O Concello de Mondariz, comprometido co desenvolvemento económico e turístico do territorio, promove este ano un mercado artesán de Nadal con acreditados artesáns e artesás locais e da contorna máis próxima. A iniciativa xurdiu do propio gremio, que nestas datas tan sinaladas propuxo amosar e vender os seus produtos feitos a man durante a tradicional feira dominical. Desde a Concellería de Desenvolvemento Económico e Turismo, que dirixe o propio alcalde, considerouse que a proposta favorecía os intereses do propio concello porque ofrece unha alternativa sociocultural e dinamiza o espazo da Praza de Abastos.
“Desde a Alcaldía sempre escoitamos as propostas, especialmente cando chegan de veciños e veciñas que teñen talento, teñen ideas e buscan apoio institucional para emprender. Iniciativas como esta, relacionadas coa artesanía como sector cultural e produtivo, están en liña coas políticas estratéxicas deste Goberno e aportan dinamismo sociocultural a este concello”, explica Xosé Emilio Barros, alcalde de Mondariz.
O mercado artesán de Nadal estará aberto ao público na Praza de Abastos durante cinco domingos, entre o 5 de decembro e o 2 de xaneiro, coincidindo en horario coa popular feira dominical de Mondariz. A oferta de produtos é totalmente complementaria. No mercado artesán están confirmados postos de cerámica, coiro, prataría, cosmética natural e pintura, entre outros. “Estamos nunhas datas nas que moitas persoas mercan agasallos. Neste mercado artesán de Nadal pódense atopar produtos totalmente orixinais de todos os prezos; aínda que hai un selo de calidade porque os artesáns e as artesáns participantes están acreditados/as como tales, non ten un enfoque elitista”, comenta Barros.
Compromiso coa promoción da artesanía
Nos últimos anos, o Concello de Mondariz puxo en marcha proxectos que buscan un desenvolvemento económico sostible baseado no sector primario, o turismo e o patrimonio cultural. Neste sentido, a promoción da artesanía local está a gañar protagonismo porque é unha actividade de interese cultural e socioeconómico moi importante.
Dentro da promoción da artesanía local destaca o proxecto de recuperación da tradición cesteira de Mondariz, iniciado este ano coa produción dun documental que pon o foco no legado histórico deste oficio e nas oportunidades de innovación e desenvolvemento que hai actualmente arredor do mesmo. “O documental que financiamos a través do programa O Teu Xacobeo foi exhibido en diferentes concellos galegos e xerou a reflexión que buscabamos sobre a necesidade de recuperar o oficio de cesteiro. Desde o Concello de Mondariz seguimos traballando sen pausa neste importante proxecto de futuro, xa que a recuperación pasa por poñer en marcha un programa formativo e mesmo producir aquí a madeira que se precisa na cestaría de láminas”, indica o alcalde de Mondariz.