O Partido Popular do Porriño deu conta da renuncia da concelleira popular Ana María Martínez Paradela por motivos persoais e laborais. Martínez Paradela formou parte da candidatura dos populares, liderada por Alejandro Lorenzo ‘Caroca’, nas pasadas eleccións municipais do 2019 indo no número 8 da lista; polo que agora a número 9 Ascensión Rosario Costa Táboas daralle o relevo como concelleira da oposición.
Esta renuncia derívase de motivos persoais e laborais que a levan a deixar a primeira liña política despois de máis de 15 anos de servizo nas candidaturas polo Porriño do Partido Popular. Os populares porriñeses lembraron que Martínez Paradela “desenvolveu unha importante labor na área de educación, así coma nas múltiples labores que lle corresponderon como concelleira, tanto na oposición coma no Goberno” e fanse eco dos desexos da exconcelleira de “seguirá apoiando ao seu partido desde as bases en todo o posible”.
“Quero agradecer e moito, o labor de Ana como concelleira e como traballadora incansable polo noso pobo e polo partido”, dixo o portavoz do PP porriñés, Alejandro Lorenzo que sinalou que, a súa renuncia “supón un grande cambio para o noso grupo Municipal, pero aínda que os motivos da renuncia non lle faciliten a súa labor como concelleira, non lle impedirán continuar coa súa colaboración, tan necesaria para nós”, puntualizou.
Unha vez presentado o escrito ante o Concello do Porriño a renuncia faise efectiva e se dará conta no próximo Pleno, tendo prevista a alta da nova concelleira Ascensión Rosario Costa Táboas para o próximo pleno municipal en Febreiro.