Mércores, 11 Decembro de 2024

O BNG presenta emendas aos Orzamentos da Xunta que axudarían a levar adiante importantes melloras para O Porriño

Entre as emendas presentadas polo BNG está a rehabilitación ou nova construción dun centro educativo para o CEIP Fernández López, cuxas instalacións non cumpren coas necesidades estruturais básicas, fundamentalmente no que respecta á eficiencia enerxética e accesibilidade. Trátase dunha emenda presentada en máis dunha ocasión aos Orzamentos da Xunta, pero que ten sido rexeitada sempre polo PP no Parlamento Galego.

Outro dos proxectos solicitados é a construción dunha escola infantil do polígono industrial da Granxa. O elevado número de persoas traballadoras que se desprazan ata os polígonos e os horarios laborais, que non sempre favorecen a conciliación familiar, fan necesaria a creación dun servizo de gardería infantil, inexistente na actualidade na área industrial do Porriño.

A eliminación de residuos de fabricación de Lindano en Torneiros é outra das emendas presentadas, xa que se trata dun proxecto urxente, pendente de executar, e que afecta directamente á saúde da veciñanza do noso concello.

Tres son as emendas presentadas no ámbito de Infraestruturas e Mobilidade, proxectos de interese que axudarían a mellorar a mobilidade das persoas. Por unha banda, solicítase a urbanización da estrada autonómica PO-407 no que respecta ao límite de Budiño e Salceda de Caselas. Trátase da antiga estrada que unía O Porriño con Salceda de Caselas e que na actualidade ten un uso principalmente local, desde que se executou a actual PO-510, polo que se reclama a súa urbanización.

Solicítase tamén a construción de zonas de seguridade para peóns na estrada PO-510 en Budiño e a execución de nova sinalización horizontal que permita o xiro á esquerda entre o punto quilométrico 3 e o 4 para favorecer o acceso ás vivendas. A Consellería de Infraestruturas comprometeuse a redactar o proxecto de variante para conectar directamente a PO-510 coa A-55.

Outro dos proxectos que mellorarían a calidade de vida no concello é a humanización das rúas Progreso e Bos Aires, desde o cruce da N-120 (cruce do Costilleta) ata a intersección coa PO-331. Na actualidade xa hai unha variante para o tránsito cara a Gondomar, polo que estas rúas deberían soportar unicamente o tránsito local.

Por último, pero non menos importante, o BNG demanda un ano máis a incorporación dunha partida orzamentaria que permita o soterramento da liña de alta tensión de Torneiros. Trátase xa dunha demanda histórica, pois son moitos os anos nos que se vén reclamando a eliminación da actual liña, que discorre concretamente entre a igrexa de San Rosendo e o polígono residencial nº5.

As demandas do BNG serán defendidas o vindeiro día 26 no Parlamento Galego.