25.5 C
Pontevedra
Venres, 19 de Abril de 2024
Máis
    HomeLouriñaMosMos comeza a traballar no seu IV Plan Municipal de Igualdade

    Mos comeza a traballar no seu IV Plan Municipal de Igualdade

    Faino coincidindo co mes da non violencia contra as mulleres e iniciando o procedemento coa fase de avaliación mediante enquisas entre o persoal do Concello e o tecido asociativo mosense

    A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira de Política Social e Igualdade, Sara Cebreiro, informaron hoxe de que desde o Concello, concretamente desde o departamento municipal de Benestar Social e o CIM (Centro de Información á Muller de Mos) comézase a traballar no IV Plan de Igualdade e para elo a administración local mosense vai poñerse en contacto con todos os departamentos municipais e as asociacións co obxectivo de recabar datos que permitan establecer un baremo da situación das políticas de igualdade en Mos. O procedemento iníciase coincidindo co comezo do mes de novembro, mes da non violencia, ao conmemorarse o día 25 o Día Internacional contra a Violencia de Xénero.

    O Concello de Mos inicia este procedemento ante a finalización do período de vixencia do III Plan de Igualdade entre Mulleres e Homes, aprobado en 2015 e prorrogado en Pleno no ano 2019, coincidindo ademais xustamente co 25N.

    O IV de Igualdade entra polo tanto en fase de avaliación, durante a que se vai levar a cabo a recollida de información co fin de facer unha diagnose da situación actual da igualdade no Concello de Mos, imprescindible para poder elaborar o IV Plan de Igualdade de Oportunidades do Concello de Mos.

    Para realizar a análise prevista durante esta fase inicial de avaliación, empregarase o método da enquisa, e para elo elaborouse unha ficha onde se establecen os indicadores que servirán para coñecer a realidade en relación coa igualdade e medir o impacto que tiveron as actuacións do III Plan de Igualdade.

    Neste sentido as representantes muncipais Arévalo e Cebreiro declaraban esta mañá ao respecto que “a información e valoración que dende os departamentos do Concello e as diferentes asociacións do municipio nos  poden ofrecer é imprescindible para o coñecemento da realidade de Mos sobre o cumprimento da igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, polo que agradecemos enormemente a colaboración de todos os axentes sociais implicados, que nos achegarán unha información valiosísima”.

    O IV Plan de Igualdade Municipal conta con subvención do Servizo Provincial de Igualdade da Deputación no marco das Axudas para o Fomento da Igualdade de Oportunidades e Prevención da Violencia de Xénero para concellos de menos de 20.000 habitantes do ano 2021.

    Este documento pretende servir de guía e marco para promover e fixar pautas de fomento da equidade entre sexos, tanto entre os traballadores e traballadoras municipais como entre a veciñanza mosense en xeral. Un documento marco que promova o cambio social de cara a obter repercusións reais, positivas e tanxibles, que dea continuidade ós precedentes elaborados tamén polo Concello e consiga progresivamente a igualdade real, a igualdade da práctica e non da teoría. A través deste Plan, e co máis óptimo aproveitamento dos propios recursos nun documento adaptado á idiosincrasia mosense, espérase beneficiar de xeito tanxible tanto á poboación como ó persoal do Concello no que a igualdade de xéneros se refire.

    Posto que a conciliación e o recoñecemento laboral seguen a ser máis complicados para as mulleres que para os homes, adicando as primeiras máis tempo ás tarefas domésticas e ocupando postos de menor categoría e con peores condicións laborais, dende o Concello de Mos decidiuse emprender unha serie de políticas transversais para cambiar a situación e, entre ditas medidas, atópase este Plan de Igualdade que xa leva anos aprobando.

    A vontade desta administración local é a de converterse nun Concello pioneiro en materia de igualdade e, para elo, márcase o obxectivo de que todas a iniciativas municipais inclúan dúas liñas formativas: en igualdade e en prevención da violencia de xénero.

    O Concello de Mos ten adquirido o firme compromiso de incluír a concienciación igualitaria en todas e cada unha das actividades organizadas, tanto en materia de formación e emprego, como musicais, culturais, de ocio, deportivas…; así como tamén facelas extensivas á comunidade educativa achegándoas a profesorado, alumnado e familias; e ao voluntariado mosense: Protección Civil, Mos Axuda, Voluntariado Xuvenil, Voluntariado Social e Medioambiental e persoal municipal. Dentro deste marco de fomento da igualdade o CIM (Centro de Información á Muller de Mos) ten un especial peso específico e importancia capital, xa que xunto co Consello Municipal da Igualdade, vela pola igualdade de oportunidades da cidadanía mosense independentemente de cal sexa o seu xénero.

    O de Mos é un municipio volcado no fomento da igualdade ente homes e mulleres. Unha igualdade real e efectiva que incida en potenciar a integración social das mulleres. Un Concello participativo de xeito activo na promoción de actuacións encamiñadas a erradicar a desigualdade e a discriminación por razón de sexo no ámbito local, así como a participación plena da cidadanía en todos os ámbitos da vida municipal. Un Concello que quere defender os dereitos das mulleres velando polo cumprimento das disposicións legais e previndo as posibles discriminacións que se poidan producir en calquera eido. Así como fomentar a concienciación das mulleres da súa propia situación, e promover cambios nas actitudes e comportamentos dos homes que perpetúan a desigualdade entre ambos. Impulsar, promover e apoiar o asociacionismo feminista e de mulleres e aqueles outros que promovan a igualdade entre xéneros respectando a súa autonomía. E potenciar a participación social das mulleres co fin de que se constitúan responsables e protagonistas do seu propio proceso de promoción e desenvolvemento e para a consecución dunha igualdade real e efectiva.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.