Luns, 13 Xaneiro de 2025

Sindicatos e Goberno de Redondela pactan “un acordo histórico”

Comité de Empresa e Xunta de Persoal do Concello de Redondela pecharon, a pasada semana, un acordo co Goberno local que foi cualificado polas forzas sindicais de “histórico”. Logo de varios meses de negociacións “con fortes tirapuxas”, sinalan, chegouse a un acordo “moi satisfactorio e positivo” para o cadro de persoal.

As forzas sindicais subliña que o acordo acadado recoñece “dereitos laborais ata o de agora nunca contemplados” como pode ser o complemento de dispoñibilidade. Os sindicatos fan fincapé no feito que o acordo “inclúe unha mellora substancial” para todos os departamentos co recoñecemento “do complemento de festividade, nocturnidade, productividade” amais do antedito de dispoñibilidade.

O Goberno local comprometeuse a iniciar, de xeito inmediato, o proceso de funcionarización e a reverter “os beneficios desta no cadro de persoal”. O acordo, presentado o pasado venres a unha asemblea aberta, acadou o apoio unánime. Esta disposición, destacan as forzas sindicais “reforza a liña de unidade sindical que se consolidou nos últimos meses e que agora demostrouse beneficiosa para o conxunto do cadro de persoal”.

Ademais, o conxunto de traballadores e traballadoras avaliaron o traballo sindical “e impulsa a continuidade do traballo das centrais sindicais con representación no Concello de Redondela”, conclúen os sindicatos