11.5 C
Pontevedra
Xoves, 18 de Abril de 2024
Máis
    HomeComarcasRedondelaCabeiro e Chapela 'bautizan' os seus parques infantís con nomes de persoeiros...

    Cabeiro e Chapela ‘bautizan’ os seus parques infantís con nomes de persoeiros “comprometidos coa lingua e cultura galegas”

    A área infantil de Cabeiro levará o nome de Luís Seoane e a do Piñeiral do Crego, en Chapela, o de María Miramontes

    A Concellería de Normalización Lingüística do Concello de Redondela, que xestiona a alcaldesa Digna Rivas, continúa desenvolvendo a iniciativa posta en marcha polo SLN tendente a dar visibilidade –neste caso entre os máis pequenos e pequenas– aos homes e mulleres que amosaron o seu compromiso coa lingua e cultura galegas.

    Así, as áreas infantís do municipio dotaranse de paneis informativos nas que figurará unha reseña biográfica das persoas que dan nome a cada un dos parques.

    No caso de Cabeiro, no parque situado fronte ao CEIP Porto Cabeiro, a figura escollida foi a de Luís Seoane, escritor, editor e pintor exiliado en Arxentina. Dente o outro lado do Atlántico levou adiante numerosas e importantes iniciativas a prol da cultura galega e puxo en marcha, xunto a Isaac Díaz Pardo, o Laboratorio de Formas que sería o xermolo de Sargadelos.

    Pola súa banda, o parque do Piñeiral do Creo, en Chapela, foi dedicado a María Miramontes, compañeira de Ánxel Casal, editor da editorial Nós e alcalde de Compostela fusilado no 36. Cómpre salientar que María Miramontes foi esquecida durante moito tempo e o seu nome no se unía ao traballo da imprenta cando, na realidade, era ela a encargada de coser os libros xa que, de profesión, era costureira. Tralo asasinato do seu home, exiliouse a Arxentina.

    Hai que destacar, neste caso, a localización do parque que leva o seu nome: a carón da Biblioteca Xela Arias, para que así a súa memoria quede ligada aos libros.

    A concelleira de Normalización Lingüística e alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, que agradeceu o traballo realizado polo Servizo de Normalización Lingüística, lembrou a importancia desta iniciativa que vai permitir “que as máis pequenas e pequenos poidan coñecer ás mulleres e homes que, na súa vida, traballando por protexer e difundir a nosa lingua e a nosa cultura”.

    Rivas insistiu na necesidade que as Letras Galegas “non queden cinguidas a un só día, senón que sexan unha constante ao longo de todo o ano” e lembrou que Redondela, “como Concello pioneiro en normalización lingüística, ten a obriga de seguir sendo un exemplo”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.