O Concello da Guarda súmase este sábado 26 de marzo, entre 20:30 e 21:30 horas, á “Hora do Planeta”, unha acción que naceu fai catorce anos e que foi promovida pola organización WWF en prol da defensa da natureza e do medio ambiente. Deste xeito, o Goberno local apagará as luces de diferentes edificios e rúas da vila coma a Praza Nova, Rúa Vicente Sobrino, Praza do Reló e Rúa Cervantes.
Milleiros de cidades, institucións e persoas de todo o mundo amosarán o apoio global á acción conxunta contra o cambio climático, neste ano atendendo ao chamamento da Federación Española de Municipios e Provincias e á Rede Española de Cidades polo Clima.
A “Hora do Planeta” serve para demostrar que a todas e todos impórtanos o planeta e de que xuntos somos parte da solución ao cambio climático e á loita pola conservación da natureza. O obxectivo é actuar agora para que non se poña en perigo a nosa calidade de vida e a das xeracións vindeiras.