19.5 C
Pontevedra
Martes, 7 de Maio de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaA Deputación dá o pistoletazo de saída á programación de Nadal

    A Deputación dá o pistoletazo de saída á programación de Nadal

    A institución invita á cidadanía aos actos que arrancan este martes co acendido das sedes provinciais en Vigo e Pontevedra con panxoliñas e conta atrás

    A Deputación de Pontevedra dá o pistoletazo de saída ao Nadal cunha potente programación que abrangue unha completa oferta de actividades que comezará co acendido e a inauguración da decoración das sedes en Pontevedra e Vigo e que desde o xoves situará ao Castelo de Soutomaior como o epicentro destas festas. O arranque  terá lugar este martes co acendido da sede provincial en Vigo ás 18.15 horas, que contará con conta atrás e a actuación do grupo Cherry Sweet. Unha hora despois, ás 19.30 horas, o Pazo Provincial de Pontevedra iluminarase de Nadal e se inaugurará a decoración interior do edificio cunha máxica “fonte dos desexos”, para desfrutar despois dunha chocolatada.

    O Castelo de Soutomaior e a esperada estrea do seu mercadiño este xoves, será o auténtico protagonista. A Deputación anima e invita a toda a cidadanía a achegarse ao mercadiño para poder adquirir produtos da provincia, sostibles e de proximidade, colaborando así coas produtoras e produtores das diferentes comarcas e cumprindo os requisitos do Certificado Observer e do Plan Estratéxico de Turismo. O mercadiño, ideal para os regalos de Nadal, estará aberto os días 2 e 3 de decembro entre as 16 e as 20 horas, e os días 4,5,7 e 8 de 11 a 14 horas e de 16 a 20 horas.

    Nos postos, haberá representación da Cooperativa Camiño Circular que achegará queixos, ovos, mel, licores, marmeladas, melindres, bicas e artesanía; por produtos do mar como afumados e conservas; por produtos a carón do Miño como chocolates, conservas de lamprea, mirabeles ou grelos; por produtos relacionados coa camelia a través de artesanía, cosméticos, marmeladas e venda de árbores; e de quilómetro cero a través dos viños de Soutomaior, do viño Pedro Madruga e de espumosos. Amais, contará cunha zona de degustación na que se poderá probar os produtos

    Amais do mercadiño, o Castelo “encherase de maxia” estes días nos que tamén haberá visitas teatralizadas, contacontos, obradoiros, unha “caixa de correo de soños” e as visitas ao recuperado “Muiño das Afreitas”. Baixo o título “A maxia do Nadal está no Castelo” a iluminación de todo o recinto terá lugar o próximo xoves ás 18.30 horas, aínda que xa media hora antes, ás 18.00 horas todo o público poderá achegarse para participar nunha visita ambientada na que as persoas participantes serán recibidas por “zancudos” que guiarán a actividade para coñecer o funcionamento do muíño e desfrutar das sorpresas nos xardíns.

    A programación tamén inclúe visitas teatralizadas ao recinto histórico baixo o título “A luz do Nadal” e a cargo de Troula. Estas visitas, protagonizadas por unha raíña, a de corazóns, e dous bufóns da súa corte, oferta un total de 225 prazas distribuídas entre os días 7 e 8 de decembro (ás 11 e 17 horas), 10, 23 e 30 de decembro (ás 17 horas) e 19 e 26 de decembro (ás 12 horas). Haberá tamén sesións de contacontos e obradoiros baseados na obra “Un conto de Nadal” de Charles Dickens. Serán oito sesións os días 4, 5,11, 12, 18, 19, 26 de decembro e 2 de xaneiro ás 17 horas, con 30 prazas cada unha delas, dirixidas a crianzas de entre 4 e 9 anos.  O día 4 terá lugar un contacontos no que Pedro Madruga, coa axuda das e dos rapaces, salvará o Nadal; o 5 un obradoiro de arquitectura no que a cativada construirá e decorará un poboado de Nadal; o 11 terá lugar un  contacontos sobre as tradicións do Nadal no mundo e un obradoiro con tintas para crear felicitacións, que tamén se repetirá o día 12.  Pola súa banda o día 18 haberá contacontos e un obradoiro para crear farois ecolóxicos con desexos; o 19 un experimento científico para fabricar neve e descubrir o que se atopa no interior dun iceberg; o 26 contacontos para descubrir os recunchos do castelo e un obradoiro para decorar a árbore de Nadal con materiais recollidos no percorrido; e xa o 2 de xaneiro realizarase unha ruta de sendeirismo polos xardíns do Castelo, onde nenas e nenos coñecerán os animais e plantas que habitan neles e rematarán decorando casiñas para paxaros. Para as visitas teatralizadas w os obradoiros hai que reservar praza en castelodesoutomaior@depo.es

    Amais, este Nadal tamén abrirá por vez primeira as súas portas o “Muíño das Afreitas”. Despois da recente restauración da maquinaria xa está en funcionamento para que as nenas e nenos poidan ver a última moenda para facer os doces típicos do Nadal.  Tamén, ao igual que o pasado ano, haberá unha “caixa de correo de soños”, no Patio de Armas, na que tanto nenas e nenos como maiores poderán deixar os seus soños e desexos.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.