Luns, 9 Xuño de 2025

Os irmáns Xosé e Ramón Trigo presentan no Rosal tres novelas gráficas ambientadas no Baixo Miño e na ría de Vigo

0

Os irmáns Xosé e Ramón Trigo presentarán no serán de hoxe venres, 5 de novembro, na sala de exposicións do Concello do Rosal tres novelas gráficas ambientadas no Baixo Miño e na ría de Vigo. O acto comezará ás 20.00 horas e esta organizado polo Colectivo Carballas co apoio do Concello. A alcaldesa, Ánxela Fernández, anima á veciñanza a asistir á presentación para desfrutar das grandes historias e ilustracións que se mostrarán nunha exposición que facilitarán os autores.

Os irmán Xosé e Ramón Trigo son, respectivamente, o guionista e o debuxante das tres novelas situadas no sur do Galicia, ambos son da Guarda.O burato do inferno trata sobre o fenómeno do contrabando no Baixo Miño e no norte de Portugal, Ricardo Mella, o home novo relata a vida do escritor e pensador libertario, un dos teóricos máis brillantes do anarquismo español e natural de Vigo, e Lobada debuxa a historia da II Guerra Mundial en Galicia, concretamente na cidade olívica.

Os irmáns Trigo xa levan varias obras xuntos. Ademais Ramón Trigo como autor e ilustrador publicou en diversas editoriais máis de trinta libros ilustrados. Entre eles: Leviatán (Premio Lazarillo, Premio Isaac Díaz Pardo, Editorial Kalandraka). Yo vivía en el fin del mundo (Premio Cabildo de Gran Canaria, Editorial Edelvives). Casa vacía (Premio Ciudad de Alicante, Editorial Anaya).

A Cañiza acorda unanimemente a defensa da restitución do médico do consultorio de Valeixe

0

O alcalde da Cañiza, Luis Piña, recibe unanimemente o apoio, de todas as formacións políticas da Corporación Municipal, á súa proposta de acordo para restablecer o servizo de asistencia médica cun facultativo no centro de Valeixe os cinco días da semana e asignar un cuarto facultativo para o centro médico da Cañiza. Neste cadro de persoal estaría incluido o profesional que preste o servizo no CM de Valeixe.

Na Moción presentada hoxe no Pleno, o Goberno da Cañiza manifestou o seu desacordo e rechazo á decisión da Xunta de Galicia  de prescindir dun servicio básico, coa non dotación dun facultativo para o Centro de Valeixe, cando dende todas as Administracións, incluida a Unión Europea, se está facendo una aposta firme polo rural con investimentos e axudas para garantir a cohesión social e territorial dos municipios incluidos en Reto Demográfico (cómo é o caso do Concello da Cañiza que, ainda que sí está experimentando crecemento, continúa neste Reto por non contar cun núcleo urbano superior a 5000 habitantes).

Para o Goberno da Cañiza a Administración pública, neste caso a Xunta de Galicia, ten o deber de esforzarse no mantemento dos servizos sanitarios no rural, sen recortes innecesarios porque non existe a necesidade de facer axustes coa Sanidade Pública nin de crear unha atención sanitaria deficiente.

Por outra banda, a Alcalde recorda tamén que “o Pleno extraordinario celebrado hoxe non ten ningún coste para o Concello xa que nas bases do Orzamento aprobado en 2020 se recolle que os membros da Corporación non cobrarán as asistencias a Plenos a partires da celebración do 3º. Esta medida supón que hoxe o Concello da Cañiza, coa celebración deste Pleno aforrou 1.320 euros en honorarios a concelleiros”.

A moción presentada hoxe contextualiza a situación do consultorio médico de Valeixe

A Cañiza conta cun consultorio médico periférico na localización do edificio das antiguas escolas da Miñoteira, na parroquia de Valeixe, na que se viñan atendendo, por un profesional facultativo, dende hai máis de tres décadas, case 800 cartillas. A apertura deste consultorio estivo motivada, entre outras razóns, porque a parroquia de Valeixe sempre contou con médico (de xeito privado antes da apertura do consultorio do INSALUD e posteriormente SERGAS) e por ser a parroquia máis poboada de todas as que constitúen o Municipio da Cañiza (despois do casco urbano), xa que conta na actualidade con 842 veciños. Tamén é unha das que presenta maior dispersión poboacional ao contar co maior número de entidades de poboación de todo o territorio municipal.

A meirande parte desta veciñanza, cartillas adscritas ao centro médico de Valeixe e ao seu facultativo, son persoas maiores con dificultades de mobilidade, que multiplican a necesidade de atención médica e carecen de vehículo propio para poder achegarse ata A Cañiza polo que o mantemento e o servizo prestado polo Centro Médico de Valeixe sempre foi necesario e importante para manter a calidade de vida nesta parroquia rural.

Neste contexto e coincidindo coa xubilación do facultativo que atendía neste Centro que ademáis era o Coordinador do Centro Médico da Cañiza, dende a Xunta de Galicia se adopta a decisión de non cubrir a praza, alegando a falta de facultativos. Situación que se foi mantendo durante os tres últimos anos. Neste período e en reiteradas ocasións se solicita dende o Concello á Comunidade Autónoma que dera unha solución definitiva a esta deficiencia do servizo sanitario. A situación foise «parcheando».

O rock de ‘Desertores’ e as letras de Xela Arias protagonistas do concerto que o grupo vigués ofrecerá no Multiúsos de Chapela

0

O grupo vigués de rock Desertores, ofrecerá un concerto mañá venres, 5 de novembro, no Multiúsos O Piñeiral do Crego de Chapela, no que presentarán o libro-disco Cancións, que recolle as letras que para os primeiros temas do grupo, escribiu Xela Arias.

A editora Xerais acaba de publicar este libro-disco, en edición bilingüe, coincidindo co 18 aniversario do pasamento da autora e o concerto do Piñeiral do Crego, será a súa presentación oficial.

Cómpre destacar que Desertores tiveron unha boa relación persoal con Xela Arias, de aí o feito de que a escritora a quen este ano dedicouse o Día das Letras Galegas, lles escribira as letras das súas primeiras cancións.

Este venres o público asistente poderá gozar deses temas, que veñen de ser gravados de novo en estudo, incorporando máis instrumentación. A entrada é de balde pero é preciso recoller invitación, que xa está dispoñible na Biblioteca Xela Arias e mais nos Multiúsos de Chapela e de Redondela.

O concerto forma parte das actividades coas que as bibliotecas municipais de Redondela homenaxean á escritora, editora e tradutora Xela Arias, no ano en que se lle adica o Día das Letras Galegas, un traballo que, ademáis, lles fixo merecedoras do Premio á Innovación Bibliotecaria de Galicia.

A Xunta impulsa melloras nos colexios Plurilingüe Número 1, Número 2 e Randufe e no IES San Paio de tui

0

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, está a impulsar diversas melloras de eficiencia enerxética, servizos educativos e infraestruturas nos colexios Plurilingüe Número 1, Número 2 e Randufe e no IES San Paio, todos eles no Concello de Tui, cun investimento de 403.000 euros.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, anunciou estas actuacións nunha visita realizada na compaña do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, o xefe territorial de Educación, César Pérez, e responsables da unidade técnica ao CEIP Número 1, que vai ser o que reciba un maior investimento, de 275.000 euros, para unha dobre actuación consistente na renovación de todas as fiestras e a substitución das súas luminarias e falsos teitos.

“Seguimos a investir de xeito constante na modernización dos centros educativos da provincia ao abeiro do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica e por iso imos acometer de inmediato todas estas melloras en tres colexios e un instituto de Tui para conseguir a súa plena eficiencia enerxética e outorgar unha maior confortabilidade e comodidade ás súas comunidades educativas”, sinalou o representante autonómico.

Catro destes proxectos xa se atopan adxudicados e executaranse nas vindeiras semanas co obxectivo de que estean rematados antes de que comece o segundo trimestre do curso lectivo. En concreto, trátase da renovación de luminarias e falsos teitos do CEIP Número 1 por 47.654 euros, a mesma actuación no centro de Randufe por 47.959 euros, a renovación dos aseos do colexio Número 2 por 43.466 euros e a cuberta dos vestiarios do IES San Paio cunha contía de 37.070 euros.

Por outra banda, o proxecto de maior investimento, cun total de 227.000 euros, correspóndese coa renovación das carpintarías exteriores e a reparación de filtracións no CEIP Plurilingüe Número 1, que agora mesmo está en fase de contratación coa baremación das ofertas presentadas. As obras teñen un prazo máximo de dous meses e desenvolveranse entre o que resta de ano e o comezo de 2022 cun cronograma fixado para que os traballos no interior do inmoble se fagan en períodos non lectivos ou fóra do horario escolar para non interromper as clases.

En concreto, as obras previstas consisten na substitución de todas as ventás por outras de carpintaría de aluminio con dobre vidro, rotura de ponte térmica e cámara de aire para incrementar a resistencia térmica e reducir a permeabilidade do aire no interior do colexio. Así mesmo, vanse mellorar as caixas das persianas con illamento e, no que se refire á reparación de filtracións, acometerase a substitución das celosías de formigón prefabricado no peche das escaleiras por perfilería de fachadas con partes fixas e articuladas dotadas con vidros dobres.

O Concello desbroza a contorna dos muíños do Folón e do Picón

0

O Concello do Rosal acaba de rematar o desbroce da contorna dos muíños do Folón e do Picón para mellorar o acceso e a imaxe deste espazo de gran valor histórico e turístico. A alcaldesa, Ánxela Fernández, explica que esta intervención responde “ao noso compromiso co mantemento do noso patrimonio histórico”. A rexedora tamén quere destacar “o gran traballo realizado polas traballadoras municipais”, xa que a intervención foi complicada polos taludes, polas pendentes da zona e polo desbroce selectivo que houbo que realizar para preservar determinadas especies vexetais. “Son indespensábeis para protexer e manter o noso patrimonio”, conclúe.

O Concello anima á veciñanza e a visitantes a desfrutar da ruta dos muíños do Folón e do Picón que  transcorre a través de algo máis de 3 km de camiños nos que a paisaxe natural e o patrimonio etnográfico conviven nun harmonioso equilibrio. A conxunción destes dous elementos crea estampas de gran beleza onde os muíños aparecen agrupados e aliñados, en formación de fervenza, aproveitando a pendente das ladeiras da Groba.

O conxunto está composto por un total de 67 muíños hidráulicos dos séculos XVII e XVIII e conta coa declaración de Ben de Interese Cultural (BIC) polo seu valor etnográfico. Os camiños desta ruta de sendeirismo homologada están repletos de sorpresas: as cruces, iniciais e outras marcas gravadas na pedra, nas paredes dos muíños ou nos seus arredores fálannos de como era a vida dos nosos devanceiros. Uns tempos nos que estas construcións funcionaban día e noite para moer o gran que alimentaba ás xentes do Rosal e doutras partes da comarca.

Comezan as obras de ampliación da rede de saneamento e abastecemento da Carrasca

0

O Concello de Nigrán iniciou esta semana as obras de ampliación da rede de saneamento e abastecemento da Carrasca (Parada) por un importe de 138.344,47€ e que se financia a través do Plan Concellos 2020 da Deputación de Pontevedra, estando previsto que rematen antes do Nadal. Trátase dun proxecto solicitado por máis dunha veintena de veciños a través do Centro Cultural Bolos da Carrasca que están obligados a verter as augas residuais por fosas sépticas e abastecerse a través de pozos particulares. A redacción do proxecto demorouse máis do previsto para poder chegar a todas as vivendas e ao precisar as obras de múltiples autorizacións sectoriais.

“Trátase dunha petición expresa dos veciños de este barrio a través do Centro Cultural Bolos da Carrasca e que é posible gracias a colaboración de todos eles, xa que o proxecto pasa por espacios públicos e propiedades privadas e así evita bombeos. Con esta obra non só dotaremos de auga e saneamento a esta zona senón que evitaremos as fosas sépticas nun espazo polo que discurren múltiples regatos evitando así un dano medio ambiental importante “, sinala o alcalde, Juan González.

A tubaxe que se está a instalar permite conectarse cun tramo da rede existente e que actualmente non ten servizo. As obras inclúen apertura de zanxas, colocación de tuberías, execución de arquetas de conexión e instalación de válvulas, recheo e reposición de pavimento. O número de pozos é de 29 e os colectores permitirán recoller os verquidos de 20 vivendas.

Este investimento ven a completar o realizado no 2019 que permitíu ampliar o abastecemento mediante a instalación dunha nova condución que conecta a rede existente no parque empresarial Porto do Molle, a través dun bombeo, cun novo depósito de regulación de 500 m3 que foi ubicado no monte Eiró, e desde onde se dá servizo ás vivendas da zona. Por outra banda, solventouse o problema da falta de presión na zona da Carrasca onde estaba instalada a tubaxe de impulsión e de distribución desde hai anos pero sen estar operativa debido a esta cuestión.

A Deputación abre o venres o prazo de inscrición para participar nunha cata e degustación sensorial

A Deputación abre este venres, 5 de novembro, o prazo de inscrición para participar na cata e degustación sensorial que organiza con motivo do  Día Europeo do Enoturismo xunto á Ruta do Viño e en colaboración con Anfaco. As persoas interesadas en asistir á actividade, que terá lugar o 13 de novembro ás 18.30 horas na sala Rosalía de Castro da sede da Deputación en Vigo, poderán adquirir algunha das 35 prazas ofertadas aboando 12 € a través da web de Ataquilla.

A cata e degustación sensorial que promove a institución para celebrar o Día Europeo do Enoturismo trátase dunha novidosa iniciativa que levará ás persoas asistentes a coñecer o mundo dos viños da DO Rías Baixas a través dunha cata a cegas.  A actividade, totalmente sensorial, permitirá ás e aos participantes aprenderán a sentir todas as características e matices que fan únicos e diferentes aos viños desta denominación de orixe. No evento cataranse viños monovarietais, plurivarietais, unha elaboración espacial, un tinto e tamén un espumoso da DO Rías Baixas que se acompañarán de queixos, pan, conservas da man de ANFACO e doces, espremendo ao máximo os cinco sentidos. Así, as persoas participantes agudizarán o oído a través do descorche da botella, do ruído do viño ao deslizarse na copa e da propia música que acompañará o evento. Observarán a través da vista as diferentes tonalidades do viño e a súa lágrima. Mediante o olfacto as e os participantes aprenderán a distinguir tamén as distintas esencias e olores de viños e cortizas. A través do tacto manipularanse diferentes elementos como as propias cortizas e mediante o gusto gozarán dos diferentes viños da DO Rías Baixas e produtos que acompañarán a cata e degustación sensorial.

Ponteareas continúa coa esterilización das súas 17 colonias felinas

O Concello de Ponteareas, a través da Concellería de Medio Ambiente, que dirixe Rosa Covelo Alonso, continúa coa esterilización das 17 colonias felinas que hai na vila. A edil explica que xa se remataron as intervencións nos espazos que acumulaban máis queixas da veciñanza por problemas sanitarios, ruídos, alimentación… Nestas colonias, ademais da esterilización, “tamén aproveitamos para realizar unha limpeza e instalar unhas casetas para botarlles a comida e que non se molle, evitando así os tuppers, o impacto visual e os plásticos no lugar”.

A concelleira tamén quere “agradecer o traballo indispensábel da Asociación Biosbardos”, xa que sen as persoas voluntarias non sería doado realizar os traballos con eficacia. O Concello está a aplicar a estratexia C.E.S (Capturar-Esterilizar-Soltar), que supón atrapar a maior cantidade de gatos da colonia, tanto machos como femias, para, posteriormente, esterilízalos. Unha vez pasadas 48 horas de recuperación, sóltanse na súa colonia cun marcador que facilita a súa posterior identificación e control. Este método é o recomendado pola Organización Mundial da Saúde para evitar a proliferación dos felinos.

Rosa Covelo destaca que a estratexia que están a seguir no Concello é a máis eficiente na optimización e inversión de recursos, facilita a xestión da adopción dos felinos, diminúe o gasto público e privado no control de pragas, xa que espantan outros animais coma as ratas, mellora o benestar social, tanto animal como humano, prevén os brotes de enfermidades, mantén boas condicións de hixiene nas colonias, e, por suposto, reduce en gran medida a poboación de felinos de maneira sostible e ética co seu benestar.

Para a edil estas intervencións son unha iniciativa máis que demostra “que queremos facer de Ponteareas un lugar sostible no que os animais que nos rodean e as persoas podan convivir en harmonía”, conclúe.

Cabeiro e Chapela ‘bautizan’ os seus parques infantís con nomes de persoeiros “comprometidos coa lingua e cultura galegas”

0

A Concellería de Normalización Lingüística do Concello de Redondela, que xestiona a alcaldesa Digna Rivas, continúa desenvolvendo a iniciativa posta en marcha polo SLN tendente a dar visibilidade –neste caso entre os máis pequenos e pequenas– aos homes e mulleres que amosaron o seu compromiso coa lingua e cultura galegas.

Así, as áreas infantís do municipio dotaranse de paneis informativos nas que figurará unha reseña biográfica das persoas que dan nome a cada un dos parques.

No caso de Cabeiro, no parque situado fronte ao CEIP Porto Cabeiro, a figura escollida foi a de Luís Seoane, escritor, editor e pintor exiliado en Arxentina. Dente o outro lado do Atlántico levou adiante numerosas e importantes iniciativas a prol da cultura galega e puxo en marcha, xunto a Isaac Díaz Pardo, o Laboratorio de Formas que sería o xermolo de Sargadelos.

Pola súa banda, o parque do Piñeiral do Creo, en Chapela, foi dedicado a María Miramontes, compañeira de Ánxel Casal, editor da editorial Nós e alcalde de Compostela fusilado no 36. Cómpre salientar que María Miramontes foi esquecida durante moito tempo e o seu nome no se unía ao traballo da imprenta cando, na realidade, era ela a encargada de coser os libros xa que, de profesión, era costureira. Tralo asasinato do seu home, exiliouse a Arxentina.

Hai que destacar, neste caso, a localización do parque que leva o seu nome: a carón da Biblioteca Xela Arias, para que así a súa memoria quede ligada aos libros.

A concelleira de Normalización Lingüística e alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, que agradeceu o traballo realizado polo Servizo de Normalización Lingüística, lembrou a importancia desta iniciativa que vai permitir “que as máis pequenas e pequenos poidan coñecer ás mulleres e homes que, na súa vida, traballando por protexer e difundir a nosa lingua e a nosa cultura”.

Rivas insistiu na necesidade que as Letras Galegas “non queden cinguidas a un só día, senón que sexan unha constante ao longo de todo o ano” e lembrou que Redondela, “como Concello pioneiro en normalización lingüística, ten a obriga de seguir sendo un exemplo”.

Ponteareas impulsa unha campaña de formación e información para combater acoso escolar nas aulas

O acoso escolar é un problema que foi en aumento nos últimos anos pero que en moitas ocasións permanece oculto. Para combatelo, o Concello de Ponteareas impulsa unha campaña de formación e información con diferentes accións para sensibilizar sobre o bullying nas aulas e nas redes sociais contando coa opinión das persoas que máis expostas están a sufrilo, o alumnado.

Por este motivo, a Concellería de Benestar Social vén de poñer en marcha unha enquisa en liña dirixida a nenos, nenas e adolescentes para recoller datos de primeira man sobre o acoso escolar e ter unha idea o máis aproximada posíbel da incidencia real desta problemática entre o alumnado ponteareán. “Por desgraza o bullying é unha palabra que está de moda polos innumerábeis casos de persecución e de agresións físicas, verbais, psicolóxicas e sociais que se están a detectar nos centros e institutos e que están a levar a moitos escolares a vivir situacións verdadeiramente aterradoras das que moitas veces non saben como saír. Queremos saber como o viven eles e elas directamente e estudar formas de afrontalo, previlo e evitalo”, explica a edil, Verónica Carrera.

A enquisa está pensada para alumnado de 4º de Primaria en adiante e pode completarse na seguinte ligazón. Os resultados completarán ás achegas que se fagan no pleno infantil de Ponteareas que se celebrará este mes de novembro, no que se abordará esta temática e que permitirá contar con información previa para a posta en marcha de medidas máis axustadas á realidade.

Esta temática tamén foi tratada no pleno infantil do pasado mes de xullo, no que participaron seis centros educativos de infantil, primaria e secundaria do municipio e no que se abordaron cuestións como a importancia de denunciar as situacións de agresión, tanto propias como alleas, ou o acoso escolar a través das redes. “Temos que agradecer todo o traballo que está a facer o alumnado para mellorar a realidade nos nosos centros escolares, porque sen a súa implicación accións como estas non serían posibles”, salienta a concelleira.

Unha praga de fungos ataca as árbores de O Porriño

Onte pola mañá caeu outra árbore no concello do Porriño, esta vez ocorreu no Parque do Cristo, preto do palco da música, sen causar danos persoais nin materiais, segundo informou a Policía Local. É un tilo de grandes dimensións que caeu preto do palco da música.

Como nos casos anteriores acontecidos nos últimos anos, a causa é unha praga de fungos que podrece as raíces destas árbores. Algunhas delas datan de antes da Guerra Civil e as máis recentes foron plantadas nos anos 60. Sergio Casal, concelleiro de Medio Ambiente indicou que “se tomarán medidas preventivas de inmediato ante o risco potencial de caída doutras árbores”.

Caída doutra árbore nun camiño

Por outra banda, a Concellería de Medio Ambiente informou de que, tamén onte pola mañá, caeu outra árbore, sen causar danos persoais nin materiais. Foi na estrada que une o Monte da Risca co barrio do Carracido.

O CDG inicia este venres en Tui a xira de “O charco de Ulises”

0

O Teatro Municipal de Tui acollerá este venres, 5 de novembro, ás 21.30 h o inicio da xira de “O charco de Ulises” do Centro Dramático Galego. Unha montaxe dirixida por Marián Bañobre e Santiago Cortegoso – autor do texto – que nos transporta da Ítaca do texto clásico de Homero á Galicia, a  historia de emigración na que Ulises galego que  …

Tras a representación este venres en Tui “O charco de Ulises” viaxará por O Barco de Valdeorras, Celanova, Viana do Castelo, Barcelos, Ourense, Cangas, Oleiros, Verín, Monforte de Lemos, Vigo, Pontevedra, Cariño, Rianxo, Vilagarcía de Arousa, A Coruña, Lugo, Arteixo, Narón e Vilalba.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, a concelleira de Ensino e Cultura, Sonsoles Vicente, e o director do CDG, Fran Núñez, presentaron a obra e a xira que contará con vinte funcións entre o 5 de novembro e o 12 de decembro.

“Que o Centro Dramático Galego inicie a súa xira na nosa cidade con esta obra, “O Charco de Ulises”, reflicte a importancia que ten Tui para todos os actores culturais”. Facía amais o rexedor tudense un chamamento á cidadanía “para que acuda este venres ao teatro porque é unha obra  para poder ver”. “Esta actividade -engadía- tamén reflicte o compromiso do concello de Tui coa cultura e esta obra forma parte do elenco de actividades que temos neste mes de outono programado no Teatro de Tui”.

O charco de Ulises

A concelleira de Cultura e Ensino, Sonsoles Vicente, sinalaba que despois da representación de “A contenda do Miño” en Caldelas no verán é un pracer recibir de novo en Tui ao CDG e neste caso iniciando a súa xira na cidade.  Convidaba tamén a concelleira a gozar este venres en Tui desta obra.

Fran Núñez, o director do CDG, salientou que “é un pracer estar novamente  en Tui nun deses espazos que son historia do teatro galego e da relación co CDG”  engadía que para eles “é moi especial comezar a xira en Tui, nunha xira que nos vai levar por vinte localidades” destacando que para eles é moi importante “levar o Centro Dramático fóra do que é Santiago de Compostela, e este é un esforzo enorme, unha das maiores xira do CDG”. Animaba a acudir á función porque dicía “facemos espectáculos, facemos teatro para que a xente o comporta connosco, esa é a vocación do CDG. E Tui ten unha  ampla tradición coma teatro cunha programación de grande calidade”.  Coa apertura da xira aquí en Tui dicía o director do CDG “é unha oportunidade para reforzar os lazos entre Tui e o Centro Dramático que estreitamos facendo aquí en Tui a Contenda dos Labradores de Caldelas”.

En “O charco de Ulises” o Centro Dramático Galego muda Ítaca ou Troya, o contexto mediterráneo, por Galicia e Bos Aires, un contexto atlántico, e que fala da emigración.

En escena estarán dez actores e actrices, Óscar Allo, Miguel Borines, Mónica Camaño, Rosalía Castro, Raquel Espada, Manuel Millán, Fran Paredes, Chusa Pérez de Vallejo, Inés Salvado Gontad e Paulo Serantes, acompañados por Xosé Lois Romero que compuxo e executa a música.

As entradas, aos prezos de 8€ e 6€, pódense mercar até dez minutos antes do inicio da función, en www.tui.gal.

A Deputación enfoca a súa campaña sobre a adopción “EduCAANdo” aos máis cativos

Sensibilizar aos cativos sobre a aventura e a responsabilidade que supón a adopción de animais é o principal obxectivo da nova campaña lanzada desde CAAN, o Centro de Acollida e Protección de Animais da Deputación, nesta recta final do ano e que leva por lema “EduCAANdo”. Esta campaña ten como peza central o relato “Benvida á casa, Onza”, que amosa, nunha linguaxe amena e accesible, as distintas fases do proceso de adaptación dunha cadela coa súa nova familia e que se distribuirá nos centros de Primaria da provincia. Para a presidenta da Deputación, Carmela Silva, que volveu destacar os excelentes datos de adopción deste ano no CAAN, esta campaña busca “reforzar o noso compromiso co benestar animal e que a cativada comprenda que un animal non é un xoguete senón unha grande responsabilidade”. No acto de presentación estiveron o veterinario xefe do centro, José Luis Pedreira, Luis Camilo Fernández, o director do CPI Mosteiro-Meis, cuxo alumnado será o primeiro en visitar o CAAN, o deputado provincial Manuel González e as autoras do libro, Andrea Méndez e Elena del Cerro.

A campaña está elaborada integramente desde o servizo de Comunicación da Deputación e dirixida á sensibilización de escolares de Educación Primaria. “A idea que queremos transmitir aos nenos e nenas é que adoptar implica darlle unha oportunidade a estes animais e supón amais toda unha aventura para vivir e aprender en familia, amais dunha responsabilidade co benestar animal”, subliñou Carmela Silva, quen fixo referencia tamén á futura lei de protección animal que está a tramitarse no Congreso e que “vai ser moi esixente coa sociedade, como debe ser, porque os seres humanos tamén o somos cando tratamos ben e respectamos aos animais, sobre todo os que forman parte da nosa familia”.

Co citado fin, desenvolveranse varias accións centrais de visibilización  para dar a coñecer o traballo do CAAN. Dentro das posibilidades da pandemia, organizaranse visitas ao centro de grupos de escolares de toda a provincia, e a primeira será a do alumnado do CPI de Mosteiro-Meis, o colexio do concello no que está o CAAN. “Somos conscientes que a educación transforma é un instrumento para construír sociedades mellores –apuntou a presidenta-. E cremos que formar ás crianzas no amor e coidado polos animais ten que ser un obxectivo educativo”. Amais, profesionais do centro tamén se achegarán ás aulas para concienciar ás nenas e nenos sobre o benestar animal e a responsabilidade que supoñen as adopcións.

Pero sen dúbida a peza estelar da campaña é “Benvida á casa, Onza”, un relato ilustrado con fins divulgativos que aborda estas cuestións de forma amena e cunha linguaxe accesible para a cativada e que se distribuirá nos centros de Primaria da provincia. No acto celebrado no Salón de Plenos deuse a coñecer tamén o vídeo promocional, que se difundirá a través das redes sociais. “Benvida á casa, Onza”, “un relato moi atractivo, ben montado e pedagoxicamente cun formato moi acaído para estas idades”, está escrito por Andrea Méndez e as ilustracións son de Elena del Cerro. Supón, como destacou a presidenta, “unha guía de boas prácticas que vai axudar a calquera familia interesada en adoptar un animal no CAAN”. As protagonistas son Xiana, unha nena de 7 anos que vive en Salceda de Caselas, e Onza, a cadela que adopta xunto á súa familia despois dun frechazo mutuo durante a súa visita ao centro de acollida. A historia da campaña é a da adaptación de Onza ao seu novo fogar, pasando por momentos máis e menos doados. “Queremos transmitir que os primeiros días non son sempre fáciles, queremos que a xente coñeza as necesidades básicas dun animal en canto á alimentación e descanso e trasladarlles consellos básicos que faciliten a rutina diaria”, indicou a presidenta.

Amais de seguir ese proceso, o conto vai resolvendo dúbidas sobre o funcionamento do servizo do CAAN, as condicións de hixiene e saúde nas que se entregan os animais e os coidados básicos que se lles deben garantir por parte da familia acolledora. Amais, aporta consellos para que a convivencia sexa un éxito.  O resumo desas recomendacións atópase no cartel central da campaña, que contén os nove consellos esenciais para coidar as mascotas: Sempre con identificación (chapa con teléfono e microchip); dieta saudable (para ter boa saúde); visita o centro veterinario (esterilización, desparasitación, vacinas…); moito cariño (coidar os sentimentos); a socialización é moi importante (outros animais e persoas); recolle sempre (os excrementos); coida a súa hixiene (baño, peiteado, oídos, uñas); a educación é fundamental (ten paciencia) e crea rutinas (paseos, exercicio, xoguetes e descanso. Carmela Silva explicou que á hora de redactar a historia de Xiana e Onza contouse coa participación do equipo técnico do CAAN a fin de garantir que todos os detalles relativos ao coidado, hixiene e saúde do animal eran os máis idóneos, así como a idade e tamaño da cadela, tendo en conta que a coidadora principal ía ser unha nena de 7 anos.

O conto vai ser enviado aos centros escolares de Primaria da provincia cunha carta na que se explica a campaña e cos carteis da mesma, cunha primeira tirada de centos de exemplares. Tamén estará dispoñible para descargar na web do CAAN (caan.depo.gal). Posteriormente,  os centros poderán solicitar tamén esta versión en papel para o traballo co alumnado a través dun correo electrónico ao servizo de Protocolo.  “Cremos que este pode ser un material moi útil para achegar de forma amena a nenos e nenas da provincia coñecementos sobre o medio natural ao tempo que se promoven valores tan importantes como a solidariedade, a responsabilidade individual, a limpeza da vía pública ou o respecto mutuo nas nosas vilas e cidades”, subliñou Carmela Silva.

Pola súa banda, o director do CPI Mosteiro Luis Camilo Fernández, destacou que a nova campaña “visibilizará o traballo do CAAN, tan importante e tantas veces esquecido, promoverá os valores de solidariedade entre outras cousas entre os rapaces e rapazas e, como non, removerá as nosas conciencias sobre a adopción de cans que é a mellor alternativa para ter unha mascota”. Fernández felicitou á Deputación pola iniciativa e amosou o agradecemento do centro á institución “por participar nas actividades educativas e de difusión que o CAAN nos propón e agardamos ser un humilde altofalante do seu traballo”.

Excepcionais datos de adopción

Por outra banda, Carmela Silva avanzou que este 2021 “volverá  ser un ano excepcional” no CAAN. Desde o 1 de xaneiro e ata o 31 de outubro tramitáronse 576  adopcións, acadando xa case o récord anual das 583 logrado o pasado 2020. “É un dato espectacular,  porque o ano pasado levábamos a estas alturas 466 animais adoptados;  polo tanto, levamos 110 adopcións máis (23,6%) que no mesmo período do 2020.  O noso obxectivo é acabar o ano con 600 animais adoptados; é probable que sexan máis”.

Dos 576 animais que saíron do centro neste 2021, un deles foi a Portugal e o resto a diversos puntos de España. A maioría das adopcións foron en Galicia (503), seguida de Castela e León (47) e o resto repartíronse entre as comunidades de Madrid (11), Cataluña (4), País Vasco (3), Castela a Mancha (2), Asturias (2), Canarias (1), Estremadura (1) e Valencia (1). Das galegas, 439 foron na provincia de Pontevedra, 32 na provincia de A Coruña, 22 en Lugo e 10 en Ourense. Ata agora o Concello con máis adopcións foi Vigo (83), seguido de Pontevedra (49) e A Estrada (38). Outros municipios cun gran número de adopcións foron Poio (23), Meis (22), Sanxenxo (21) ou Cambados (17).

Outra das boas noticias a piques de que remate o ano foi o reto acadado da adopción de avós e avoas do centro, tralo reto lanzado no mes de maio e polo que Carmela Silva agradeceu a solidariedade das persoas adoptantes. Neste momento, o animal que leva máis tempo no centro é “Posto”,un cruce de pitbull de tres anos que leva desde o 2018 no centro, tras ser recollido en Redondela, para o que a presidenta volveu tamén a pedir a súa adopción.

A nova campaña persigue tamén concienciar ás crianzas contra os abandonos. Neste senso, Carmela Silva apuntou que se recolleron un total de 1.028 animais desde o 1 de xaneiro, aínda que un dos aspectos a destacar é que desde o CAAN, onde agora se atopan case 200 cans e cadelas, se está a lograr que os animais recollidos pasen cada vez menos tempo nas instalacións e teñan saída cara un novo fogar. Deste xeito, tense reducido o tempo de estancia dos animais e  este ano está a ser dunha media de 71 días fronte aos 123,8 días do pasado 2020. “Todos os retos estanse a ser cumpridos e isto é posible grazas ao traballo inestimable que se fai desde o CAAN”, concluíu Carmela Silva.

O Concello de Nigrán pintará as estradas municipais de Porto do Molle e diferentes parroquias

0

O Concello de Nigrán vén de investir 37.762 € na mellora da seguridade viaria pintado as rúas de todo o parque empresarial Porto do Molle e doutros puntos do municipio, todas elas coas liñas xa moi deterioradas polo paso do tempo e o tránsito de vehículos.

Os traballos, que estarán rematados nas vindeiras semanas, inclúen Costa da Barxa e Cidade de Vigo en Panxón; Cansadoura e núcleo urbano de Patos; San Roque en Camos; Valle Inclán e centro urbano da Ramallosa; rúa Chandebrito e todo Porto do Molle, onde a comunidade de propietarios demandaba este pintado despois de que no 2016 o Concello o dotase da correspondente sinalización horizontal, antes inexistente.

“Son rúas todas elas con gran tránsito de vehículos e que, polo tanto, precisaban dun repintado debido ao desgaste do mesmo; trátase dunha actuación moi sinxela e efectiva, xa que protexe ao usuario e organiza o fluxo de tráfico, polo que resulta clave para a seguridade viaria”, destaca o alcalde, Juan González.

O venres abrirá o prazo de inscrición nunha nova viaxe para maiores

0

Desde a concellería de Participación Cidadá do Concello de Mos, que dirixe a edil Sara Cebreiro, infórmase de que xa hai organizada unha nova excursión para maiores. ESta actividade atópase dentro do programa municipal ‘É TEMPO DE VOLVER VIAXAR’.

Para participar na próxima actividade as persoas interesadas deberán inscribirse nela, abrindo o prazo de inscrición na mesma o vindeiro venres 5 de novembro. O devandito prazo finalizará o 15 de novembro.  

Esta viaxe está dirixida a maiores de 55 anos, residentes en Galicia e preferentemente empadroados en Mos.

Neste caso consistirá nunha estancia no Balneario SPA Ribeira Sacra do 28 de novembro ao 2 de decembro. O prezo por persoa será de 222€. Suplemento individual de 110€.

A hospedaxe será no Hotel Balneario Augas Santas e durante a excursión realizaranse visitas turísticas guiadas a Ourense e Monforte de Lemos e farase un cruceiro polos Cañóns do Sil.

O Concello equipa o pavillón do Rosal cunha nova grada supletoria

0

O pavillón do Rosal conta cunha nova grada supletoria que, situada nun dos fondos, aumenta o aforo do edificio municipal. O Concello adquiriuna a través do Plan Concellos 2020 e axudará a encher aínda máis un pavillón que cada fin de semana ten moita afluencia. A alcaldesa, Ánxela Fernández, explica que “a grada era unha necesidade despois do éxito da campaña da socios do Novás”, xa contan con máis de 600 integrantes.

A alcaldesa explica que xunto ao Acanor Novás Valinox converterán a nova adquisición nunha “grada de animación” pensada especialmente para a canteira do club. “Así poderán vivir xuntos os partidos da División de Honra Prata de balonmán e identificarse aínda máis co club”, explican dende o Novás.

Para dar un pulo á imaxe e a creación desta grada de animación puxeron en marcha un concurso para dar nome ao espazo entre os integrantes das categorías inferiores. Os rapaces e rapazas que participen deben facer unha proposta de nome ata o día 5 de novembro e o día 12, a través dunha votación nas redes sociais, coñecerase o gañador, que será premiado cun vale de 50 euros para gastar en Hummel.

“Con esta iniciativa queremos facer que a mocidade do Rosal poida desfrutar ao máximo do Novás e do noso balonmán a pé de campo”, destaca a alcaldesa. No club súmanse a mensaxe da rexedora e animan as familias a vestir aos seus fillos e fillas con roupa do equipo para tinguir o Pavillón Municipal de vermello.

Nigrán ofrece este sábado o documental de Pablo Romero ‘Donde acaba la memoria’

0

O Concello de Nigrán ofrece este sábado 6 de novembro no Auditorio Municipal ás 20:00 horas a proxección da película documental ‘Donde acaba la memoria’ sobre o célebre hispanista Ian Gibson e coa presenza do seu director, o veciño de Nigrán Pablo Romero-Fresco. A entrada é de balde ata completar aforo e posteriormente establecerase un coloquio co público asistente. Gibson é un auténtico detective literario que leva máis de 50 anos traballando para recuperar a memoria recente de España a través das biografías de tres dos seus xenios máis recoñecidos: Buñuel, Dalí e Lorca.

Romero-Fresco, profesor contratado Ramón y Cajal na Universidade de Vigo e Honoray Professor of Translation and Filmmaking na londinense de Roehampton, iniciou este proxecto documental cando hai 8 anos coñeceu casualmente no Reino Unido a Ian Gibson e ao seu amigo, o lendario cineasta Mike Dibb. En ‘Donde acaba la memoria’, Romero percorre Las Hurdes, a mítica Residencia de Estudiantes e Granada co obxectivo de construír o retrato de Ian Gibson, e para elo conta tamén coa colaboración de Mike Dibb, Carlos Saura e Roman Gubern.

“É un orgullo para este Concello ofrecer esta película dun veciño de Nigrán recoñecido mundialmente polo seu traballo sobre tradución e accesibilidade e que, ademais, nos achega á figura de Ian Gibson, o gran historiador do noso pasado máis recente”, explica o alcalde e tamén historiador Juan A.González.

“O plan inicial era revisitar o documental histórico de Buñuel en Las Hurdes, pero pronto se fixo evidente que a historia estaba en Ian…”, confesa Pablo Romero, quen despois dun ano de montaxe para converter 50 horas de metraxe nun corte final dunha hora sufriu o roubo da cinta na súa propia oficina. “Esa foi a primeira das moitas mortes de ‘Donde acaba la memoria’ durante case unha década que tamén incluíu o nacemento dos meus dous fillos e cambios de traballo e de país. Pero unha película sobre a perseveranza dunha vida adicada á busca non pode abandonarse así como así”, refire. Consecuentemente, tres anos despois da subtracción, viaxou con Ian a Granada para acompañalo na presentación da última edición do seu libro e visionou unha gravación súa inédita da famosa entrevista co enterrador de Lorca, material que aparece neste documental.

Esta película marca a fin dunha longa viaxe para o director e para o propio historiador, con máis de medio século de traballo desde que deixou a súa Irlanda natal para viaxar a Granada e escribir unha tese sobre Lorca. 

Ponteareas inaugura unha exposición adicada ás persoas que viven por e para o mar

O Concello de Ponteareas inaugurará o vindeiro venres ás 18.00 horas cunha presentación oficial a exposición “Fillos do océano” do fotógrafo Javier Teniente, unha homenaxe a todos os mariñeiros artesáns que viven por e para o mar; ámano e venérano, e obteñen del todo o preciso para a súa supervivencia. O concelleiro de Cultura, Fernando Groba, anima á veciñanza a asistir e lembra que a exposición estará aberta de martes a sábado de 11 a 13.30 horas ata o 27 de novembro.

No acto de presentación estarán presentes a alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández Davila, a coordinadora adjunta de Cultura Afundación, Paloma Vela, o concelleiro de Cultura, Fernando Groba, e o director de la oficina ABANCA de Ponteareas, Juan Carlos Fernández.

Javier Teniente explica que coa súa exposición tamén tenta “facer unha chamada de atención sobre a vulnerabilidade dos ecosistemas mariños, para que respectemos e preservemos os océanos da destrución que hoxe ameaza este medio tan fráxil e indispensable para a nosa supervivencia”. Para o artista “só así, conservando e respectando o medio natural, se manterán estas ancestrais culturas ligadas á pesca tradicional e artesanal”.

Teniente inicia o seu traballo profesional no diarios Faro de Vigo e Atlántico Diario, nos que desenvolve o seu labor como fotógrafo de prensa durante varios anos, ata emprender o seu percorrido como reporteiro. Esta nova etapa levarao dun extremo a outro do mundo, cubrindo algúns dos máis importantes acontecementos das últimas décadas. Na actualidade traballa como fotógrafo independente, representado pola axencia  Getty  Images.

Entre os anos 1998 e 2005 colaborou como fotógrafo coa ONG Médicos do Mundo e cubriu conflitos bélicos e desastres naturais en diferentes lugares do mundo, entre os que cabe destacar os traballos realizados en Centroamérica (Furacán  Mitch 1998), Kósovo (1999), Timor (1999), Iraq (2003), Haití (2004) ou o  tsunami en Banda  Aceh, Indonesia (xaneiro de 2005). Gañou en dúas ocasións o prestixioso Premio Internacional Luís  Valtueña de Fotografía Humanitaria (2003 e 2005), ademais de recibir o Premio Galicia de Comunicación (2004) e unha mención especial nos Premios Ortega e  Gasset de Xornalismo (2006).

A Deputación presenta unha ‘batería de iniciativas Ágora’ para o 2022

A Deputación de Pontevedra, a través do seu departamento de Mobilidade, celebrou hoxe a Primeira Asemblea Ágora de Concellos Polo Espazo Público na que deu a coñecer a batería de iniciativas que se desenvolverán ao abeiro do Plan Ágora en 2022 para recuperar espazos para as persoas. O deputado de Mobilidade Uxío Benítez anunciou unha  nova liña de axudas económicas para a redacción de proxectos, a creación dun Observatorio Dixital Ágora, e tamén que a Deputación tramitará directamente fondos europeos para proxectos xa maduros de cada un dos concellos da provincia.

A valoración global da asemblea por parte de Benítez foi moi positiva, xa que asistiron máis de medio cento de persoas representantes técnicas e políticas  dos concellos da provincia, ademais de que tomaron a palabra numerosos alcaldes, alcaldesas e outras persoas voceiras municipais contando a súa experiencia e necesidades. Estas últimas resumíronse na petición de que a Deputación siga a exercer de asesora e “ dea amparo” aos concellos fronte ás dificultades sociais, e facilite a xestión burocrática ante outras administracións ou a consecución de fondos para levar adiante obras.

Benítez garantiu sen ambaxes o “arroupe da Deputación para abordar o reto social que é a recuperación do espazo público” e a consecución de fondos para executar obras. Subliñou, de maneira tallante, que a pesares de haber complicacións para levar proxectos adiante “hai unha bola de neve crecente a prol do espazo público”.

O nacionalista indicou que a Rede Ágora “ten moitos ollos postos nela para ver se esta experiencia pode ser exportada a outros lugares” e, por tanto, animou a todos os concellos “a que se ilusionen, se motiven, e entre todos e con efecto claro de bola de neve poidamos facer algo grande”. Insistiu, de feito, que de poder demostrar con datos que o modelo Ágora é un éxito cabe a posibilidade de conseguir máis fondos tanto estatais como europeos para os concellos pontevedreses.

Á hora de explicar as iniciativas de Ágora para o ano próximo, Benítez destacou que se abrirá unha segunda convocatoria de axudas provinciais dirixidas principalmente á redacción de proxectos. Reiterou o compromiso que existe dende a Deputación e a Rede Ágora en concreto de potenciar a existencia de proxectos sobre a recuperación de espazo público e tamén de viabilizar estes, co claro obxectivo de chegar ao final de mandato en xuño de 2023 cunha valoración cuantificada de metros cadrados gañados para as persoas na provincia. “Nos vindeiros anos vai haber fondos de todo tipo para estas iniciativas e queremos que os concellos esteades preparados con proxectos en carteira”, insistiu.

Neste sentido, o deputado nacionalista explicou outra nova liña de axudas pola que a Deputación se porá a disposición dos concellos para tramitar de maneira directa fondos europeos para obras de actuacións xa maduras. Indicou que este venres vai abrirse unha nova convocatoria de fondos da UE dotada con 6 millóns de euros que se verán incrementados con novas inxeccións, e instou aos concellos a “meter” nesa convocatoria “absolutamente todo o que poidan”.

Finalmente, Benítez explicou que dende o departamento de Mobilidade porase en marcha un Observatorio Dixital Ágora, unha especie de “caixa virtual na que se depositen todos os exemplos de intervencións que se están a facer nos Concellos Ágora”.

A Primeira Asemblea Ágora tamén serviu para facer unha valoración e retrospectiva das iniciativas que leva postas en marcha a Rede durante o seu primeiro ano de funcionamento: asesoramento, 2,4 millóns de euros en subvencións, Facultade Ágora, #FotoÁgora, metrominutos, bicirrexistros, etc.

Salceda bonificará o imposto de rodaxe dos vehículos menos contaminantes

O Pleno da Corporación do Concello de Salceda de Caselas aprobou por unanimidade, o pasado xoves, a modificación da ordenanza fiscal reguladora do Imposto de Vehículos de Tracción Mecánica (IVTM) para incluír unha bonificación do 75% para os vehículos máis eficientes, os de cero emisións e os cualificados eco.

Esta bonificación do 75 % afectará durante toda a súa vida útil aos vehículos máis eficientes enerxéticamente, os cualificados co distintivo ambiental cero emisións. Neste grupo están incluídos os eléctricos de batería (BEV), os eléctricos de autonomía entendida (REEV), os eléctricos híbridos enchufables (PHEV) cunha autonomía de 40 km ou máis ou os vehículos de pila de combustible.

A concelleira de Facenda, Lucía Pereira, sinalou que “con esta fórmula buscamos incentivar a compra e o uso de vehículos máis sostibles e respectuosos co medio ambiente, na que debe ser unha transición cara a un futuro no que a totalidade dos vehículos sexan cero emisións, reducindo así a emisión de gases de efecto invernadoiro á atmosfera”.

Tamén serán bonificados durante os cinco primeiros anos dende a data de matriculación os vehículos co distintivo ambiental etiqueta ECO. Nesta categoría están incluídos os híbridos enchufables con autonomía inferior a 40 km, os híbridos non enchufables (HEV), os propulsados por gas natural e gas (GNC e GNL) ou os que empreguen gas licuado do petróleo (GLP).

Esta bonificación súmase á xa existente do 50 % na cota do imposto para os vehículos cunha antigüidade mínima de 25 anos contados a partir da data de fabricación.

A modificación da ordenanza é unha das medidas do Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sostible (PACES), aprobado no 2020, logo de que o Concello de Salceda de Caselas se adherira ao Pacto das Alcaldías para o Clima e a Enerxía no 2019.

Verónica Tourón, alcaldesa de Salceda, finalizou declarando que “con estas bonificacións na cota do Imposto sobre vehículos de Tracción Mecánica, xunto con outras accións que  estamos  poñendo en marcha, cumprimos cos compromisos adquiridos na sinatura do PACES e imos camiñando cara un futuro máis sostible”.

A aula CeMIT de Ponteareas remata o ano con novos cursos de balde

A aula CeMIT de Ponteareas xa ten aberto o prazo de inscrición para participar nos nove novos cursos presenciais que oferta de balde para os vindeiros meses de novembro e decembro.

Son propostas para rematar o ano a través das que a veciñanza poderá participar nos cursos de iniciación á informática e ao LibreOffice, que se desenvolverán do 11 ao 26 de novembro ou do 1 ao 3 de decembro; de iniciación ao LibreOffice Calc que se celebrará do 14 ao 17 de decembro; ou de videoconferencia para persoas maiores, que será o luns 22 de novembro. Tamén poderán aprender a sacar partido á cámara do móbil  (todos os martes de novembro) e a usar e configurar o móbil Android para adultos (nivel 1) (do 9 ao 24 de novembro ou do 1 ao 15 de decembro) e nivel 2 (do 11 ao 26 de novembro ou do 2 ao 17 de decembro).

As persoas interesadas en realizar calquera destes cursos deben facer a súa preinscrición a través do espazo da aula CeMIT habilitado na web da Xunta. O número de prazas estará restrinxido debido á situación sanitaria.

Por outra banda, durante estes meses a aula CeMIT permanecerá aberta pola tar de o mércores 10 de novembro de 18.00 a 20.30 horas; o martes 30 de novembro, de 16.00 a 18.00 horas; o luns 22 de novembro de 19.00 a 20.30 horas e o luns 13 de decembro de 18.00 a 20.00 horas. A semana do 6 ao 10 de decembro a aula CeMIT permanecerá pechada. O número de prazas dispoñíbeis estará restrinxido para manter as medidas de seguridade necesarias.

Dende a Concellaría de Innovación e Desenvolvemento Tecnolóxico que dirixe Benito Márquez anímase a toda a veciñanza a acudir a usar a aula e a participar nestas actividades que buscan “promover a inclusión no uso das novas tecnoloxías, ofrecendo os coñecementos necesarios para que as persoas poidan desenvolverse cun ordenador ou cun dispositivo móbil, prestando especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital”.

Para máis información as persoas interesadas poden contactar a través do correo electrónico [email protected] ou chamando ou enviando unha mensaxe de whatsapp ao número 634 238 962 dentro do horario da aula.

Salvaterra avanza no seu compromiso co Plan de Acción polo Clima e a Enerxía Sostible

O Concello de Salvaterra de Miño vén de aprobar diversas iniciativas que avanzan co compromiso que adquiriu este grupo de goberno coa aprobación do Plan de Acción polo Clima e a Enerxía Sostible de Salvaterra de Miño.

Desta maneira ven de aprobar inicialmente varias modificacións no seus impostos que incentivan o uso de enerxías limpas. As modificacións mais salientables son un desconto do 30 por cento da cota íntegra do Imposto sobre Bens Inmobles nos que se instalen sistemas para o aproveitamento térmico ou eléctrico da enerxía proveniente do sol, durante os tres períodos impositivos seguintes ao da instalación dos mesmos. Unha bonificación no Imposto sobre a Circulación de Vehículos de Tracción Mecánica dun 50% cunha duración indefinida a partir do ano seguinte ao da primeira matriculación para os vehículos máis eficientes “cero emisións” e do 50% durante os 5 anos naturais posteriores ao de primeira matriculación para os vehículos distintivo ambiental etiqueta eco. E por último unha bonificación do 30% da cota correspondente para os suxeitos pasivos que tributen por cota municipal e que utilicen ou produzan enerxía a partir de instalacións para o aproveitamento de enerxías renovables ou sistemas de coxeración no Imposto de Actividades Económicas, durante tres anos.

E por último, pero tamén na liña de fomentar o uso do transporte colectivo, este concello ven de aprobar o convenio de colaboración para o desenvolvemento conxunto do Transporte Metropolitano de Galicia na Área de Transporte Metropolitano de Vigo.

Mos comeza a traballar no seu IV Plan Municipal de Igualdade

0

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira de Política Social e Igualdade, Sara Cebreiro, informaron hoxe de que desde o Concello, concretamente desde o departamento municipal de Benestar Social e o CIM (Centro de Información á Muller de Mos) comézase a traballar no IV Plan de Igualdade e para elo a administración local mosense vai poñerse en contacto con todos os departamentos municipais e as asociacións co obxectivo de recabar datos que permitan establecer un baremo da situación das políticas de igualdade en Mos. O procedemento iníciase coincidindo co comezo do mes de novembro, mes da non violencia, ao conmemorarse o día 25 o Día Internacional contra a Violencia de Xénero.

O Concello de Mos inicia este procedemento ante a finalización do período de vixencia do III Plan de Igualdade entre Mulleres e Homes, aprobado en 2015 e prorrogado en Pleno no ano 2019, coincidindo ademais xustamente co 25N.

O IV de Igualdade entra polo tanto en fase de avaliación, durante a que se vai levar a cabo a recollida de información co fin de facer unha diagnose da situación actual da igualdade no Concello de Mos, imprescindible para poder elaborar o IV Plan de Igualdade de Oportunidades do Concello de Mos.

Para realizar a análise prevista durante esta fase inicial de avaliación, empregarase o método da enquisa, e para elo elaborouse unha ficha onde se establecen os indicadores que servirán para coñecer a realidade en relación coa igualdade e medir o impacto que tiveron as actuacións do III Plan de Igualdade.

Neste sentido as representantes muncipais Arévalo e Cebreiro declaraban esta mañá ao respecto que “a información e valoración que dende os departamentos do Concello e as diferentes asociacións do municipio nos  poden ofrecer é imprescindible para o coñecemento da realidade de Mos sobre o cumprimento da igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, polo que agradecemos enormemente a colaboración de todos os axentes sociais implicados, que nos achegarán unha información valiosísima”.

O IV Plan de Igualdade Municipal conta con subvención do Servizo Provincial de Igualdade da Deputación no marco das Axudas para o Fomento da Igualdade de Oportunidades e Prevención da Violencia de Xénero para concellos de menos de 20.000 habitantes do ano 2021.

Este documento pretende servir de guía e marco para promover e fixar pautas de fomento da equidade entre sexos, tanto entre os traballadores e traballadoras municipais como entre a veciñanza mosense en xeral. Un documento marco que promova o cambio social de cara a obter repercusións reais, positivas e tanxibles, que dea continuidade ós precedentes elaborados tamén polo Concello e consiga progresivamente a igualdade real, a igualdade da práctica e non da teoría. A través deste Plan, e co máis óptimo aproveitamento dos propios recursos nun documento adaptado á idiosincrasia mosense, espérase beneficiar de xeito tanxible tanto á poboación como ó persoal do Concello no que a igualdade de xéneros se refire.

Posto que a conciliación e o recoñecemento laboral seguen a ser máis complicados para as mulleres que para os homes, adicando as primeiras máis tempo ás tarefas domésticas e ocupando postos de menor categoría e con peores condicións laborais, dende o Concello de Mos decidiuse emprender unha serie de políticas transversais para cambiar a situación e, entre ditas medidas, atópase este Plan de Igualdade que xa leva anos aprobando.

A vontade desta administración local é a de converterse nun Concello pioneiro en materia de igualdade e, para elo, márcase o obxectivo de que todas a iniciativas municipais inclúan dúas liñas formativas: en igualdade e en prevención da violencia de xénero.

O Concello de Mos ten adquirido o firme compromiso de incluír a concienciación igualitaria en todas e cada unha das actividades organizadas, tanto en materia de formación e emprego, como musicais, culturais, de ocio, deportivas…; así como tamén facelas extensivas á comunidade educativa achegándoas a profesorado, alumnado e familias; e ao voluntariado mosense: Protección Civil, Mos Axuda, Voluntariado Xuvenil, Voluntariado Social e Medioambiental e persoal municipal. Dentro deste marco de fomento da igualdade o CIM (Centro de Información á Muller de Mos) ten un especial peso específico e importancia capital, xa que xunto co Consello Municipal da Igualdade, vela pola igualdade de oportunidades da cidadanía mosense independentemente de cal sexa o seu xénero.

O de Mos é un municipio volcado no fomento da igualdade ente homes e mulleres. Unha igualdade real e efectiva que incida en potenciar a integración social das mulleres. Un Concello participativo de xeito activo na promoción de actuacións encamiñadas a erradicar a desigualdade e a discriminación por razón de sexo no ámbito local, así como a participación plena da cidadanía en todos os ámbitos da vida municipal. Un Concello que quere defender os dereitos das mulleres velando polo cumprimento das disposicións legais e previndo as posibles discriminacións que se poidan producir en calquera eido. Así como fomentar a concienciación das mulleres da súa propia situación, e promover cambios nas actitudes e comportamentos dos homes que perpetúan a desigualdade entre ambos. Impulsar, promover e apoiar o asociacionismo feminista e de mulleres e aqueles outros que promovan a igualdade entre xéneros respectando a súa autonomía. E potenciar a participación social das mulleres co fin de que se constitúan responsables e protagonistas do seu propio proceso de promoción e desenvolvemento e para a consecución dunha igualdade real e efectiva.

A Deputación enxalza o potencial dos proxectos do II Programa de Apoio ao Emprendemento no Rural

Os catro proxectos participantes no II Programa de Apoio ao Emprendemento no Rural, que a Deputación de Pontevedra promove da man da Fundación Roberto Rivas, veñen de ser presentados hoxe na xornada “demoday”. Son catro iniciativas lideradas ao 100% por mulleres de Lalín, Tomiño, A Illa de Arousa e Vigo centradas na sustentabilidade, dixitalización, inclusión e valoración do patrimonio cultural e territorial.

Durante o “demoday”, as catro mulleres protagonistas do II Programa de Apoio ao Emprendemento no Rural deron a coñecer as súas iniciativas da man das súas mentoras/es nun acto no que tamén se  puido escoitar a música de Catuxa Salom. Deste xeito, Manuela Fernández, de A Illa de Arousa, presentou o seu proxecto de transformación do “turismo empaquetado nunha experiencia única e harmoniosa na que se entende o ocio de xeito diferente”. Pola súa banda Sheila Dorrego, de Tomiño, deu a coñecer “Alen do Minho”, unha iniciativa “centrada na posta en marcha dunha axenda  cultural e de lecer que recompila actividades da beira galega e portuguesa do Miño”.  No caso de Johanna Medina, de Lalín, amosou os seus deseños “sostibles e exclusivos feitos a man, apostando pola artesanía e o emprego de materiais naturais”. Finalmente Mireia Murgoitio, de Vigo, amosou a súa iniciativa de “acompañamento de empresas e particulares nos procesos de dixitalización”.

Amais de dar a coñecer os proxectos emprendedores, coa xornada “demoday” implicouse tamén ao público e potencial clientela, con preguntas e comentarios sobre as iniciativas presentadas. Ademais trala quenda de exposicións lanzáronse preguntas a través da ferramenta “menti” para crear nubes de etiquetas de cada un dos proxectos emprendedores. A partir de agora e ata decembro, mes no que terá lugar o remate da segunda edición do Programa de Apoio ao Emprendemento no Rural, canalizarase o feedback recibido durante o “demoday” para mellorar as iniciativas empresariais, que seguirán recibindo formación sobre as habilidades e destrezas necesarias para xestionar a posta en marcha e desenvolvemento dun proxecto emprendedor.

O II Programa de Apoio ao emprendemento no rural enfoca a súa metodoloxía na  construción de modelos de negocio sostibles desde un punto de vista, social, económico e medioambiental que favorezan a xeración de riqueza no e para o territorio.  Deste eito, o programa desenvólvese en tres fases tendo xa rematadas as dúas primeiras nas que se ideou e desenvolveu o proxecto de negocio, analizáronse os gastos e ingresos, definiuse o marketing mix, a identidade de marca e estratexia de comunicación e impartiuse formación sobre oratoria e presentación de proxectos. A partir de agora arranca a última fase do programa, que se pechará en decembro, na que se lanzará o proxecto coa axuda de titorías grupais e individuais a través da metodoloxía Lean Startup.

A alcaldesa presenta ao presidente da Xunta os proxectos de futuro en Tomiño

0

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, foi recibida onte polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, para comentar con ela os principais proxectos no Concello, como a iniciativa da posta en marcha dun polígono agroforestal.

Este proxecto, enmarcado ao amparo da Lei de recuperación da terra e que se situaría na zona da parcelaria dos Panascos, dedicaríase á produción de planta ornamental, hortofruticultura e viveirismo, dous dos sectores produtivos máis destacados do municipio.

A alcaldesa agradeceu que o presidente a recibira (por primeira vez nos 14 anos de goberno) e aproveitou para convidalo a visitar Tomiño e coñecer de primeira man a problemática dos sectores produtivos, agradecendo poder comentar con el ademais, importantes proxectos como a ampliación do IES Antón Alonso Ríos, con máis de 600 alumnos na actualidade e situado nun municipio cun crecemento poboacional permanente.

Outro dos proxectos importantes para Tomiño e toda a comarca dos que falou a alcaldesa, para pedir o apoio da Xunta de Galicia, foi o do futuro parque de lecer transfronteirizo que inclúe a construción dunha pasarela peonil entre Goián e Vila Nova de Cerveira; proxecto que pola súa envergadura, non será posible sen a axuda dos Estados Español e Portugués (este último xa avanzou o seu apoio), así como do goberno autonómico. Neste sentido, a rexedora reclamou a disposición de fondos europeos do programa Next Generation.

Durante o encontro, ambos mandatarios tamén abordaron a situación sanitaria. Sobre ese punto e ante a preocupación da alcaldesa pola espera na primaria, o presidente da Xunta trasladoulle que a administración galega está a traballar para paliar a falta de profesionais na atención primaria.

O IES A Sangriña da Guarda retomou hoxe as clases

0

O instituto IES A Sangriña da Guarda retomou hoxe as clases tras solucionar os danos ocasionados pola entrada da chuvia nas súas instalacións o pasado venres. Un erro por parte da empresa que xestiona a obra de cambio de cuberta do centro fixo que non se tomaran as precaucións necesarias diante do temporal, o que redundou na inundación dalgunhas partes do centro.

O xefe territorial da Consellería de Cultura, Educación e Universidade na provincia de Pontevedra, César Pérez Ares, reuniuse esta mañá co equipo directivo do instituto para informalo das actuacións previstas. Neste sentido, desde o departamento educativo do Goberno galego preparouse coa empresa responsable das obras un programa de actuacións para evitar que se repitan situacións deste tipo, máis tendo en conta que a acta de replanteo do cambio de cuberta se asinou o pasado 16 de agosto, polo que as obras máis importantes xa se podían ter desenvolvido, evitando o suceso do pasado venres.

Así mesmo, o xefe territorial informou ao equipo directivo de que a empresa adxudicataria se fará cargo dos danos ocasionados por mor deste erro na previsión de actuacións. Na reunión celebrada esta mañá participaron tamén representantes da Unidade Técnica da Consellería en Pontevedra e da empresa responsable do cambio de cuberta.

O Concello de Ponteareas felicita á ximnasta Melania Rodríguez, campioa de España absoluta en Dobre Minitramp e bronce en trampolín

O concelleiro de Deportes do Concello de Ponteareas, Miguel Bouzó, quere felicitar en nome do Goberno local á ponteareá Melania Rodríguez Muñoz, integrante do Club Ximnasia Burgas, que vén de facerse co título de campioa de España absoluta en Dobre Minitramp e de conseguir a medalla de bronce na categoría absoluta en Trampolín na competición disputada a pasada fin de semana en Ourense.

Uns magníficos resultados que reflicten “o enorme traballo diario que hai detrás de todas e todos os deportistas de alto nivel, que se esforzan en cada adestramento para superar todos os límites”.

O Goberno local quere trasladarlle ademais os seus mellores desexos para a vindeira cita no Campionato do Mundo absoluto que se celebrará en Bakú (Azerbaixán) do 18 ao 21 de novembro, onde competirá en trampolín e dobre minitramp.

Luis Piña defende o centro médico de Valeixe ante as noticias do seu peche inminente e reclama un cuarto médico para A Cañiza

0

O alcalde da Cañiza, Luis Piña, vén de convocar un Pleno Extraordinario para este vindeiro xoves 4 de novembro  ás 9:00 horas, cunha porposta de Acordo que pretende consensuar con toda a Corporación Municipal de cara amosar a oposición firme ao peche do centro médico de Valeixe ante as noticias do seu inminente peche. De feito, a Xunta decidiu non cubrir a praza do facultativo dese consultorio derivando todos os pacientes ao Centro Médico da Cañiza.

Piña afirmou que “non hai necesidade de facer axustes coa Sanidade Pública nin de crear unha atención sanitaria deficiente. Este País non se merece este trato”. O alcalde da Cañiza lembrou que a administración pública, neste caso a Xunta de Galicia “ten o deber de esforzarse no mantemento dos servizos, sen recortes innecesarios”. Para o rexedor local cañicense “se hai 30 anos o PIB de España refrexaba máis pobreza que agora e mantíñamos este servizo, porqué hoxe, sendo máis ricos, queremos eliminar a dotación sanitaria no rural”.

O alcalde da Cañiza asegura que “non hai necesidade de reaxustar e os veciños non  merecen este abandono” e expresa subliña que se se quere facer unha aposta polo rural “esta non pode pasar por desmantelar este servizo”.

En todo caso, o Sergas mantén o seu posicionamento inicial no que argumenta que polo volumen de cartillas asignadas a cada médico, non é necesario un cuarto facultativo. Porén, dos datos extraídos do SIGAP do Sergas, as tres consultas médicas do PAC da Cañiza e o consultorio de Valeixe suman case 4.500 cartillas que de concentrarse no PAC provocará un colapso e saturación no centro e unha atención sanitaria deficitaria.

Ademáis engádese a circunstancia dunha elevada porcentaxe destas cartillas pertence a veciños xubilados que precisan de constante e maior atención sanitaria.

Tamén hai que considerar que  A Cañiza está experimentando un aumento no Padrón Municipal de Habitantes quedando atrás a curva de perda de poboación, circunstancia que Luis Piña xa lle transmitiu á xerencia en reiteradas ocasións.

Pola súa banda, a Xerencia xa comunicara ao Alcalde hai meses que “non teñen medios” e que se trata dun “deseño global que afecta a toda Galicia”, argumentos que, evidentemente, non convencen nin ao alcalde Luis Piña nin á veciñanza da Cañiza.

Piña reitera que o seu principal obxectivo “é defender os intereses do Concello da Cañiza e neste caso da parroquia de Valeixe”, polo que, despois de case tres anos sen resolver este problema, apoiará aos veciños en todo o necesario ata conseguir  que as mulleres e homes da parroquia poidan contar cuns servizos médicos dignos.

En palabras do Alcalde “a Xunta debería ter en conta que vivimos no interior de Galicia, nun rural diseminado, onde todavía non chegou o transporte público metropolitano que obriga á veciñanza a depender de transporte privado e taxis para os traslados”. “Que a meirande parte das case 800 cartillas adscritas ao médico de Valeixe son persoas maiores con dificultades de mobilidade, que multiplican a necesidade de atención médica, carecen de vehículo propio e atópanse sen familiares que os poidan achegar ata A Cañiza”.

A reclamación da asignación dun facultativo para o Centro Médico de Valeixe e un cuarto médico para o Centro de Saúde da Cañiza a é unha das primeiras reclamacións do Alcalde Luis Piña que xa o 19 de xullo de 2019 informaba ao xerente do EOXI de Vigo da problemática da non cobertura desta praza.

Unanimidade na aprobación do orzamento para o 2022 do Consorcio Provincial Contra Incendios que crece un 2 %

O pleno do Consorcio Provincial Contra Incendios e de Salvamento, adscrito á Deputación de Pontevedra e participado ao 50 % pola Xunta de Galicia, aprobou onte por unanimidade o orzamento para 2022, que ascenderá a 3.895.600 euros, o que supón un incremento do 1,98 % con respecto ás contas de 2021 (75.900 euros máis).

No pleno, que foi presidido por Carmela Silva como presidenta da Deputación e ao que asistiron o director xeral de Emerxencias, Santiago Villanueva, e os e as representantes da Deputación de Pontevedra e da Xunta de Galicia, púxose de manifesto que se trata do primeiro orzamento que se elabora desde o cambio de modelo a unha xestión 100 % pública, unha vez extinguido o contrato coa empresa Matinsa, orzamento que segundo o informe económico/ financeiro está nivelado tanto no estado de gastos como no de ingresos.

De igual forma valorouse a boa saúde económica do Consorcio Provincial, con solvencia financeira, débeda cero e cun remanente de Tesourería de 4.674.087,62euros, co que se poderá xerar crédito e suplementar as aplicacións para asumir os investimentos que resulten necesarios sen precisar achegas complementarias dos entes consorciados.

Na sesión aprobáronse tamén as bases de execución do orzamento e o cadro do persoal, que foi subrogado co pase do modelo á xestión directa, e de retribucións do ano 2022, cunha previsión de incremento dun máximo do 2 % en atención ás previsións do Goberno central.

Finalmente, o pleno deu luz verde á conta xeral do exercicio de 2020 que, segundo o informe da Secretaria Interventora, cumpriu os obxectivos de estabilidade orzamentaria, regra de gasto e sustentabilidade financeira, e alcanzou un positivo período medio de pago de 13 días.

Mondariz abre a inscrición para o ‘escape room’ «Rexeita o maltrato»

0

O 20 de novembro, a partir das 19:30 horas, a Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) do Concello de Mondariz organiza unha actividade gratuíta de escape room para mozos e mozas na Praza de Abastos da localidade, coa violencia de xénero como tema principal.

“Tendo en conta que o 25 de novembro é o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, esta actividade serve para concienciar á mocidade a través do xogo”, sinala Anxos Carballo, concelleira responsable de Cultura, Igualdade, Educación e Mocidade en Mondariz.

O escape room é un xogo de investigación e escapismo por equipos. No pasado mes de agosto, Mondariz xa acolleu un escape room urbano na Praza de España sobre mulleres na historia, e agora volve repetir a experiencia da man da empresa “Territorio Comanche”, que é unha referencia no deseño destas actividades de aventura.

O prazo de inscrición para participar no escape room do 20 de novembro en Mondariz xa está aberto. Os equipos deben estar formados por entre 3 e 5 persoas con idades comprendidas entre 13 e 18 anos, aínda que as menores de 13 tamén poden participar se van acompañadas dunha persoa adulta. Os equipos deben inscribirse na OMIX de Mondariz a través de teléfono (680 964 461) ou correo electrónico ([email protected]) antes do 17 de novembro.

Máis de 700 atletas participarán esta fin de semana no Trail do Aloia

0

700 persoas participarán esta fin de semana no Trail do Aloia, delas 500 participarán na categoría absoluta e 200 na infantil que se incorpora coma novidade esta edición. A proba foi presentada na casa do Concello de Tui polo concelleiro de Deportes, Rafael Estévez; o vereador de Desporto de Valença, Arlindo Sousa; o deputado de Deportes, Gorka Gómez, e por Serafín Martínez e Justi Peixoto da empresa organizadora. O Trail do Aloia está subvencionado polo proxecto Interreg Unicidade Valença-Tui.

O concelleiro de Deportes de Tui, Rafael Estévez, recoñeceu que é unha proba á que lle ten moito cariño, xa que formou parte da organización da mesma durante dous anos. Destacou que se trata dun percorrido moi bonito cunha “paisaxe natural impresionante”. De cara a futuras edicións plantexou a posibilidade de realizar un novo trail na Eurocidade Tui-Valença, neste caso no monte Faro en Valença.

O vereador de Desporto de Valença, Arlindo Sousa, destacou que “o obxectivo de Valença é continuar a apoiar o deporte e as relacións con Tui a través da Eurocidade”. Apostou por favorecer as condicións para a práctica deportiva, e salientou coma estes eventos son tamén un incentivo para o comercio local, pola afluencia de persoas aos municipios onde se celebran estes eventos.

No mesmo senso pronunciábase o deputado provincial de Deportes, Gorka Gómez, quen afirmou que “somos defensores do turismo deportivo”. Salientaba amais coma este Trail do Aloia é unha proba moi importante para de Deputación ao formar parte do Pontevedra Trail League que comezou en maio no Rosal e rematará o 21 deste mes na Guarda co Trail do Trega.

Serafín Martínez, da organización do Trail, explicaba que “a aceptación que está a ter o trail está sorprendendo moito” referíndose aos 450 inscritos na categoría absoluta e aos 150 na infantil, rexistrados até esta mañá, unhas cifras que agarda superar e chegar aos 500 e 200 respectivamente mañá mércores ás 23.59 h cando se peche a inscrición. Destacou amais que entre os participantes haberá deportistas de Galicia, Portugal e León, que poderán gozar do entorno natural que ofrece o Parque Natural do Monte Aloia.

Justi Peixoto, na presentación desta mañá destacaba a incorporación da categoría infantil con distintas distancias que que perseguen que os cativos e cativas se inicien tamén nesta práctica deportiva.

O domingo ás 10.30 h dende a Macoca terá lugar a saída da proba absoluta na que as persoas inscritas deberán realizar 15 quilómetros polo Monte Aloia con 600 metros de desnivel. Previamente o sábado ás 16 h celebrarase o Aloia Kids Trail para nenos e nenas de 5 a 15 anos con diferentes distancias en función da categoría.

Toda a información e inscrición está accesible en http://www.traildoaloia.com/.

Recta final para ‘Cocreando Sociedade’ o proxecto do Rosal para ser un concello máis inclusivo

0

O Rosal continúa no seu camiño para ser un concello máis inclusivo. O proxecto Cocreando Socieade no que diversos representantes de colectivos do tecido asociativo, da administración local e de entidades que traballan en prol da diversidade atópase na súa recta final. A alcaldesa, Ánxela Fernández, explica que os proxectos que se puxeron en marcha este ano están por finalizar “con bos resultados” e engade “que o Cocreando non parará por completo ata facer do Rosal un lugar accesible para todos e para todas”.

Dende o seu inicio, este ano, xa se puxeron en marcha tres iniciativas. Unha inmersión sensorial no que persoas usuarias de San Xerome e Avelaíña puideron gozar do concerto de Bandas Sonoras da Agrupación Musical do Rosal sentados entre os propios músicos e músicas, visitas guiadas as asociacións de San Xerome e Avelaíña co obxectivo de coñecer mellor a súa labor, ás persoas usuarias e atopar sinerxías de colaboración, e tamén a aposta polo sendeirismo inclusivo coa adquisición dunha cadeira todo terreo para persoas con mobilidade reducida.

A partir de agora os diferentes colectivos que integran Cocreando Socieade continuarán creando proxectos para os próximos 3 anos. Estarán distribuídos en grupos temáticos de deporte, cultura e educación, co que “esperamos aumentar a participación das persoas con diversidade funcional nas actividades cotiás do tecido asociativo, xerar sinerxías entre todas as entidades implicadas, contar coas propias persoas con diversidade funcional no deseño de actividades e poñer en valor o gran tecido asociativo que temos no Rosal” conclúe a alcaldesa.

A Deputación presenta o orzamento “máis alto e expansivo” da súa historia para asentar a recuperación post covid

Acelerar e consolidar a recuperación da provincia trala pandemia e facelo cunha potente inxección económica aos concellos, da man dos 17 obxectivos da Axenda 2030 e coa mirada posta nos fondos europeos, definen o orzamento da Deputación de Pontevedra para o próximo ano 2022. “Falamos do orzamento máis ambicioso, expansivo, valente e transformador da historia da institución”, sinalou a presidenta provincial Carmela Silva.

O orzamento para o próximo ano ascenderá aos 175,8 millóns de euros, un 6,86% máis que en 2021, sendo o consolidado de 179,5 millóns (coa Escola de Enfermería e os Consorcios Provincial Contra Incendios e o de Deza-Tabeirós). A presidenta provincial avanzou, non obstante, que as contas se elevarán ata os 216,5 millóns de euros, xa que hai que engadir ao consolidado algúns proxectos xa aprobados, contratados ou pendentes de licitación como son, entre outros, obras de infraestruturas, as fases I e II da rehabilitación da Xunqueira de Alba, o proxecto de dixitalización e rehabilitación enerxética do Pazo Provincial, o de mellora enerxética do CEIP Daría González, a cuberta da Escola de Cantería e as melloras no Museo, que ascenderá a 20,2 millóns de euros, amais doutros 17 millóns xa comprometidos de fondos europeos.

O obxectivo é claro: a reactivación social e económica da provincia e de cada un dos concellos, que o ano que vén terán a súa disposición case 100 millóns de euros, convertendo de novo á Deputación de Pontevedra en líder en transferencias aos municipios de todas as institucións provinciais do Estado. “Somos a administración provincial que máis respecta a autonomía local e máis transferencias fai –dixo a presidenta–. Case duplicamos a media das deputacións do Estado e iso convértenos nun modelo diferente de xestión da provincia”.

Carmela Silva: “Non so é o orzamento máis alto da historia, tamén é o máis inversor, o máis valente e o máis transformador”

Todo elo nun escenario de excelente saúde financeira, con débeda cero, despois de ter que facer fronte a 41 millóns de euros herdado da época do goberno do PP, e coa continuidade do traballo xa feito nos grandes obxectivos de sustentabilidade, innovación e dixitalización, reforzo dos sectores estratéxicos, reequilibrio do territorio, reforzo da política social, a igualdade e o medio ambiente como bandeiras, a loita contra o despoboamento e a reactivación cultural, deportiva e turística. Carmela Silva, que destacou a súa satisfacción “porque nunca se aprobará tan rápido un orzamento e o enorme esforzo feito para incrementar como nunca as contas ”, sinalou que responden “a nosa decisión de que o 2022 e 2023 sexan anos dunha forte inversión pública. É preciso poñer en marcha moitos recursos para facer fronte ás consecuencias económicas, sociais e tamén para facer fronte a algo que levamos 6 anos facendo, que esta provincia sexa unha provincia sostible baixo os parámetros da Axenda 2030 e do respecto ao medio ambiente e de recuperación do espazo público”. A presidenta provincial tamén subliñou a boa saúde financeira. “No 2015 herdamos unha débeda de preto de 41 millóns de euros que a finais do 2022 teremos pagada. Ter débeda cero vainos permitir que poidamos endebedarnos para facilitar a inversión na provincia a través do ReacPon. Isto significa que a boa xestión política e económica vai permitir que o 2022 sexa un ano de gran crecemento na provincia”.

Carmela Silva realzou que “todo o orzamento está pensado para o escenario post Covid, para a reactivación, e polo tanto hai que sumar o ReacPon que daremos a coñecer o venres, o escenario dos Next Generation, co que imos ter máis fondos, a mellora da xestión do ORAL e todo o vinculado á Axenda 2030, porque facemos todos os nosos orzamentos con esa mirada”. “Nós comezamos hai 6 anos cun modelo de provincia transformador e adiantámonos a todo o que agora son as catro grandes liñas de transformación socio económica e medioambiental: transición ecolóxica, igualdade, cohesión territorial e dixitalización. Levamos traballando con isto e agora podemos ter un orzamento tan potente que permite responder a ese cambio de paradigma económico e social”, concluíu.

Pola súa banda, o vicepresidente César Mosquera amosouse satisfeito de que os Orzamentos da Deputación para 2022 van entrar en vigor este mesmo ano, permitindo aos concellos saber a súa previsión de ingresos, estabilidade á hora de gobernar, e ritmo á hora de sacar adiante os proxectos. Segundo dixo, as transferencias dos fondos provinciais aos concellos de máis de 50.000 habitantes permiten executar o 90% das obras dos gobernos locais con actuacións “cada vez de maior calidade e que prestan mellor servizo á cidadanía”.

Mosquera asegurou tamén que a Deputación de Pontevedra, con apenas o 1,51% do orzamento da Xunta, está a tapar boa cantidade das faltas do Goberno de Feijoo, entre outras, mantendo o funcionamento de Príncipe Felipe, os consorcios de Bombeiros, as escolas de Cantería ou Enfermería, ou incluso dotando de fondos aos Concellos para os servizos sociais. “E aínda así ameazan coa Lei de Augas con obrigar a poñer máis cartos para cousas de competencia da Xunta”, protestou. Finalmente, salientou que o orzamento de 2022 tamén permitirá acometer obras de envergadura como a reforma do Museo ou o traslado do parque de maquinaria para liberar a Xunqueira de Alba, e tamén seguir a traballar en competencias propias como as estradas provinciais que, ao seu xuízo, teñen unha diferencia de calidade e tratamento “evidente” con respecto a outras deputacións.

O vicepresidente pechou a súa intervención asegurando que o goberno provincial é sólido, non gasta enerxías en cuestións internas e menores, senón que soluciona problemas e facilita recursos aos concellos. Sinalou que o horizonte económico é mellor do previsible e que a execución dos orzamentos 2022, “os mellores da historia”, terá lugar ao mesmo tempo que a xestión, tramitación e execución de fondos da Unión Europea. “Temos ganas de facer isto e máis. Imos dar conta do reto: é a nosa intención e ilusión”, subliñou. Como única sombra posible, Mosquera citou as dificultades das empresa e o sector privado para a execución de proxectos. “Isto sería o único que nos podería complicar a existencia. O resto está rodado, embalado e cos obxectivos ben enfocados”, pechou.

Plan Concellos

Aos municipios diríxese unha das medidas clave do orzamento: o Plan Concellos será bianual e, polo tanto, os gobernos locais terán a súa disposición 73, 5 millóns de euros, xa que no 2022 poderán contar, amais dos 43 millóns do Plan, con outros 30,5 millóns da Liña 1 de investimentos do Plan do 2023. A decisión do goberno da Deputación supón incrementar o plan provincial nun 72,94%, ao que se sumarán en transferencias directas outros 22,2 millóns de euros das áreas de infraestruturas, mobilidade sostible, programas sociais, plans de emprego, apoio ás novas tecnoloxías, recuperación de patrimonio e dinamización da lingua, accións de igualdade, cultura, turismo e deporte, amais da estratexia transfronteiriza, a acción do ORAL e do SAIM.

A execución do Plan Estratéxico de Fondos Europeos será outra das ferramentas para consolidar a recuperación. Se no 2021 a Deputación chegou a mobilizar ata 42 millóns de euros en 41 proxectos relacionados coas TIC, o emprendemento rural, a innovación e a sustentabilidade, o goberno xa ten comprometidos para 2022 outros 17 millóns de euros. Están definidos os eixos de actuación na transición verde, a dixitalización, o reto demográfico e a igualdade na que se basea a estratexia de captación, que xa está a dar froitos. “Sen dúbida imos xestionar moitos máis fondos, nesta presentación só contabilizamos os xa comprometidos”, explicou a presidenta

O orzamento da política social crece máis dun 7% ata os 18,2 millóns de euros e o 2022, unha vez encamiñada a pandemia, traerá de novo os valorados programas de participación como DepoTermal, En Ruta coa Depo, Depo en Marcha ou os Campamentos da Lanzada. Soben tamén as axudas de emerxencia para os concellos, ás que se une o salto de calidade da teleasistencia. Haberá nova xestión na Escola Infantil do Príncipe Felipe que crece como centro de referencia, e novas accións coa mocidade máis vulnerable.

A sustentabilidade impregna todas ás áreas de goberno. O orzamento para as políticas de recuperación sostible aumenta un 9,3% ata os 38,8 millóns de euros para as infraestruturas provinciais, a mobilidade coa Red Ágora, a política de residuos con Revitaliza, a reacción nos viveiros de Barro e Lalín, o apoio ao sector primario, as novidades do laboratorio en Mouriscade que xa é referente internacional e da mellora xenética, o I+D+i en Areeiro, a promoción do emprego e o apoio á economía verde.

A igualdade volve a ser un dos sinais de identidade da Deputación de Pontevedra. Serán 1,8 millóns de euros, cun crecemento do 28,57%, e máis proxectos en todo o territorio, accións de corresponsabilidade fronte á conciliación, novos proxectos coa Universidade como a Cátedra de Feminismos e impulso da Escola María Vinyals, referencia estatal e internacional.

Destinaranse 21,8 millóns de euros á reactivación cultural, turística e deportiva da provincia, un 3,81% máis que en 2021. Desde o apoio á creación cultural, a mellora do Museo de Pontevedra, a Escola de Letras, os Rías Baixas Fest e os Film Fest, a dinamización da lingua, o turismo intelixente, os grandes eventos deportivos co impulso ás mulleres , ou a recuperación do patrimonio, sen esquecer a Memoria Histórica, cun orzamento de 0,56 millóns de euros.

A modernización da administración provincial volverá a ser unha constante. 30 millóns de euros, un incremento dun 5,63% para unha xestión eficiente e transparente, un novo impulso da dixitalización, o Teletraballo, e a administración electrónica 100%, amais da mellora das instalacións e novas ofertas de emprego cara a unha maior cualificación do cadro de persoal.

Nesta ligazón pódese descargar un resumo dos Orzamentos presentados.

A mocidade de Ponteareas “inmunízase” co galego nunha nova edición do Correlingua

A mocidade dos institutos de Ponteareas sumarase este venres ao Correlingua 2021, unha xornada que ten como lema “Inmunízate co galego”, para apelar á defensa do galego fronte ás linguas maioritarias, á cultura dominante, aos prexuízos lingüísticos e á exclusión social. A alcaldesa e concelleira de Ensino, Cristina Fernández Davila, explica que en Ponteareas “acollemos este acto para que os rapaces e rapazas se vacinen fronte á vergoña, a intolerancia, a ignorancia e o rexeitamento”, e poidan así “sentirse orgullosos e orgullosas de falar e escribir na nosa lingua”.

O Correlingua chega a Ponteareas o vindeiro xoves coa actuación do Dúo Vaguedades. Isabel Risco e Fran Rei convértense en Rosalía de Castro e Eduardo Pondal nun proxecto audiovisual que mestura humor e música e que propón unha revisión cómica de diversos aspectos que nos definen como galegos e galegas, así como dos fitos máis sobranceiros do noso patrimonio cultural. A actuación tamén será retransmitida por streaming a través da canle de youtube do Correlingua.

O concelleiro de Lingua, Fernando Groba, e o de Mocidade, Miguel Bouzó, tamén destacan o proxecto e “dan os parabéns” a Mesa pola Normalización Lingüística, a CIG Ensino, a Asociación Sociopedagóxica Galega, e as administracións públicas polo Correlingua, e afirman que iniciativas coma esta “son moi necesarias para que a mocidade coñeza o valor de contar cunha lingua propia”.

O Correlingua recibiu en 2016 o VII Premio Rosalía de Castro de Lingua. O xurado considerou que merecía este premio por ter destacado no compromiso coa lingua, pola capacidade de introducir o galego desde a infancia entre as máis cativas e cativos e por manter ese uso vivo a medida que medran a través de múltiples actividades.

A Guarda presenta unha programación cultural de outono ampla, variada e para todos os públicos

0

O Concello da Guarda presentou, este pasado venres 29 de outubro a Programación de Outono nun acto presidido polo alcalde Antonio Lomba ao que acompañaban a concelleira de Cultura, Montserrat Magallanes; o concelleiro de Turismo, Rafa Álvarez e a concelleira de Desenvolvemento Local e Formación, Fátima Rodríguez.

A programación de Outono deste ano conta con actividades para todos os públicos, con eventos culturais con obras de teatro e exposicións, así coma numerosos obradoiros e accións formativas e a programación das conmemoracións do Día contra a Violencia de Xénero.

O venres 12 de novembro ás 20:30 h a Sala de formación do 1º andar do concello vello acolle o obradoiro sobre fotografía de produto para comercio electrónico e redes sociais, onde os participantes terán a oportunidade de coñecer como facer fotografías de xeito profesional para o seu uso en plataformas de comercio electrónico e redes sociais. O obradoiro ten unha duración aproximada dunha hora e é preciso unha inscrición previa chamando ao 986 610 000 ext.7 ou remitindo un correo electrónico a [email protected], as prazas son limitadas.

O sábado 13 de novembro ás 18:00h o Centro Cultural acolle o espectáculo de maxia “A Igualdade non ten Truco”, as inscricións para esta actividade abriranse a semana previa a través da web eventbrite.es ou no Centro Cultural en horario de 16:00 h a 21:00 h.

O venres 19 de novembro ás 19:00ho Centro Cultural acolle a obra de teatro ‘Illas Desertas’, partindo de dous grandes fracasos da historia: a aventura da aviadora Amelia Earhart e da expedición de Ernest Shackleton, esta obra nos achega á inutilidade das cousas inútiles. Con presencia das diferentes tecnoloxías e linguaxes a obra propón unha interacción continua co público.As inscricións para esta actividade abriranse a semana previa a través da web eventbrite.es ou no Centro Cultural en horario de 16:00 h a 21:00 h.

O xoves día 25 de novembro ás 20:00 h o Centro Cultural acolle o espectáculo ‘O ben querer(se)’, por Aldaolado, onde as poetas Lucía Aldao e María Lado mesturan poemas, música e historias para facer visibles as desigualdades que as mulleres seguimos atopando na nosa vida pública e privada. Unha actividade da programación de conmemoración do Día Internacional contra a violencia de Xénero.

O sábado 27 de novembro ás 17:00h o Centro Cultural acolle varias actividades dentro da programación de conmemoración do Día Internacional contra a violencia de Xénero e que terán inicio ás 17:00h cos contos en familia “A Igualdade como fío conductor”, da man de Cris de Caldas, un espectáculo para bebés (1 a 5 anos). Contos con música, exposición de libros e conversa didáctica coas familias.

Seguindo a programación ás 18:30h arranca “Contos en lila”, contos para rir, emocionar e reflexionar sobre o mundo que queremos. Poñede as orellas para escoitar uns contos en lila, por unha sociedade máis xusta e igualitaria.

Xa para rematar a xornada do sábado 27 de novembro ás 20:30h terá lugar “Mulleres de conto”, una peza para público adulto (a partir dos 16 anos) a cargo de Cris de Caldas, onde mulleres anónimas que con intelixencia, retranca e pouco máis, pois nada tiñan, foron quen de vencer as inxustizas ou saltar obstáculos.

O venres 26 de novembro ás 20:30h na Sala de formación no 1º andar do concello vello acolle o obradoiro de posicionamento de empresas no mapa con Google My Business que servirá para que os participantes coñezan as novidades e funcionalidades de google, mellorando a información e posicionamento da empresa nos mapas online. O obradoiro teñen unha duración aproximada dunha hora e é preciso unha inscrición previa chamando ao 986610000 ext.7 ou remitindo un correo electrónico a [email protected], as prazas son limitadas.

O sábado 27 de novembro a Casa dos Alonso acolle unha homenaxe e inauguración dunha Exposición adicada a Eliseo Alonso, que estará ata o 9 de decembro en horario de 9:00 h a 14:00 h de luns a venres. Informarase proximamente da hora da homenaxe.

O xoves 2 de decembro terá lugar na Casa dos Alonso un obradoiro organizado pola Omix sobre “Papiroflexia para celebracións”, o obradoiro ten prazas limitadas e as persoas interesadas deberán inscribirse na OMIX a través do mail [email protected] ou no teléfono 986610000 ext. 7.

O venres 3 de decembro terá lugar na Casa dos Alonso un obradoiro organizado pola Omix sobre ‘Xogando no Nadal’, cunha charla na que o xogo e o xoguete serán os protagonistas, nunhas datas nas que moitas familias planifican os agasallos de Nadal, tentando axudar nunha compra máis consciente e pedagóxica. Para a charla non será necesaria a inscrición previa.

O sábado 4 de decembro ás 18:00h o Centro Cultural acolle a obra de teatro familiar “Patapatum” da Compañía Elegante Elefante. “Patapatum” é un espectáculo de teatro visual sen palabras para público infantil e familiar a partir dos 4 anos. A música Dixieland, as máscaras e a fisicalidade das personaxes proporcionan un universo cómico que viaxa desde o realismo ata a hipérbole da vida cotiá. “Patapatum” é unha reflexión sobre o tempo, a crianza e como enchemos os baleiros das nosas ausencias. As inscricións para esta actividade abriranse a semana previa a través da web eventbrite.es ou no Centro Cultural en horario de 16:00 h a 21:00 h.

O venres día 10 de decembro ás 18:30 h o Centro Cultural acolle un obradoiro organizado pola Omix sobre “Reutilizando envases” no que se posibilita: artellar obxectos, traballar a creatividade e darlle segundos usos a obxectos. O obradoiro ten prazas limitadas e as persoas interesadas deberán inscribirse na OMIX a través do mail [email protected] ou no teléfono 986610000 ext. 7.

Tamén na xornada do venres día 10 de decembro ás 21:00h o Centro Cultural acolle a peza de teatro musical “O Candil”, na que Carmela, tras unha longa xornada cargando peixe no porto da Coruña, consegue colarse nunha sala do Pabillón Lino, un famoso teatro de variedades. Vai acompañada da súa amiga Marica, unha atolada tabaqueira. Alí coñecerán a Elvira, sofisticada cupletista que organiza festas clandestinas para as grandes personalidades do momento…. As inscricións para esta actividade abriranse a semana previa a través da web eventbrite.es ou no Centro Cultural en horario de 16:00h a 21:00h.

O venres 17 de decembro ás 18:30h o Centro Cultural acolle o obradoiro “Reutilizando Abelorios”, no que se posibilita: artellar obxectos, traballar a creatividade e darlle segundos usos a obxectos. O obradoiro ten prazas limitadas e as persoas interesadas deberán inscribirse na OMIX a través do mail [email protected] ou no teléfono 986610000 ext. 7.

PROGRAMA DE OUTONO

  • Venres 12 novembro
    • Curso formación comercio Fotografía de produto para comercio electrónico e redes sociais
    • Inscrición previa en OMIX
  • Sábado 13 novembro
    • 18:00 h. Centro cultural
    • Maxia: A igualdade non ten truco
    • Inscrición previa en eventbrite.es ou no centro cultural (16 a 21h.), na semana previa
  • Venres 19 novembro
    • 21:00h. Centro cultural
    • Teatro Illas desertas
    • Inscrición previa en eventbrite.es ou no centro cultural (16 h a 21 h), na semana previa
    • Actividades de conmemoración do día internacional contra a violencia de xénero
    • Inscrición previa das actividades en eventbrite
  • Xoves 25 de novembro
    • 20:00 centro cultural
    • Espectáculo: O ben querer(se), por aldaolado
  • Sábado 27 de novembro
    • No centro cultural
    • 17:00h. Contos en familia, A igualdade como fío condutor
    • 18:30h. Contos en lila
    • 20:30h. Mulleres de conto
  • Venres 26 novembro
    • Curso formación comercio Posiciona a túa empresa no mapa con google business
    • Inscrición previa en OMIX
  • Sábado 27 novembro
    • Casa dos Alonso – hora por confirmar
    • Homenaxe a Eliseo Alonso e inauguración de exposición
  • Do 27 novembro ao 9 de decembro
    • Casa dos Alonso – de 9:00 h a 14:00 h.
    • Exposición homenaxe a Eliseo Alonso
  • Xoves 2 decembro
    • 18:30 Casa dos Alonso
    • Papiroflexia para celebracións
    • Inscrición previa en OMIX
  • Venres 3 decembro
    • 19:30 Casa dos Alonso
    • Xogando no nadal, charla sobre o xogo e o xoguetes
    • Inscrición previa en OMIX
  • Sábado 4 decembro
    • 18:00 centro cultural
    • Teatro familiar Patapatum
    • Inscrición previa en eventbrite.es ou centro cultural (16 h a 21 h).
  • Venres 10 decembro
    • 18:30h. Centro cultural
    • Obradoiro Reutilizando envases
    • Inscrición previa en OMIX
  • Venres 10 decembro
    • 21:00h. Centro cultural
    • Teatro musical O Candil
    • Inscrición previa en eventbrite.es ou centro cultural (16 h a 21 h).
  • Venres 17 decembro
    • 18:30h. Centro cultural
    • Obradoiro Reutilizando abelorios
    • Inscrición previa en OMIX

Mondariz introduce un novo modelo de subvención de actividades socioculturais

0

O Concello de Mondariz vén de facer efectivo o cambio de modelo nas subvencións municipais para actividades socioculturais organizadas por colectivos sociais do ámbito veciñal, coa recente publicación dunhas bases reguladoras para a convocatoria de subvencións ás asociacións do ámbito veciñal para actividades socioculturais realizadas durante o ano 2021.

“Durante anos prevaleceu a asignación municipal de subvencións nominativas, pero este modelo era incompatible coa lei de subvencións de Galicia, na que se establece a concorrencia competitiva como procedemento ordinario. Este cambio de modelo non só aporta legalidade ao proceso, senón que tamén amplía as oportunidades de subvención de actividades socioculturais a todas as asociacións do ámbito veciñal”, sinala o alcalde de Mondariz, Xosé Emilio Barros.

O modelo antigo de asignación de subvencións nominativas nos propios orzamentos municipais, que xa xeraba dúbidas a nivel xurídico, quebrou especialmente durante estes últimos anos de pandemia, cando as restricións de mobilidade e reunión levaron a suspender case toda a actividade sociocultural. Houbo asociacións que, conscientes de que non realizaran ninguna actividade que xustificase a subvención á que tiñan dereito, decidiron por propia vontade renunciar á mesma. “Esa situación deixou claro que o modelo de asignación de subvencións nominativas non era xusto e estaba desfasado, por iso buscamos outro modelo que tivera en conta as actividades socioculturais que realmente se organizan e abrira as portas á participación de novos colectivos sociais”, sinala Barros.

Malia que o Goberno municipal convocou ás asociacións do ámbito veciñal a unha reunión informativa para explicar este cambio de modelo, existen críticas sobre determinados aspectos, como o apartado 9, sobre os compromisos e deberes dos beneficiarios, no que se indica que “as entidades subvencionadas quedarán obrigadas a colaborar co Concello naquelas actividades que este organice cando lles sexa requerido e farán constar o patrocinio do Concello de Mondariz na súa publicidade”. 

“Somos conscientes de que a redacción deste apartado, dentro das bases reguladoras, pode ser malinterpretado. O que se propón é unha relación de colaboración en Concello e asociacións subvencionadas. Con todo, é un problema de redacción xurídica que pode ser subsanado en próximas convocatoria, non é un problema de contido nin de modelo en si”, responde Barros.

Unha vez publicadas as bases reguladoras no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO), as asociacións do ámbito veciñal de Mondariz teñen até o 15 de novembro para presentar solicitudes de subvención para actividades socioculturais realizadas entre o 1 de xaneiro e o 15 de decembro de 2021.

Esgotadas en media hora as prazas para a ruta “Voando nas Rías Baixas”

En cuestión de media hora, dende a apertura do prazo de inscrición para participar na ruta ornitolóxica “Voando nas Rías Baixas” pola Enseada de San Simón do próximo día 14, quedaron cubertas esta mañá a totalidade de 25 prazas ofertadas, cinco máis cas ofrecidas nas últimas andainas froito da eliminación das últimas restricións sanitarias. A camiñada, gratuíta e organizada pola Deputación de Pontevedra, terá lugar na Enseada de San Simón na Ría de Vigo onde as persoas participantes poderán coñecer a riqueza ornitolóxica desta zona e a importancia de preservar os espazos naturais protexidos.

A andaina pola Enseada de San Simón, estará conducida por dúas experimentadas persoas guías ornitolóxicas. Da súa man, as persoas participantes descubrirán algunhas das especies que se atopan neste espazo protexido entre as que destaca o parrulo asubiador, que ten neste espazo un dos mellores lugares de invernada de Galicia, así como será posible observar o bilurico das rochas, a píldora cincenta, o bilutico patirubio e o claro ou o mazarico real entre outros. Aos visitantes facilitaráselles prismáticos de observación de aves e recibirán como material didáctico unha guía de aves para que elaboren a súa propia lista durante a ruta. No caso daquelas persoas que dispoñan de prismáticos e guías de campo recoméndase que os leven, ao igual que unha pequena libreta para aprender a facer un caderno de campo.

Despois desta ruta pola Enseada de San Simón, a última das andainas terá lugar no mes de decembro coa camiñada polo Esteiro do Río Miño e a Foz da Ramallosa ou do Río Miñor o día 19, coas inscricións abertas desde o día 7 de decembro. “Voando nas Rías Baixas” clausurará deste xeito unha iniciativa nada para sensibilizar á poboación da provincia sobre os nosos recursos culturais e naturais.

O IES Antón Alonso Ríos de Tomiño traballa para conseguir un instituto máis inclusivo

0

O IES Antón Alonso Ríos de Tomiño quere ser máis inclusivo. Con este fin, o alumnado está traballando arreo a través de distintos proxectos.

Para conmemorar o día das bibliotecas escolares o alumnado de 4º de ESO organizou un acto, no que se presentou un traballo realizado o ano pasado titulado “A escola inclusiva en Tomiño onte e hoxe”.

Así, o alumnado, acompañado da directora do centro, Cruz Garrido, puido explicar pormenorizadamente a labor levada a cabo, ante un auditorio no que estaban tamén o inspector de zona, Antonio Estévez; o asesor de bibliotecas escolares de Galicia, Francisco Díaz; a alcaldesa, Sandra González, a concelleira de Educación, Cristina Martínez; o presidente da Anpa, Javier Besada, e a asesora do Centro de Formación e Recursos de Vigo, Isabel Nuevo.

Seguidamente, presentouse un vídeo resumo do proxecto, con catro apartados. No primeiro estudáronse as escolas indianas e a súa labor inclusiva, con especial referencia á labor educativa de Alonso Ríos, en defensa da educación pública. A biblioteca quixo implicarse na reedición do libro “O Siñor Afranio. Ou Como Me Rispei Das Gadoupas Da Morte” de Antón Alonso Ríos, resaltando ademais a súa faceta de mestre en Tomiño.

Na cinta reflectiu en 2º lugar o traballo de investigación realizado polo alumnado comparando as escolas dos seus avós coa actual; amosando as conversas cos avós e avoas, contacto interxeracional moi necesario durante a pandemia.

Un 3º apartado, sobre a formación recibida en temas de bibliotecas inclusivas e creativas, así como en orientación para a selección de lecturas inclusivas. O alumnado explicou conxuntamente co  departamento de orientación, como se desenvolve a atención á diversidade desde unha óptica inclusiva; a mediación para resolver conflitos, etc.

Por último, o alumnado realizou unha mostra divulgativa de lecturas inclusivas que se difundiron polas redes sociais (poemas, contos, etc.) sobre temas como a diversidade, os cambios, a familia, a natureza, as ciencias naturais, os animais, etc.

Ao final do acto fíxose entrega de diplomas aos voluntarios do programa de bibliotecas solidarias 2020-2021.

A Xunta fixa uns investimentos iniciais por 16,5 M€ para a comarca do Baixo Miño no proxecto dos Orzamentos autonómicos 2022

A Xunta de Galicia vén de fixar uns investimentos iniciais de 16.583.762 euros para a comarca do Baixo Miño no proxecto de Orzamentos 2022, segundo informou o delegado territorial en Pontevedra, Luis López, que considera que estas achegas “serán fundamentais para o desenvolvemento e o progreso desta contorna do sur da provincia”.

“O punto de partida para o Baixo Miño por parte da Xunta xurde do noso compromiso con esta bisbarra e está fixado en máis de 16 millóns de euros, unha contía que vaise ampliar con total seguridade a través dos plans, convenios, ordes de axudas ou novos proxectos que xurden ao longo do ano”, manifestou o representante autonómico.

Luis López recalcou que a Xunta “é a institución que máis inviste, de longo, nesta comarca e ademais as actuacións deseñadas abranguen todos os ámbitos necesarios para a cidadanía, apostando polas infraestruturas viarias, as obras educativas, a conciliación, a formación e a creación de emprego, o mar, a vivenda e o turismo”.

O delegado territorial salientou que a principal actuación céntrase no avance, “que se agarda importante en 2022”, apostillou, da Vía de Altas Prestacións (VAP) entre Tui e A Guarda, que conta cunha achega para o vindeiro ano de 10.754.172 euros e que vai ser “fundamental” para a vertebración da comarca e a súa interconectividade con outras zonas da provincia.

“Os principais investimentos, por contía ou singularidade, roldan os 13,5 millóns de euros, pero as contas da Xunta tamén contemplan de xeito específico e nominal para os concellos do Baixo Miño outras actuacións de menor contía en instalacións deportivas, novas tecnoloxías, silvicultura, limpeza de montes e desbroces, obras educativas, transporte ou dixitalización no ensino ata alcanzar os citados 16,5 millóns iniciais de investimentos para o vindeiro ano”, significou o delegado territorial.

A Deputación reafirma a súa aposta polo acceso á educación musical con novas subvencións a escolas de música da provincia

A Deputación de Pontevedra revalida a súa aposta pola cultura coa concesión de achegas a 24 escolas de música da provincia que dependen de asociacións sen ánimo de lucro. As subvencións, que teñen un orzamento de 80.000 euros, están destinadas a entidades de 16 concellos da provincia e oscilan entre os 2.100 euros e 4.200 euros “dependendo do número de persoas que estean estudiando nelas”, informou a presidenta Carmela Silva.

Con estas achegas a Deputación democratiza o acceso a estes centros xa que “vivas onde vivas tes que ter dereito a ter unha escola de música onde formarte” e, neste senso, fai que “a formación musical chegue a todos os recunchos, dende as grandes vilas e cidades -que teñen orzamentos que permiten subvencionalas- ata os concellos máis pequenos”. Carmela Silva fixo fincapé na necesidade deste tipo de educación “que constrúe sociedades máis avanzadas porque a cultura e música permítennos as persoas formarnos dunha forma máis integral”.

Para a comarca de Vigo a Deputación aprobou achegas para a Asociación do Centro Recreativo e Cultural de Torroso Mos, a Asociación Cultural e Social de Chapela (Redondela) e Amigos da música (Salceda de Caselas). Ademais, tamén se financiarán cinco entidades do concello de Vigo: a Sociedade Cultural e Deportiva Atlántida, a Asociación Banda Escola de Música de Beade, a Unión Musical de Coruxo, a Asociación Banda de Música Unión Musical de Valladares e o Ateneo musical de Bembrive. As achegas tamén chegarán á comarca do Condado con financiamento para a Banda de Música de Rubios (As Neves) e a Asociación Banda Xuvenil de Xinzo e a Asociación Cultural Banda de Música Unión de Guláns (ambas de Ponteareas). Do mesmo xeito, chegarán ao Baixo Miño cunha achega para a Asociación Agrupación musical do Rosal.

As subvencións chegarán á comarca do Deza con subvencións á Asociación Amigos Banda de Música de Agolada, á Nova Banda de Música de Vilatuxe e á Banda de Música de Lalín así como á Asociación Cultural Banda de Música de Silleda. Na comarca de Arousa financiaranse as Pre-escolas de Música dos concellos de Ribadumia e Vilanova. Na comarca de Pontevedra os fondos chegarán á Asociación Cultura e Xuventude de Barro e á Asociación Cultural e Musical Escola de Música de Vilaboa así como a tres entidades do concello de Pontevedra: a Musico Cultural San Martiño Salcedo, a Asociación Cultural A Tempo Escola de Música e a Agrupación Musical de Vincios. E no Morrazo subvencionarase a Asociación Xuvenil Cultural Staccato, de Cangas.