Sábado, 25 Xaneiro de 2025

Os irmáns Xosé e Ramón Trigo presentan no Rosal tres novelas gráficas ambientadas no Baixo Miño e na ría de Vigo

O acto será este venres, 5 de novembro, ás 20.00 horas na sala de exposicións do Concello

Os irmáns Xosé e Ramón Trigo presentarán no serán de hoxe venres, 5 de novembro, na sala de exposicións do Concello do Rosal tres novelas gráficas ambientadas no Baixo Miño e na ría de Vigo. O acto comezará ás 20.00 horas e esta organizado polo Colectivo Carballas co apoio do Concello. A alcaldesa, Ánxela Fernández, anima á veciñanza a asistir á presentación para desfrutar das grandes historias e ilustracións que se mostrarán nunha exposición que facilitarán os autores.

Os irmán Xosé e Ramón Trigo son, respectivamente, o guionista e o debuxante das tres novelas situadas no sur do Galicia, ambos son da Guarda.O burato do inferno trata sobre o fenómeno do contrabando no Baixo Miño e no norte de Portugal, Ricardo Mella, o home novo relata a vida do escritor e pensador libertario, un dos teóricos máis brillantes do anarquismo español e natural de Vigo, e Lobada debuxa a historia da II Guerra Mundial en Galicia, concretamente na cidade olívica.

Os irmáns Trigo xa levan varias obras xuntos. Ademais Ramón Trigo como autor e ilustrador publicou en diversas editoriais máis de trinta libros ilustrados. Entre eles: Leviatán (Premio Lazarillo, Premio Isaac Díaz Pardo, Editorial Kalandraka). Yo vivía en el fin del mundo (Premio Cabildo de Gran Canaria, Editorial Edelvives). Casa vacía (Premio Ciudad de Alicante, Editorial Anaya).