10 C
Pontevedra
Mércores, 24 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoTuiO pavillón Gustavo Rodríguez acolle esta fin de semana o Campionato Galego...

    O pavillón Gustavo Rodríguez acolle esta fin de semana o Campionato Galego de Patinaxe Grupos Show

    Máis de 300 patinadoras e patinadores competirán nesta cita destacada na que buscarán praza para o Campionato de España

    O pavillón municipal Gustavo Rodríguez acolle esta fin de semana o Campionato Galego de Patinaxe Grupos Show organizado polo Club de Patinaxe Artístico Ribex en colaboración co Concello de Tui e a Federación Galega de Patinaxe. A proba presentouse esta mañá na casa do concello por parte do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, o concelleiro de Deportes de Tui, Rafael Estévez, o xefe do servizo de Deportes da Xunta de Galicia en Pontevedra, Daniel Benavides, o presidente do comité de patinaxe artístico da Federación Galega de Patinaxe, Alberto Covelo, o presidente e adestrador do CPA Ribex, Santiago Alonso, a secretaria e adestradora do CPA Ribex, Carolina Figueroa.

    O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, destacou a intensísima axenda deportiva de Tui indicando que “é un privilexio” poder acoller este campionato, ao tempo que salientou que Tui é “o lugar ideal pola súa riqueza patrimonial e pola súa ubicación transfronteiriza”.  Ao tempo o rexedor tudense destacou que “o deporte é tamén un elemento de dinamización económica”. Agradeceu ao CPA Ribex o seu importante traballo que pon ao patinaxe no mapa, así coma á Xunta de Galicia a colaboración no ámbito deportivo.

    O concelleiro de Deportes de Tui, Rafael Estévez, comezou manifestando que “Tui está co deporte” e lembrou a espectacular regata Miño Internacional e a vistosa BTT Eurocidade, celebradas na fin de semana así coma o terceiro posto logrado polo Kaiak Tudense no Campionato de España Piragüismo e o título de Campión de España do tudense Manuel Garrido en C1 senior. Unha axenda deportiva que prosegue esta fin de semana coa Andaina de Fortaleza a Fortaleza, co RAID TT da Eurocidade e con este campionato galego salientando que aquí se xogarán “as prazas para o Campionato de España”, desexando moita sorte ao CPA Ribex.

    Dende o club organizador o seu presidente e adestrador Santiago Álvarez agradecía á Federación Galega de Patinaxe “concedernos este campionato” e ao Concello de Tui “por todos os medios facilitados”. Explicou que a competición comezará o sábado ás 18 h para grupos grandes con 9 grupos, e o domingo dende ás 17.30 para grupos pequenos con 12 grupos. A secretaria e adestradora do CPA Ribex, Carolina Figueroa, recoñeceu que para o club  “é un reto importante organizar un campionato destas características” que traerá até Tui a máis de 300 patinadoras e patinadores e as súas familias.

    Dende a Federación Galega de Patinaxe o presidente do Comité de Patinaxe Artístico, Alberto Covelo,  indicou que “é un pracer poder celebrar esta competición en Tui, onde o patinaxe artístico é moi importante co club Ribex”. Salientaba que “unha competición das máis importantes, dentro da Federación Galega de Patinaxe, é unha competición moi vistosa, na que hai preto de 300 participantes cos seus respectivos adestradores e equipos técnicos, co que estamos falando de case 400 persoas máis todo o público que se vai achegar a Tui”.

    O xefe do servizo de Deportes da Xunta, Daniel Benavides, amosou o seu agradecemento á Federación por traer esta competición á provincia de Pontevedra e en concreto até Tui. Destacaba que “a xente que vai vir aquí dende outras latitudes de Galicia pode ter a ocasión de perderse en Tui e coñecer o patrimonio cultural, a hospitalidade da xente de Tui…” indicando que “neste caso o deporte e a activación económica nestes momentos é moi importante”.

    O Campionato Galego de Patinaxe de Grupos Show celebrarase o sábado dende ás 18 h coa competición grupos grandes formados entre 16 a 30 patinadores e patinadoras e o domingo dende ás 17.30 h cos grupos pequenos que terán entre 6 e 12 integrantes. As entradas, cun prezo de 6€, poderanse mercar, para o propio día, o sábado dende ás 15 h e o domingo dende ás 14.30 h. O aforo é limitado.

    O Club de Patinaxe Artístico Ribex competirá en grupos grandes con 17 persoas presentando a coreografía “Obsesións”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.