12.3 C
Pontevedra
Venres, 19 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoTomiñoTomiño pon en marcha un completo programa de accións para reactivar a...

    Tomiño pon en marcha un completo programa de accións para reactivar a actividade económica e social

    Inclúe novos servizos xa en funcionamento e novas actividades de dinamización “para que a veciñanza volva tomar as rúas”

    Tomiño quere que as súas rúas e o seu comercio local recobre vida. O Concello vén de poñer en marcha ‘Vive!’, unha campaña cun completo programa de accións de diferente índole que se realizarán durante os meses de marzo, abril e maio que busca reactivar a actividade económica e social do municipio. “Queremos que a veciñanza volva á rúa e que as fins de semana sexan animadas, saíndo pouco a pouco da dinámica pandémica na que estamos inmersos. E querémolo porque sabemos que iso favorecerá tanto ao comercio local e aos nosos mercados municipais como a hostalaría”, explicou a alcaldes, Sandra González, durante a presentación da campaña no Mercado Municipal de Tomiño. A rexedora estivo acompañada polo concelleiro de Promoción Económica e Comercio, Francisco Campo.

    Trátase dunha campaña integral que busca ofertar novos servizos, como os carros da compra nos núcleos urbanos de Goián e Tomiño para facilitar á veciñanza mercar nos establecementos locais, postos en marcha recentemente e que “están funcionando moi ben, de feito imos ampliar o número de carros dispoñibles”. Tamén acaba de inaugurarse esta semana un “innovador e dinámico” servizo de consigna para a recollida de pedidos pola tarde na praza de abastos de Tomiño e estrearase en breve a nova web dos mercados de Goián e Tomiño, que vai “nese camiño cara á dixitalización e modernización que teñen que facer os nosos mercados para chegar á nova clientela”.

    O programa de actividades arranca esta mesma fin de semana cos ‘Domingos sesión vermú’, unha xornada na que se combinará a música de grupos tomiñeses co bo ambiente no Mercado Municipal de Tomiño. A primeira cita será este domingo 27 ás 13.00 horas con Lara e Diego. Os vindeiros encontros serán os días 10 e 15 de abril con Acevedos Delgados e Alonso, Piñeiro, González Trío, respectivamente.

    Tamén se retomarán os ‘Sábados con sabor’, nos que o público poderá degustar pinchos e viños e co que se busca “ofrecer á veciñanza espazos de lecer ao tempo que se lles anima a mercar no mercado e no comercio local”. Serán os días 2 e 9 de abril e 7 e 21 de maio a partir das 13.00 horas e as persoas interesadas deberán comprar o ticket previamente en calquera posto do Mercado de Tomiño.

    Co obxectivo de que todas as fins de semana haxa actividades de lecer chegan os ‘Mercados con-ciencia’, unha charla con investigadores e investigadoras de diferentes campos coas que achegar a ciencia ao público xeral. O profesor da Universidade de Vigo e responsable de Divulgare, Luis Navarro, estará en Tomiño o 30 de abril, mentres que o 28 de maio o encontro será con Luisa Martínez, doutora en Ciencias do Mar, responsable da Unidade de Cultura Científica da delegación do CSIC en Galicia e escritora.

    Para animar a veciños e veciñas a comprar en Tomiño tamén se sortearán 200 carriños da compra “entre todos os clientes do comercio local, algo moi útil e que á xente lle gusta, como temos comprobado noutras iniciativas similares que levamos a cabo, como a de Nadal”, salienta a rexedora. Para incentiva non só o comercio senón tamén o emprendemento, ao abeiro desta campaña tamén “se fomentarán novas oportunidades de negocio” coa licitación de tres postos no Mercado de Tomiño e dun posto no Mercado de Goián, así como dun espazo dedicado á hostalaría na Unión do Porvenir e no Espazo Fortaleza de Goián.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.