantelo. “Unha homenaxe escénica poética, libre, a unha muller que, como tantas, atravesou a noite en silencio para abrir un biolo no medio da escuridade”, en palabras de Ana Abad.

Xurado do premio

O xurado, formado polo dramaturgo Ernesto Is, a directora de escena Irene Moreira –en representación da ESAD-, e a escritora e xornalista Eva Mejuto –en representación da Deputación- salientou da obra “o artellamento espacial, vencellando as atmósferas do monte e a natureza coa intriga dramatúrxica e os personaxes nun diálogo áxil e profundo; a sensibilidade e empatía na temática da rede de apoio e afectos que foron as mulleres galegas na guerra e na posguerra, salientando a importancia das súas accións cotiás e subversivas á vez; e o emprego dos recursos teatrais que están fiados cun tratamento lingüístico excelente”.

Ana Abad de Larriva (Vigo) é actriz e dramaturga, titulada superior en Arte Dramática, na especialidade de Interpretación Xestual, pola ESAD de Galicia, e licenciada en Xornalismo pola USC. Gañou o Premio Roberto Vidal Bolaño de textos teatrais en 2019 con ‘A sombra das árbores’ (publicada na Editorial Galaxia). En 2020 a súa peza ‘Palabra’ foi seleccionada para participar no certame Metro Cadrado do FIOT e a súa peza ‘Mulleres que bailan na néboa’ foi escollida para participar no III Festival de Pezas dun Teatro do Porvir, convocado pola sección de literatura dramática da AELG. Actualmente leva a sección de artes escénicas do Diario Cultural Zeta, na Radio Galega, e é a subdirectora da ‘Erregueté’ (Revista Galega de Teatro). Tamén publica artigos especializados en artes escénicas e exerce a crítica e a análise de espectáculos en diferentes medios. Ademais,  é doutoranda en Comunicación (na UVigo) e desenvolve a súa investigación no eido da teoría e da práctica teatral.

Pola súa parte, o ‘Premio de Microteatro da Memoria’ da Deputación e a ESAD naceu co obxectivo de que a xente moza se achegue á Memoria Histórica a través de novos formatos e novas linguaxes máis eficaces na comunicación interxeneracional. Segundo no seu momento afirmou a deputada María Ortega “é fundamental promover a sensibilidade e  dar a coñecer os feitos acontecidos no noso pasado dunha maneira crítica, que mozos e mozas saiban como o golpe do 36 truncou todo un porvir de apertura e modernidade, e facelo sendo innovadores e visuais: o microteatro é unha vía non moi explorada aínda”.

Unha vez fallado o certame deste ano, a Deputación e a Esad teñen previsto facer a entrega do galardón a comezos do vindeiro mes de febreiro. Ámbolos dous organismos estudiarán a posibilidade de levar a peza premiada  a escena tan pronto como sexa posible.

A Xunta outorga 11.616 horas de axuda no fogar para dependentes aos cinco concellos do Baixo Miño

A Consellería de Política Social vén de aumentar o investimento no Servizo de Axuda no Fogar (SAF) para a atención de persoas dependentes en toda a comunidade, a partires deste mesmo ano, en 10 millóns de euros. Ao abeiro desta medida, os cinco concellos da bisbarra do Baixo Miño van dispoñer de 11.616 horas máis cada exercicio.

O Concello de Tomiño vai ser un dos grandes beneficiarios da alza do orzamento do SAF para dependentes de toda Galicia no presente exercicio -que chegará ata os 83,6 millóns de euros-, xa que vai recibir o maior incremento desta prestación da zona, con 5.568 horas máis, un 12,6%, ata roldar as 50.000 por exercicio.

Ademais deste municipio, a Consellería de Política Social tamén vai conferir outros incrementos desta teleasistencia a outros catro municipios desta zona. Así, Tui vai dispoñer, dende este mesmo ano, de 2.712 horas máis, un ascenso por riba do 10%; O Rosal contará cunha alza de 2.412, cifrada no 17,2% e que é das máis importantes da provincia; mentres que A Guarda e Oia sumarán 660 e 264 horas máis por ano, respectivamente.

A delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro, informou desta concesión aos concelleiros e traballadores de Servizos Sociais dos catro concellos beneficiarios desta zona nunha reunión telemática celebrada na xornada de hoxe. Na mesma explicoulles que este incremento do SAF determinouse de oficio por parte dos servizos técnicos da consellería aplicando o criterio da lista de agarda de cada un dos municipios para poder atender a máis usuarios, especialmente na actual situación polos efectos sociais da crise sanitaria da covid-19.

En total, na provincia de Pontevedra vanse beneficiar desta medida un total de 32 concellos, que gozarán en conxunto dun incremento de 463.000 horas anuais de atención a dependentes ata chegar a case 2 millóns por exercicio, o que supón un ascenso do 30,5% nestes territorios.

Incremento do SAF para dependencia na bisbarra do Baixo Miño
ConcelloHoras 2020Incremento% IncrementoHoras 2021
Tomiño44.0045.56812,6%49.572
Tui26.0282.71210,4%28.740
O Rosal13.9922.41217,2%16.404
A Guarda24.3726602,7%25.032
Oia14.0882641,8%14.352

Tras a xuntanza, Luisa Piñeiro destacou a “absoluta implicación” da Xunta de Galicia coa atención ás persoas en situación de vulnerabilidade, “con especial fincapé nas que sofren dependencia, que son as que se atopan máis desamparadas, sobre todo coa crise da covid-19, e que precisan que o Goberno galego estea ao seu lado, polo que ese é o noso compromiso e o que estamos a facer con este forte incremento da teleasistencia”.

Máis fondos para dependencia

Finalmente, revelou que unha das grandes reivindicacións do executivo autonómico co Goberno de España na cobertura económica da dependencia estase comezando a conseguir, xa que o Estado incrementará en 45 millóns a súa partida global para a dependencia en Galicia, alcanzando os 141 millóns de euros. “A cifra segue a ser insuficiente e incumpre a normativa, xa que fixa o 50% para cada administración e ata a data a Xunta poñía 304 millóns e o Estado os 96 restantes, o que nos impedía aumentar a dotación aos concellos. Pero en todo caso, é un avance despois de moito insistir e nos permitirá atender un pouco mellor as constantes demandas dos municipios, aos que ata agora non podíamos darlles máis horas porque o Estado só aportaba o 24% dos 400 millóns de euros que precisa cada ano toda a atención da dependencia en Galicia, na que o SAF xoga un papel importante pero non exclusivo”, concluiu a delegada territorial.

O Concello achégase a ver a nova furgoneta da U.D. Ribera

0

O Concello do Rosal continúa comprometido co deporte e colaborando cos diferentes equipos. A alcaldesa visitou a U.D. Ribera para ver a nova furgoneta adquirida polo club, unha ferramenta que facilitará a mobilidade do club cando teña que realizar desprazamentos deportivos.

Dende o Concello queremos agradecer o gran labor realizado polo club en momentos tan complicados e poñer en valor o traballo que levan feito para adaptarse á nova realidade e continuar coa actividade deportiva de xeito seguro.

Cun exhaustivo protocolo anti Covid-19, o club continúa adestrando con todas as medidas de seguridade, adaptándose constantemente á normativa marcada dende as autoridades sanitarias e facendo un esforzo moi importante para manter a actividade dando prioridade á saúde pública.

A alcaldesa Ánxela Fernández Callís achegouse cos membros do club Yago Cruces e Nel Gómez para ver o novo vehículo adquirido.

A Omix da Guarda abre inscricións para un Curso de Monitor/a de tempo libre

0

O curso inclúe materia específica en atención á diversidade e tamén o curso de Manipulador/a de alimentos.

A data prevista de comezo será o 6 de marzo.

Os requisitos básicos para poder acceder ao curso son: ter cumpridos os 18 anos antes da data de comezo do curso e estar en posesión do título de Educación Secundaria ou no seu defecto graduado escolar.

Prezo da formación: 245€ para persoas en situación de desemprego e 265€ tarifa ordinaria.

Existe a posibilidade de fraccionar o pago.

Máis Información na OMIX da Guarda, no mail [email protected] ou no teléfono 986610000 ext 7

Inscricións online no seguinte formulario: https://forms.gle/fzxBC5prcqo2raeF9.

O curso impartirase nas fins de semana nas instalacións municipais, ademais parte desta formación teórica será impartida de forma online.

Continúa o aumento de casos activos por coronavirus en Galicia, hoxe rexístranse 16.030

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 16.030, deles 4.124 son da área da Coruña, 1.361 da de Lugo, 2.251 da de Ourense, 1.374 da de Pontevedra, 2.942 da área de Vigo, 2.694 da de Santiago, e 1.284 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 135 están en UCI, 744 en unidades de hospitalización e 15.151 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 63.973 persoas curadas, rexistrándose 1.566 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 1.284.868.

O número de doses de vacina contra a covid-19 administradas é de 62.031. A Xunta continúa a traballar desde a máxima coordinación interdepartamental e co Ministerio de Sanidade, tamén mantendo o contacto con todos os axentes socioeconómicos de Galicia. Neste senso, Sanidade reitera que segue alerta actualizando todas as medidas e recomendacións e en vixilancia permanente.

Os datos de centros residenciais de servizos sociais corresponden aos que achegan con carácter diario os propios centros.

Os datos de escolas infantís e centros de ensino non universitario corresponden aos rexistrados diariamente a través da Central de Seguimento de Contactos, os propios centros e as xefaturas territoriais.

Uso do 061 para casos graves e emerxencias e o 900 400 116 para dúbidas

A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

Sinalar, ademais, que o Sergas ten a disposición da cidadanía a páxina web https://coronavirus.sergas.gal/ na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.

Rexistro de viaxeiros no 881 00 20 21 e obrigatoriedade do uso da máscara

Lémbrase que as persoas que visiten Galicia nas vindeiras datas e procedan ou estivesen, durante os 14 días previos á súa chegada, nalgún dos territorios con alta incidencia epidemiolóxica incluídos na listaxe publicada no Diario Oficial de Galicia, deberán facilitar os seus datos de contacto ao Servizo Galego de Saúde, ben a través do teléfono 881 00 20 21 ou ben a través do formulario da web do Sergas.

Ademais, reitérase o carácter obrigatorio do uso da máscara tanto en espazos abertos como pechados, poñendo especial énfase na súa utilización nos locais e establecementos comerciais e de hostalería.

Recomendacións

Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade volven  reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembran que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do virus común a calquera infección respiratoria, como a gripe.

Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.

É importante tamén procurar unha axeitada ventilación dos espazos interiores optando preferentemente por espazos abertos e tratando de evitar aglomeracións.

Non se debe esquecer o mantemento da distancia de seguridade, o uso axeitado da máscara e atender ás restricións específicas que se poidan establecer en cada comarca ou concello.

Redondela reforza o servizo de limpeza viaria coa adquisición dun vehículo varredor

0

O Goberno local de Redondela vén de reafirmar a súa aposta pola limpeza viaria coa adquisición dun vehículo varredor Hako-Citymaster 1250 que será utilizado nas zonas urbanas. O novo vehículo foi entregado onte ao Concello en presenza da alalcadesa, Digna Rivas e os concelleiros de Vías e Obras e Limpeza Viaria, Vicente Lamas e Alberto Álvarez, respectivamente.

A nova unidade será destinada á limpeza das zonas urbanas o que permitirá que as brigadas municipais que desenvolven esa labor, pasen a reforzar o servizo de limpeza viaria nas parroquias. Na actualidade, lembra a alcaldesa Digna Rivas, “dito servizo xa se está prestando pero agora poderá contar con máis persoal e, polo tanto, mellorar a súa efectividade”.

A varredora entregada onte ao Concello de Redondela e que forma parte das últimas novidades da firma alemá, permite unha limpeza a fondo das zonas urbanas, combinando versatilidade, rapidez e economía. Amais, a súa robustez e o baixo custo de mantemento, aseguran un servizo a longo prazo.

Amais de varrer cun sistema que combina o varrido e o aspirado coa pulverización de auga para eliminar o po que se produce nesa labor, está equipada cun sistema de fregado capaz de eliminar as manchas de aceite. Chegado en momento e en casos puntuais, pode ser utilizada para combatir as xeadas –como as vividas hai uns días– xa que pode ser dotado dun sistema de estendido de salmuera.

A alcaldesa Digna Rivas subliñou o feito de que o sistema que utiliza este novo vehículo “é totalmente respectuoso co medioambiente xa que a auga asegura a contención do po e emisión de aire limpo e, a maiores, posúe un sistema de illamento que minimiza os impacto acústico”.

Con esta adquisición o Goberno local mantén a súa aposta pola limpeza viaria, “tanto para que a veciñanza desfrute dun municipio limpo, como de cara a boa imaxe que iso pode dar aos milleiros de peregrinos que todos os anos pasan por Redondela e que neste 2021, Ano Santo Compostelano, se intensificará aínda máis”.

Tomiño realizará obras de mellora no campo de fútbol de Goián

0

O Concello de Tomiño prepara xa as obras de mellora do campo de fútbol do Regatiño, situado en Goián, que consistirán principalmente na substitución do céspede artificial, que contaba xa con 15 anos de antigüidade para instalar un novo, ademais de repoñer varios dos asentos das gradas que se atopaban deteriorados.

Ademais da instalación do novo céspede, que ofrecerá unha maior resistencia ao desgaste, colocarase por debaixo unha sub-base amortecedora que mellorará o acolchado que prolongará a duración e a capacidade de uso do céspede, e servirá tamén para reducir os custes de mantemento, unha cuestión importante tendo en conta o intensivo uso que soporta o campo, empregado por máis dun cento de deportistas de todas as categorías do Goián F.C.

As obras mellorarán o equipamento deportivo municipal e dotarán á poboación dun espazo de xogo con condicións idóneas para o seu uso, xa que o céspede se atopaba un elevado deterioro logo de tantos anos de uso, o que repercutía negativamente tanto na calidade da práctica deportiva como na propia evolución e saúde dos xogadores, aumentando a probabilidade de lesións. Por outra banda, a restitución dos bancos deteriorados repercutirá tamén no acomodo dos afeccionados.

O custe total da intervención será de 202.369,09 euros, que irán a cargo de fondos propios do Concello. O proxecto atópase en proceso de contratación e será previsiblemente executado nos vindeiros meses.

Ao igual que no campo de fútbol do Regatiño, a administración municipal quixo aproveitar que as instalacións deportivas se atopan pechadas e sen actividade para facer unha posta a punto de determinadas instalacións nas que o seu acondicionamento é máis complexo, tal e como se está facendo na actualidade tamén no campo de fútbol do Alivio e nas pistas de tenis e de pádel do complexo deportivo do Mosteiro.