Alomenos o 65 % da provincia poderá cumprir coas obrigas da nova normativa de residuos ao dispor dun servizo de inspección e control de residuos. Nestes momentos xa son 22 concellos (con 234.896 habitantes) os que se beneficiarán do corpo provincial de control que porá en marcha a Deputación e que se sumará ás iniciativas de Pontevedra e Vigo –que disporán de medios propios para ese labor-.
Polo de agora están adheridos á proposta de participar no novo corpo de inspección da Deputación os concellos de A Lama, Barro e Poio na comarca de Pontevedra; Meaño, Meis e Vilagarcía no Salnés; Bueu, Cangas e Moaña como mancomunidade no Morrazo; Valga na comarca de Caldas; Baiona e Gondomar no Val Miñor; Mondariz Balneario, Ponteareas, e Salvaterra no Condado Paradanta; O Rosal e Tomiño no Baixo Miño; Redondela, Pazos de Borbén, Soutomaior e Salceda na área de Vigo; e Silleda no Deza-Tabeirós.
Este corpo provincial de inspección xurde para paliar as dificultades dos concellos para cumprir por si mesmos a nova lexislación de residuos (derivada da directiva da UE de 2018, a lei galega de 2021 e a nova lei estatal que está en tramitación no Senado), que obriga a ter un servizo municipal de control ademais doutros requirimentos dos que ata o de agora os gobernos locais tampouco se tiñan que facer cargo.
Dado que os labores de control sobre os residuos municipais non poden ser realizados por persoal externo, senón que só poden desenvolverse por parte de persoas funcionarias de carreira ou por axentes da Policía Local, son moitos os concellos que detectaron posibles problemas para afrontar as novas esixencias: hai escaseza de traballadoras e traballadores porque os que están xa nas RPT teñen carga de funcións e non é viable economicamente incorporar máis. Ante esta situación o vicepresidente César Mosquera e o persoal técnico do Revitaliza e do SAIM da Deputación estudaron posibles solucións.
A proposta final consiste en que a Deputación creará un corpo de inspección que dará servizo aos concellos que estean interesados e fagan a encomenda de xestión. Será un sistema parecido ao que nestes momentos os concellos fan coa recadación municipal, que derivan ao ORAL.
Para concretar todos os aspectos sobre competencias, implicacións e necesidades para poñer este sistema de colaboración en marcha haberá unha reunión cos concellos xa adheridos o vindeiro martes 29. Ata ese momento manterase aberto o prazo para que os concellos que aínda non o fixeron poidan solicitar a súa adhesión e beneficiarse do novo do servizo.
Novas esixencias
O novo marco lexislativo sobre residuos supón “unha auténtica revolución” que impón aos concellos “esixencias radicais” baixo ameaza de sanción. É por iso que o vicepresidente Mosquera, ademais de crear o corpo de inspección, anunciou novas liñas de axudas vencelladas a cumprimento de obxectivos na reciclaxe e todo o asesoramento necesario.
Segundo explicou Mosquera, a “fase de buenismo” na que se pretendía acadar obxectivos de reciclaxe a través de accións voluntarias acabouse e éntrase nunha fase de resultados con obrigas claras. Para os concellos isto suporá que de maneira inminente haberá novas esixencias: obriga de cumprir obxectivos de separación e preparación para a reciclaxe; obriga normativa de ter ordenanzas de xestión, servizo e económicas; e obriga de recollida de información e traslado á Xunta de Galicia.
Os prazos para cumprir cos obxectivos de reciclaxe, lembrou o nacionalista, están vencidos xa, posto que en xuño de 2020 era obrigado ter preparado para reciclar o 50 % dos residuos, en 2025 esixirase reciclar o 55 %, o 60 % en 2030, e o 65 % en 2035. Os resultados actuais distan moito na realidade ,xa que a provincia apenas chega ao 15 %, Galicia está entre o 12 e o 13 %, e o Estado alcanza o 15-16 %. Os únicos municipios que se aproximaron a cumprir a nivel do Estado español– con arredor do 40 % de reciclaxe- foron varios concellos Revitaliza (Vilaboa, As Neves, Mondariz e Mondariz Balneario) que están ás portas polas dificultades xurdidas na pandemia.