12.4 C
Pontevedra
Sábado, 20 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoO RosalUn cento de persoas inician un novo camiño de oportunidades co Programa...

    Un cento de persoas inician un novo camiño de oportunidades co Programa Integrado de Emprego de Tomiño e do Rosal

    As alcaldesas Sandra González e Ánxela Fernández inauguraron este vernes o programa Agroemprega xunto ao delegado territorial da Xunta, Luis López

    Hoxe iniciades un camiño de oportunidades, un camiño apaixonante que abrirá novas portas a todas e todos”. Así daba a benvida a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, ás persoas participantes no Programa Integrado de Emprego de Tomiño e do Rosal, Agroemprega, un proxecto posto en marcha en colaboración coa Xunta de Galicia e o Servizo Público de Emprego Estatal que formará a 100 persoas desempregadas en traballos relacionados co rural.

    O auditorio de Goián acolleu este venres o acto inaugural do programa, no que a rexedora tomiñesa xunto á alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, e ao delegado territorial da Xunta, Luis López, quixeron animar a todas e todos os participantes a aproveitar a oportunidade de desfrutar de 300 horas de formación moi completa, de balde e dende distintas perspectivas, como as técnicas de coaching, a intelixencia emocional ou o apoio ao emprendemento. “Sabemos que no sector agro hai novas oportunidades de emprego. E temos moitas esperanzas postas en que con esta formación teñades máis facilidades para atopar un emprego de calidade e un futuro nos nosos concellos”, salientou González.

    Pola súa banda, a alcaldesa do Rosal destacou que “o sector agrícola é a nosa marca, a nosa identidade, e sen dúbida un sector estratéxico”. “É o sector cunha menor taxa de desemprego e unha maior taxa de ocupación nos últimos meses, o que evidencia a importancia que ten para o noso territorio. Pero tamén é fundamental en termos de riqueza, de asentamento poboacional ou de redución de fenda de xénero, xa que a evolución da empregabilidade feminina no sector  demostra que investir e apostar polo agro é investir e apostar pola igualdade, pola conciliación e pola corresponsabilidade que desexamos”, recalcou a rexedora.

    Durante o acto as dúas alcaldesas quixeron poñer en valor a importancia da colaboración entre dous concellos para poñer en marcha proxectos “que vemos que dan os seus froitos” e agradecer o gran traballo feito polas técnicas de Tomiño e do Rosal, que se implicaron para crear o proxecto e poñelo en marcha.  

    O delegado territorial da Xunta, Luis López, quixo felicitar ao concellos de Tomiño e do Rosal pola calidade do proxecto presentado ao Programa Integrado de Emprego de Galicia e resaltar “os bos resultados obtidos ao recorrer a unha fórmula de cooperación entre concellos e entre administracións”. López explicou a aposta da Xunta por fomentar a empregabilidade feminina e agradeceu a alta presenza de mulleres participantes no programa, ademais de vaticinar moi bos resultados durante estes meses de formación. “Estou convencido de que todas e todos vós superaredes con creces o obxectivo de inserción do 35% marcado no proxecto”, recalcou.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.