11.7 C
Pontevedra
Xoves, 25 de Abril de 2024
Máis
    HomeLouriñaMosO antigo Rebullón recibe unha visita técnica de Política Social e Sanidade...

    O antigo Rebullón recibe unha visita técnica de Política Social e Sanidade para definir que parte do proxecto asumirá cada unha das Consellerías

    A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, reuniuse esta mañá no edificio do antigo Hospital Psiquiátrico do Rebullón coa secretaria xeral técnica da Consellería de Política Social, María Francisca Gómez Santos, para concretar detalles da nova infraestrutura sociosanitaria que alí se ubicará.

    A xuntanza consistiu nunha visita técnica á que asistiron técnicos das Consellerías tanto de Sanidade como de Política Social, co obxectivo de definir in situ as partes do proxecto sociosanitario que serán xestionadas polo SERGAS e cales por Política Social.

    Cada consellería está xa traballando polo tanto na súa respectiva parte do proxecto. Unha importante aposta das administracións local e autonómica para a prestación dos mellores servizos sanitarios e sociais para a cidadanía.

    O antigo hospital do Rebullón ten xa o seu futuro e continuidade en activo asegurados. Un futuro que será posible grazas á transformación destas instalacións nun gran complexo con servizos sanitarios e sociais.

    Trátase dun gran proxecto de futuro para Mos e sobre el a alcaldesa mosense, Nidia Arévalo, recalcou o “arduo traballo de estudo previo” no que se basea esta iniciativa e indicou que “dará servizos sanitarios e sociais a milleiros de persoas. Unha iniciativa altamente beneficiosa para a comunidade local e tamén para a comarca e para o sur da provincia de Pontevedra”.

    Este gran complexo no Rebullón é unha das grandes apostas da alcaldesa de Mos para a presente lexislatura. Incluído no apartado social do seu programa electoral, solicitoulle actuar neste espazo á administración autonómica tocando ao final da pasada lexislatura, e a idea comeza a materializarse xa, tras tempo de traballo técnico previo, necesario para un proxecto destas características e envergadura. 

    É un proxecto a tres bandas entre Concello e Consellerías de Política Social e Sanidade. Un macroproxecto sociosanitario pioneiro en España que será referente en Mos e comarca, no que se fará a maior inversión en décadas.

    Concluía a rexedora local expresando que “comenza a conta atrás para o novo Rebullón. Transformarémolo nun centro sociosanitario de referencia no país. Por fin o macroproxecto está iniciado tras pechar os acordos que estiveron precedidos de meses de arduo traballo”. “É outro soño que se fará realidade para Mos. Este será un logro histórico, recuperar este edificio emblemático na provincia para dar servizos tan necesarios e demandados en Mos e comarca”, finalizou Arévalo.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.