Sábado, 2 Agosto de 2025

A singularidade dos montes veciñais de Ponteareas, protagonista do traballo de Damián Copena gañador do VIII Premio Fermín Bouza Brey

“As comunidades de montes de Ponteareas están vivas e activas a pesar dos riscos e dificultades e dunha traxectoria histórica complicada. Son axentes fundamentais dentro da dinamización das parroquias e cumpren unhas funcións únicas dende o punto de vista social, ambiental e económico”. Así salientaba a singularidade dos montes veciñais da vila o ponteareán Damián Copena, profesor de Economía na Universidade de Oviedo e gañador do VIII Premio Fermín Bouza Brey durante a presentación no salón de plenos do Concello do seu traballo ‘Manexo comunitario dos recursos naturais: pasado, presente e futuro dos montes veciñais en man común de Ponteareas’.

Copena fixo fincapé ante un numeroso público na singularidade dos montes veciñais de Ponteareas, recollida no seu traballo, realizado cunha metodoloxía ampla e transversal e analizando este sector desde distintos campos, como o económico, o social ou o ambiental. O autor fixo un percorrido pola historia dos montes ponteareáns e a súa relevancia, sobre todo como un elemento importante na agricultura tradicional galega.

“Os nosos montes son recursos de uso común xestionados mediante acción colectiva moi importantes tanto territorial como superficialmente, con grandes cambios no últimos anos cun proceso de recuperación no que continuaron camiñando cara a adiante desenvolvendo novos aproveitamentos”, recalcou. O investigador destacou que “temos por diante un futuro complexo e incerto para o que temos que estar preparados dende as comunidades locais para ter maior resiliencia e que as comunidades de montes poidan manterse ao longo do tempo e sobrevivir aos problemas que poidan vir a curto e medio prazo”.

O obxectivo de Damián Copena é realizar unha publicación científica nunha revista de interese internacional no que se poñan as comunidades de montes veciñais en man común de Ponteareas como un caso de estudo de relevancia a ter en conta “fóra das nosas fronteiras”.

A alcaldesa, Cristina Fernández Davila, foi a encargada de presentar ao gañador deste premio de investigación e destacou o labor de Copena como “un grande especialista nos montes veciñais”. “Para a nosa vila ten moitísima importancia este traballo tan espectacular e rigoroso,  unha investigación cun gran mérito, xa que se trata dun tema pouco estudado”, salientou. A rexedora quixo ter unhas palabras tamén para o labor do anterior alcalde, Xosé Represas, que “sempre amosou un grande interese polos montes de Ponteareas”.

Durante o acto, o concelleiro de Cultura, Fernando Groba, fixo referencia á importancia do premio Fermín Bouza Brey para coñecer a historia de Ponteareas. Ademais destacou a notable dotación económica do galardón, 3.000 euros, e fixo un breve percorrido polas oito edicións deste premio, que permite “visibilizar traballos e estudos relevantes con base científica, rigorosos e aplicábeis á mellora do noso día a día”. O edil quixo tamén agradecer a participación de todos os membros do xurado.

A Xunta colabora con Crecente e Arbo para corrixir impactos paisaxísticos

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, está a colaborar coa posta en valor de elementos patrimoniais de titularidade municipal nos concellos de Arbo e Crecente ao abeiro da nova orde de axudas para a corrección de impactos paisaxísticos.

Deste xeito, o Concello de Arbo beneficiouse dunha achega de 9.030 euros para a posta en valor do lavadoiro de Barcela, no Cruceiro, mentres que Crecente dispón dunha axuda de 7.000 euros para a restauración da fonte-lavadoiro de Pereiro de Fernández, emprazada na parroquia da capital municipal. De xeito global, a Xunta concedeu máis de 16.000 euros a estes concellos da bisbarra da Paradanta, unha contía que supón o 70% do custo de cada investimento.

Ambas actuacións teñen que estar rematadas, segundo as bases desta nova convocatoria, impulsada polo Instituto de Estudos do Territorio (IET), antes do vindeiro 31 de decembro, polo que os traballos foron supervisados na xornada de hoxe polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, acompañado polos alcaldes de Crecente e Arbo, Julio César García-Luengo e Horacio Gil, e do xefe territorial de Medio Ambiente, José Manuel González.

Lavadoiro en Arbo

“A Xunta segue a colaborar de xeito global e transversal cos concellos en todas as súas necesidades e competencias, especialmente con aqueles de ata 20.000 habitantes, que teñen menos posibilidades económicas, e por iso impulsamos esta nova liña, que pretende corrixir impactos paisaxísticos negativos, mellorar a imaxe da comunidade e apostar polo ‘fermosismo’ para seguir construíndo a Galicia do futuro”, detallou o representante autonómico.

Esta nova liña de axudas, estreada o pasado mes de setembro, esgotou o seu orzamento de 800.000 euros e está a beneficiar a 64 municipios de toda a rexión, dos que 13 pertencen á provincia de Pontevedra cunha achega global de 133.000 euros. Así, ademais de Arbo e Crecente, tamén recibirán axudas desta convocatoria os municipios da Lama, Agolada, Oia, Rodeiro, Cambados, Valga, Moraña, Tui, Dozón, Fornelos de Montes e Salvaterra do Miño.

Gondomar logra a colaboración da Xunta na limpeza de leiras delimitadas no plan municipal de prevención de incendios

0

O alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, reuniuse co director xeral de defensa do monte da Xunta, Manuel Rodríguez, e o director da empresa pública SEAGA, Pablo Arbones, para concretar os prazos e medios que se empregarán na limpeza de parcelas incluídas dentro das faixas secundarias de xestión de biomasa dos núcleos definidos no Plan municipal de prevención y defensa contra incendios forestais de Gondomar.

Estes traballos enmárcanse dentro do convenio ao que está adscrito o concello de Gondomar, asinado pola Xunta de Galicia, SEAGA e FEGAMP, polo que a administración autonómica, tras o acordo alcanzado, executa de forma subsidiaria a limpeza daquelas parcelas que, finalizado o prazo legal, non procederon á limpeza dos terreos na data estipulada por la Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais.

Paco Ferreira congratulouse ante a resposta do goberno galego facendo fincapé “na importancia que a colaboración entre administracións á hora de atender as necesidades ou demandas da poboación e o territorio” e nese senso agradeceu o interese amosado pola Xunta ante a demanda do goberno local.

Lembrou que estes traballos que, previsiblemente comenzarán nas vindeiras semanas “son fundamentais para previr os incendios e, sobre todo, os danos naturais, materiais ou mesmo humanos que puidesen orixinar” e engadiu “que por iso toda implicación e axuda sempre son fundamentais”.

Traballos de limpeza

Na reunión, á que tamén asistiu o concelleiro de Medio Ambiente, Brais Misa, o director xeral de defensa do monte explicou que se actuará sobre un total de 300 hectáreas -algo máis de 3000 parcelas-, que suporá unha inversión de preto de 900.000 euros. Expuxo que serán firmes na execución subsidiaria da limpeza de terreos sirva para concienciar á veciñanza e lograr a súa colaboración para que asuman a importancia de cumprir a lei e manter as faixas secundarias de biomasa limpas.

O Concello de Tui edita unha guía de apoio e consulta con recursos e contactos dirixida ás mulleres

0

“Mulleres. Coñecendo o seus dereitos e recursos” é o título da guía presentada onte á tarde na Sala de Exposicións Municipal, no edificio  Francisco Sánchez – Área Panorámica, dentro das actividades organizadas polo Concello de Tui en torno ao 25N. Foi financiada pola Deputación de Pontevedra dentro do programa Maruxa Mallo.

A concelleira de Igualdade, Ana Mª Núñez, e a autora e coordinadora da guía, Laura Seara, foron as encargadas da presentación desta publicación que está xa accesible en formato impreso, así coma en dixital accesible na web municipal www.tui.gal.

A Guía foi elaborada co propósito de difundir os dereitos das mulleres así como recursos, programas específicos e servizos de información e de asistencia ás mulleres. Co mesma dase amais resposta á demanda de información detectada na elaboración do III Plan Municipal de Igualdade. Este publicación é unha ferramenta de apoio e consulta para as mulleres, sendo amais un material de apoio para as persoas que traballan no eido municipal ou da saúde, os servizos sociais, a educación, a seguridade ou ao emprego. A información da Guía é  útil para toda a cidadanía, aínda que as principais destinatarias sexan as mulleres.

A concelleira de Igualdade, Ana Mª Núñez, sinalou na presentación que “cando as mulleres dispoñen da información precisa sobre os seus dereitos, programas, plans e servizos, abren unha porta ao empoderamento e á liberdade. Destacou amais a importancia deste material de cara a acadar a igualdade entre homes e mullere indicando que “aínda podemos atopar diversas formas de discriminación que afectan maioritariamente as mulleres polo simple feito de selo e que se manifestan en forma de fendas económicas, sociais, culturais, dixitais e a través da máis brutal das desigualdades, a violencia de xénero”. Nesse senso afirmaba que “a información é o camiño á igualdade”.

Laura Seara afirmaba na presentación que “o obxectivo da guía é saber a onde dirixirnos” engadindo que “é un recurso para que a muller estea informada”.

Ao longo de 85 páxinas e 5 capítulos “Mulleres. Coñecendo o seus dereitos e recursos” recolle os obxectivos do III Plan Municipal de Igualdade, e afonda nos dereitos laborais e de conciliación, os recursos e programas de emprendemento, e os enderezos e datos de interese.  

Nigrán arranca a programación cultural de Nadal este sábado

0

O Concello de Nigrán, despois do acendido deste venres ás 20:00 horas con Tony Lomba e Manuel Manquiña, arranca esta fin de semana coa programación especial de Nadal coa obra de sombras chinescas ‘Carolina Ultrasónica’ da Asociación Teatral Paso de Valverde (Arteixo) o sábado 4 ás 20:00 no Auditorio Municipal (público familiar). Ao día seguinte, domingo 5 ás 19:00 horas, o actor Avelino González ofrece o monólogo ‘Contos de contrabando’ (+ 12 anos).

‘Carolina Ultrasónica’ é unha peza de teatro que fusiona as videoproxeccións coas sombras chinesas nunha clave cómica e basada na ciencia ficción. Galicia, ano 2421. Carolina e o seu amigo alieníxena Pin viaxan xuntos polo espazo tendo mil aventuras. Nesta ocasión a sua misión será recuperar a fonte de enerxía vital para a Terra que o malvado interespacial Rodas Tolas roubou en Nova Compostela. Para iso viaxará por distintos planetas para atopar as pistas que aos levarán ata o famoso criminal. Será capaz Carolina de recuperar a pedra máxica? Ou escachará o seu vello cohete no camiño?

Pola súa banda, o domingo o actor, narrador, traductor e director de teatro Avelino González ofrece un monólogo a base de contos e anécdotas de Nigrán, fantásticos e reais. “Nigrán é un lugar fantástico. O que temos máis perto é o que menos nos chama a atención. Normal, pásanos a todos. En Nigrán hai unha cidade asolagada, hai un dragón e unha serea. As sereas, por certo, son bailadoras. Bailar é bonito porque alegra o corpo. Se o corpo está alegre alégrase o corazón. E co aniño que levamos, ben vén botar un baile, aínda que sexa por vía oral… Mentres non poidamos botarlle un agarrado!. É que pasan máis cousas en Nigrán que en toda Nova Iorque (proporcionalmente!)”, sinala Avelino.

O Rosal, sen sanidade

0

A Plataforma para a Defensa da Sanidade Pública do Rosal, en colaboración co Concello, convocan para o vindeiro mércores 8 de decembro ás 12.00 horas unha concentración para denunciar a actual e precaria situación da atención primaria no municipio, que foi quedando sen servizos cos que prestar unha asistencia sanitaria digna e de calidade a toda a veciñanza.

Nestes intres a falta de persoal e de cobertura de baixas e vacacións deixou ao centro de saúde do Rosal sen ningún médico de atención primaria, polo que non están abertas as axendas e non se pode solicitar ningunha cita médica. Esta realidade fai que no centro de saúde soamente se atendan urxencias con médicos de garda que van cambiando cada xornada. “Xa non estamos a falar dunha demora nas citas dunha media de 20 días, como viñamos tendo, senón que agora os rosaleiros e rosaleiras xa non teñen atención primaria, porque non poden pedir unha consulta”, destaca a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís.

Outra das carencias do servizo sanitario está na falta de matrona e de pediatra, que se desprazou á Guarda de forma temporal pola crise sanitaria e que aínda non se recuperou. O mesmo ocorre co consultorio de San Miguel de Tabagón, pechado pola Consellería de Sanidade dende comezos da pandemia sen perspectiva de que se lle dote do persoal e do material necesarios para reactivar a súa actividade.

“O Rosal está sen persoal sanitario, sen citas médicas en atención primaria, sen pediatra, sen matrona, sen San Miguel… estamos sen sanidade. É unha situación inaceptable, porque este deterioro grave do servizo está a poñer en grave perigo a saúde da veciñanza”, salienta a rexedora.

Nigrán acenderá o alumeado de Nadal mañá venres

0

O inconfundible dúo de artistas Manuel Manquiña e Tony Lomba protagonizarán este venres 3 de decembro o acendido do alumeado de Nadal ás 20:00 horas na Praza do Concello de Nigrán. Despois de que representantes de ‘Un Nigrán para todos’ e do Consello de Participación Cidadá preman o interruptor das luces cantarán e farán cantar para que sexa unha velada inesquecible: “porque cando eles se xuntan…o escenario sorrí”. Ademais, durante o concerto as mochilas vibratorias estarán a disposición das persoas xordas que queran empregalas.

O evento marca o inicio da programación cultural e de ocio do Concello ata o día de Reis, con máis de 50 actividades diferentes prácticamente a diario prestando especialmente atención ao público familiar. A maiores, e como cada ano, desenvolverase a ludoteca durante as vacacións escolares no CEIP Humberto Juanes para permitir a conciliación familiar e a un prezo simbólico de 10 € (a inscrición permanece aberta ata o día 9).

“O venres no propio acendido presentaremos a programación polo miúdo pero basicamente tratamos de chegar a todos os gustos e todos os públicos”, indica o alcalde, Juan González (será pendurada nas redes sociais e na web municipal).

Así, este mesmo sábado 4 ás 20:00 horas terá lugar a obra de sombras chinescas ‘Ultrasónica’ da compañía Paso de Valverde (Arteixo) no Auditorio; mentras que o domingo 5 ás 19:00 será o monólogo de Avelino González ‘Contos de contrabando’, o luns 6 a proxección do documental Negro Púrpura (20:00 h) e o martes 7 a proxección da curtometraxe de Aaron Siebert ‘Elas’ (20:00 horas). E así practicamente cada día.

En resumen, haberá teatro afeccionado os fins de semana dentro do convenio con Fegatea, roteiros guiados polo municipio cada semana, carteiro real e paxe real que percorrerán todas as parroquias ou tradicionais probas deportivas como a carreira popular San Silvestre o 31 de decembro ou a dos Arroases do Val Miñor o día 26 de decembro (a maiores estrearase un ciclocross o 12 den Porto do Molle). Como novidade, ofreceranse obradoiros de cociña para a infancia e de lettering ou papiroflexia. A música tamén será protagonista este Nadal co Space Ensamble adicado a filmes en colaboración coa Escola de Rock Paredes de Coura e a de Nigrán Gain Over o 12 de decembro ou o concerto de piano de Mayaka Nakawama o día 23 dentro do I Ciclo de Xóvenes Intérpretes, ademais do habitual baile para maiores o día 19.

A tradición galega máis popular nas Rías Baixas non faltará un ano máis o día 24 co desfile polo municipio a cargo de Santiago de Parada e cunha xuntaza de toda a comarca o 26 na Ramallosa. O personaxe de Nadal máis galego tamén virá a Nigrán: o Apalpador estará á tarde do día 25 na Asociación Cultural A Camoesa.

Ademais, a Biblioteca Municipal voltará a ser o escenario dunha exposición con ‘Kartoffel’, dos irmáns Trigo, desde o 10 de decembro, e no Auditorio Municipal, desde o día 17, estará a mostra de fotografías do IEM ‘Natureza no Val de Miñor’. Paralelamente, na Praza Rosalía de Castro desenvolverase un mercado invernal os días 17, 18 e 19.

“En resumen, ofrecemos unha ampla oferta de posibilidades para todos os públicos pero prestando especial atención ás familias porque o Nadal é unha época moi memorable para a infancia que, ademais, está de vacacións escolares”, incide o alcalde, Juan González.

Teresa Ríos presentará este sábado ás 20.00 horas o seu poemario “Iris Atalaia” na sala multiúsos do Auditorio Municipal

A poeta e veciña de Ponteareas, Teresa Ríos, presentará este sábado ás 20.00 horas o seu poemario “Iris Atalaia” na sala multiúsos do Auditorio Municipal. A entrada é de balde e o concelleiro de Cultura, Fernando Groba, anima a veciñanza a asistir a un acto “onde poder desfrutar da grandísima voz poética de Teresa Ríos”.

Con “Iris Atalaia”, Teresa Rios tráenos a visión conxunta do seu cosmos onde o mar, a fraga, os paxaros e a lúa orbitan arredor da fonda pegada da terra de seu, que a marcaría desde a infancia. O poemario está publicado pola editorial Medulia, que o define como un “libro sensorial no que as palabras levan a escoitar o renxido dos chanzos da vella casa, a caída das árbores, o movemento das mans en cada despedida”

O concelleiro tamén quere agradecer á poeta “a súa gran implicación coa cultura local”, xa que é unha das compoñentes do colectivo de poesía de base Versos de Area e da súa sección teatral Cabrafanada e ten colaborado en varias publicacións colectivas.

Comeza o Nadal en Baiona

0

O Concello de Baiona desvelará unha aposta segura pola dinamización cultural da vila, con toda a programación cultural de temática do Nadal que se desenvolverá durante todo o mes de decembro e primeira semana de xaneiro en Baiona durante estas datas do Nadal.

Dita programación está subvencionada pola Deputación Provincial de Pontevedra, a través do Plan Concellos 2021, e organizada pola Concellería de Cultura do Concello de Baiona. Nela, participarán asociacións culturais de Baiona que retoman a súa actividade cultural, volvéndose a subir a un escenario.

A programación do Bainadal 2021-22 dará o comezo mañá venres día 3 de decembro. Primeiro procederase co acendido do alumeado de Nadal, ás 20:00 horas, na rúa Calabera Pinta. Estas luces ambientarán de luz e cor as rúas e prazas do municipio.

Poderá contemplarse aceso o poboado do Nadal, realizado pola Festa Escénica para ambientar de ilusión e maxia a arteria comercial de Baiona, a rúa carabela Pinta. Acto seguido, está previsto a actuación das Cherry Sweet co seu espectáculo Cherry Christmas. Actuacións e eventos no municipio de Baiona que darán o seu pistoletazo de saída mañá pola tarde ás 20:00 h na rúa Carabela Pinta.

Desde a Concellería de Cultura queren lembrar que para o acto de aceso, a pesar de ser en exterior, débese levar máscara e manter medidas de seguridade.

Mondariz promove a artesanía local a través dun novo mercado artesán de Nadal

0

O Concello de Mondariz, comprometido co desenvolvemento económico e turístico do territorio, promove este ano un mercado artesán de Nadal con acreditados artesáns e artesás locais e da contorna máis próxima. A iniciativa xurdiu do propio gremio, que nestas datas tan sinaladas propuxo amosar e vender os seus produtos feitos a man durante a tradicional feira dominical. Desde a Concellería de Desenvolvemento Económico e Turismo, que dirixe o propio alcalde, considerouse que a proposta favorecía os intereses do propio concello porque ofrece unha alternativa sociocultural e dinamiza o espazo da Praza de Abastos.

“Desde a Alcaldía sempre escoitamos as propostas, especialmente cando chegan de veciños e veciñas que teñen talento, teñen ideas e buscan apoio institucional para emprender. Iniciativas como esta, relacionadas coa artesanía como sector cultural e produtivo, están en liña coas políticas estratéxicas deste Goberno e aportan dinamismo sociocultural a este concello”, explica Xosé Emilio Barros, alcalde de Mondariz.

O mercado artesán de Nadal estará aberto ao público na Praza de Abastos durante cinco domingos, entre o 5 de decembro e o 2 de xaneiro, coincidindo en horario coa popular feira dominical de Mondariz. A oferta de produtos é totalmente complementaria. No mercado artesán están confirmados postos de cerámica, coiro, prataría, cosmética natural e pintura, entre outros. “Estamos nunhas datas nas que moitas persoas mercan agasallos. Neste mercado artesán de Nadal pódense atopar produtos totalmente orixinais de todos os prezos; aínda que hai un selo de calidade porque os artesáns e as artesáns participantes están acreditados/as como tales, non ten un enfoque elitista”, comenta Barros.

Compromiso coa promoción da artesanía

Nos últimos anos, o Concello de Mondariz puxo en marcha proxectos que buscan un desenvolvemento económico sostible baseado no sector primario, o turismo e o patrimonio cultural. Neste sentido, a promoción da artesanía local está a gañar protagonismo porque é unha actividade de interese cultural e socioeconómico moi importante.

Dentro da promoción da artesanía local destaca o proxecto de recuperación da tradición cesteira de Mondariz, iniciado este ano coa produción dun documental que pon o foco no legado histórico deste oficio e nas oportunidades de innovación e desenvolvemento que hai actualmente arredor do mesmo. “O documental que financiamos a través do programa O Teu Xacobeo foi exhibido en diferentes concellos galegos e xerou a reflexión que buscabamos sobre a necesidade de recuperar o oficio de cesteiro. Desde o Concello de Mondariz seguimos traballando sen pausa neste importante proxecto de futuro, xa que a recuperación pasa por poñer en marcha un programa formativo e mesmo producir aquí a madeira que se precisa na cestaría de láminas”, indica o alcalde de Mondariz.

O teatro volve ao auditorio de Arbo

0

O Concello de Arbo volve a ofrecer actividades culturais no auditorio, nesta ocasión cunha obra de teatro. O Concello pretende ir facendo camiño á nova normalidade  con actividades adaptadas, sempre cumprindo coa normativa, pero que ofrecen un momento de lecer e divertimento para a poboación infantil do municipio. 

Dentro da programación prevista para o Outono Cultural do ano 2021, o vindeiro 4 de decembro ás 19:00 horas  terá lugar a obra Saaabor.

Esta obra encadrada dentro da programación cultural  da Deputación de Pontevedra “Tornar ás táboas”,  unha declaración de vontade e de ánimo para que o teatro retome a súa actividade nos escenarios dos auditorios, teatros e centros culturais da provincia.

Como sempre a entrada e gratuíta ata completar aforo e é obrigatorio o uso de mascarilla e as demais recomendación recollidas no protocolo COVID.

Saaabor! é un espectáculo cómico que mestura música, maxia, humor, ritmo e participación do público, co mundo da gastronomía de fondo. Os protagonistas convértense en dous recoñecidos chefs que nos ofrecen pratos para todos os gustos: desde a comida máis práctica e sinxela ata a máis elaborada, sen esquecer viño e sobremesa, elaborando un saboroso menú para toda a familia.

Dende o Concello de Arbo, solicitan a colaboración dos asistentes, para que se cumpran todas as medidas COVID para o evento, que os nenos participantes vaian acompañados por un adulto, que en todo momento se utilice a mascarilla e que se cumpran coas indicacións dadas polos voluntarios e colaboradores do Concello de Arbo, encargados de supervisar e facer cumprir os protocolos e recomendacións das autoridades sanitarias durante toda a actividade.

O Concello de Baiona, súmase ao “Día Mundial da loita contra a Sida”

0

O rexedor do Concello de Baiona, Carlos Gómez, quere conmemorar este día dedicando información e concienciación enviando o meu saúdo e a miña solidariedade a toda as persoas do mundo, precisamente neste momento no que estamos ante unha pandemia tan importante que estamos a vivir, a Covid.

Esta epidemia mundial, provocada pola propagación da infección polo VIH (Virus da Inmunodeficiencia Humana), estigmatizou e discriminou a moitas persoas.

Destruíu vidas, familias e dereitos fundamentais.

Ao longo dos anos e na actualidade, grazas a profesionais sanitarios, asociacións especializadas e grandes campañas de información e sensibilización, conseguíronse grandes avances como:

  • A investigación, que transformou a enfermidade mortal nunha enfermidade crónica e manexable, cunha esperanza de vida similar á das persoas sen VIH.
  • A fantástica noticia, que o mundo aceptou un plan audaz dos líderes mundiais que de cumprirse poñería fin á sida en 2030.
  • As campañas de información e sensibilización, que conseguiron non totalmente senón en gran medida a concienciación do NON REXEITAMENTO E ELIMINACIÓN DA ESTIGMATIZACIÓN, das persoas con VIH.

Por iso, continúa o rexidor, se non adoptamos ese enfoque de loita contra as desigualdades que é tan necesario para acabar coa sida, o mundo tamén terá dificultades para rematar coa pandemia do COVID-19 e seguirá sen estar preparado para as pandemias do futuro. Isto sería tremendamente perigoso para todos nós.

Dende o Concello de Baiona queremos darlle visibilidade a un día tan importante, e só significa que traballamos e visibilizamos este día, se non como todas  as causas os 365 días do ano. Informar, sensibilizar e apoiar.

O alumnado do CPI Suárez Marquier reflexiona sobre violencia de xénero coñecendo o traballo do CIM da Guarda

0

O Rosal rematou onte a súa programación polo 25 N cunha charla da traballadora social e coordinadora do CIM da Guarda, Yolanda Villaverde, co alumnado de 3º da ESO do CPI Suárez Marquier.

A alcaldesa, Ánxela Fernández, destaca que para os rapaces e rapazas “coñecer casos reais a través dunha profesional axúdalles a visibilizar a lacra da violencia de xénero”, e por iso “apostamos por esta charla como peche para o noso 25 N”.

Os rapaces e rapazas tamén viron unha curta e falaron da “escala” da violencia de xénero entre a poboación máis nova. A rexedora destaca que “para o Concello é moi importante que os rapaces e rapazas reflexionen sobre violencia de xénero, xa que son uns actores e actrices imprescindibles para o cambio na nosa sociedade”.

“La Boheme” de Puccini chega este venres ao Teatro Municipal de Tui con Camerata Lírica

0

Este venres, ás 21.30 h, o Teatro Municipal de Tui acolle  “La Boheme” con Camerata Lírica, un espectáculo que pecha a programación cultural do outono neste espazo.

Baixo a dirección de Rodolfo Albero Camerata Lírica presenta, en formato concerto escenificado, unha das grandes obras mestras de Giacomo Puccini. Unha coidada escenografía, con vestiario de época, transportaranos até o Paris de 1830, durante os catro actos que dura a ópera.  Sobre o escenario estarán Jose Quintín, Inmaculada Laín, Abelardo Cárdenas, Andreina Wilians, Rafael Casete, Joth Heat, Willingerd Samuel Gimenez, e Tatiana Studyonova.

“La Boheme” transcorre no barrio Latino de París achegándonos á vida duns soñadores bohemios e a historia de amor entre Mimi, unha modista, e Rodolfo, un poeta.  

O espectáculo ten unha duración de 1 hora e 40 minutos sen descanso. Na xira que están a realizar por España están a colleitar os aplausos e recoñecemento do público.

As entradas están á venda en www.tui.gal até o venres ás 21.20 h aos prezos de 8€ e 6€.

O Concello ofrece asistencia técnica á veciñanza que queira presentar alegacións particulares ao proxecto das pantallas acústicas de Chapela

0

O Concello de Redondela vén de poñer a disposición da veciñanza un equipo de asistencia técnica para que, as persoas que así o desexen, poidan presentar alegacións particulares ao proxecto de Pantallas Acústicas de Chapela.

As e os interesados en utilizar este servizo de asesoramento, deberán pasar polo multiúsos do Piñeiral do Crego de Chapela, este vindeiro venres de 17 h a 19 horas.

Cabe lembrar que o Concello presentará alegacións –explicadas na reunión que mantivo coa veciñanza o pasado sábado– nas que se incluirán as alegacións das veciñas e veciños que así o desexen. Porén, as persoas que queiran presentar alegacións de xeito particular, poden facelo de aí que o Goberno local poña a súa disposición este servizo de asistencia técnica para a súa elaboración.

Tomiño xestionou 135 toneladas de biorresiduos nos seus centros de compostaxe

0

Tomiño continúa a apostar pola economía circular a través da compostaxe. O Concello, seguindo a guía do Revitaliza da Deputación de Pontevedra, xestionou, no que vai de ano, 135 toneladas de biorresiduos nos seus 16 centros de compostaxe comunitaria (CCC) repartidos nos núcleos urbanos das parroquias de Tomiño e Goián, das que 29 remataron en forma de compost para entregar á veciñanza e utilizar nos parques, xardíns e hortas escolares do municipio. A concelleira de Medio Ambiente, Ana Belén Casaleiro, destaca esta cifra “como unha mostra máis do noso compromiso co noso medio natural e cun mundo máis sostible”, ao tempo que anima á veciñanza “a utilizar estes centros de compostaxe para rendibilizar os residuos dos seus fogares, é dicir, transformar o residuo nun recurso”.

O compost que se xerou repartiuse a veciños e veciñas do concello, que o solicitaron,  para a súa utilización en hortas e xardíns e para uso municipal, en parques, xardíns e hortas escolares. Tamén se fixo un cribado de parte do compost para a obter un material máis fino que se atopa almacenado en caixóns, instalados nalgún dos CCC tanto de Tomiño coma de Goián e que están a disposición da veciñanza. Cabe destacar, por outra banda, que o compost resultante do centro de compostaxe do CEP Pedro Caselles Beltrán, é utilizado na horta do mesmo, a cal é xestionada polos cativos e cativas do propio centro, que están moi implicados e motivados nesta forma de xestión dos residuos.

A edil tamén quere lembrar á veciñanza dos edificios dos núcleos de Seixo e Goián que o Concello ten á súa disposición caldeiros para facilitar a separación na vivenda. Ata o de agora repartíronse o 30% dos caldeiros para o uso nos CCC, e a concelleira anima “ao resto da veciñanza que aínda non teña un, a solicitalo para botar os seus biorresiduos da cociña e depositalos no centro de compostaxe máis próximo a súa vivenda”. Na páxina web do concello (https://revitaliza.tomino.gal/), na sección sobre compostaxe comunitaria, poderán encontrar toda a información necesaria.

Festa do hóckey en Ponteareas co III Memorial Kiko Represas

Ponteareas réndese esta fin de semana ao hóckey sobre patíns coa celebración da terceira edición do Memorial Kiko Represas, na honra desta figura tan destacada dentro desta disciplina na vila. O evento está organizado polo Hoquei Club Ponteareas en colaboración co Concello e estará aberto ao público con entrada de balde.

O concelleiro de Deportes, Miguel Bouzó convida “a todas e todos os afeccionados a gozar con estes dous días nos que o hóckey será o gran protagonista da mañá á noite”. “É un orgullo para a vila contar cun evento cunha elevada participación das bases como este, unha grande oportunidade deportiva e un importante pulo para a economía local”, asegura.

Así, os días 4 e 5 de decembro, o pavillón municipal do complexo deportivo Álvaro Pino acollerá o Torneo Máster 35, un encontro de veteranos que enfrontará aos equipos C.P. Riudebitlles, o O.C.Barcelos, C.P. Las Rozas e o H.C. Ponteareas. O torneo arrancará o sábado ás 18.30 horas coas semifinais, para disputar o domingo ás 17.30 horas o terceiro e cuarto posto e ás 19.30 horas a final.

Por outra banda, o Memorial acollerá por primeira vez este ano o Torneo Hóckey Base ‘Todos campións’, no que participarán arredor de 100 nenos e nenas que aínda non están en competición de sete clubs de Cataluña, Madrid, Santiago de Compostela, Vigo, Mondariz e Portugal (H.C. Ponteareas, C.P. Riudebitlles, C.P. Las Rozas, H.C. Oroso, Traviesas H.C., H.C. Vigo Cíes e Cemar Mondariz). “Será un torneo especial non que non haberá gañadores nin perdedores. Habilitaranse tres pistas para que os e as deportistas poidan xogar partidos todo o día sen marcador e incluso mesturando equipo, para fomentar que se coñezan e compartan experiencias”, explica José Álvarez, presidente do Hoquei Club Ponteareas.

Redondela aproveita o marco do Culturgal 2021 para dar a coñecer o seu enorme potencial na cultura

0

As máis de 9.000 persoas que pasaron en Pontevedra polo Culturgal 2021, supuñan unha oportunidade única para amosar a capacidade cultural dun concello e Redondela, non desaproveitou a ocasión.

O Concello redondelán –única administración que, xunto con Pontevedra, contaba con stand propio– deixou patente o todo seu potencial cultural tanto por cantidade como por calidade dos eventos que, todos os anos, acolle o municipio.

“Volvemos a ser un referente na cultura na provincia de Pontevedra”, non dubidou en asegurar a alcaldesa Digna Rivas logo de ser testemuña presencial da magnífica acollida que, na que é a gran feira da cultura de Galicia, tivo o expositor do Concello de Redondela.

Alí estaban, para o que os quixera mercar, CD’s de Alberto Vilas ou Efémeras –dous referentes na música dentro e fora das nosas fronteiras– mentres que, de agasallo, as e os visitantes podían levarse discos da Escola de Saxos e un extraordinario recopilatorio de artistas locais realizado pola asociación ArteLixo.

Non faltaron os folletos detallados da programación cultural de Outono e Nadal, os que invitaban a facer unha viaxe pola historia de Rande perfectamente explicada no Museo Meirande, ou os que deixaban ao descuberto elementos do patrimonio inmaterial como as Penlas, a Coca ou do patrimonio máis tanxible como o Cemiterio dos Eidos, cargado de historia e beleza arquitectónica recentemente recuperado e posto en valor polo Goberno local.

As e os visitantes tiveron a oportunidade de coñecer eventos que, ano tras ano, colocan a Redondela no mapa da cultura de Galicia e do resto do Estado como é o caso do Festival Internacional de Títeres de Redondela, un referente, como seu propio nome indica, a nivel internacional, ou o ArteLixo, certame que crece de xeito exponencial co paso do tempo.

A concelleira de Cultura, Iria Vilaboa, que agradecía a colaboración “incondicional” de ArteLixo e Xente Titiriteira, amosou a súa satisfacción “pola enorme acollida que tivo o stand e polo interese que amosaron pola actividade cultural de Redondela todas as persoas que por el pasaron”.

En total máis de 700 persoas solicitaron información da oferta cultural no stand do Concello de Redondela das que, máis de 200, levaron as bolsas con material divulgativo sobre dita oferta. Digna Rivas subliñou que a maioría das persoas que pasaron, residentes na provincia de Pontevedra, “se ben coñecían Redondela e máis dunha vez tiñan visitado a vila e paseado polas súas rúas e prazas, descoñecían a ampla oferta cultural que o municipio ofrecía e que supón, segundo comentaron, un bo motivo para realizar novas visitas”.

Nesta edición de Culturgal quedou claro, afirmou a alcaldesa, “que Redondela posúe unha oferta cultural extraordinaria, non só en canto a cantidade e variedade, senón tamén no que atinxe á fortaleza que lle permitiu sobrevivir pese a complexa situación que, para o mundo da cultura, representou e representa a pandemia da COVID-19”.

A Omix da Guarda oferta varios obradoiros para rematar o ano

0

A Omix da Guarda organiza diversos obradoiros nos que posibilita: artellar obxectos, traballar a creatividade e darlle segundos usos a obxectos. Desenvolverá tamén unha charla na que o xogo e o xoguete serán os protagonistas, nunhas datas nas que moitas familias planifican os agasallos de Nadal, tentando axudar nunha compra máis consciente e pedagóxica.

Programa

2 de decembro ás 18:30h – Obradoiro Nadal: Papiroflexia para celebracións

3 de decembro ás 19:30h – Charla Obradoiro: Xogando no Nadal, o xogo e o xoguete

10 de decembro ás 18:30h – Obradoiro: Reutilizando envases

17 de decembro ás 18:30h – Obradoiro: Reutilizando abalorios

Os obradoiros teñen prazas limitadas e as persoas interesadas deberán inscribirse na OMIX a través do mail [email protected] ou no teléfono 986610000 ext. 7.

Para a charla non será necesaria a inscrición previa.

Gondomar inaugura o seu Nadal esta fin de semana

0

Todo listo para a conta atrás este sábado e inaugurar a iluminación do Nadal nun acto que “é xa unha cita que moitos e moitas teñen marcada no seu calendario”, manifesta o rexedor gondomareño, que ás 20.00 horas pulsará o botón que acenderá as miles de lámpadas leds, arcos de luz e “a nosa tradicional árbore vermella” no municipio, marcando o inicio da celebración do Nadal.

O acto virá precedido dun concerto a cargo do grupo “Los Goonis” e a presenza dos personaxes, sempre máxicos, aos que darán vida os integrantes de “Sarao Animación” que caldearán o ambiente para garantir unha tarde de alegría e diversión para grandes e pequenos.

Belén Artesanal en movimiento

O mesmo sábado inaugurarase o Belén artesanal en movemento -a partir das 18.30 horas- que este ano se traslada á Casa da Cultura onde permanecerá ata o próximo 9 de xaneiro. Nesta ocasión a composición ocupará preto de 55 metros de espazo e conformarana un total de 600 figuras, das que 150 están en movemento.

O seu propietario Fernando Fernández Penedo, veciño da parroquia de Borreiros, que leva preto de 3 décadas tallando e dando vida ás figuras que integran este belén artesanal no que este ano destacan novidades como a inclusión dunha réplica da ponte romana de Ramallosa, en cuxa elaboración empregou case tres meses de traballo.

Programación de Nadal

A inauguración da iluminación de nadal poñerá en marcha tamén o programa elaborado pola concellería de Cultura para estas datas festivas no que non faltarán a visita de Papa Noel, os Reis Magos ou o Apalpador, teatro, concertos ou pasarrúas. Non faltará a cita tradicional coa Cabalgata de Reis ou o Certame de Rondallas do 06 de xaneiro.

O 12 de decembro o Auditorio Lois Tobío acollerá o espectáculo “Ciencia que alimenta” cuxa recadación se destinará a Gondoilusión, a campaña solidaria, promovida por Benestar Social, que busca garantir xoguetes para nenos e nenas cuxas familias se atopan en situación vulnerable. Pequenos que poderán gozar da visita de Mamá Noel o 22 de decembro e de Papa Noel os días 23 e 24 deste mes, ambos estarán acompañados por unha animación especial para a ocasión.

Fieis ás tradicións en Gondomar espérase a visita do Apalpador o día de Nadal a partir das 12.00 horas, que chega a Gondomar de man da Diputación Provincial de Pontevedra. Os Reis Magos percorrerán as rúas na cabalgata a partir das 17.30 h. e o 04 de xaneiro os nenos/as poderán deseñar as súas cartas e tarxetas nun taller que se celebrará na Praza Paradela.

A música non faltará á cita do Nadal en Gondomar coa celebración do Certame de Panxoliñas (18 decembro) a cargo das corais do municipio, o Concerto de Nadal dos alumnos do conservatorio o día 15 de decembro, a actuación da Banda Musical de Vincios e a presenza das Rondallas de Vincios e Chaín nas rúas do municipio, que participarán o día de Reis no tradicional e veterano Certame de Rondallas de Gondomar.

Este ano tamén recupérase o Mercado de Nadal que se celebrará o próximo 19 de decembro durante toda a xornada, iniciativa que ponse en marcha en colaboración coa Concellería de Comercio, ao que se suman outras como o concurso de decoración do Nadal de escaparates e vivendas, o campus solidario de Nadal para nenos de entre 6 e 12 anos, ou o programa “Non Nadal, merca en Gondomar”, de promoción do consumo local.

Degustación gratuíta de pescado “Fresco & Salvaje” no Mercado de Abastos do Porriño este viernes

A Organización de Produtores de Pesca Fresca do Porto de Vigo (OPPF-4), organiza este venres ás 12:00 horas, no Mercado de Abastos do Porriño, unha degustación gratuíta a base de distintas preparacións de peixe fresco que servirá para que os consumidores coñezan de primeira man a marca de peixe “Fresco & Salvaxe” que está presente desde finais do ano pasado nos mercados das peixarías de Vigo e a súa área metropolitana.

O produto baixo a marca Fresco e Salvaxe garante que o peixe foi capturado no mar mediante pesca extractiva tradicional e que nunca foi conxelado, tan só refrixerado, nin provén de piscifactoría. En conclusión, este selo deixa claro en supermercados e prazas de abastos, nunha soa lectura, a procedencia salvaxe do peixe para diferencialo do peixe de acuicultura ou conxelado.

Esta acción está organizada pola Organización de Produtores de Pesca Fresca do Porto de Vigo ( OPPF-4), coa colaboración da Conselleria do Mar, o Fondo Europeo e Marítimo da Pesca (FEMP) e a Concellería de Comercio do Concello do Porriño que dirixe Sergio Casal.

“Fresco & Salvaxe”, que se atopa en pleno proceso de expansión, continuará con estes eventos en diferentes partes da xeografía galega para seguir dando a coñecer a consumidor a orixe do peixe para diferencialo.

A Deputación transformou o Condado-Paradanta nos últimos 6 anos

Os nove concellos que integran as comarcas do Condado e A Paradanta recibiron 61.868.006 euros da Deputación dende que en 2016 se produciu o cambio político á fronte da institución provincial, “o maior investimento da historia da Deputación nestas dúas comarcas e en cada un dos concellos”. A presidenta, Carmela Silva, rendeu contas cun almorzo informativo celebrado en Ponteareas, que aproveitou tamén para anticipar os 13,5 millóns de euros que, a maiores das partidas previstas en cada un dos servizos provinciais do goberno, chegarán durante o ano próximo da man do Plan Concellos bianual (8,8 millóns), das sete grandes obras que vai financiar o plan extraordinario ReacPon (3,3 millóns) e dos 1,5 millóns de euros do Plan de Sostibilidade Turística en Destino para o Condado e A Paradanta presentado pola Deputación, que vén de ser aprobado segundo confirmou Carmela Silva. A presidenta non dubidou en cualificar como “históricas” estas previsións de fondos para 2022.

“Nin por asomo ningunha Administración achégase a este volume de investimento no territorio. E facémolo cun Orzamento provincial medio anual de 164 millóns de euros. Case facemos milagres, pero xestionar ben os recursos públicos é unha obriga; non unha medalla”, recalcou a presidenta provincial no seu balanzo. Engadiu que o Condado-Paradanta non é unha excepción para a Deputación, senón a norma “porque está a ocorrer algo que nunca ocorreu nesta provincia, que xa non ten nada que ver coa de hai 6 anos”. Así invitou a percorrela e comprobar que, practicamente, os únicos carteis de obras que poden atoparse son da Deputación. Así concretou que neste sexenio Ponteareas ten recibido 14,6 millóns de euros; Mondariz, 7,9 millóns; Mondariz-Balneario, 2,9 millóns; As Neves, 7,1 millóns; Salvaterra, 6,7 millóns; A Cañiza, 7 millóns; Arbo, 5,6 millóns; Covelo, 5,3 millóns e Crecente, 4,8 millóns de euros

A presidenta, despois de poñer en valor os 8,8 millóns que chegarán o ano próximo co Plan Concellos bianual, explicou que o plan extraordinario ReacPon terá un especial impacto no Condado-Paradanta financiando o Camiño Escolar Seguro ao colexio Ramiro Sabell, de Ponteareas (722.645 euros de achega Depo cun proxecto de 963.527 euros), a Área de Deporte Urbano de Mondariz (392.079 euros sobre 435.643 euros), a Humanización da travesía Eira da Liñaza das Neves (359.799 euros de achega provincial cun proxecto de 399.776 euros), a humanización da rúa Marqués de Viana (498.000 euros sobre 586.687 euros), a rehabilitación enerxética da piscina da Cañiza (551.239 euros sobre un total de 689.049 euros), a Recuperación do núcleo de Paraños, en Covelo (373.500 euros sobre 415.000 euros) e, finalmente, a humanización da praza Ana Pastor de Crecente (359.770 euros dun total de 409.008 euros).

Fondos Next Generation para 12 accións turísticas no Condado-Paradanta

A presidenta amosouse especialmente satisfeita de ter conseguido 1,5 millóns de euros de fondos Next Generation para o Plan de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD) do Condado-Paradanta, que xestionará a Deputación para desenvolver 12 accións específicas “que transformarán as dúas comarcas cun impulso no destino turístico impensable”: plan director da contorna do castelo de Sobroso con medidas para “renaturalizar” o espazo; posta en valor as ribeiras dos ríos Deva, Tea, Oitavén e Miño; plan de iluminación eficiente do patrimonio histórico-artístico; plan de mobilidade integral dos nove concellos da comarca; creación dun produto turístico de realidade virtual sobre a festa do Corpus de Ponteareas xunto co seu primeiro museo ao aire libre; ferramentas dixitais para interpretar  castros e pesqueiras; recuperación do patrimonio etnográfico; melloras do centro interpretación do río Tea; plan de márketing para o lanzamento da marca do xeodestino Condado-Paradanta; configuración de novos produtos turísticos sostibles; inauguración dun centro BTT comarcal;  “club de produto” da lamprea e, finalmente, configuración dun ente xestor encargado de levar todo isto a cabo.

403 obras, 212 actividades e 926 empregos da man do Plan Concellos

O Plan Concellos, nacido en 2016 para financiar regradamente aos municipios en base a criterios obxectivos de poboación, extensión e dispersión poboacional foi definido durante o balanzo de xestión destes 6 últimos anos como “o instrumento inversor máis potente” no Condado-Paradanta. Por esta canle de cooperación institucional chegaron 30,1 millóns de euros que financiaron 403 obras, 212 actividades socioculturais e a contratación de 926 persoas paradas, aliviando os efectos da “lei Montoro”.

Carmela Silva amosouse orgullosa dos resultados dos plans extraordinarios, tamén convocados con bases obxectivas, para a recuperación de espazos públicos municipais (DepoRemse) e construción de equipamentos e dotacións públicas en concellos que non tiveran ocasión de financialos (Reequilibrio). No primeiro caso  a chegáronse case 1,8 millóns de euros para as obras da contorna do complexo deportivo Álvaro Pino e o Centro de Saúde de Ponteareas, urbanización do centro urbano de Mondariz, seguridade viaria na rúa Rosalía de Castro das Neves, construción de pasos de peóns sobreelevados en Salvaterra, humanización da contorna do colexio da Cañiza, mellora da seguridade viaria en Covelo e a conexión peonil entre os principais equipamentos públicos de Crecente. O Plan de Reequilibrio supuxo tamén preto de 1,5 millóns que permitiron a Mondariz mellorar os accesos, a cantina e os vestiarios do campo de fútbol da Lagoa; nas Neves reformaron o Centro Sociocultural de Rubiós; na Cañiza construíron o Parque Central; en Covelo urbanizaron a praza de Barciademera e, finalmente, en Crecente foi posible mellorar o pavillón polideportivo. A presidenta destacou tamén que os concellos de Ponteareas, Mondariz, Mondariz-Balneario, As Neves, Salvaterra e A Cañiza acadaron 50.000 euros cada un para redactar proxectos de recuperación do espazo público para os peóns no marco do Plan Ágora.

As estradas provinciais do Condado-Paradanta recibiron 13 millóns de euros

Repartidos en 59 proxectos executados ou coa execución avanzada. Carmela Silva explicou que estas comarcas teñen 59 estradas cunha lonxitude de 241 Km. Trátase dunha das máis extensas xunto co Deza, pero lembrou que a provincia conta con 377 estradas e 1.700 Km, “o que se traduce nun enorme traballo”. A Deputación executou obras na práctica totalidade das vías que cruzan O Condado e A Paradanta. Agora mesmo, explicou, estanse a marcar as marxes da estrada entre Ponte do Val e Barciademera (EP-4306), onde se van investir 864.959 euros na mellora da seguridade viaria. O Concello de Mondariz xa conseguiu moitos dos terreos necesarios e estanse a estudar os restantes. Tamén está en fase de adxudicación a obra, por valor de 142.070 euros, para mellorar a mobilidade peonil na EP-4006 Ponteareas-As Neves. E, finalmente, nesta mesma estrada estase agardando a que rematen as obras de construción dun muro no antigo colexio de Leirado (Salvaterra) para comezar a mellora da mobilidade peonil, con outros 214.127 euros. Tamén dende a área de Infraestruturas construíronse 70 pasos de peóns sobreelevados e 113 badéns redutores de velocidade. Finalmente, a Deputación financiou os Plans de Mobilidade Sostible (PMUS) de Ponteareas, Mondariz, Mondariz-Balneario, As Neves, Arbo e Covelo, uns PMUS que, explicou, son requisito para optar a fondos de mobilidade europeos. “Non sei doutra deputación en España que o fixera”, recalcou.

A área provincial de Igualdade repartiu 73 subvencións a diversos colectivos e concellos para desenvolver accións de corresponsabilidade ou loita contra a violencia de xénero por importe total de 424.661 euros. Mentres tanto, dende Cohesión Social repartíronse nestes 6 anos máis de 2 millóns de euros, que se traduciron no financiamento dos Servizos Sociais de tódolos concellos de menos de 20.000 habitantes (1.928.752 euros), axudas de emerxencia social “para as persoas con máis dificultades” e o cofinanciamento da teleasistencia, a pesar de que se trata dunha competencia estatal e autonómica. As subvencións ás 169 entidades do terceiro sector que traballan nestas comarcas alcanzaron os 164.257 euros. O servizo de Emprego financiou 138 contratos nos nove concellos cun importe de 1.100.000 euros a través do Plan de Práctica Laboral, O Teu Primeiro Emprego, así como as prácticas no estranxeiro para o alumnado de FP co programa Prácticum Depo.

A musealización do castelo de Sobroso

O servizo de Turismo deixou máis de 1,1 millóns de euros neste territorio, dos que 895.000 euros investíronse no castelo de Sobroso. Carmela Silva aproveitou para anunciar que a principios do próximo ano remata a ambiciosa musealización “que será moderna, máxica e non deixará a ninguén sen deixar escapar un oh!” Ademais, recalcou que a promoción da Festa da Lamprea  de Arbo e o Corpus de Ponteareas viu triplicado o apoio da Deputación. Ambas festas reciben 8.000 euros ao ano. Tamén no capítulo de anuncios anticipou a dixitalización das oficinas da rede Rías Baixas de As Neves e Salvaterra da man do programa provincial, dotado de fondos europeos, Tourism Inside.

A aposta polo sector primario foi outro dos eixes da acción da Deputación que subvencionou actividades e investimentos de tres cooperativas. Neste eido tamén recalcou que se investiron outros 693.381 euros en facer posibles os parques forestais de A Picaraña, O Viveiro, San Cibrán-Muíños-Couso e Guillade (Ponteareas), Gargamala, A Lagoa, Viveiro da Franqueira e Muíños do río Xabriña (Mondariz), Serra de San Fins (As Neves), Monte Castelo (Salvaterra) e Serra de San Fins, Bouza de Miguel e Parque de San Xoán (Arbo). O coidado do medio ambiente ten tamén unha referencia no Condado-Paradanta coa axuda do plan provincial Revitaliza para o tratamento dos residuos orgánicos. Ata tres concellos (Mondariz, Mondariz-Balneario e As Neves) entraron en fase 2 autoxestionando esta fracción do lixo. O investimento total da Deputación neste programa, que é referencia en toda Europa, foi de 1.425.223 euros.

O servizo provincial de Cultura mobilizou case un millón de euros para “democratizar” a cultura levándoa a tódolos concellos. Subvencionou 1.275 actividades de diferentes colectivos, organizou 21 actividades propias e posibilitou 29 concertos do programa Musigal con artistas como Roi Casal, Budiño, Sés, Miladoiro, Susana Seivane, Luar na Lubre, Devacas, Andrea Pousa, Leilía, Xavier Díaz, Baiuca ou Óscar Ibáñez. Esta aposta viuse reforzada polos 185.231 euros investidos para fomentar a lingua galega e impulsar actuacións de recuperación patrimonial. Dende a área de Deportes inxectáronse 550.582 euros en subvencións , das que 308 foron a clubs e 27 a deportistas individuais. Ademais deuse apoio estable a 15 escolas deportivas e financiáronse 70 actividades e competicións. “Somos a Administración que máis inviste en Deporte porque mentres a Xunta distribúe unha parte importante de fondos que lle achega Abanca, nós só repartimos fondos propios”, deixou claro a presidenta provincial.

A posta en marcha da Administración Electrónica foi outro punto abordado durante o balanzo e así subliñou que os rexistros e os expedientes electrónicos non existían no ano 2016, a pesar de que xa eran unha obriga legal. O investimento da Deputación para superar esta eiva foi de 533.000 euros e hoxe tanto a Administración electrónica como o servizo de Padrón electrónico son unha realidade en toda a provincia. Ademais, Carmela Silva puxo en valor o impacto do programa SmartPeme, que asesorou a 144 empresas dende a oficina de Ponteareas para acelerar a súa transformación dixital. A chegada de fondos europeos a través da Deputación traduciuse en case 1,1 millóns de euros para financiar obras de iluminación sostible ou instalar caldeiras de biomasa en Mondariz, Mondariz-Balneario, Salvaterra, Arbo, Covelo e Crecente. Destes fondos beneficiouse tamén a Entidade Local Menor de Vilasobroso para converter a antiga escola nun centro sociocultural. O apoio da Deputación con motivo da pandemia traduciuse en 424.000 euros a través dos 161.421 euros solicitados por A Cañiza, Covelo, Crecente, Mondariz-Balneario, Ponteareas, Salvaterra e Arbo. Ao tempo, recibiron 218.733 euros para reforzar os Servizos Sociais e outros 43.476 para implementar programas de corresponsabilidade durante a pandemia. Carmela Silva denunciou que os concellos non recibiron “un só euro nin da Xunta, do Estado ou de Europa e, a pesar diso, tiveron que facer fronte a moitas cuestións que eran de competencia autonómica, dunha Xunta que si recibiu centos de millóns”.

Adif licita a renovación de infraestrutura e vía do tramo Estación de Guillarei-Fronteira portuguesa

O Consello de Administración de Adif autorizou na súa última reunión a licitación, por importe de 12.379.566,43 euros (IVE incluído), do proxecto de renovación de infraestrutura e vía do tramo Estación de Guillarei-Fronteira portuguesa, pertencente á liña Guillarei-Valença do Minho.

O contrato, que ten como obxectivo mellorar o estado da infraestrutura e a fiabilidade da liña férrea, inclúe, entre outras, as seguintes actuacións:

  • Explanaciones, limpeza e regularización de cunetas e noiros entre os puntos quilométricos ( P. K.) 1/295 e 3/650 do tramo ferroviario.
  • Execución de muros de dique entre os P. K. 2/956 e 3/278.
  • Rebaixas de plataforma e construción de plataforma nova na estación de Tui e en tres pasos superiores.
  • Actuacións en plataformas de acceso a estribos e entre ás de vigas, impermeabilización e selaxe de xuntas transversais en diferentes pasos inferiores.
  • Execución dun muro de contención a base de pilotes entre os P. K. 3/061 e 3/106,50, complementados cunha aliñación de ancoraxes do muro entre os P. K. 3/089 e 3/119.
  • Prolongación da plataforma existente na estación de Tui e renovación para deixalo á cota que mellora a accesibilidade dos viaxeiros. Tamén se crea unha nova plataforma lateral alén das vías. A comunicación entre eles previuse mediante un paso inferior, incluíndo un percorrido libre de obstáculos con alternativa sen chanzos.
  • Desde o punto de vista da electrificación prevese a substitución de parte da catenaria flexible actual e os seus equipos correspondentes por unha catenaria CA-160 3/25 kV apta para electrificacións en 3 kV cc e con mínimos cambios para sistemas en 25 kV ca. Nesta actuación inclúese a adecuación da vía 4, a substitución de semipórticos e a instalación dun pórtico na zona de plataformas da estación de Tui, a electrificación da vía 2 e a substitución de ménsulas, dirección O Porto (Portugal), polos cambios en trazado.

Con estas actuacións a estación de Tui quedará adecuada tanto para o servizo internacional de viaxeiros como para poder estacionar trens de mercadorías de 750 m de lonxitude.

A Cañiza presenta a campaña “A confianza de sempre, agasállate este Nadal”

0

Por segundo ano consecutivo, o alcalde da Cañiza, Luis Piña, e a Asociación de Comerciantes da Cañiza presentan a campaña de impulso e fidelización do comercio local coñecida como “A Confianza de Sempre, Agasállate este Nadal”. Unha campaña que ten como obxectivo principal  dinamizar e incentivar o pequeno e mediano comercio da Cañiza. En palabras do alcalde «unha aposta polo comercio local, polo comercio de sempre, cercano e comprometido».

O programa consiste en sortear, entre os clientes dos establecementos do municipio que fagan compras por un importe de 20 €, 4.350 € en vales de compra. 500 € foron doados pola actual Asociación de Comerciantes da Cañiza, 500 € pola antigua Asociación de empresarios e comerciantes da Cañiza e os 3.000 € restantes foron aportados polo Concello. Ademais, a esta cantidade súmanse outros 350 € máis da campaña do ano pasado que quedaron sen entregar ao non ser reclamados polos gañadores.

A campaña desenvolverase durante os meses de decembro de 2021 e xaneiro de 2022. Os sorteos realizaranse os días 15 e 30 de decembro de 2021 e 15 e 31 de xaneiro de 2022, distribuíndo, en cada sorteo, 20 premios de 50 euros en vales de 10 euros.

Os vales poderanse empregar ata o día 28 de febreiro do 2022, nos establecementos adheridos.

O premiado deberá gastar na compra como mínimo o total do vale (10 euros), o vale non poderá ter devolución monetaria.

Poderás consultar as Bases da campaña na web municipal: www.caniza.org.

Así que si te animas e compras na Cañiza este Nadal, non te esquezas de solicitar os teus boletos.

Culturgal descobre o libro ‘Alfredo Guisado. Xente d’aldea’, da colección Creadores Ponteareáns

Ponteareas volveu levar a súa literatura a Culturgal, que cada ano reúne a artistas e artesáns de todas as industrias culturais. A alcaldesa Cristina Fernandez Davila e o escritor Carlos Pazos presentaron esta fin de semana o libro ‘Alfredo Guisado. Xente d’aldea e outros textos das orixes’, un volume da colección ‘Creadores Ponteareáns’ posta en marcha polo Concello en colaboración coa Deputación de Pontevedra para homenaxear ás figuras senlleiras da vila e que destacan no eidos das artes.

O público deu unha gran acollida a este libro, dedicado ao poeta, deputado, político e xornalista Alfredo Guisado, nado en Lisboa pero con orixes na parroquia ponteareá de Pías e con el conmemórase o centenario do poemario homónimo e achega outros textos que están vinculados coa súa terra de orixe, coa que sempre mantivo unha constante e prolífica conexión. Neste volume, o galego Carlos Pazos, profesor da Universidade do Minho en Braga, asume a vida do escritor luso como propia e se inclúen outros textos literarios e de intervención de Guisado de temática galega.

Dende o Concello saliéntase o orgullo de presentar nun espazo como Culturgal obras ligadas á historia ponteareá. “A creatividade sempre foi un valor en alza en Ponteareas e se botamos a vista atrás atopamos unha morea de persoas relacionadas con diferentes facetas da arte, ponteareáns e ponteareás de recoñecido prestixio que foron caendo no esquecemento e que pouco a pouco estamos a recuperar”, destacan.

Salvaterra aprobou o seu Plan de Mobilidade Urbana Sostible

Vivimos nun mundo en constante cambio, onde as persoas tenden cada vez máis cara á sustentabilidade e aumenta a preocupación polo cambio climático. É  necesario que todos os axentes  nos  involucremos a través da implantación de solucións para mellorar a calidade de vida nas nosas vilas, reducindo a contaminación atmosférica e acústica provocada por un excesivo parque automobilístico e o uso do vehículo privado.

A expansión urbana provoca cambios nos hábitos de mobilidade, no que destaca cada vez máis o uso do transporte privado que ten un impacto negativo no medio e na sociedade, polas emisións de gases contaminantes e elevado consumo enerxético. É por iso que debemos lograr un sistema de mobilidade urbana que non dependa dos combustibles fósiles. Para conseguilo, é necesaria a participación das Administracións de cara a preparar estratexias e medidas que sigan unha tendencia sostible, así como a concienciación da sociedade. É por isto que xorden os Plans de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS), nos que se propoñen accións e medidas para mitigar os efectos prexudiciais provocados polo transporte e fomentar medios de transporte non contaminantes, sostibles e eficientes.  O PMUS é empregado tamén como instrumento de concienciación e sensibilización para os cidadáns, as administracións públicas e para o resto de axentes implicados na mobilidade  “é un conxunto de actuacións que teñen como obxectivo a implantación de formas de desprazamento máis sostibles”

O obxecto deste plan é definir detalladamente as actuacións e medidas que teñen como finalidade implantar formas de desprazamento máis sostibles, reducindo o consumo enerxético e as emisións contaminantes, logrando ao mesmo tempo garantir a calidade de vida da cidadanía, recollendo a análise da situación actual e, a partir desta información, definir a visión e os obxectivos do Concello, así como o conxunto exhaustivo de accións a levar a cabo para alcanzar.

Como medidas a destacar e co fin de reducir o uso do vehículo privado e fomentando os desprazamentos a pé e en bicicleta plantéxanse actuacións conxuntas coas diferentes administracións, Xunta e Deputación,  para conectar os nucleos das parroquias, algunhas destas accións xa se executaron ou están en execución. A ampliación da Ponte Internacional cun carril bici e unha beirarrúa para o tránsito peonil que permita a movilidade internacional sostible e segura aos nosos veciños e veciñas. A solicitude dunha nova Ponte Internacional entre Salvaterra e Monçao, que conecte coa PLISAN e nos permita derivar o tráfico pesado do casco urbano, disminuindo o tráfico da Rúa Miño e a contaminación acústica; solicitar unha liña de tren de cercanía entre Vigo e Ourense que facilite a mobilidade para o traballo, estudos ou ocio e moitas máis accións que marcarán a folla de ruta a corto, medio e longo prazo do Concello.

Pedro Rodríguez Cerdeira, veciño de Arbo, gaña o enduro de Salceda

0

Fin de semana cargada de emocións no Trofeo Enduro Liga da Moto o pasado 21 de novembro.  A diferenza doutros anos, o protagonista desta carreira, que se disputaba en Salceda, era Pedro Rodriguez, veciño de Arbo que se xogaba ser o gañador da liga de motos de enduro de Galicia 2021.

Pedro participaba o pasado 21 de novembro TROFEO ENDURO LIGA DA MOTO – Campionato Galego de Moto de Campo, co Dorsal 161, no que quedou en primeiro posto, proclamándose así,  gañador da Liga de Motos de Campo na categoria Senior 2t  no ano 2021.

O  enduro é a especialidade máis completa do motociclismo, esixe velocidade, resistencia, técnica… É un compendio da arte de montar en moto e, ademais, o  enduro  é o deporte  motociclista que máis evolucións experimentou na súa historia e Arbo ten o  gañador do ano 2021 na categoría Senior 2t.

Pedro, un apaixoado das motos,  leva competindo neste deporte dende hai máis de 4 anos. No ano 2020 correu en categoría E1 e gañou a carreira en Salceda tamén, acadou o segundo poste en Tui e a cuarta en Piñor, suspendéndose a liga pola crise do COVID-19.

Depois dun ano de competición, donde Pedro acadou o podio en Piñor, Rios, Abegondo é Salceda, remata a tempada cun novo trofeo na súa vitrina, sendo o único corredor neste deporte do  municipio de Arbo. 

O piloto de motos de campo, ten no seu garaxe máis de media ducia de este vehículo, as motos son a súa paixón e, no vindeiro ano, ten na súa folla de ruta competir en liga nacional.

O Concello de Arbo quere felicitar a Pedro Rodríguez, e apoiar ao Deporte Arbense en todas as categorías e disciplinas.

Nigrán repite a campaña ‘Agasallos de corazón’ de recollida a favor do Banco de Xoguetes e do Roupeiro

0

O Concello de Nigrán repite este ano a campaña de Nadal “Agasallos de Corazón”, destinada ao Banco Municipal de Xoguetes para repartir durante todo o ano entre familias usuarias dos Servizos Sociais e tamén para promover o Roupeiro (tanto para doazóns como para recoller prendas). O obxectivo é que as festas non se traduza para as persoas en risco de exclusión social de Nigrán nun agravamento da súa condición, polo que o Concello levará adiante máis iniciativas solidarias (como unha recollida de alimentos non perecedoiros en decembro nos colexios que desexen sumarse e no Auditorio Municipal). No pasado ano o Concello recadou miles de doazóns que permitiron agasallar a 125 menores de familias usuarias dos Servizos Sociais e, a maiores, creouse este Banco Municipal de Xoguetes que funciona durante todo o ano.

Deste xeito, ata o 20 de decembro recolleranse xoguetes de todo tipo (coa condición indispensable de que se atopen en bo estado e debidamente hixienizados) no Pavillón Municipal de Panxón (de luns a venres de 10:00 a 13:30 e de 16:30 a 20:00 horas) e no establecemento Chupipostres (Estrada pola Vía, 114 B). Compre sinalar que son especialmente necesarios os destinados a partir de 7 anos en diante. “O que non nos gustaría que lle regalasen aos nosos fillos tampouco sirve para os demais, sexamos conscientes diso. Teñen que ser novos ou seminovos, en perfecto estado; en todas as casas con cativos sempre hai cousas que case non se chegaron a usar ou que se conservaron intactas, iso é o que buscamos para darlle unha segunda vida”, incide o alcalde, Juan González. Todos serán debidamente empaquetados e preparados por persoal do Concello para entregar sempre entre as familias en risco de exclusión social (atendendo á idade de cadanseu neno e os seus gustos).

Igualmente, o Concello promove tamén nesta campaña o Roupeiro Municipal, ben para realizar doazóns ou ben para recoller prendas para uso propio ou de cara a realizar agasallos (desde infantil a adulto en todas as tallas, incluído zapatos). Nestes intres, resulta especialmente necesario recibir roupa de cama. Compre sinalar que calquera persoa pode doar pero tamén recoller, trátase dunha entrega directa, xa que o obxectivo é tamén contribuír á sostibilidade medioambiental dándolle unha segunda vida á roupa. Localízase na rúa Paradellas (ao carón do IES Val Miñor), é xestionado por voluntarias, e abre mércores e xoves de 10:00 a 12:30 horas e venres de 16:30 a 18:00 horas (este día mediante cita previa no 986383081). “O obxectivo do Roupeiro non é acumular e almacenar, se non distribuír entre quen o precisa e constribuír á sostibilidade ambiental, calquera persoa pode acudir a el, mesmo se quere prendas para agasallar no Nadal, por iso é importante manter o nivel actual de doazóns”, incide González.

Este venres Tui inaugura o Mercado de Nadal no Paseo da Corredoira

0

A maxia do Nadal chega a partir deste venres ao Paseo da Corredoira de Tui co Mercado de Nadal organizado polo Concello de Tui.

A inauguración está prevista ás 18.30 h coincidindo co acendido da iluminación de Nadal, con animación de rúa.

Esta mañá comezou xa no Paseo da Corredoira a montaxe das casetas de madeiras onde se ubicarán dende este venres e até o domingo 12 de decembro os postos participantes que contarán cunha decoración propia do Nadal.  A meirande parte dos expositores son de Tui, participando tamén outros doutros municipios da provincia de Pontevedra e da Coruña. Ofrecerán produtos de alimentación gourmet, xunto a elaboracións artesanais de xoiería, madeira, téxtil, coiro, xoguetes, … e non faltarán os elementos de decoración para estas datas.  

O Mercado de Nadal ten tamén o seu espazo solidario coa participación das organizacións sen ánimo de lucro como a Cooperativa Escolar do CEIP nº1, a Protectora de animais Aloia, o Club de patinaxe RIBEX, o Voluntariado da Caridade de Tui e a Asociación Vontade.

O Mercado desenvolverase baixo estritas medidas de seguridade contra a covid-19. Os expositores portarán máscara en todo momento, disporán de xel hidroalcohólico para o público visitante e deberán hixienizar de xeito regular as superficies de contacto co público, ademais de manter estritamente as distancias de seguridade.

O mercado abrirá cada xornada de 11 a 14 h e de 17 a 21h entre o 3 e o 12 de decembro.

A pianista Alba Raña, este venres 3 en concerto en Ponteareas

Ponteareas acollerá este venres 3 de decembro un concerto de piano a cargo da viguesa Alba Raña, que traerá a música de Bach, Mozart, Chopin e Ravel á sala multiúsos do auditorio municipal.  A Concellería de Cultura, dirixida por Fernando Groba, convida a toda a veciñanza a participar neste espectáculo que comezará ás 20.00 horas e que terá entrada de balde ata completar localidades. “A música clásica está moi enraizada na nosa vila e nas e nos nosos músicos e compositores e temos que fomentar actividades que nos alimenten ese talento de noso”, sinala Groba.

A pesar da súa xuventude, Alba Raña xa ten unha dilatada carreira musical. Con apenas tres anos tiña o seu primeiro contacto co piano da man de Alina Pociute, profesora fundamental na súa formación musical. En 2016, con 15 anos, obtén o primeiro lugar na proba de acceso a grao profesional e é elixida para participar como alumna activa na Ingenium Academy International Summer School for Music, onde recibiu clases de docentes de renome e foi galardoada co Chopin Award for the best interpretation pola súa audición final.

Dende entón atesoura numerosos premios, como o terceiro premio e o accésit á mellor interpretación das obras obrigadas no Concurso Nacional Reveriano Soutullo de Ponteareas, o Premio Extraordinario de Ensinanzas Artísticas na especialidade de piano, o primeiro premio absoluto no Concurso de Solistas do Conservatorio Superior de Música de Vigo ou o 3º premio absoluto na categoría Expert do concurso Medici International Music Competition e o premio Pepito Arriola ao mellor pianista galego do V Concurso Internacional de Piano Cidade de Vigo.

O pasado mes de xuño admitírona na última fase das probas de acceso á Hochschule für Musik, Theater und Medien Hannover, entre candidaturas de múltiples nacionalidades. Na actualidade, Raña compaxina os seus estudos de grao superior na especialidade de Pedagoxía Xeral e da Linguaxe Musical no Conservatorio Superior de Música de Vigo co Grao en Historia da Arte na UNED.

O Rosal vivirá un Nadal cheo de propostas para todos os públicos

0

O Nadal chegará ao Rosal cheo de actividades. O Concello acaba de presentar unha programación navideña con 17 propostas de ocio para maiores e pequenos, que comezará este venres ás 18.30 horas co acendido do alumeado en todo o municipio. A alcaldesa, Ánxela Fernández, destaca que “os rosaleiros e rosaleiras poderán vivir ao grande un Nadal cheo de cultura, deporte e obradoiros para facer do noso concello un lugar mellor e máis sostible”, e agradece a todas as entidades que colaboran con nós para “vivir estas festas da mellor maneira”.

Xa coas luces postas, o sábado 4 ás 10.00 horas no salón de exposicións do Concello abrirá o mercado de Nadal con artesáns, artistas e pequeno comercio do Rosal. Durará ata o día 6 e terá un horario de 10.00 h a 13.00 h e de 17.00 h a 20.00 h. Nesa mesma mañá, ás 11.30 horas, tamén se lle dará a benvida a exposición fotográfica de Manuel Sobrino (El Naturalista Cojo). Máis tarde, ás 17.00 horas, a Agrupación Musical do Rosal dará un concerto polo día de Santa Icía no Auditorio Municipal. O luns 6 ás 17.00 horas os máis pequenos e pequenas poderán desfrutar de “Dedas”, un espectáculo de contacontos que encherá de ledicia a Biblioteca Municipal.

O sábado 11 ás 19.00 horas volverá a música ao Auditorio Municipal co concerto de “Ecos do Nadal” por parte da coral Ecos do Folón, e as notas continuarán a resoar nas súas paredes o venres 17 ás 20.00 horas coas audicións de alumnado da Agrupación Musical do Rosal que, o sábado 18 ás 18.30 h, celebrará no mesmo lugar o festival de Nadal da súa escola. O teatro tamén terá o seu oco no Auditorio o domingo 19 ás 18.00 h coa obra para maiores de cinco anos “Mentiras e verdades” de Teatro Arte Pingüe.

O deporte tamén será protagonista na programación. O mércores 22 e o xoves 23 o Pavillón Municipal acolle o X Trofeo O Rosal Handball Cup que organiza o Acanor Novás Valinox, e o venres 31 o Concello organiza a súa carreira San Silvestre, as inscricións poderán facerse na web municipal.

O Concello tamén prepara unha serie de obradoiros para acercar a reciclaxe e o sostibilidade á veciñanza. O mércores 15 na Escola Simón del Mazo os rosaleiros e rosaleiras poderán aprender a facer imprenta de xelatina, e os días 27, 28, 29 de decembro e 3 de xaneiro poderán asistir a unha serie de talleres no Espazo de Autoarranxo para aprender a reciclar cestas, cadernos, calcenecos e camisetas. Estes obradoiross son para persoas maiores de 12 anos e terán un custo de 2 euros por persoa. As inscricións serán a través da web do Concello.

Por último, e xa en xaneiro, o mércores día 5 os Reis Magos percorrerán todos os barrios pola mañá para rematar ás 17.00 horas na praza do Calvario, onde recibirán a todos os nenos e nenas que os queiran coñecer. Virán acompañados de música e dun grupo de xigantes infantís e marcharán cunha chocolatada para despedir o Nadal da maneira máis doce.

A Xunta licita a mellora da seguridade viaria na PO-403 en Ponteareas

A Xunta, a través da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, sacou a licitación na xornada de hoxe as obras de mellora da seguridade viaria no Tramo de Concentración de Accidentes (TCA) da estrada autonómica PO-403 ao seu paso pola zona de Angoares, no Concello de Ponteareas, cun investimento de 576.892 euros. As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o 27 de decembro.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, anunciou a apertura da fase de contratación desta actuación, incluida no Plan de Seguridade Viaria de Galicia 2016-2020, nunha visita a esta vía, que conecta a capital do Condado con Salvaterra do Miño, xunto á alcaldesa, Cristina Fernández, e outros representantes municipais.

A obra, que pretende continuar co plan de eliminación de “puntos negros” na rede viaria autonómica impulsado pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, desenvolverase integramente durante o vindeiro ano 2022, xa que ten un prazo de execución de oito meses, e beneficiará a un treito de 1,6 quilómetros entre o enlace desta vía coa A-52 e o final da travesía de Angoares.

“Dende a Xunta de Galicia seguimos a traballar nas tramitacións administrativas para arrancar con forza os investimentos 2022 canto antes e esta actuación en Ponteareas figura entre as prioridades para reforzar a seguridade viaria nun punto de bastante tráfico de vehículos e tránsito peonil na estrada cara Salvaterra”, detallou o representante autonómico.

As intervencións proxectadas teñen como principais obxectivos a mellora e reordenación das interseccións con maior accidentalidade, mediante a execución de cuñas de desaceleración ou aceleración, que facilitarán os movementos de saída e incorporación á estrada autonómica para evitar a probabilidade de alcance e incrementar a visibilidade.

Nas obras prevese, tamén, a creación de puntos específicos para realizar os xiros á esquerda e cambios de sentido con suficiente visibilidade, o que permitirá ademais reordenar outras interseccións próximas, limitando xiros que non se realizan actualmente nas condicións desexables de visibilidade.

Con esta intervención tamén se mellorará a seguridade nos pasos de peóns, establecendo medidas que garantan a súa visibilidade, mediante a restrición do aparcadoiro nas súas aproximacións ou a ampliación da beirarrúas no paso de peóns.

Principais actuacións

Máis en concreto, as principais actuacións proxectadas inclúen a mellora da intersección actual no punto quilométrico 8+860, coa creación dunha semiglorieta para un cambio de sentido, e a execución dunha glorieta no punto 9+380 para calmar o tráfico e reordenar as saídas próximas.

A actuación incorpora, ademais, as achegas presentadas ao proxecto inicial e inclúe a ampliación das beirarrúas, desde o punto quilométrico 9+210 ata a nova glorieta no punto 9+380, para completar un itinerario peonil continuo polas dúas marxes da estrada no treito obxecto da actuación. Esta intervención tamén atende á solicitude para mellorar a seguridade peonil coa protección do paso de peóns no punto quilométrico 9+160.

A intervención completarase coa actuación na intersección da PO-403, no punto quilométrico 9+920, mellorando a súa visibilidade coa execución de cuñas de cambio de velocidade e dun carril central.

O Sergas realizará un cribado COVID no Pavillón Municipal de Salceda este mércores

Este mércores, 1 de decembro de 2021, o Sergas realizará un cribado no Pavillón Municipal de Salceda de Caselas entre ás 8:30 e as 14:30 horas, a persoas maiores de 16 anos do concello. En total están convocadas, a través de SMS, un total de 1.600 persoas.

Cómpre salientar que tamén poden acudir a realizarse a proba, aquelas persoas que ainda sen estar citadas, estean interesadas en realizala.

A alcaldesa de Salceda, Verónica Tourón, fixo un chamamento “á colaboración veciñal” e subliñou a importancia que ten participar neste cribado.

Salceda terá un novo un Programa Integrado de Emprego de Galicia

O Concello de Salceda de Caselas ven de recibir unha subvención de 250.000 € da Xunta de Galicia para poñer en práctica un novo Programa Integrado de Emprego de Galicia que beneficiará a 100 persoas desempregadas.

O programa acollerá persoas desempregadas con diferentes perfís e nivel de cualificación. Sendo o servicio público de emprego o que facilitará a selección das persoas participantes, xa que todas elas teñen que estar anotadas na oficina de emprego, aínda que todas as interesadas poden preinscribirse na ligazón: http://ow.ly/TAMu50GX62U ata o venres 3 de decembro.

A alcaldesa e responsable da área de emprego e formación, Verónica Tourón, declarou que “os programas integrados de emprego son unha da políticas activas máis eficaces para mellorar a empregabilidade e a inserción laboral das persoas e reducir o desemprego. No anterior programa integrado executado en Salceda acadouse unha inserción de case un 60% e estou segura de que se cumprirá o obxectivo de novo“

As persoas beneficiarias do programa integrado de emprego participarán nun mínimo de cinco accións individuais e tres accións de distinta natureza de xeito activo durante a duración do programa. A formación agrupase en tres itinerarios formativos: un sociosanitario, no que se impartirá formación vinculada ao ámbito; un de almacén e transporte, no que se incluirá a obtención de dos permisos de conducir B e C; e un de industria, no que se incluirá formación relacionada coa automoción e procesos de fabricación en xeral. Ademais faranse prácticas formativas en empresas da zona coas que o Concello xa ten establecidos convenios de colaboración: Aceesca, Febeco, Playdesa, Industrias Proa e Sociser Galicia. Tamén colaboran a través de convenios a Asociación de Comerciantes e Industrias de Salceda “ACISA” e a Entidade Urbanística do Polígono de A Granxa. Todo isto para cumprir co compromiso de inserción laboral marcado dun 45%

O Concello de Salceda conta co Centro de Desenvolvemento Local O Torrón para levar a cabo este tipo de programas, onde xa se está a desenvolver un obradoiro de emprego dual dende o pasado 22 de outubro, ademais de contar cun servizo de orientación e un técnico de emprego. Dende aquí se xestionará o programa con persoal técnico especializado que atendería ás persoas participantes.

O BNG renova o seu Consello Comarcal Condado-Paradanta-Louriña “apostando firmemente pola xuventude”

O BNG inmerso no proceso de asembleas para a renovación dos seus cargos orgánicos vén de celebrar este pasado luns asemblea comarcal do Condado-Paradanta-Louriña. Apostando firmemente pola xuventude, elixiu ás 10 persoas que terán a encomenda de coordinar durante os próximos dous anos a acción da fronte nacionalista nos 10 concellos que integran a comarca.

A única candidatura presentada e encabezada por Mauro Chivite obtivo a confianza da militancia para afrontar os vindeiros retos da organización. En palabras do novo responsable comarcal “será obxectivo prioritario deste novo consello comarcal ilusionar, motivar e fortalecer a militancia para facer visible o proxecto do BNG en todas as localidades da comarca”

O proceso de renovación asembleario non remata aquí, pois agora é a quenda das localidades que deberan escoller as súas Responsables Locais que sumadas a representante de Galiza Nova e as electas na asemblea comarcal acabarán de configurar as 21 persoas integrantes do Consello Comarcal. Comezando así un novo ciclo que se marca como obxectivo acadar en 2024 o cambio político que precisa Galiza.

Gondomar recupera o seu mercadillo de Nadal

0

A Praza Paradela acollerá unha nova edición do seu Mercado de Nadal, promovido pola concellería de Comercio e Turismo, o próximo 19 de decembro durante toda a xornada. O prazo de inscrición para participar permanecerá aberto ata o próximo 14 de decembro. As bases e anexo de solicitude poderán consultarse e descargarse na páxina do concello www.concellodegondomar.gal.

O alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, confía en revalidar o éxito rexistrado na primeira edición do Mercado de Nadal e converter esta cita “nun referente e característica máis do Nadal en Gondomar, como pode ser a nosa árbore vermella” sen esquecer o obxectivo máis importante que, lembrou, é “dinamizar o comercio local, a nosa economía con accións específicas que, ao mesmo tempo, son un atractivo turístico que aumenta a afluencia de visitantes”.

O II Mercado de Nadal contará cun número máximo de postos, e cuxa localización se fará seguindo a orde das solicitudes, tendo preferencia a veciñanza de Gondomar. Neste mercado teñen cabida todo tipo de productos típicos de nadal, restos de stock, artesanía, artigos de segunda man, etc.

Os interesados en facerse co seu oco deberán presentar a súa solicitude no Rexistro Xeral do concello ata do 14 de decembro, e deberán achegar no momento de inscribirse un quilo de alimentos de produtos típicos de nadal que se destinarán ao banco municipal de alimentos.

O Concello de Nigrán, a través de ‘Un Nigrán para todos’, e o CEE Juan María celebrarán o Día Internacional da Discapacidade

0

O Concello de Nigrán, a través do grupo de traballo ‘Un Nigrán para todos’ e o CEE Juan María, conmemorará como cada ano este 3 de decembro o Día Internacional da Discapacidade coincidindo ademais co acendido do alumeado ás 20:00 horas na Praza do Concello, polo que como é habitual e con maior motivo, as mochilas vibratorias estarán dispoñibles no concerto que se ofrecerá a esa hora.

O festexo desta data arrancará ás 12:00 horas no Auditorio Municipal coa presentación do novo vídeo ao respecto elaborado polo CEE Juan María coa colaboración dos diferentes centros educativos de Nigrán, elixindo neste ano a canción ‘Eso que tu me dás’ de Pau Donés. Ao rematar lerán un manifesto e as 12:30 horas terá lugar a actuación do dúo de danza acrobática da Fundación Igualarte, entidade que traballa con persoas con diversidade funcional para facilitar que poidan expresarse de maneira artística. Xa pola tarde, desde as 18:30 no Auditorio Municipal, abrirá a xornada ‘Descubrindo talentos e boas prácticas na discapacidade’ a edil de Nigrán e mestra no CEIP Humberto Juanes Marina Vidal coa ponencia ‘Traballo cooperativo nas aulas’. A continuación, Jacinto Lareo, profesor de dereito na Universidade de Vigo e presidente da Fundación Tutelar Sálvora, falará sobre a lexislación aplicada correctamente á discapacidade e o veciño Nacho Fernández, Premio Nigrán 2016 e campeón nacional de slalom en cadeira de rodas, ofrecerá unha ponencia sobre a súa experiencia vital. Finalmente, a Fundación San Xerome Emiliani de A Guarda presentará a cooperativa de fogares ‘SanXe’. O proxecto prevé a rehabilitación dun edificio patrimonial no Centro urbano de A Guarda, que se destinará á construción de 30 fogares inclusivos, onde 30 persoas con diversidade intelectual residentes na comarca do Baixo Miño poderán vivir de forma autónoma e independente, cos apoios profesionalizados necesarios para poder facelo. Constituirase unha Cooperativa de consumidores e usuarios baseada no modelo ‘Coop- housing’, pioneira en Galicia, na que as persoas socias serán as persoas con diversidade intelectual que vivirán nos fogares ‘SanXe’; sendo deste xeito copropietarios dos, poderán vivir neles sen ter que afastarse da súa contorna, con autonomía, participando na toma de decisións, contando cunha ampla carta de servizos complementarios, con atención personalizada e apoiando aos seus familiares nas súas necesidades de conciliación…

Paralelamente, a Casa Consistorial iluminarase esta semana de verde (cor que representa a discapacidade) e o goberno local xunta ao grupo interdisciplinar ‘Un Nigrán para todos’ participará un ano máis no reto viral #BaixoUnMesmoParaugas e anima á veciñanza que tamén o faga. Esta iniciativa une cada 3 de decembro a máis de 80 entidades sociais de Galicia e consiste en facer unha foto cunha mensaxe positiva “Abro o paraugas por…” e compartila nas redes sociais co hastag #BaixoOMesmoParaugas e etiquetando ao colectivo, @galiciadiversa. “Todas as persoas, absolutamente todas, temos un talento especial, e no caso das persoas con diversidade existe unha tendencia a non recoñecelo socialmente, polo que desde o Concello queremos rachar con esta falsedade e estereotipo erróneo”, subliña o alcalde, Juan González.

A Deputación dá o pistoletazo de saída á programación de Nadal

A Deputación de Pontevedra dá o pistoletazo de saída ao Nadal cunha potente programación que abrangue unha completa oferta de actividades que comezará co acendido e a inauguración da decoración das sedes en Pontevedra e Vigo e que desde o xoves situará ao Castelo de Soutomaior como o epicentro destas festas. O arranque  terá lugar este martes co acendido da sede provincial en Vigo ás 18.15 horas, que contará con conta atrás e a actuación do grupo Cherry Sweet. Unha hora despois, ás 19.30 horas, o Pazo Provincial de Pontevedra iluminarase de Nadal e se inaugurará a decoración interior do edificio cunha máxica “fonte dos desexos”, para desfrutar despois dunha chocolatada.

O Castelo de Soutomaior e a esperada estrea do seu mercadiño este xoves, será o auténtico protagonista. A Deputación anima e invita a toda a cidadanía a achegarse ao mercadiño para poder adquirir produtos da provincia, sostibles e de proximidade, colaborando así coas produtoras e produtores das diferentes comarcas e cumprindo os requisitos do Certificado Observer e do Plan Estratéxico de Turismo. O mercadiño, ideal para os regalos de Nadal, estará aberto os días 2 e 3 de decembro entre as 16 e as 20 horas, e os días 4,5,7 e 8 de 11 a 14 horas e de 16 a 20 horas.

Nos postos, haberá representación da Cooperativa Camiño Circular que achegará queixos, ovos, mel, licores, marmeladas, melindres, bicas e artesanía; por produtos do mar como afumados e conservas; por produtos a carón do Miño como chocolates, conservas de lamprea, mirabeles ou grelos; por produtos relacionados coa camelia a través de artesanía, cosméticos, marmeladas e venda de árbores; e de quilómetro cero a través dos viños de Soutomaior, do viño Pedro Madruga e de espumosos. Amais, contará cunha zona de degustación na que se poderá probar os produtos

Amais do mercadiño, o Castelo “encherase de maxia” estes días nos que tamén haberá visitas teatralizadas, contacontos, obradoiros, unha “caixa de correo de soños” e as visitas ao recuperado “Muiño das Afreitas”. Baixo o título “A maxia do Nadal está no Castelo” a iluminación de todo o recinto terá lugar o próximo xoves ás 18.30 horas, aínda que xa media hora antes, ás 18.00 horas todo o público poderá achegarse para participar nunha visita ambientada na que as persoas participantes serán recibidas por “zancudos” que guiarán a actividade para coñecer o funcionamento do muíño e desfrutar das sorpresas nos xardíns.

A programación tamén inclúe visitas teatralizadas ao recinto histórico baixo o título “A luz do Nadal” e a cargo de Troula. Estas visitas, protagonizadas por unha raíña, a de corazóns, e dous bufóns da súa corte, oferta un total de 225 prazas distribuídas entre os días 7 e 8 de decembro (ás 11 e 17 horas), 10, 23 e 30 de decembro (ás 17 horas) e 19 e 26 de decembro (ás 12 horas). Haberá tamén sesións de contacontos e obradoiros baseados na obra “Un conto de Nadal” de Charles Dickens. Serán oito sesións os días 4, 5,11, 12, 18, 19, 26 de decembro e 2 de xaneiro ás 17 horas, con 30 prazas cada unha delas, dirixidas a crianzas de entre 4 e 9 anos.  O día 4 terá lugar un contacontos no que Pedro Madruga, coa axuda das e dos rapaces, salvará o Nadal; o 5 un obradoiro de arquitectura no que a cativada construirá e decorará un poboado de Nadal; o 11 terá lugar un  contacontos sobre as tradicións do Nadal no mundo e un obradoiro con tintas para crear felicitacións, que tamén se repetirá o día 12.  Pola súa banda o día 18 haberá contacontos e un obradoiro para crear farois ecolóxicos con desexos; o 19 un experimento científico para fabricar neve e descubrir o que se atopa no interior dun iceberg; o 26 contacontos para descubrir os recunchos do castelo e un obradoiro para decorar a árbore de Nadal con materiais recollidos no percorrido; e xa o 2 de xaneiro realizarase unha ruta de sendeirismo polos xardíns do Castelo, onde nenas e nenos coñecerán os animais e plantas que habitan neles e rematarán decorando casiñas para paxaros. Para as visitas teatralizadas w os obradoiros hai que reservar praza en [email protected]

Amais, este Nadal tamén abrirá por vez primeira as súas portas o “Muíño das Afreitas”. Despois da recente restauración da maquinaria xa está en funcionamento para que as nenas e nenos poidan ver a última moenda para facer os doces típicos do Nadal.  Tamén, ao igual que o pasado ano, haberá unha “caixa de correo de soños”, no Patio de Armas, na que tanto nenas e nenos como maiores poderán deixar os seus soños e desexos.

As Neves acada un aforro enerxético do 60 % cunha achega da Deputación

0

A veciñanza do concello das Neves desfruta dunha nova iluminación exterior nalgunhas das súas rúas e prazas tras a actuación que se realizou cunha achega de 89.750 euros que o IDAE confirmou á Deputación de Pontevedra. O cambio de luminarias supón ás Neves un aforro enerxético do 60% en lugares como a rúa Laredo, á que acudiron esta mañá o deputado de Cooperación, Santos Héctor, e o alcalde do municipio, Xosé Manuel Rodríguez, xunto a dous concelleiros.

Ademais desta rúa, as actuacións realizáronse noutros puntos do municipio como a EP-4203, as PO-415 e PO-400, as rúas Cruceiro, Álvaro Pino e Marques do Pazo, a  Praza Maior ou a Praza San Agostiño. En total instaláronse 196 luminarias LED, máis respectuosas co medio ambiente e cunha duración estimada de 100.000 horas. Con elas redúcese a potencia instalada mantendo a calidade de iluminación e mellorando a eficiencia das instalacións sen incrementar o número de puntos de luz.

Mediante este tipo de actuacións Deputación promove a consecución do ODS nº 7, que busca garantir o acceso a unha enerxía accesible, segura, sostible e moderna. Ademais, fai un chamamento á sociedade na necesidade de empregar recursos sostibles que sexan o menos prexudiciais posible co medio ambiente, como é o caso da tecnoloxía LED.

A Deputación xestionou estas axudas europeas para renovación de iluminación exterior diante do IDAE, que distribúe en España parte do programa operativo FEDER. Para elo acolleuse á convocatoria para proxectos singulares de entidades locais que favorezan o paso a unha economía baixa en carbono. As axudas están encadradas dentro do Programa Operativo de Crecemento Sostible (POCS) para o período 2014-2020 elaborado pola Dirección Xeral de Fondos Comunitarios do Ministerio de Facenda e Función Pública do Goberno de España.

Sindicatos e Goberno de Redondela pactan “un acordo histórico”

0

Comité de Empresa e Xunta de Persoal do Concello de Redondela pecharon, a pasada semana, un acordo co Goberno local que foi cualificado polas forzas sindicais de “histórico”. Logo de varios meses de negociacións “con fortes tirapuxas”, sinalan, chegouse a un acordo “moi satisfactorio e positivo” para o cadro de persoal.

As forzas sindicais subliña que o acordo acadado recoñece “dereitos laborais ata o de agora nunca contemplados” como pode ser o complemento de dispoñibilidade. Os sindicatos fan fincapé no feito que o acordo “inclúe unha mellora substancial” para todos os departamentos co recoñecemento “do complemento de festividade, nocturnidade, productividade” amais do antedito de dispoñibilidade.

O Goberno local comprometeuse a iniciar, de xeito inmediato, o proceso de funcionarización e a reverter “os beneficios desta no cadro de persoal”. O acordo, presentado o pasado venres a unha asemblea aberta, acadou o apoio unánime. Esta disposición, destacan as forzas sindicais “reforza a liña de unidade sindical que se consolidou nos últimos meses e que agora demostrouse beneficiosa para o conxunto do cadro de persoal”.

Ademais, o conxunto de traballadores e traballadoras avaliaron o traballo sindical “e impulsa a continuidade do traballo das centrais sindicais con representación no Concello de Redondela”, conclúen os sindicatos