A aula CeMIT de Ponteareas xa ten aberto o prazo de inscrición para participar nos nove novos cursos presenciais que oferta de balde para os vindeiros meses de novembro e decembro.
Son propostas para rematar o ano a través das que a veciñanza poderá participar nos cursos de iniciación á informática e ao LibreOffice, que se desenvolverán do 11 ao 26 de novembro ou do 1 ao 3 de decembro; de iniciación ao LibreOffice Calc que se celebrará do 14 ao 17 de decembro; ou de videoconferencia para persoas maiores, que será o luns 22 de novembro. Tamén poderán aprender a sacar partido á cámara do móbil (todos os martes de novembro) e a usar e configurar o móbil Android para adultos (nivel 1) (do 9 ao 24 de novembro ou do 1 ao 15 de decembro) e nivel 2 (do 11 ao 26 de novembro ou do 2 ao 17 de decembro).
As persoas interesadas en realizar calquera destes cursos deben facer a súa preinscrición a través do espazo da aula CeMIT habilitado na web da Xunta. O número de prazas estará restrinxido debido á situación sanitaria.

Por outra banda, durante estes meses a aula CeMIT permanecerá aberta pola tar de o mércores 10 de novembro de 18.00 a 20.30 horas; o martes 30 de novembro, de 16.00 a 18.00 horas; o luns 22 de novembro de 19.00 a 20.30 horas e o luns 13 de decembro de 18.00 a 20.00 horas. A semana do 6 ao 10 de decembro a aula CeMIT permanecerá pechada. O número de prazas dispoñíbeis estará restrinxido para manter as medidas de seguridade necesarias.
Dende a Concellaría de Innovación e Desenvolvemento Tecnolóxico que dirixe Benito Márquez anímase a toda a veciñanza a acudir a usar a aula e a participar nestas actividades que buscan “promover a inclusión no uso das novas tecnoloxías, ofrecendo os coñecementos necesarios para que as persoas poidan desenvolverse cun ordenador ou cun dispositivo móbil, prestando especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital”.
Para máis información as persoas interesadas poden contactar a través do correo electrónico [email protected] ou chamando ou enviando unha mensaxe de whatsapp ao número 634 238 962 dentro do horario da aula.