Un lume probablemente ocasionado por un curtocircuíto causou danos materiais de consideración nunha empresa do Polígono Industrial da Granxa nun suceso acaecido a pasada noite.
Os feitos aconteceron cara as 3:30 horas de hoxe cando unha dotación da Policía Local do Porriño recibiu o aviso dos vixiantes da Zona Franca dun lume nas instalacións da firma Diamant Boart-Husqvarna, sita na confluencia da avenida principal e a rúa Ons, nº 98 do devandito polígono.
As lapas procedían do fondo da nave e produciron diversos estalidos e moito fume. A Policía Local do Porriño alertou ao 112 para que mobilizase aos bombeiros do parque comarcal que extinguiron o lume. Segundo manifestaron, este tivo a súa presunta orixe nun cadro eléctrico situado nunha mesa de traballo.