Mércores, 11 Decembro de 2024

Nigrán repite a campaña ‘Agasallos de corazón’ de recollida a favor do Banco de Xoguetes e do Roupeiro

No 2020 o Concello recadou miles de xoguetes que permitiron crear este Banco que funciona durante todo o ano para as familias que atenden os Servizos Sociais Municipais

O Concello de Nigrán repite este ano a campaña de Nadal “Agasallos de Corazón”, destinada ao Banco Municipal de Xoguetes para repartir durante todo o ano entre familias usuarias dos Servizos Sociais e tamén para promover o Roupeiro (tanto para doazóns como para recoller prendas). O obxectivo é que as festas non se traduza para as persoas en risco de exclusión social de Nigrán nun agravamento da súa condición, polo que o Concello levará adiante máis iniciativas solidarias (como unha recollida de alimentos non perecedoiros en decembro nos colexios que desexen sumarse e no Auditorio Municipal). No pasado ano o Concello recadou miles de doazóns que permitiron agasallar a 125 menores de familias usuarias dos Servizos Sociais e, a maiores, creouse este Banco Municipal de Xoguetes que funciona durante todo o ano.

Deste xeito, ata o 20 de decembro recolleranse xoguetes de todo tipo (coa condición indispensable de que se atopen en bo estado e debidamente hixienizados) no Pavillón Municipal de Panxón (de luns a venres de 10:00 a 13:30 e de 16:30 a 20:00 horas) e no establecemento Chupipostres (Estrada pola Vía, 114 B). Compre sinalar que son especialmente necesarios os destinados a partir de 7 anos en diante. “O que non nos gustaría que lle regalasen aos nosos fillos tampouco sirve para os demais, sexamos conscientes diso. Teñen que ser novos ou seminovos, en perfecto estado; en todas as casas con cativos sempre hai cousas que case non se chegaron a usar ou que se conservaron intactas, iso é o que buscamos para darlle unha segunda vida”, incide o alcalde, Juan González. Todos serán debidamente empaquetados e preparados por persoal do Concello para entregar sempre entre as familias en risco de exclusión social (atendendo á idade de cadanseu neno e os seus gustos).

Igualmente, o Concello promove tamén nesta campaña o Roupeiro Municipal, ben para realizar doazóns ou ben para recoller prendas para uso propio ou de cara a realizar agasallos (desde infantil a adulto en todas as tallas, incluído zapatos). Nestes intres, resulta especialmente necesario recibir roupa de cama. Compre sinalar que calquera persoa pode doar pero tamén recoller, trátase dunha entrega directa, xa que o obxectivo é tamén contribuír á sostibilidade medioambiental dándolle unha segunda vida á roupa. Localízase na rúa Paradellas (ao carón do IES Val Miñor), é xestionado por voluntarias, e abre mércores e xoves de 10:00 a 12:30 horas e venres de 16:30 a 18:00 horas (este día mediante cita previa no 986383081). “O obxectivo do Roupeiro non é acumular e almacenar, se non distribuír entre quen o precisa e constribuír á sostibilidade ambiental, calquera persoa pode acudir a el, mesmo se quere prendas para agasallar no Nadal, por iso é importante manter o nivel actual de doazóns”, incide González.