21.2 C
Pontevedra
Martes, 16 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoO RosalO Rosal vivirá un Nadal cheo de propostas para todos os públicos

    O Rosal vivirá un Nadal cheo de propostas para todos os públicos

    A programación comezará este venres co acendido do alumeado ás 18.30 horas

    O Nadal chegará ao Rosal cheo de actividades. O Concello acaba de presentar unha programación navideña con 17 propostas de ocio para maiores e pequenos, que comezará este venres ás 18.30 horas co acendido do alumeado en todo o municipio. A alcaldesa, Ánxela Fernández, destaca que “os rosaleiros e rosaleiras poderán vivir ao grande un Nadal cheo de cultura, deporte e obradoiros para facer do noso concello un lugar mellor e máis sostible”, e agradece a todas as entidades que colaboran con nós para “vivir estas festas da mellor maneira”.

    Xa coas luces postas, o sábado 4 ás 10.00 horas no salón de exposicións do Concello abrirá o mercado de Nadal con artesáns, artistas e pequeno comercio do Rosal. Durará ata o día 6 e terá un horario de 10.00 h a 13.00 h e de 17.00 h a 20.00 h. Nesa mesma mañá, ás 11.30 horas, tamén se lle dará a benvida a exposición fotográfica de Manuel Sobrino (El Naturalista Cojo). Máis tarde, ás 17.00 horas, a Agrupación Musical do Rosal dará un concerto polo día de Santa Icía no Auditorio Municipal. O luns 6 ás 17.00 horas os máis pequenos e pequenas poderán desfrutar de “Dedas”, un espectáculo de contacontos que encherá de ledicia a Biblioteca Municipal.

    O sábado 11 ás 19.00 horas volverá a música ao Auditorio Municipal co concerto de “Ecos do Nadal” por parte da coral Ecos do Folón, e as notas continuarán a resoar nas súas paredes o venres 17 ás 20.00 horas coas audicións de alumnado da Agrupación Musical do Rosal que, o sábado 18 ás 18.30 h, celebrará no mesmo lugar o festival de Nadal da súa escola. O teatro tamén terá o seu oco no Auditorio o domingo 19 ás 18.00 h coa obra para maiores de cinco anos “Mentiras e verdades” de Teatro Arte Pingüe.

    O deporte tamén será protagonista na programación. O mércores 22 e o xoves 23 o Pavillón Municipal acolle o X Trofeo O Rosal Handball Cup que organiza o Acanor Novás Valinox, e o venres 31 o Concello organiza a súa carreira San Silvestre, as inscricións poderán facerse na web municipal.

    O Concello tamén prepara unha serie de obradoiros para acercar a reciclaxe e o sostibilidade á veciñanza. O mércores 15 na Escola Simón del Mazo os rosaleiros e rosaleiras poderán aprender a facer imprenta de xelatina, e os días 27, 28, 29 de decembro e 3 de xaneiro poderán asistir a unha serie de talleres no Espazo de Autoarranxo para aprender a reciclar cestas, cadernos, calcenecos e camisetas. Estes obradoiross son para persoas maiores de 12 anos e terán un custo de 2 euros por persoa. As inscricións serán a través da web do Concello.

    Por último, e xa en xaneiro, o mércores día 5 os Reis Magos percorrerán todos os barrios pola mañá para rematar ás 17.00 horas na praza do Calvario, onde recibirán a todos os nenos e nenas que os queiran coñecer. Virán acompañados de música e dun grupo de xigantes infantís e marcharán cunha chocolatada para despedir o Nadal da maneira máis doce.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.