Martes, 5 Agosto de 2025

O luns comezaron as obras de construcción dun novo pozo de barrena no Rañadoiro, na Cañiza

0

As obras de perforación comezaron este luns nos terreos que o Concello da Cañiza ten dispoñibles na zona do Rañadoiro. Este pozo, xunto co de Portoaugavella, súmarase aos 7 existentes que foman parte da infraestrutura de aporte de auga á rede municipal.

Esta obra xurde da necesidade de mellorar o sistema de abastecemento de auga de consumo humano do núcleo da Cañiza. Unha instalación de máis de 40 anos que necesita renovarse para poder asegurar os aportes de auga e garantir axeitadamente o servizo.

Unha obra cun investimento de execución de 67.821,13 euros, subvencionado polo Plan Concellos 2020 da Deputación de Pontevedra con 60.000,50€. O Concello aporta para esta obra  7.820,63 € de fondos propios.

Este proxecto de captación de auga verase completado coa construcción dun segundo pozo de barrena no entorno do Depósito de Portoaugavella cun investimento de 80.792,83 €.

A empresa TESWATER GLOBAL, S.L.U é a mercantil adxudicataria desta obra e a encargada de captar auga para incrementar os aportes para o depósito de cabeceira de Augas Férreas que abastece á traída municipal.

As augas procedentes dos mananciais e pozos da infraestrutura municipal baixan considerablemente nos meses de verán. Esta circunstancia unida as graves perdas de auga sufridas na rede por roturas e fugas das canalizacións deribadas de obstruccións e da antigüedade da propia infraestrutura, provocan problemas no abastecemento que os veciños veñen sufrindo, sobre todo nos meses de seca.

Nos últimos meses dende o Concello estanse desenvolvendo numerosos traballos co obxectivo de mellorar o servizo: análisis da situación actual, tanto das captacións e cantidade de auga aportada ao servizo como da rede de abastecemento; limpeza dos mananciais e busca de fugas e roturas.

Ademáis e segundo manifestou o Alcalde Luis Piña esta mañá “dende o Concello fixemos un importante esforzo na captación de financiación para poder executar estes dous pozos que en total suman un investimento de 148.613,96 € e que o Concello non podía asumir con fondos propios visto o grave problema de endebedamento no que se atopan as arcas municipais”. 

O NOVO POZO DE BARRENA DO RAÑADOIRO SERÁ CAPAZ DE IMPULSAR UN CAUDAL DE MÁIS DE 5 M3/HORA ATA O DEPÓSITO DE AUGAS FÉRREAS E ESTARÁ CONTROLADO CUN SISTEMA DE TELEMANDO

As obras de construcción deste proyecto denominado “Captación de Auga para subministro ao depósito de Augas Férreas” consistirán na realización dunha nova captación mediante un pozo de barrena de 150 m. de profundidade onde se instalará unha bomba sumerxible para auga limpa capaz de impulsar un caudal de 5 m3/h ata o depósito de Augas Férreas. 

Para impulsar a nova captación ao depósito executarase unha gabia pola marxe esquerda da pista de subida ao Pedroso onde tamén se instalará a canalización de alimentación eléctrica ata a ubicación do cadro de medida e protección do alumeado público.

Á chegada do depósito instalarase un medidor de caudal electromagnético para medir o caudal impulsado.

Para que o sistema de bombeo funcione á demanda e en automático, se instalará tamén un sistema de telemando entre a captación e o depósito de xeito que, ante a necesidade de auga no depósito, o telemando dará unha orde de arranque á bomba de captación. Este telemando estará integrado e no depósito estará cuberto cunha envolvente independente.

As demandas do Concello de Guarda en relación á comunicación con Caminha son escoitadas pola Xunta de Galicia

0

A Xunta anunciou un investimento de 157 000 € por parte de Turismo de Galicia nun proxecto de transporte turístico sostible que será prestado por AGAN (Asociación Galega de Actividades Naúticas) mentres que, pola súa banda, o Delegado Territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, anunciaba tamén o comezo dos estudos técnicos para a reparación do peirao do ferri da Pasaxe por parte de portos de Galicia.

O anuncio da administración autonómica foi realizada logo das insistentes reclamacións e xestións realizadas dende o Concello da Guarda, dende o verán do 2021, urxindo á Xunta de Galicia que asumira as súas obrigas en relación á comunicación con Camiña e ao Camiño Portugués da Costa.

Tal e como sinalaba en reiteradas ocasións o alcalde da Guarda, Antonio Lomba, urxíase a reparación do peirao do ferri para que o transbordador puidera volver a transportar pasaxeiros e vehículos, transporte que é o nexo de unión entre Caminha e A Guarda no itinerario do Camiño Portugués pola Costa. Ao mesmo tempo pedíase ao Goberno autonómico que , como medida provisional e ata que o embarcadoiro non estivera reparado, “implantarase con urxencia un sistema de transporte de pasaxeiros entre ámbalas dúas beiras do Miño”.

Pese a instistencia do Concello Guardés e as iniciativas que o Grupo Socialista no Parlamento Galego presentou nese sentido, esta reparación foise atrasando e, a día de hoxe, mantén o barco parado en pleno ano Xacobeo.

As queixas e demandas do Concello da Guarda, sumáronse tamén os concellos do Camiño Portugués da Costa que acusaron ao Xacobeo de “inacción diante” do recoñecemento oficial por parte do goberno Portugués dun itinerario co mesmo nome que prexudicaba o Camiño Portugués da Costa oficial e recoñecido na lei de Patrimonio Cultural de Galicia de 2016.

Estas queixas foron as que o alcalde da Guarda, Antonio Lomba, co apoio expreso da restauración e do sector do aloxamento turístico da localidade, ademais dos alcaldes e alcaldesas do Camiño da Costa, levou aos distintos foros e responsables institucionais: Consellería de Turismo, Axencia Galega de Turismo, Xacobeo, Portos de Galicia, Mesa do Camiño da Deputación de Pontevedra e Parlamento de Galicia. O resultado de todo o traballo realizado culminou o pasado venres 25 de marzo co anuncio da Xunta de Galicia que viña a atender as demandas feitas dende o Concello da Guarda.

O novo servizo de transporte entre a Guarda e Caminha arranca, nunha primeira fase, a partir do 8 de abril con dúas embarcacións, unha eléctrica e outra a gasolina. A implantación definitiva do proxecto producirase no mes de xullo cunha embarcación eléctrica para doce pasaxeiros. Este transporte funcionará en paralelo co ferri coa idea de cubrir os horarios nos que o transbordador non pode navegar.

Este servizo de transporte complementarase cun proxecto de ecoturismo para a comarca do Baixo Miño que se está elaborando dende Turismo de Galicia e que contará coa participación de establecementos e axentes turísticos da comarca.

O Goberno local, que se felicita pola decisión da Xunta de Galicia, lamenta porén a actitude do PP guardés que “unha vez máis pretende apropiarse dun traballo que non fixo” e lembra que o portavoz popular, “intenta sacar rédito político das actuacións da Xunta sen ter amosado ningunha preocupación por esta cuestión ata o día de saír na foto”.

Galicia recibirá o luns as primeiras doses do antiviral Paxlovid contra a Covid-19

O vindeiro luns chegará a Galicia,  en concreto aos hospitais de Santiago de Compostela, Ferrol e Vigo, para logo enviarse ao resto dos hospitais da comunidade autónoma, a remesa do Ministerio de Sanidade co 6% dos primeiros 11.900 tratamentos do antiviral Paxlovid contra a Covid-19 que se distribuirán en España. Está previsto que o Ministerio faga novos envíos nas vindeiras semanas ata completar a cifra de 50.000 tratamentos para o conxunto do Estado no primeiro trimestre do ano.

Paxlovid é un medicamento que se subministrará baixo prescrición médica e  adminístrase por vía oral, polo que posibilita un tratamento ambulatorio dos pacientes leves con factores de risco para progresión a covid grave, controlando a progresión da infección e frenando a hospitalización e morte.

Paxlovid debe administrarse o antes posible logo do diagnóstico de covid e dentro dos cinco días posteriores ao inicio dos síntomas.

Este novo fármaco engádese ás vacinas e a outros medicamentos para evitar que pacientes positivos cuns determinados condicionantes poidan evolucionar a un estadío grave da enfermidade.

A Comisión Permamente de Farmacia do Sistema Nacional de Saúde acordou que a indicación e prescrición de Paxlovid será realizada polo profesional médico que efectúe o diagnóstico, tanto do ámbito de primaria como hospitalaria.

O Porriño pecha coa CMVMC de Torneiros a cesión dunha parcela para habilitar aparcamentos

O Concello do Porriño e a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Torneiros asinaron esta semana o convenio de cesión que permitirá á administración local facer uso duns terreos situados fronte á Fase I do polígono residencial de Torneiros.

Concretamente, trátase dunha parcela segregada de 914 m2, propiedade dos comuneiros, que o Concello do Porriño destinará á ampliación do viario e a habilitar novas prazas de aparcamento na zona.

O acordo asinado transfire a propiedade do terreo á administración local e lexitima ao Concello á ocupación do solar e a realizar no mesmo as obras oportunas.

“Trátase dun acordo que levaba tempo negociándose, que permitirá reordenar o tráfico na zona e habilitar algunas prazas de aparcamento para a veciñanza da Fase I, que carece de espazos onde estacionar preto das súas vivendas”, explicou o rexedor, Alejandro Lorenzo, quen agradeceu á CMVMC de Torneiros “a súa disposición a chegar a acordos en beneficio das veciñas e veciños da súa parroquia”.

Un cento de persoas inician un novo camiño de oportunidades co Programa Integrado de Emprego de Tomiño e do Rosal

Hoxe iniciades un camiño de oportunidades, un camiño apaixonante que abrirá novas portas a todas e todos”. Así daba a benvida a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, ás persoas participantes no Programa Integrado de Emprego de Tomiño e do Rosal, Agroemprega, un proxecto posto en marcha en colaboración coa Xunta de Galicia e o Servizo Público de Emprego Estatal que formará a 100 persoas desempregadas en traballos relacionados co rural.

O auditorio de Goián acolleu este venres o acto inaugural do programa, no que a rexedora tomiñesa xunto á alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, e ao delegado territorial da Xunta, Luis López, quixeron animar a todas e todos os participantes a aproveitar a oportunidade de desfrutar de 300 horas de formación moi completa, de balde e dende distintas perspectivas, como as técnicas de coaching, a intelixencia emocional ou o apoio ao emprendemento. “Sabemos que no sector agro hai novas oportunidades de emprego. E temos moitas esperanzas postas en que con esta formación teñades máis facilidades para atopar un emprego de calidade e un futuro nos nosos concellos”, salientou González.

Pola súa banda, a alcaldesa do Rosal destacou que “o sector agrícola é a nosa marca, a nosa identidade, e sen dúbida un sector estratéxico”. “É o sector cunha menor taxa de desemprego e unha maior taxa de ocupación nos últimos meses, o que evidencia a importancia que ten para o noso territorio. Pero tamén é fundamental en termos de riqueza, de asentamento poboacional ou de redución de fenda de xénero, xa que a evolución da empregabilidade feminina no sector  demostra que investir e apostar polo agro é investir e apostar pola igualdade, pola conciliación e pola corresponsabilidade que desexamos”, recalcou a rexedora.

Durante o acto as dúas alcaldesas quixeron poñer en valor a importancia da colaboración entre dous concellos para poñer en marcha proxectos “que vemos que dan os seus froitos” e agradecer o gran traballo feito polas técnicas de Tomiño e do Rosal, que se implicaron para crear o proxecto e poñelo en marcha.  

O delegado territorial da Xunta, Luis López, quixo felicitar ao concellos de Tomiño e do Rosal pola calidade do proxecto presentado ao Programa Integrado de Emprego de Galicia e resaltar “os bos resultados obtidos ao recorrer a unha fórmula de cooperación entre concellos e entre administracións”. López explicou a aposta da Xunta por fomentar a empregabilidade feminina e agradeceu a alta presenza de mulleres participantes no programa, ademais de vaticinar moi bos resultados durante estes meses de formación. “Estou convencido de que todas e todos vós superaredes con creces o obxectivo de inserción do 35% marcado no proxecto”, recalcou.

Areeiro recomenda iniciar a vixilancia do mildio nas viñas

A Estación Fitopatolóxica Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, acaba de lanzar un aviso fitosanitario no que recomenda ás persoas viticultoras iniciar a vixilancia do mildio, aínda que subliña que co actual estado de desenvolvemento das plantas aínda non é necesario empezar con tratamentos.

Persoal técnico da EFA  constatou a recente maduración da oospora ou ovo de inverno do mildio. Porén, o desenvolvemento da vexetación segundo o observado na propia viña de Areeiro (aínda en saída de follas), e de acordo coas informacións de diferentes persoas das principais zonas vitícolas, aínda non é compatible coas infeccións, e só nun caso dunhas plantas moi protexidas si o sería, pero parece ser unha situación excepcional. Por esta razón, desde Areeiro subliñan que de momento só é preciso iniciar a vixilancia das viñas.

Volven celebrarse os actos da Semana Santa tudense con tradicións seculares

0

As celebracións da Semana Santa volven este ano a Tui tras dous anos de ausencia debido á pandemia coa organización da Irmandade do Doce Nome de Xesús e Santa Casa da Misericordia, a Catedral e o Concello de Tui. Entre o 3 e o 17 de abril desenvolverase en Tui o programa da Semana Santa que foi presentado onte na casa do concello por Enrique Cabaleiro González, alcalde; Sonsoles Vicente Solla, concelleira de Ensino e Cultura; Santiago Freire Comesaña, párroco de Tui e coengo; Jorge Gonçalves  Murta, da Irmandade do Doce Nome de Xesús e Santa Casa da Misericordia; Juan José Sío Castro, da agrupación de exvoluntarios de Protección Civil, e Eduardo Cadenas, da Asociación Amigos da Catedral.

O alcalde, Enrique Cabaleiro, indicaba que “o concello é a primeira institución que está interesada na promoción das celebracións da Semana Santa na nosa cidade, obviamente polo que significa esta celebración, principalmente dende o punto de vista relixioso pero non podemos esquecer que as celebracións da Semana Santa acaban transcendendo ao que é puramente relixioso e pasan e transfírense ao ámbito cultural, e sobre todo turístico”. Por iso dicía “son tamén un elemento de dinamización socioeconómica”. 

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, salientou a singularidade da Semana Santa tudense que “conserva unha tradición secular centrada nas representacións para-teatrais” aludindo así ao Horto das Oliveiras que se representa na Capela da Misericordia, ou aos sermóns do Encontro e o Desencravo coas súas escenografías.  Por todo iso indicaba que “debemos traballar para pola en valor”.

Durante a Semana Santa o Concello de Tui promove tamén outros recursos turísticos da cidade. Así avanzou Enrique Cabaleiro que volverá abrir o Museo Diocesano. Coñecer Tui será posible a través de visitas autoguiadas cos folletos informativos dispoñibles na Oficina de Turismo ou cos códigos QR da sinalización da cidade histórica, pero tamén coas visitas guiadas que ofertan distintos profesionais tanto no centro urbano coma no Parque Natural do Monte Aloia. Sen esquecer a nova oferta turística que brinda o proxecto Río Miño, Destino Navegable. Incidiu tamén o rexedor que todos aqueles que visiten Tui estes días de Semana Santa poderán gozar da ampla oferta de establecementos de aloxamento e restauración. E por último lembraba coma xa nestes días a cidade comeza a prepararse para as festas de San Telmo.

A concelleira de Ensino e Cultura, Sonsoles Vicente, destacou na súa intervención coma dende o Concello “estamos colaborando para que a Semana Santa sexa coñecida, non só na comarca, senón en toda Galicia, e se podemos saír fóra das nosas fronteiras moito mellor para todos nós”.  Agradecía a colaboración a todas as entidades implicadas na organización dos distintos actos, e tamén a Chico Bugarín polas fotografías aportadas para realizar o folleto da Semana Santa e o cartel co que se promocionarán os distintos actos. 

Os actos comezarán o domingo 3 de abril, ás 18 h, na Catedral coa lectura do pregón da Semana Santa a cargo de D. Santiago Vega, cóengo e director do Museo Catedralicio. Un acto, que coma explicaba Eduardo Cadenas, presidente da Asociación Amigos da Catedral, contará amais cun pequeno concerto a cargo do dúo de guitarras do Conservatorio Profesional de Música de Tui formado por Pablo Ameijeiras e Gabriel Silvera.

Juan José Sío Castro, presidente da agrupación de exvoluntarios de Protección, detallou coma unha trintena de voluntarios volverán levar na procesión ao Santo Cristo da Agonía, un acto procesional no que este ano suman a súa participación número 29.

O párroco de Tui, Santiago Freire, indicaba coma tras as restricións dos dous últimos anos “énchenos de esperanza” poder volver á “normalidade”. 

Jorge Gonçalves Murta, presidente da Irmandade do Doce Nome de Xesús e Santa Casa da Misericordia, lembraba coma hai máis de 40 anos que levan adiante os actos da Semana Santa en Tui, agradecendo a colaboración do concello nesta celebración.

O pregón da Semana Santa a cargo de D. Santiago Vera, cóengo e director do Museo Catedralicio, abrirá o domingo 3 de abril, ás 18 h, na capela das Reliquias na Catedral o programa da Semana Santa en Tui. O domingo 10, ás 11 h na praza de San Fernando terá lugar a beizón de ramos, con procesión e misa na catedral.  O templo catedralicio acollerá o mércores, 13 de abril, ás 12 h a misa crismal presidida polo bispo da Diocese.

O Xoves Santo, 14 de abril, a partir das 20 h terá lugar a tradicional visita aos monumentos cun percorrido polas distintas igrexas e capelas do conxunto histórico de Tui dende a Catedral, á igrexa das Clarisas, San Telmo, a capela da Residencia San Telmo, e as igrexas de San Domingos e San Bartolomeu. A capela da Misericordia volverá converterse no Horto das Oliveiras, que xa se realizaba en 1818.  Previamente celebrarase na catedral a misa vespertina da cea do Señor e ás 23 h a Hora Santa.

O sermón do Encontro,  con D. Ángel Carnicero, reitor do Seminario Maior San Xosé coma orador, abrirá o programa do Venres Santo ás 11 h, para celebrarse a continuación á procesión dos Pasos. Á tarde, terá lugar a celebración da paixón do Señor e o Sermón do Desencravo na igrexa de San Domingo con D. Samuel Montes, formador do Seminario Maior San Xosé coma orador. A procesión do Santo Enterro irá dende esta igrexa polas rúas do conxunto histórico até a igrexa parroquial de San Francisco.

O Sábado Santo ás 8 h celebrarse a procesión de Nosa Señora da Soidade, só para mulleres, dende a igrexa de San Francisco á Catedral, con posterior sermón a cargo de D. Ángel Carnicero. A partir das 21.3 h celebrarse a Solemne Vixilia Pascual.

Os actos pecharanse o domingo 17, Domingo de Pascua de Resurrección coa Misa Pascual presidida polo bispo da Diocese, ás 12 h na Catedral.

Programa Semana Santa – Tui 2022

Domingo 3 de abril

  • 18:00 horas. Pregón da Semana Santa. Capela das Reliquias da S. I. Catedral A cargo de D. Santiago Vega López, cóengo e director do Museo Catedralicio.
  • Pequeno concerto polo dúo de guitarras formado por Pablo Ameijeiras López e Gabriel Silvera Marcoff.
  • Organiza: Asociación de Amigos da Catedral de Tui. Colabora: Cabido Catedral de Tui e Irmandade do Docísimo Nome de Xesús e Santa Casa de Misericordia.

Domingo 10 de abril. Domingo de Ramos

  • 11:00 h. Bendición de ramos. Praza de San Fernando
  • A continuación procesión e Santa Misa na S. I. Catedral.

Mércores 13 de abril. Mércores Santo

  • 12:00 h. Misa Crismal na S. I. Catedral
  • Presidida polo Bispo da diocese e concelebrada polo presbiterio diocesano. Bendición dos óleos que se empregan na administración dos sacramentos nas parroquias durante o ano e renovación polos presbíteros das súas promesas sacerdotais.

Xoves 14 de abril. Xoves Santo

  • 19:30 h. Misa Vespertina da cea do Señor na S. I. Catedral
  • 19:00 a 23:00 h. Visita aos Monumentos
  • Tradicional percorrido polos seguintes lugares: S. I. Catedral, Igrexas das Monxas Clarisas, Igrexa de San Telmo, Capela da Residencia San Telmo, Igrexa de San Domingos e igrexa de San Bartolomeu. Na Capela da Misericordia visítase a representación do Horto das Oliveiras.
  • 23:00 h. Hora Santa na S. I. Catedral

Venres 15 de abril. Venres Santo

  • 11:00 h. Sermón do Encontro e procesión dos pasos
    • Saída dos pasos dende a Capela da Misericordia até a Praza de San Fernando onde terá lugar o Sermón do Encontro.
    • Orador: D. Angel Carnicero Carrera, Reitor do Seminario Maior “San Xosé”.
    • A continuación procesión polas rúas da cidade.
    • Organiza: Irmandade do Docísimo Nome de Xesús e Santa Casa de Misericordia. Colabora: Asociación de antigos voluntarios de Protección Civil de Tui.
  • 18.00 h. Celebración da Paixón do Señor na S. I. Catedral
  • 20:00 h. Sermón do Desencravo e procesión do Santo Enterro
    • Na igrexa de San Domingos Sermón do Desencravo.
    • Orador: D. Samuel Montes Costas, Formador do Seminario Maior “San Xosé”. A continuación Procesión do Santo Enterro  polas rúas da cidade ata a igrexa parroquial de San Francisco.

Sábado 16 de abril. Sábado Santo

  • 08:00 h. Procesión de Nosa Señora da Soidade
    • Saída dende a Igrexa de San Francisco ata a S. I. Catedral.
    • A continuación sermón a cargo de D. Ángel Carnicero Carrera, Reitor do Seminario Maior “San Xosé”.
  • 21:30 h. Solemne Vixilia Pascual na igrexa parroquial de San Francisco

Domingo 17 de abril. Domingo de Pascua de Resurrección

  • 12:00 h. Misa Pascual na S. I. Catedral
  • Presidida polo Bispo da diocese.

A Deputación organiza xornadas de traballo para preparar proxectos que inxecten fondos en Miñoto

A Deputación de Pontevedra, a través do departamento de Cooperación Transfronteiriza, vai celebrar o vindeiro xoves 31 en Tui unha ‘Xornada de traballo para a preparación de proxectos do río Miño con cargo ao Marco Financeiro Europeo 21-27’. Neste encontro, no que tomarán parte alcaldesas e alcaldes dos concellos transfronteirizos, da Xunta, e da Subdirección xeral de cooperación territorial europea da Dirección xeral de Fondos Europeos do Ministerio de Facenda e da Secretaría Xeral para o Reto Demográfico do goberno do Estado.

O obxectivo das xornadas será afondar nas necesidades e posibles novos proxectos para inxectar fondos europeos no territorio miñoto, toda vez que nestes momentos é de vital importancia reactivar economicamente a zona transfronteiriza do Miño tras o impacto dobre da pandemia da COVID polo peche de fronteiras, segundo explica o deputado de Cooperación Transfronteiriza Uxío Benítez.

Así mesmo, farase un balance do traballo realizado grazas aos fondos comunitarios no periodo 2014-2020 e debaterase sobre as propostas xa existentes para o novo marco, centradas na promoción turística. Neste sentido, poranse sobre a mesa as iniciativas para ‘A promoción do territorio común: A Marca Rio Minho’ e sobre o ‘Anel Verde de Sendas Peonís e Ciclábeis’, coa presentación dos resultados do inquérito ás persoas usuarias das sendas e espazos públicos verdes no Rio Miño (realizadas en agosto 2020) e a proposta de trazado principal do novo Anel Verde Transfronteirizo de sendas peonís e ciclábeis.

Outro dos puntos importantes do día será a presentación da ‘Base de Datos’  para proxectos e a mesa redonda sobre as oportunidades de financiamento europeo na que estarán o vocal adxunto da Subdirección Xeral de Cooperación Territorial Europea da Dirección Xeral de Fondos Europeos do Ministerio de Facenda Adrián Vecino, o asesor do Gabinete da Secretaría Xeral para o Reto Demográfico  do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico Miguel Ángel Pérez Grande,o subdirector xeral de cooperación territorial europea da Xunta de Galicia Xose Lago, e o director AECT Río Minho Rui Teixeira. 

Existosa concentración da plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Tomiño

0

A plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Tomiño convocou este mércores unha concentración na que se representou un velatorio ante a agonía que está a sufrir a Atención Primaria no Concello de Tomiño.

A esta concentración acudiron centos de veciños das distintas parroquias, así como compañeiros da Plataforma do Condado-Paradanta, para denunciar a precariedade que están a padecer, pois na semana pasada tan só dous medicos dos oito que forman o cadro de persoal, estaban consultando no Centro de Saúde para unha poboación de máis de 14.000 habitantes.

Ana Isabel Silva Míguez, integrante da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Tomiño e traballadora sanitaria, leu o manifesto da Plataforma no que se lle pediron ao Sergas as seguintes esixencias:

  • Apertura do Consultorio de Goián
  • Cubrir todas as baixas e vacacións do persoal sanitario e non sanitario
  • Ambulancia medicalizada para o Baixo Miño
  • Incremento do cadro de persoal como nos corresponde
  • Apertura do Centro de Saúde polas tardes
  • Que o Xerente da Área Sanitaria, Javier Puente, de respostas ás nosas demandas e
    nos reciba de novo, como ten comprometido.

O Concello de Redondela, sen noticias sobre a súa solicitude de axudas para contratación de mulleres vítimas de violencia de xénero

0

Ao igual que aconteceu o pasado ano, logo de que o Concello de Redondela presentara “en tempo e forma” ante a Xunta de Galicia a solicitude dunha axuda para a contratación de mulleres vítimas de violencia de xénero, o Goberno local segue sen noticias da administración autonómica e sen saber se a súa solicitude foi aprobada ou, no caso contrario, os motivos que levaron á Xunta a súa denegación.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, non ocultou a súa indignación logo que o Partido Popular redondelán, nas súas redes sociais e nunha nota remitida aos medios, “asegure que dita solicitude foi rexeitada e abondan en datos sinalando que o Concello de Redondela ocupa o posto 60 na lista de solicitudes”.

Unha vez máis, afirma a alcaldesa redondelá “a Xunta de Galicia ‘puentea’ á administración local, ningunea ao Concello de Redondela facilitando información detallada ao Grupo Popular, a mesma información que lle nega ao Concello e ao Goberno local que é o representante de toda a veciñanza do municipio”.

“Os populares de Redondela coñecen, perfectamente, cando foi remitida toda a documentación, saben que se fixo cumprindo prazos e con todos os requisitos que este tipo de tramitacións precisan e, pese a iso, non dubidan en faltar á verdade, confundir á veciñanza e defender ao seu partido no Goberno en Santiago por enriba dos interese das veciñas e veciñas”.

Como xa demostrou en anteriores ocasións, engade Digna Rivas, ao PP “non lle para nin tan sequera estar tratando un tema tan delicado e que afecta directamente a calidade de vida das mulleres que foron e son vítimas da lacra social que supón a violencia machista”. Asemella, engade a rexedora local “que á hora de intentar desgastar a este Goberno, todo vale, aínda que sexa un tema de extrema sensibilidade como a violencia machista e na que todos e todas deberíamos presentar un fronte común”.

“Para este Goberno socialista e en contra das prácticas á que nos ten acostumados o PP, conclúe Digna Rivas, non todo vale en política e é unha táctica ruín utilizar o engano, a terxiversación e as falsidades para intentar arañar os votos que as urnas non lle condeceron”.

O programa itinerante de coidados médicos aos maiores chegará a Baiona a próxima semana

0

A Consellería de Política Social estenderase ao municipio de Baiona para ofrecer coidados médicos gratuítos a maiores de 55 anos nas áreas rurais. O goberno local, a través da Concellería de Servizos Sociais, solicitara á Xunta este servizo, que se presta mediante unidades móbiles que realizan visitas de varios días aos municipios rurais. Nestes vehículos ofrécense servizos de oftalmoloxía, audioloxía, podoloxía e estimulación da memoria ás persoas que non teñen facilidades para acceder a estas prestacións.

Unha unidade móbil deste servizo visitará o municipio os proximos días 30 e 31 de marzo, e o 1 de abril na Avenida Arquitecto Jesús Valverde (entrada do parador de Baiona)
Para máis información e cita previa no teléfono 622748283 ou no email: [email protected]

A Xunta presenta o núcleo de adestramento deportivo especializado de Surf en Nigrán

0

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, e a delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández Tapias, presentaron esta mañá o Núcleo de Adestramento Especializado (NADE) da Federación Galega de Surf en Nigrán como un novo fito da tecnificación do deporte galego. Neste sentido, Lete Lasa definiu ao NADE como “o centro de excelencia e tecnificación de todo o surf que se fai en Galicia”. “35 anos despois da inauguración do Centro Galego de Tecnificación Deportiva, seguimos medrando con novos centros satélite que garantan futuros éxitos do deporte galego, pero sobre todo, unha vida activa e saudable para os nosos cidadáns e cidadás”, apuntou. O NADE de surf foi bautizado pola federación como ‘Calidade surfing’.

No seu discurso, Lete Lasa, agradeceu o traballo da Federación Galega de Surf e de todo o tecido do surf galego que, ao longo da súa historia, desde que os tres primeiros surfistas galegos botáranse ao mar en 1969 acadou grandes fitos. Entre estes logros destacou un dos eventos máis importantes do planeta como o Pantín Classic, unha das probas da competición júnior máis importante do mundo como o  Qualifying Series 1.000 Gadis Junior Pro Ferrol, os catro anos consecutivos nos que o Campionato de España de surfing leva visitando Valdoviño, o primeiro campionato de España de surf adaptado na praia de Patos ou a gran lista de deportistas galegos que contan cunha gran traxectoria no surf nacional e internacional. Deste xeito mencionou a pioneiros como Gony Zubizarreta ou Vicente Romero, pero tamén a Esperanza Barreras, bicampioa mundial de SUP-Race; Guillermo Carracedo, campión de España de SUP-Ondas e sétimo do mundo; Iago Formosel, subcampión de España de longboard; Juan Fernández, campión de España de ondas grandes; Milo Castelo, campión de Europa Máster ou José Dopico, campión de España de surf adaptado.

A esta lista de campións, dixo, “súmanse a partir de hoxe os seis rapaces e rapazas de entre 14 e 18 anos que entran a formar parte do Núcleo de Adestramento Especializado de Surf”. O secretario xeral animou a Manuel Fernández López, Sebastián Baamonde Amenedo, Martín Fernández González, Iván Rodríguez Portas, Lucía Martínez Bermúdez e Claudia Prieto Sapena a “traballar sen descanso para chegar o máis lonxe posible e, quen sabe, se algún día converterse nos primeiros surfistas españois que compiten nuns Xogos Olímpicos”.

Pola súa banda, a delegada da Xunta, Marta Fernández Tapias destacou as magníficas condicións de Vigo e a súa área para a práctica de calquera actividade física, pero tamén para impulsar a tecnificación dos deportistas de elite. Neste sentido, agradeceu o traballo de todo o tecido deportivo do surf e augurou moitos éxitos aos rapaces e rapazas do Núcleo de Adestramento Deportivo Especializado de Nigrán.

Ademais dos 30.000 euros que a Xunta de Galicia concede á Federación Galega de Surf polo proxecto do NADE, na convocatoria específica de equipamentos deportivos, os NADE contan cun peso específico baremado en 20 puntos, polo que terán máis posibilidades de recibir o material solicitado.

NADES

O pasado 20 de decembro o Diario Oficial de Galicia publicaba a resolución do 3 de decembro de 2021, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se dá publicidade aos recoñecementos dos núcleos de adestramento deportivo especializado no ano 2021. Os NADE son o conxunto de medios humanos e materiais xestionados por unha federación deportiva, club deportivo ou sociedade anónima deportiva inscrita no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia, que teñen por finalidade a preparación técnico-deportiva orientada ao alto nivel ou ao alto rendemento deportivo. Trátase, en definitiva, do recoñecemento e apoio da labor dos axentes deportivos no ámbito da tecnificación, así como tamén de identificar e reter o talento deportivo que se atopa diseminado polos clubs do territorio da Comunidade Autónoma.

Os proxectos recoñecidos correspóndense co interese estratéxico deportivo da propia Comunidade Autónoma, encamiñado á participación dos deportistas galegos e das deportistas galegas en xogos olímpicos ou paralímpicos, campionatos do mundo, campionatos de Europa e outras competicións internacionais de máximo nivel.

Ademais do Núcleo de Adestramento Especializado de Surf, en Nigrán, recoñecéronse outros cinco NADE correspondentes ao Club Kayak Tudense, o Club Boxeo Kick Boxing, a Federación Galega de Hóckey e a Federación Galega de Squash. O investimento da Xunta de Galicia nestes cinco NADE acada os 150.000 euros.

Arrancan as obras de saneamento no camiño da Manquiña e no lugar de A Vesada

O Concello de Salvaterra, dentro do seu programa de mellora e ampliación do servizo de saneamento, ven de iniciar as obras para a implantación do saneamento no camiño da Manquiña e no lugar de A Vesada, na parroquia de Alxén por un importe de máis de 76.000 euros. Esta obra está financiada a través do Plan Concellos 2021 da Deputación Provincial.

Esta actuación ten como fin dotar de saneamento a  máis de 40 vivendas, a través de varios tramos de colector de  no lugar de A Vesada , incluíndo o colector por todo o camiño da Manquiña, coa canalización de tuberías de PVC, incluíndo todas as actuación complementarias como excavacións, pozos e reposicións.

A Xunta impulsa dende Semana Santa viaxes en barco eléctrico entre A Guarda e Caminha

A Xunta de Galicia, a través da Axencia Turismo de Galicia, vai impulsar de inmediato un proxecto de turismo náutico sostible na bisbarra do Baixo Miño que inclúe, como primeira medida, o establecemento de viaxes en barco eléctrico entre a estación marítima de ferri da Guarda e a localidade portuguesa de Caminha dende a próxima Semana Santa.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, acompañado polo alcalde da Guarda, Antonio Lomba, e outros representantes municipais, presentou este mediodía en Camposancos este servizo de transporte náutico e as demais actividades vencelladas a esta iniciativa turística, que vai ser prestada pola Asociación Galega de Actividades Náuticas (Agan+).

O proxecto arrancará, cunha primeira fase, o vindeiro 8 de abril, que será cando comecen a funcionar de xeito experimental dúas embarcacións, unha eléctrica e outra a gasolina, para conectar ambos portos para turistas, visitantes e peregrinos. Dita actuación suporá un investimento de 12.000 euros e funcionará durante aproximadamente tres meses.

Xa no mes de xullo activarase a segunda fase, que consistirá na habilitación dun barco propio de propulsión eléctrica con capacidade para doce pasaxeiros que conectará ambos pantaláns. Esta actividade desenvolverase en virtude dun convenio entre Turismo de Galicia e Agan+, que está a xestionar nestas semanas as cuestións técnicas e burocráticas previas. Pola súa banda, a Xunta traballa na correspondente autorización de Portos de Galicia para garantir o uso do servizo no peirao guardés.

“Con este proxecto novidoso e sostible damos rápida resposta ás necesidades de conexión directa polo río Miño entre Portugal, e nomeadamente a localidade de Caminha, e a vila da Guarda e a zona oeste do Baixo Miño para os peregrinos que percorren o Camiño Portugués pola Costa e para os turistas e veciños, ao tempo que creamos un novo atractivo para vir a esta bisbarra e a Galicia”, manifestou o representante autonómico.

Ao abeiro deste proxecto, vanse mellorar as condicións do pantalán da Guarda despois de que Portos de Galicia xa investira 10.000 euros o pasado ano para dotalo de estabilidade e de preto de 50.000 euros en exercicios anteriores para favorecer o seu mantemento. Así, vaise instalar cartelería e sinalización deste novo servizo de transporte náutico, un módulo como base, un espazo de aparcadoiro, conexións de luz e auga e torretas de subministro.

Esta conexión náutica enmárcase no proxecto de ecoturismo integral para a bisbarra do Baixo Miño impulsado pola Xunta de Galicia que inclúe, ademais destes transbordadores eléctricos para cruzar o río e unir as localidades da Guarda e Caminha, roteiros por zonas de interese ornitolóxico e de pesca de lamprea e percorridos en terra pola contorna con vehículos eléctricos de todo tipo, principalmente bicicletas e patinetes, en colaboración con establecementos turísticos da zona e que arrancará, neste último caso, cunha experiencia piloto na Guarda.

Os nadadores do Club Natación Mos logran 6 metais na casa, no Galego de Fondo Master

0

O pasado domingo, 20 de marzo, celebrouse na Piscina Municipal do Pavillón Óscar Pereiro o CAMPIONATO GALEGO DE FONDO MASTER XIII MEMORIAL GERARDO STEUDEL organizado polo Club Natación Mos.

A competición autonómica contou coa participación de 113 deportistas pertencentes a 18 clubes galegos.

Era a primeira vez que a Piscina Municipal do Pavillón Óscar Pereiro albergaba un campionato destas características.

O equipo do Club Natación Mos estivo formado por 6 nadadores de categoría masculina e os seus obxectivos pasaban por estar entre os primeiros clasificados, meta que conseguiron máis que con creces acadando 5 medallas de ouro e un 3° posto por Clubes en categoría masculina.

Os 6 nadadores do Club Natación lograron 5 metais dourados e un 3° posto por Clubes. Cos seguintes resultados:

  • 1500 Libre Masculino:
    • Adrián Trillo ouro en categoría +25.
  • 800 Libre Masculino
    • Pedro Castro ouro en categoría +20.
    • Nicolás Pexegueiro 7° en categoría +45.
    • Alberto Trincado ouro en categoría +55.
    • Ricardo Rodríguez ouro en categoría +65.
    • Andrés Rodríguez ouro en categoría +70.

Desde o Concello de Mos quíxose trasladar a noraboa a todos os medallistas e competidores do Club Natación Mos, así como aos clubes Hércules e Ponteareas polos postos de 1° e 2° posto por Clubes, respectivamente.

Ponteareas continúa coa orientación laboral á mocidade de toda a comarca

Ponteareas continúa impartindo diferentes charlas nos centros educativos de Ponteareas e da comarca para colaborar na orientación laboral de mozos. Uns encontros co alumnado que “permiten abrir amplos espectros profesionais para a mocidade, que son o noso presente e o noso futuro”, como destaca a concelleira de Formación e Emprego, Vanesa Fernández.

Durante este mes de marzo a orientadora impartiu estas charlas de asesoramento vocacional e formativo ao alumnado dos últimos cursos de ESO e do ciclo de Informática do IES Pazo da Merced, así como ao dos ciclos medio e superior de Aministrativo e aos do superior de Educación Infantil do EFA A Cancela.

Nestes encontros ofrécese ao estudantado información sobre formación regrada e non regrada, informándoos da formación para o emprego á que poden acceder a través de distintos portais institucionais unha vez teñan finalizados os seus estudos. Ademais tamén se lles informa sobre as diferentes opcións dentro do emprego público e privado ou sobre a busca xenérica e específica por sectores a través de portais de emprego, asociacións ou clusters empresariais, entre outras opcións.

A edil socialista salienta a importancia destas charlas e anima a todos os mozos e mozas que o precisen a acudir ao Centro de Desenvolvemento Local e solicitar cita coa orientadora laboral para coñecer a realidade laboral e as diferentes posibilidades ás que poden optar.

Covelo súmase á estratexia de desenvolvemento territorial do Ministerio de Inclusión e Migracións

0

Covelo da un paso firme no fomento de vivenda e aloxamento de carácter social para poboación migrante e desfavorecida e sitúase como o primeiro Concello da comarca en asinar un acordo coa Asociación Provivienda.

A través do proxecto “Terras Vivas”, encadrado na estratexia de desenvolvemento territorial financiada polo Ministerio de Inclusión, Seguridad Social y Migraciones e cofinanciada polo Fondo Social Europeo, Covelo resolverá problemas de aloxamento para colectivos vulnerables e fixará, ao mesmo tempo, poboación.

Concello e Provivienda traballarán na avaliación da necesidade social e darán un paso máis na atención ás persoas e familias en situación de risco e exclusión social tanto do concello como de fóra, así o recolle o acordo asinado hoxe entre o alcalde Pablo Castillo e a responsable de Provivienda en Galicia, Ana Pardo.

Dun xeito proporcional ás capacidades do noso concello integrarase nova poboación. O alcalde de Covelo explica que traballarán para facilitar o acceso á vivienda de persoas que se atopen en situacións de vulnerabilidade social como os desprazados polas guerras e conflitos internacionais, “pemitindo ademais  recuperar poboación e incrementar recursos no concello”.

Nunha primeira fase o departamento municipal de Servizos Sociais facilitará toda a  información posible para estudar e avaliar as necesidades da poboación e determinar aquelas familias que poidan ser beneficiarias do programa “Terras Vivas”.

Pola súa banda Provivenda adianta que o programa, que se xa desenvolve en distintos concellos de Andalucía e Galicia, pretende garantir o dereito á vivenda e revitalizar o rural. “Mediante o desenvolvemento de Itinerarios de Inserción Sociolaboral en zonas rurais de Pontevedra, Ourense e Granada, Terras Vivas ofrece unha intervención individualizada e integral co fin de apoiar e facilitar a integración, participación e autonomía das persoas migrantes”.

A asociación Provivienda xestiona en distintas Comunidades Autónomas diversos programas de aloxamento dirixidos a colectivos en risco de exclusión social a traverso de distintas opcións e dispositivos residenciais.

O Concello de Covelo reafirma unha vez máis o seu compromiso no cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible marcados na Axenda 2030 e no Pacto das Alcaldías.

Baiona repara o parque “O Aral” de biosaudables

0

A Concellería de Medio Ambiente do Concello de Baiona realizou substitución e a reparación das máquinas e aparellos que sufriran danos destinados á actividade física ao aire libre, no parque de biosaudables que está situado encima do aparcadoiro municipal de “O Aral”.

Coa reparación destas de máquinas e aparellos de ximnasia ao aire libre, agora coa chegada da primavera, os veciños poderán facer mellor uso deste parque ao ter un mellor aspecto e estar reparadas todas as maquinarias.

O obradoiro de emprego Revaloriza Tui remata a restauración do Lavadoiro de Laxes en Randufe

0

O alumnado do obradoiro “Revaloriza Tui 2021” vén de rematar hai uns días a primeira das obras incluídas no proxecto de restauración de elementos patrimoniais municipais. Trátase do lavadoiro de Laxes en Randufe. O alumnado dos módulos de cantería e carpinteiría comezou en xaneiro estes traballos que veñen de concluír. O lavadoiro que estaba nun estado deplorable recuperou grazas a esta intervención todo o seu esplendor.  O alumnado continuará agora, seguindo o proxecto establecido, coa restauración do lavadoiro de Souto.

O alcalde, Enrique Cabaleiro, e a concelleira de Formación e Emprego, Ana Núñez, visitaron as obras realizadas e felicitaron ao alumnado e profesorado polo traballo realizado, no que queda patente os coñecementos adquiridos grazas a esta acción formativa.

O obradoiro de emprego Revaloriza Tui 2021 está financiado pola Xunta de Galicia e cofinanciado polo Concello de Tui.

A Deputación de Pontevedra súmase este sábado á “Hora do Planeta”

A Deputación de Pontevedra sumarase este sábado 26 de marzo, entre as 20:30 e 21:30 horas, á “Hora do Planeta”, unha acción que naceu fai quince anos promovida pola organización WWF en prol da defensa da natureza e do medio ambiente. Deste xeito, o Goberno provincial apagará as luces do Pazo, do Edificio Administrativo, da sede de Turismo Rías Baixas e da sede de Vigo, uníndose á iniciativa de WWF que neste 2022 leva os lemas #MóvetePoloPlaneta e #HoraDoPlaneta e pola que milleiros de cidades, institucións e persoas do mundo amosarán o apoio global á acción conxunta contra o cambio climático.

A Deputación ten un firme compromiso co medio ambiente, impulsando e liderando numerosas iniciativas para deter e reverter a perda da natureza. Con esta acción simbólica, de apagado do alumeado dos seus edificios sumándose á proposta de WWF, a institución provincial pretende facer reflexionar á cidadanía sobre o dano que estamos a provocar á natureza e como pequenos xestos poden contribuír a palialos e a construír, así, un planeta Terra con garantías de futuro. Xunto a este apagado de luces dunha hora, que conectará a milleiros de cidades, entidades, fogares e empresas de todo o mundo mobilizadas pola natureza, WWF propón tamén que as persoas camiñen, corran, anden, ou empreguen a bicicleta ou patíns para sumar, de maneira virtual, os 40.000 quilómetros que conforman o perímetro da Terra. Deste xeito, estarase “abrazando” ao planeta e simbolizando esa vontade de coidalo para garantir un espazo saudable e con futuro para as persoas.

O Porriño facilita o volante de empadroamento por internet

O volante de empadroamento no Porriño xa pode obterse por vía dixital. As veciñas e veciños poden xestionar este documento a través da sede electrónica municipal.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, explicou que esta mellora da atención ao cidadán responde á intención do novo executivo de “facilitar a interacción da veciñanza coa administración, axilizando a realización dos trámites municipais e reducindo os tempos de xestión. En definitiva, pretendemos que o Concello do Porriño sexa unha administración o máis próxima posible á cidadanía”.

Para facer este trámite ás persoas interesadas deberán dispoñer dun sistema de autenticación como o DNIe, certificado dixital ou Cl@ve; acceder á páxina web municipal (https://www.oporrino.org ) e clickar en “Sede Electrónica” para seleccionar a opción “Padrón de habitantes”.

Tomiño convoca unha praza de técnico de xestión

0

O Concello de Tomiño publica a segunda convocatoria para a selección dunha persoa funcionaria interina para a praza de técnico de xestión. A persoa que ocupe o posto prestará apoio técnico no desenvolvemento nas áreas de Secretaría e Administración Xeral en tarefas como a tramitación e seguimento de expedientes, o asesoramento a diferentes servizos municipais, a realización de informes ou a información e atención ao público, entre outras.

As persoas interesadas poderán consultar toda a documentación no taboleiro de anuncios da Sede Electrónica do Concello de Tomiño, así como as bases e o anuncio no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra.

O prazo de presentación de solicitudes finaliza o vindeiro 7 de abril de 2022.

Gondomar estrea o remodelado parque de maquinaria coa axuda da Deputación

0

O parque de maquinaria que a Deputación de Pontevedra ten en Gondomar foi obxecto de varias actuacións de mellora coas que a institución deu un novo aspecto a este centro desde o que se coordinan os proxectos que se realizan no sur da provincia. As obras, cun investimento de 105.320 euros, consistiron na construción dun novo almacén, melloras na nave principal ou na reposición dos peches. Así o puideron comprobar a deputada e os deputados provinciais Iria Lamas, Carlos Font e Santos Héctor, quen xunto ao alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, achegáronse este xoves ao parque para coñecer de preto estas novas actuacións.

As instalacións situadas neste concello do Val Miñor centralizan as actuacións da Deputación nesta zona no que ten que ver con reparacións, mantemento, depósito de materiais e outros traballos dirixidos á posta a punto da flota da institución provincial. Máis polo miúdo, entre todas as melloras que se realizaron a máis significativa foi a construción dun novo almacén para a maquinaria. As obras chegaron tamén á nave principal, que agora conta cunha nova capa de pintura, malla antifollas nas canalizacións de cuberta e unha instalación interior eléctrica moderna. Do mesmo xeito, actuouse na marquesiña destinada ao aparcamento de vehículos lixeiros, onde se realizaron actuacións de saneado e reforzo e tamén se instalaron luminarias con detector de presencia.

Ademais, as obras se centraron na colocación de novos peches, a execución de novos muros de contención e acondicionamento interior da parcela, coa colocación de luminarias LED nas zonas exteriores do parque, así como obras de urbanización exterior coa a pavimentación dos espazos libres da parcela.

O ciclo ‘Mestre Mateo’ arranca en Ponteareas

Ponteareas dá a benvida esta fin de semana ao ciclo ‘Mestre Mateo’, unha actividade organizada pola Academia Galega do Audiovisual e pola Deputación de Pontevedra que traerá á vila do Tea ao longo dos vindeiros meses e de forma gratuíta as películas gañadoras e finalistas nos premios do cinema galego.

“Para Ponteareas é moi importante formar parte da primeira edición deste ciclo, no que só participan cinco concellos de toda a provincia”, destaca o concelleiro de Cultura, Fernando Groba, que salienta que a iniciativa “non só nos permitirá gozar de balde das mellores películas galegas do último ano, senón que tamén é un xeito único de achegar o noso audiovisual, o noso idioma e a nosa cultura á veciñanza”.

A primeira cita será este sábado 26 de marzo ás 20.00 horas co documental ‘O gran camiño’ na sala multiúsos do Auditorio Municipal, que será o escenario destas proxeccións que se repetirán mensualmente ata novembro, coa excepción dos meses de xullo e agosto.

Este documental está narrado en primeira persoa por Alba e Raúl, dous cineastas que deciden cargar as súas cámaras nas mochilas para emprender unha aventura de miles de quilómetros polas grandes rutas a pé do mundo, entre as que se inclúe o Camiño de Santiago. A entrada será de balde previa reserva a través da web ou no teléfono 986 661 674.

A Cañiza e o centro “EFA A Cancela” das Neves continúan colaborando

0

O Concello da Cañiza continúa colaborando co centro “EFA A Cancela” das Neves, coa sinatura de novos convenios específicos de formación.

Así o comunicou esta mañá o alcalde da vila, Luis Piña, despois de reunirse cunha das profesoras deste Ciclo de Educación Infantil, María Estévez.

Esta formación se imparte no Centro das Neves por primeira vez neste curso escolar 2021- 2022, sendo ésta a 1ª promoción de graduados.

Este convenio permitirá que as alumnas poidan continuar a súa formación en prácticas durante 3 meses na Escola Infantil Municipal da Cañiza. Dende o vindeiro luns 28 de marzo ata o 6 de xuño o alumnado poderá coñecer a realidade das aulas.

Alomenos o 65 % da provincia disporá de servizo de inspección de residuos para cumprir a nova normativa

Alomenos o 65 % da provincia poderá cumprir coas obrigas da nova normativa de residuos ao dispor dun servizo de inspección e control de residuos. Nestes momentos xa son 22 concellos (con 234.896 habitantes) os que se beneficiarán do corpo provincial de control que porá en marcha a Deputación e que se sumará ás iniciativas de Pontevedra e Vigo –que disporán de medios propios para ese labor-.

Polo de agora están adheridos á proposta de participar no novo corpo de inspección da Deputación os concellos de A Lama, Barro e Poio na comarca de Pontevedra; Meaño, Meis e Vilagarcía no Salnés; Bueu, Cangas e Moaña como mancomunidade no Morrazo; Valga na comarca de Caldas; Baiona e Gondomar no Val Miñor; Mondariz Balneario, Ponteareas, e Salvaterra no Condado Paradanta; O Rosal e Tomiño no Baixo Miño; Redondela, Pazos de Borbén, Soutomaior e Salceda na área de Vigo; e Silleda no Deza-Tabeirós.

Este corpo provincial de inspección xurde para paliar as dificultades dos concellos para cumprir por si mesmos a nova lexislación de residuos (derivada da directiva da UE de 2018, a lei galega de 2021 e a nova lei estatal que está en tramitación no Senado), que obriga a ter un servizo municipal de control ademais doutros requirimentos dos que ata o de agora os gobernos locais tampouco se tiñan que facer cargo.

Dado que os labores de control sobre os residuos municipais non poden ser realizados por persoal externo, senón que só poden desenvolverse por parte de persoas funcionarias de carreira ou por axentes da Policía Local, son moitos os concellos que detectaron posibles problemas para afrontar as novas esixencias: hai escaseza de traballadoras e traballadores porque os que están xa nas RPT teñen carga de funcións e non é viable economicamente incorporar máis. Ante esta situación o vicepresidente César Mosquera e o persoal técnico do Revitaliza e do SAIM da Deputación estudaron posibles solucións.

A proposta final consiste en que a Deputación creará un corpo de inspección que dará servizo aos concellos que estean interesados e fagan a encomenda de xestión. Será un sistema parecido ao que nestes momentos os concellos fan coa recadación municipal, que derivan ao ORAL.

Para concretar todos os aspectos sobre competencias, implicacións e necesidades para poñer este sistema de colaboración en marcha haberá unha reunión cos concellos xa adheridos o vindeiro martes 29. Ata ese momento manterase aberto o prazo para que os concellos que aínda non o fixeron poidan solicitar a súa adhesión e beneficiarse do novo do servizo.

Novas esixencias    

O novo marco lexislativo sobre residuos supón “unha auténtica revolución” que impón aos concellos “esixencias radicais” baixo ameaza de sanción. É por iso que o vicepresidente Mosquera, ademais de crear o corpo de inspección, anunciou novas liñas de axudas vencelladas a cumprimento de obxectivos na reciclaxe e todo o asesoramento necesario.

Segundo explicou Mosquera, a “fase de buenismo” na que se pretendía acadar obxectivos de reciclaxe a través de accións voluntarias acabouse e éntrase nunha fase de resultados con obrigas claras. Para os concellos isto suporá que de maneira inminente haberá novas esixencias: obriga de cumprir obxectivos de separación e preparación para a reciclaxe; obriga normativa de ter ordenanzas de xestión, servizo e económicas; e obriga de recollida de información e traslado á Xunta de Galicia.

Os prazos para cumprir cos obxectivos de reciclaxe, lembrou o nacionalista, están vencidos xa, posto que en xuño de 2020 era obrigado ter preparado para reciclar o 50 % dos residuos, en 2025 esixirase reciclar o 55 %, o 60 % en 2030, e o 65 % en 2035. Os resultados actuais distan moito na realidade ,xa que a provincia apenas chega ao 15 %, Galicia está entre o 12 e o 13 %, e o Estado alcanza o 15-16 %. Os únicos municipios que se aproximaron a cumprir a nivel do Estado español– con arredor do 40 % de reciclaxe- foron varios concellos Revitaliza (Vilaboa, As Neves, Mondariz e Mondariz Balneario) que están ás portas polas dificultades xurdidas na pandemia.

O antigo Rebullón recibe unha visita técnica de Política Social e Sanidade para definir que parte do proxecto asumirá cada unha das Consellerías

0

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, reuniuse esta mañá no edificio do antigo Hospital Psiquiátrico do Rebullón coa secretaria xeral técnica da Consellería de Política Social, María Francisca Gómez Santos, para concretar detalles da nova infraestrutura sociosanitaria que alí se ubicará.

A xuntanza consistiu nunha visita técnica á que asistiron técnicos das Consellerías tanto de Sanidade como de Política Social, co obxectivo de definir in situ as partes do proxecto sociosanitario que serán xestionadas polo SERGAS e cales por Política Social.

Cada consellería está xa traballando polo tanto na súa respectiva parte do proxecto. Unha importante aposta das administracións local e autonómica para a prestación dos mellores servizos sanitarios e sociais para a cidadanía.

O antigo hospital do Rebullón ten xa o seu futuro e continuidade en activo asegurados. Un futuro que será posible grazas á transformación destas instalacións nun gran complexo con servizos sanitarios e sociais.

Trátase dun gran proxecto de futuro para Mos e sobre el a alcaldesa mosense, Nidia Arévalo, recalcou o “arduo traballo de estudo previo” no que se basea esta iniciativa e indicou que “dará servizos sanitarios e sociais a milleiros de persoas. Unha iniciativa altamente beneficiosa para a comunidade local e tamén para a comarca e para o sur da provincia de Pontevedra”.

Este gran complexo no Rebullón é unha das grandes apostas da alcaldesa de Mos para a presente lexislatura. Incluído no apartado social do seu programa electoral, solicitoulle actuar neste espazo á administración autonómica tocando ao final da pasada lexislatura, e a idea comeza a materializarse xa, tras tempo de traballo técnico previo, necesario para un proxecto destas características e envergadura. 

É un proxecto a tres bandas entre Concello e Consellerías de Política Social e Sanidade. Un macroproxecto sociosanitario pioneiro en España que será referente en Mos e comarca, no que se fará a maior inversión en décadas.

Concluía a rexedora local expresando que “comenza a conta atrás para o novo Rebullón. Transformarémolo nun centro sociosanitario de referencia no país. Por fin o macroproxecto está iniciado tras pechar os acordos que estiveron precedidos de meses de arduo traballo”. “É outro soño que se fará realidade para Mos. Este será un logro histórico, recuperar este edificio emblemático na provincia para dar servizos tan necesarios e demandados en Mos e comarca”, finalizou Arévalo.

O Rosal prepárase para a Semana Santa

0

O Rosal prepárase para unha Semana Santa de ocio e lecer para rosaleiras e rosaleiros e tamén para visitantes. O Concello abrirá durante esas datas a oficina de turismo no Centro de Interpretación dos Oficios do Rosal, situada no edificio da Cámara Agraria, unha medida coa que ademais de poder coñecer información turística do municipio as persoas interesadas poderán visitar tamén o Museo do Cabaqueiro. “É unha forma de renderlle homenaxe e achegarse a un oficio moi duro pero no que os nosos veciños tiñan unha gran destreza e mestría”, explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

A oficina abrirá as súas portas dende o 10 ata o 17 de abril, agás o sábado 16 que permanecerá pechado. Durante todos estes días as persoas interesadas poderán visitar este centro etnográfico de xeito individual ou participar nas visitas guiadas á exposición que se farán cada día ás 11.30 e ás 17.30 horas e que terán uns 30 minutos de duración. Estas visitas serán totalmente de balde e as persoas interesadas poden inscribirse enviando un correo electrónico a [email protected].

O horario de apertura da oficina de turismo variará segundo o día. O domingo 10 estará aberta ao público de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 19.00 horas; o luns 11 e martes 12 abrirá en quenda de mañá de 11.00 a 14.00 h; o mércores 13 e xoves 14 todo o día en horario de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 19.00 horas; o venres 15 abrirá pola tarde de 17.00 a 19.00 horas e o domingo 17 de 11.00 a 14.00 horas.

Para coñecer a contorna natural do Rosal, o Concello organizará ademais o vindeiro 15 de abril unha visita guiada aos muíños do Folón e do Picón, na que se afondará na descrición e historia destas construcións emblemáticas. A saída será ás 11.30 horas dende a área de descanso dos muíños do Folón, terá unha duración aproximada de 2 horas e haberá un máximo de 15 prazas. A visita será da man dunha guía especializada acreditada pola Xunta e recoméndase levar calzado cómodo e unha botella de auga para o percorrido.

As persoas interesadas en participar nesta actividade poden inscribirse a través do correo [email protected] ou de forma presencial na oficina de turismo en horario de apertura.

O Programa Integrado de Emprego do Concello de Redondela inicia a súa actividade cun cento de persoas en situación de desemprego

0

Un total de cen persoas en situación de desemprego verán mellorada a súa empregabilidade a través do Programa Integrado de Emprego (PIE) do Concello de Redondela que o venres o pasado venres, 18 de marzo, foi presentado no Multiúsos da Xunqueira, nun acto presidido pola concelleira de Emprego, María Castro Abad e as técnicas implicadas no programa Belén Oblanca Rivero y Ana Concheiro Sánchez.

María Castro Abad animou ás e aos participantes “a aproveitar esta extraordinaria oportunidade para mellorar a empregabilidade” e subliñaba “a atención personalizada” con que contarán as persoas que participan neste Programa Integrado de Emprego.

Pola súa banda a alcaldesa Digna Rivas lembraba que o Goberno redondelán “apostou e segue a apostar pola formación das persoas en desemprego como mellor ferramenta para a súa inserción nun mercado laboral cada día máis especializado e competitivo”.

O Programa Integrado de Emprego do Concello de Redondela conta cun orzamento de 257.000 euros –dos que 221 000 euros serán achegados pola Xunta de Galicia a través dunha subvención da Consellería de Emprego e Igualdade, e os 35 980 euros restantes, polo Concello de Redondela– e nel participarán 30 persoas menores de 30 anos con baixa cualificación; 20 desempregados e desempregadas menores de 30 anos; 15 persoas en risco de exclusión social; 10 maiores de 45 anos; cinco persoas con discapacidade e outras quince perceptoras de prestacións.

O obxectivo deste Programa de Emprego, é o de mellorar a ocupabilidade e a inserción laboral das persoas en situación de desemprego e para iso, as e os participantes contarán cunha atención personalizada durante os meses que dure esta iniciativa.

As acción nas que participarán as persoas que se integren no programa Integrado serán as seguintes:

  1. Información, orientación e asesoramento
  2. Formación transversal en novas tecnoloxía e/ou idiomas
  3. Técnicas de coaching, intelixencia emocional e técnicas de motivación para a busca de emprego, tanto por conta propia como allea
  4. Habilidades sociolaborais e obradoiros de entrevista
  5. Fomento de capacidade emprendedora
  6. Prospección empresarial
  7. Emparellamento de ofertas de traballo coas persoas demandantes de emprego participantes
  8. Formación para o emprego: esta formación estará relacionada coas necesidades detectadas no mercado de traballo, e programadas en coordinación coas empresas colaboradoras. Algunhas das accións formativas previstas son: Atención ao cliente, ocupacións relacionadas co comercio (dependente, caixeiro, atención telefónica, …), formación en manexo de maquinaria, operario/a de almacén e xestión loxística, formación relacionada co ámbito da hostalaría, formación para traballos de produción, formación en mantemento industrial, limpeza, conxelados, …, formación online diversa, formación que se vai a adaptar aos perfiles das persoas participantes, e ao seu nivel académico.
  9. Prácticas profesionais non laborais en empresas en consonancia, preferentemente, co contido teórico práctica das acción formativas.
  10. Talleres de mobilidade laboral que proporcionen información dos recursos dispoñibles de mobilidade transnacional no territorio da Unión Europea ( redes Eures).


Así, as técnicas implicadas no programa desenvolverán un traballo de orientación laboral, acompañando e asesorando ás e aos participantes na súa busca de emprego. Paralelamente contactarán coas empresas da zona, nunha labor de prospección laboral, para coñecer as súas demandas de candidatos e candidatas ou formación. Ese paso é fundamental para, posteriormente, facer un traballo de intermediación laboral, emparellando as ofertas de traballo coas persoas participantes segundo os seus perfís e cualidades

Non menos importante é a posibilidade de realizar prácticas profesionais non laborais en empresas en consonancia co contido teórico práctico das accións formativas realizadas.

O xoves 31 de marzo, nova actividade do programa Apego en Ponteareas

Ponteareas acolle este mes unha nova actividade do programa Apego, unha iniciativa colectiva “dirixida a fomentar e a facilitar a transmisión do galego como lingua inicial e a socialización dos nenos e nenas de entre 0 e 6 anos no noso idioma”, como explica o concelleiro de Lingua, Fernando Groba.

A actividade terá lugar o vindeiro xoves 31 de marzo a partir das 18.00 horas na sala multiúsos do Auditorio Municipal, onde Trémola Teatro representará o seu espectáculo ‘Que animaliño é?’. As máis pequerrechas e pequerrechos poderán gozar dunha narración oral mesturada con música dirixida á primeira infancia na que nenas e nenos descubrirán unha morea de animais e moitas cousas máis.

A actividade está recomendada para cativas e cativos de entre 6 meses e 5 anos e será totalmente de balde. Para poder asistir é necesaria reserva previa de praza no correo electrónico [email protected] ou no teléfono 986 640 000, extensión 1010.

O edil convida a todas as nais e pais a inscribirse e gozar dunha divertida tarde de lecer en galego en familia.

A Deputación lanza a VI edición dos cursos de español para inmigrantes

Imaxe de arquivo dos cursos de español para inmigrantes da Deputación de Pontevedra

Os cursos de español dirixidos a persoas inmigrantes que desenvolve a Deputación para facilitar a súa integración social na provincia e que xa beneficiaron a 29o estudantes chegan neste 2022 a súa sexta edición. Serán de novo tres as accións formativas que se levarán a cabo, dúas en Vigo e unha en Pontevedra, para posibilitar que 55 persoas non hispanofalantes preparen e poidan superar a proba DELE (Diploma de Español Como Lingua Estranxeira) A2, un requisito indispensable para acadar posteriormente a nacionalidade española.Estes cursos teñen unha alta demanda e un grande éxito no que se refire á acreditación da formación polos e polas participantes, que teñen un índice de persoas aprobadas dun 86% no conxunto das anteriores cinco edicións. Na do 2021 alcanzou un 95,45%. 

A proba DELE A2 require unha preparación previa e ten un custo económico que dificultan o acceso á nacionalidade para un determinado sector da poboación e, polo tanto, favorecen procesos de exclusión social. A través deste programa provincial, que se desenvolve a través dun convenio coa Universidade de Vigo, encargada de impartir a formación co persoal do Centro de Linguas, a Deputación subvenciona o custo da formación e tamén o da matrícula no exame.  

Os tres cursos deste 2022, que terán 40 horas de duración, comezarán en Vigo, coa acción que se desenvolverá do 18 de maio ao 3 de xuño, de 9.30 a 12.30 horas, cun total de 20 prazas. Posteriormente, do 5 ao 30 de setembro celebraranse as dúas restantes actividades formativas en Pontevedra e Vigo, con 20 e 15 prazas respectivamente, e en horario de 15 a 17.30 horas. O prazo de inscricións abrirase proximamente e será anunciado a través do Boletín Oficial da Provincia.

Nestes cursos poden participar persoas maiores de 16 anos que estean empadroadas nalgún dos concellos da provincia e se atopen en situación administrativa regular. Unha vez finalizadas as accións formativas, o alumnado presentarase ao exame do DELE A2 que levará a cabo o Instituto Cervantes en Vigo, na convocatoria de setembro para quen realice o primeiro curso de maio e en novembro no caso dos e das estudantes que o fagan nos outros dous cursos de setembro.  

As clases, ao igual que nos dous últimos anos, desenvolveranse cun estrito protocolo anti Covid, que inclúe o uso obrigatorio de máscaras e a dotación de material de hixiene para garantir a seguridade. En caso de que a formación non se puidera impartir polas circunstancias sanitarias de modo presencial, valorarase a posibilidade de realizala en remoto e, en todo caso, estará supeditada á normativa vixente en cada momento. A maiores, como novidade, tamén se valorará de maneira individual a realización do curso en remoto polo alumnado que o precise cando xustifique documentalmente a imposibilidade de asistir, por motivos laborais, sempre e cando presente en forma e prazo as tarefas asignadas polo profesorado, conte con medios propios para realizalas e valoración favorable  da súa persoa docente. A Deputación de Pontevedra puxo en marcha estes cursos de español no ano 2017 co obxectivo de facilitarlles ás persoas de países non hispanofalantes a consecución deste título e, por conseguinte, apoiar a súa integración na provincia como cidadanía de pleno dereito.  Nas cinco edicións anteriores houbo un total de 290  participantes e, como exemplo da súa enorme demanda, basta dicir que no pasado 2021 a Deputación recibiu 128 solicitudes de persoas de 21 nacionalidades para as 55 prazas existentes.  Nos exames do pasado ano, aos que se presentaron 44 persoas, houbo un 95,45% de persoas aprobadas, a  maioría procedente de Marrocos (con 11 persoas), Brasil (11) e Senegal (6), que fixeron grandes esforzos tanto a nivel académico como persoal para acadar esta meta.

O proxecto ‘Unha biblioteca para Xela’ das Bibliotecas Municipais de Redondela, finalista do ‘Selo CCB 2021’

0

O proxecto ‘Unha biblioteca para Xela’, desenvolto no pasado ano polas Bibliotecas Municipais de Redondela –Valle-Inclán de Redondela e Xela Arias de Chapela— vén de ser recoñecido como finalista do Selo CCB 2021 na categoría de bibliotecas públicas de máis de 10 000 habitantes.

O Selo CCB é outorgado polo Consejo de Cooperación Bibliotecaria (CCB), –órgano dependente do Ministerio de Cultura, que canaliza a cooperación bibliotecaria entre as administracións públicas– e ten como finalidade, tanto en gañadores como en finalistas, resaltar o valor dos proxectos de bibliotecas máis destacados relacionados, nesta edición, cos obxectivos xerais do III Plan Estratéxico do CCB que ten como fío condutor a Igualdade en Bibliotecas.

O proxecto ‘Unha biblioteca para Xela’ tamén foi distinguido no pasado ano co ‘Premio á Innovación Bibliotecaria de Galicia’.

A Semana das Ciencias de Ponteareas promove a igualdade a través dunha exposición

“O mar das mulleres” chegou a Ponteareas da man do obradoiro da profesora María Lorenzo “A maleta dos océanos”. A coordinadora do grao de Educación Primaria na facultade de Pontevedra traballou cos pequenos a vida no mar pero, esta vez, dende outra perspectiva.

“A invisibilidade do mar e a das mulleres constitúe un suma e segue. Co obxectivo de contribuír a paliar esta situación é moi necesario trasladar á sociedade a importancia da sustentabilidade do mar con perspectiva de xénero” explica a profesora María Lorenzo. Engade, que neste caso, é relevante por un dobre motivo: “en primeiro lugar, para facer visible a importancia do mar na sustentabilidade e, mesmo, para a supervivencia do planeta en que habitamos, porque os océanos son invisibles para a poboación, malia os case 1500 quilómetros de costa de Galicia e, en segundo, para amosar o papel decisivo das mulleres na sustentabilidade do mar desde o comezo dos séculos”.

Esta actividade encádrase na programación da sexta edición da Semana das Ciencias de Ponteareas promovida en colaboración coa Deputación de Pontevedra. A través de chamativos paneis e dunha entretida unidade didáctica, profesorado e alumnado de primaria afondaron no océano e no importante papel da muller neste sector. María Lorenzo deixoulles deberes para o tempo na escola e, así, disporán de diferentes materiais didácticos para poder continuar a actividade nas aulas.

Para o público en xeral, o vestíbulo do auditorio municipal acollerá a exposición “O Mar das Mulleres” ata o día 1 de abril. As actividades da Semana das Ciencias tamén tiveron un oco para formar ao profesorado que asistiu ao seminario sobre hortas escolares impartidas no CIFP A Granxa.

O decano da facultade de Dirección e Xestión Administrativa da Universidade de Vigo, Enrique Varela, amosoulle ao alumnado de secundaria os xeitos de hackear á sociedade para facela máis sostible.

Hoxe a partir das 17:00 horas aterrarán na praza Maior obradoiros, contacontos e espectáculos para os cativos. Así, o alumnado seguirá aprendendo da man da profesora da Universidade de Vigo, Xana Álvarez, que achegaranos ao mundo do biodiesel. Pola tarde, os investigadores e empresarios locais Sergio Quiroga de Ecocelta e Pablo Moure e Fernando Castro, de Galinsect, pecharán o ciclo de conferencias ás 19:30 horas na sala multiúsos do auditorio municipal.

O pavillón Gustavo Rodríguez acolle esta fin de semana o Campionato Galego de Patinaxe Grupos Show

0

O pavillón municipal Gustavo Rodríguez acolle esta fin de semana o Campionato Galego de Patinaxe Grupos Show organizado polo Club de Patinaxe Artístico Ribex en colaboración co Concello de Tui e a Federación Galega de Patinaxe. A proba presentouse esta mañá na casa do concello por parte do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, o concelleiro de Deportes de Tui, Rafael Estévez, o xefe do servizo de Deportes da Xunta de Galicia en Pontevedra, Daniel Benavides, o presidente do comité de patinaxe artístico da Federación Galega de Patinaxe, Alberto Covelo, o presidente e adestrador do CPA Ribex, Santiago Alonso, a secretaria e adestradora do CPA Ribex, Carolina Figueroa.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, destacou a intensísima axenda deportiva de Tui indicando que “é un privilexio” poder acoller este campionato, ao tempo que salientou que Tui é “o lugar ideal pola súa riqueza patrimonial e pola súa ubicación transfronteiriza”.  Ao tempo o rexedor tudense destacou que “o deporte é tamén un elemento de dinamización económica”. Agradeceu ao CPA Ribex o seu importante traballo que pon ao patinaxe no mapa, así coma á Xunta de Galicia a colaboración no ámbito deportivo.

O concelleiro de Deportes de Tui, Rafael Estévez, comezou manifestando que “Tui está co deporte” e lembrou a espectacular regata Miño Internacional e a vistosa BTT Eurocidade, celebradas na fin de semana así coma o terceiro posto logrado polo Kaiak Tudense no Campionato de España Piragüismo e o título de Campión de España do tudense Manuel Garrido en C1 senior. Unha axenda deportiva que prosegue esta fin de semana coa Andaina de Fortaleza a Fortaleza, co RAID TT da Eurocidade e con este campionato galego salientando que aquí se xogarán “as prazas para o Campionato de España”, desexando moita sorte ao CPA Ribex.

Dende o club organizador o seu presidente e adestrador Santiago Álvarez agradecía á Federación Galega de Patinaxe “concedernos este campionato” e ao Concello de Tui “por todos os medios facilitados”. Explicou que a competición comezará o sábado ás 18 h para grupos grandes con 9 grupos, e o domingo dende ás 17.30 para grupos pequenos con 12 grupos. A secretaria e adestradora do CPA Ribex, Carolina Figueroa, recoñeceu que para o club  “é un reto importante organizar un campionato destas características” que traerá até Tui a máis de 300 patinadoras e patinadores e as súas familias.

Dende a Federación Galega de Patinaxe o presidente do Comité de Patinaxe Artístico, Alberto Covelo,  indicou que “é un pracer poder celebrar esta competición en Tui, onde o patinaxe artístico é moi importante co club Ribex”. Salientaba que “unha competición das máis importantes, dentro da Federación Galega de Patinaxe, é unha competición moi vistosa, na que hai preto de 300 participantes cos seus respectivos adestradores e equipos técnicos, co que estamos falando de case 400 persoas máis todo o público que se vai achegar a Tui”.

O xefe do servizo de Deportes da Xunta, Daniel Benavides, amosou o seu agradecemento á Federación por traer esta competición á provincia de Pontevedra e en concreto até Tui. Destacaba que “a xente que vai vir aquí dende outras latitudes de Galicia pode ter a ocasión de perderse en Tui e coñecer o patrimonio cultural, a hospitalidade da xente de Tui…” indicando que “neste caso o deporte e a activación económica nestes momentos é moi importante”.

O Campionato Galego de Patinaxe de Grupos Show celebrarase o sábado dende ás 18 h coa competición grupos grandes formados entre 16 a 30 patinadores e patinadoras e o domingo dende ás 17.30 h cos grupos pequenos que terán entre 6 e 12 integrantes. As entradas, cun prezo de 6€, poderanse mercar, para o propio día, o sábado dende ás 15 h e o domingo dende ás 14.30 h. O aforo é limitado.

O Club de Patinaxe Artístico Ribex competirá en grupos grandes con 17 persoas presentando a coreografía “Obsesións”.

Tomiño pon en marcha un completo programa de accións para reactivar a actividade económica e social

0

Tomiño quere que as súas rúas e o seu comercio local recobre vida. O Concello vén de poñer en marcha ‘Vive!’, unha campaña cun completo programa de accións de diferente índole que se realizarán durante os meses de marzo, abril e maio que busca reactivar a actividade económica e social do municipio. “Queremos que a veciñanza volva á rúa e que as fins de semana sexan animadas, saíndo pouco a pouco da dinámica pandémica na que estamos inmersos. E querémolo porque sabemos que iso favorecerá tanto ao comercio local e aos nosos mercados municipais como a hostalaría”, explicou a alcaldes, Sandra González, durante a presentación da campaña no Mercado Municipal de Tomiño. A rexedora estivo acompañada polo concelleiro de Promoción Económica e Comercio, Francisco Campo.

Trátase dunha campaña integral que busca ofertar novos servizos, como os carros da compra nos núcleos urbanos de Goián e Tomiño para facilitar á veciñanza mercar nos establecementos locais, postos en marcha recentemente e que “están funcionando moi ben, de feito imos ampliar o número de carros dispoñibles”. Tamén acaba de inaugurarse esta semana un “innovador e dinámico” servizo de consigna para a recollida de pedidos pola tarde na praza de abastos de Tomiño e estrearase en breve a nova web dos mercados de Goián e Tomiño, que vai “nese camiño cara á dixitalización e modernización que teñen que facer os nosos mercados para chegar á nova clientela”.

O programa de actividades arranca esta mesma fin de semana cos ‘Domingos sesión vermú’, unha xornada na que se combinará a música de grupos tomiñeses co bo ambiente no Mercado Municipal de Tomiño. A primeira cita será este domingo 27 ás 13.00 horas con Lara e Diego. Os vindeiros encontros serán os días 10 e 15 de abril con Acevedos Delgados e Alonso, Piñeiro, González Trío, respectivamente.

Tamén se retomarán os ‘Sábados con sabor’, nos que o público poderá degustar pinchos e viños e co que se busca “ofrecer á veciñanza espazos de lecer ao tempo que se lles anima a mercar no mercado e no comercio local”. Serán os días 2 e 9 de abril e 7 e 21 de maio a partir das 13.00 horas e as persoas interesadas deberán comprar o ticket previamente en calquera posto do Mercado de Tomiño.

Co obxectivo de que todas as fins de semana haxa actividades de lecer chegan os ‘Mercados con-ciencia’, unha charla con investigadores e investigadoras de diferentes campos coas que achegar a ciencia ao público xeral. O profesor da Universidade de Vigo e responsable de Divulgare, Luis Navarro, estará en Tomiño o 30 de abril, mentres que o 28 de maio o encontro será con Luisa Martínez, doutora en Ciencias do Mar, responsable da Unidade de Cultura Científica da delegación do CSIC en Galicia e escritora.

Para animar a veciños e veciñas a comprar en Tomiño tamén se sortearán 200 carriños da compra “entre todos os clientes do comercio local, algo moi útil e que á xente lle gusta, como temos comprobado noutras iniciativas similares que levamos a cabo, como a de Nadal”, salienta a rexedora. Para incentiva non só o comercio senón tamén o emprendemento, ao abeiro desta campaña tamén “se fomentarán novas oportunidades de negocio” coa licitación de tres postos no Mercado de Tomiño e dun posto no Mercado de Goián, así como dun espazo dedicado á hostalaría na Unión do Porvenir e no Espazo Fortaleza de Goián.

A carreira “Corre x Salceda” retorna coa súa IX edición

O vindeiro 8 de maio celebrarase de novo, a carreira popular “Corre x Salceda”, que este ano se retomará cumprindo a súa IX edición, despois do obrigado parón provocado pola pandemia.

Trátase dunha proba organizada pola Concellería de Deportes e as Escolas Deportivas Municipais, que conta coa colaboración da Deputación de Pontevedra.

A alcaldesa de Salceda, Verónica Tourón, indicou que “retomamos con moita ilusión algunhas citas e actividades deportivas no noso concello co obxectivo fundamental de mellorar o benestar físico e mental das persoas participantes despois destes dous duros anos de pandemia”.

A carreira se desenvolverá polo casco urbán e por algunhas das sendas do municipio, e constará das seguintes categorías:

  • Categoría absoluta (anos 2006 e anteriores) de 10 km e 5 km con saída conxunta as 10:30 horas
  • Resto de categorías (escolares e menores) con saída a partires das 12:15 horas

A categoría absoluta de 10 km de distancia será, como en anteriores edicións, proba puntuable (ruta) para o Circuito Galego de Carreiras Populares 2021/2022.

A entrega de premios realizarase na Praza do Concello a partir das 13:00 horas.

As persoas participantes deberán inscribirse na páxina www.championchipnorte.com ata o próximo martes 3 de maio e poden obter toda a información necesaria na páxina do concello www.deportesalceda.gal ou dirixíndose a Concellería de Deportes ou ás Escolas Deportivas Municipais.

Rubén González Coto Concelleiro de Deportes destacou a satisfacción de que o concello poida reanudar paulatinamente as diferentes probas e eventos do seu calendario deportivo con total normalidade e máxima afluencia de participantes.

A Guarda súmase este sábado á “hora do planeta” apagando a luz de varias rúas e prazas

0

O Concello da Guarda súmase este sábado 26 de marzo, entre 20:30 e 21:30 horas, á “Hora do Planeta”, unha acción que naceu fai catorce anos e que foi promovida pola organización WWF en prol da defensa da natureza e do medio ambiente. Deste xeito, o Goberno local apagará as luces de diferentes edificios e rúas da vila coma a Praza Nova, Rúa Vicente Sobrino, Praza do Reló e Rúa Cervantes.

Milleiros de cidades, institucións e persoas de todo o mundo amosarán o apoio global á acción conxunta contra o cambio climático, neste ano atendendo ao chamamento da Federación Española de Municipios e Provincias e á Rede Española de Cidades polo Clima.

A “Hora do Planeta” serve para demostrar que a todas e todos impórtanos o planeta e de que xuntos somos parte da solución ao cambio climático e á loita pola conservación da natureza. O obxectivo é actuar agora para que non se poña en perigo a nosa calidade de vida e a das xeracións vindeiras.

O Concello de Arbo repartirá trampas para velutinas

0

O Concello de Arbo, un ano máis, para frear a expansión da avespa asiática pon a disposición dos veciños de Arbo de maneira gratuíta 50 trampas e 100 botes de cebo, nas mesmas condicións que nos dous últimos anos.

 Os interesados que queiran instalar algún destes sistemas de captura en zonas donde se asente esta especie invasora, deberán presentar a correspondente solicitude nas oficinas municipais do Concello de Arbo, de luns a venres en horario de 8:00 a 15:00 horas. As entregas faranse por orde de rexistro de entrada, ata agotar existencias.

Dende o Concello informan que frear a expansión da avespa velutina é unha tarefa prioritaria, xa que este insecto invasor incrementou a súa presenza en Galicia desde o ano 2014.

“Esta é a época para a colocación destas trampas, para evitar a formación de niños e, desde o goberno, estamos a disposición dos veciños da vila para erradicar coa súa colaboración a proliferación desta especie, ubicando as trampas dentro das súas propiedades, desta maneira hai unha coordinación entre o Concello es os voluntarios e voluntarias que queren participar neste proxecto tan importante. O obxectivo é redobrar esforzos e concentrar os recursos”, informa o alcalde do Concello de Arbo, Horacio Gil.

A entrega de trampas velutinas polos concellos e a súa colocación e control coa colaboración de veciños e veciñas voluntarios e voluntarias , é unha practica moi usada que se esta adoptando nos últimos meses por moitos concellos de Galicia e que esta acadando un bo resultado.

Nigrán acolle o venres a presentación do libro infantil ‘Camino portugués da costa’

0

O Concello de Nigrán acolle este venres 25 de marzo ás 20:00 horas no Auditorio Municipal a presentación do libro infantil de Hércules de Edicións ‘Camino portugués da Costa’ coa presenza dos seus autores. O libro de ‘busca e atopa’ convida aos lectores a descubrir as distintas paradas deste roteiro xacobeo, desde Porto a Santiago de Compostela pasando por Nigrán. A presentación, con entrada de balde ata completar aforo, incluirá un obradoiro previo (de 19:00 a 19:45 horas) dirixida a crianzas a partir de 8 anos e no que pintarán con acuarela a ilustración do libro correspondente a Nigrán (para participar nesta actividade é preciso inscribirse previamente a través dun formulario web en www.nigran.es).

A publicación, creada por Ramón Quintás, natural de Gondomar, e Noelia Muiños, de Ponte Caldelas (ambos estarán presentes no acto) propón aos máis pequenos e pequenas atopar ao apóstolo en cada unha das trece ilustracións cheas de detalle das diferentes localidades: Porto, Póvoa de Varzim, Viana do Castelo, A Guarda, Oia, Baiona, Nigrán, Vigo, Redondela, Pontevedra, Caldas de Reis, Padrón e Santiago de Compostela.

Dispoñible en galego, castelán e inglés, inclúe unha breve descrición e datos curiosos da poboación á que acompaña: así, por exemplo, poderán descubrir que José María Eça de Queirós naceu en Póvoa de Varzim; que o trobador Mendiño procede da Illa de San Simón, en Redondela, ou que o papagaio Ravachol é o protagonista de Entroido Pontevedrés.

Os autores

Ramón Quintás e Noelia Muiños son os artífices de Papelier, unha tenda estudo de deseño e ilustración con sede en Baiona. Ambos contan con formación en Comunicación, Belas Artes e Pedagoxía e, tras colaborar con numerosas empresas, estudos, deseñadores e artistas para dar vida a proxectos privados e corporativos, decidiron crear a súa propia marca.

Sobre Hércules de Edicións

Hércules de Edicións naceu en 1985 co obxectivo de impulsar a cultura galega a través de grandes obras de divulgación fundamentadas no rigor e a calidade. Actualmente, da man da súa editora Laura Rodríguez Herrera, a editorial coruñesa independente emprendeu novos retos tanto en Galicia como en resto de España apostando pola publicación de obras de actualidade en permanente diálogo con outras culturas, por achegar novelas que triunfaron noutros países á nosa lingua, así como pola literatura infantil e xuvenil, sempre con coidadísimas edicións. O feminismo, a diversidade e a divulgación cultural son algúns dos aspectos que destacan no seu catálogo, a través da Colección Púrpura e Nuevas Lecturas de Hércules.

Uns 30.000 quilos de alimentos, resultado do Zampakilos Solidario, a primeira Operación Quilo do ano

A Fundación Provincial Banco de Alimentos recadou uns 30.000 quilos de comida no Zampakilos Solidario, campaña impulsada polo grupo Vegalsa-Eroski e que supuxo a primeira Operación Quilo deste 2022.

A recollida de alimentos desenvolveuse a fin de semana do 11 e 12 de marzo e nela participaron preto de 400 voluntarios presentes nunha trintena de supermercados de Vigo, Pontevedra, Redondela, Porriño, Mos, Baiona, Marín, Lalín, Cambados e A Guarda.

Por primeira vez, esta campaña de Vegalsa-Eroski levou a cabo dunha maneira mixta, é dicir, os doantes puideron elixir entre entregar alimentos físicos aos nosos voluntarios ou facer achegas económicas ao pasar por caixa. En total, recolléronse 23.371 quilos físicos e recadáronse uns 6.600 euros que, como noutras ocasións, tamén se converterán en comida en próximas datas. Como xa ocorreu durante a Gran Recollida celebrada o pasado mes de novembro, o diñeiro recadado por parte dos doantes converteuse nun saldo a favor do Banco de Alimentos para a compra posterior dos produtos máis necesarios.

Agradecemento máximo Desde a ONG agradecemos enormemente a resposta dos doantes nesta campaña solidaria, sobre todo, teniendo en cuenta o contexto económico de carestía dos prezos que se está reflectindo nunha perda continuada do poder adquisitivo. Por iso, poñemos en valor aínda máis o esforzo de cada achega.

Imaxes de Marcos Canosa ©

Precisamente, a crise actual xa se está traducindo nunha maior demanda de alimentos por parte das ONG e entidades homologadas coas que traballamos e prevemos un incremento de persoas en situación de vulnerabilidade a curto-medio prazo.

Así mesmo, damos as grazas ao noso equipo de voluntarios que regalaron catro horas do seu tempo en todos e cada un dos supermercados adheridos ao Zampakilos Solidario e cuxa presenza, sen dúbida, foi un revulsivo para que as doazóns fosen un éxito.

Cifras 2021

A Fundación Provincial Banco de Alimentos repartiu máis de 2 millóns de quilos de alimentos durante 2021. Con carácter apolítico e aconfesional, na actualidade axudamos a unhas 22.000 persoas desfavorecidas da provincia de Pontevedra, ás que chegamos a través de máis de 150 ONG e entidades homologadas coas que traballamos.