Sábado, 23 Agosto de 2025

Tomiño traballa para eliminar a entrada de augas pluviais á rede de saneamento

0

O Concello de Tomiño en colaboración con Aqualia levará a cabo nas vindeiras semanas unha campaña de inspección e control das redes municipais de saneamento e das conexións particulares de augas pluviais co obxectivo de “evitar que, en momentos intensos de choivas como os que estamos a ter, suframos a insuficiencia dalgúns colectores, incapaces de asumir os volumes de augas que reciben para o seu transporte ata a Estación Depuradora de Augas Residuais de Tomiño (EDAR)”, como sinala o concelleiro de Servizos Públicos, Lois Vázquez.

Esa conexión irregular nalgunhas vivendas xunto coas infiltracións na rede provocan unha saturación na EDAR de Tomiño, ademais de causar que os colectores non poden facer fronte ao volume de auga que reciben, facendo entrar en carga ás tubaxes e provocando o levantamento de tapas, retrocesos de augas e inundacións, así como problemas no propio tratamento da estación depuradora.

Nas vindeiras semanas un técnico encargarase de revisar as posibles verteduras de pluviais ao sistema municipal de saneamento que se poidan estar a producir e de avisar ás persoas propietarias do inmoble.

En caso de que algunha vivenda se atope en situación irregular por estas verteduras, o propietario ou propietaria deberán dar os pasos necesarios para regularizar a situación. Para iso será necesario acudir á oficina de Aqualia en Tomiño os mércores e xoves de 09.00 a 13.00 horas, chamar ao teléfono de atención ao cliente 900 81 33 57 ou contactar co Concello a través do teléfono 986 62 20 01, extensión 6, onde a técnica de Medio Ambiente tomará nota do aviso para realizar a posterior chamada ou visita.

Hoxe ábrese a autocita para a vacinación da segunda dose de reforzo da Covid

A Consellería de Sanidade abriu a autocita para todas as persoas que, por diferentes motivos, non foron vacinadas coa segunda dose de reforzo da covid-19. Así, a partir de hoxe venres, 11 de novembro, poderase xestionar a cita para a vacinación, que terá lugar en grandes recintos. A citación farase a partir do luns, 14 de novembro.

As persoas dos seguintes grupos de idade e coas características que se detallan de seguido, poderán reservar a súa cita tanto a través da páxina web como da aplicación Sergas Móbil.

Recoméndase a vacinación coa dose de recordo aos seguintes grupos:

  • Persoas de 60 a 79 anos que non puideron acudir a vacinarse.
  • Sanitarios que non acudiron á cita ou que non foran citados.
  • Persoas menores de 60 anos con enfermidades crónicas cardiovasculares, neurolóxicas ou respitarorias –incluindo displasia bronco-pulmonar, fibrose quística e asma–.
  • Persoas de entre 12 e 59 anos con patoloxías de risco.
  • Mulleres embarazadas en calquera trimestre de xestación e mulleres que, despois de 6 meses do parto, non se vacinaran durante o embarazao.
  • Convivintes con persoas de alto grado de inmunodepresión.

A auga da Fonte do Pombal de Baiona volve a ser apta para o consumo humano

0

O Concello de Baiona, a través da Concellería de Medio Ambiente, informa de que, tras o resultado da última analítica de potabilidade das fontes naturais existentes no municipio, a auga da Fonte do “Pombal”, situada no Camiño Real (Sabarís), está dentro dos parámetros normáis que garantizan o consumo humano.

Cómpre lembrar que na segunda semana de setembro o Concello, co fin de salvagardar a saúde dos veciños daba aviso que non se debía consumir a auga de dita fonte ao dar as analíticas realizadas que atopábase no límite de potabilidade para o consumo humano.

Mondariz aposta polo emprendemento local a través das III Xornadas de Oportunidades de Desenvolvemento no Medio Rural

0

Este sábado, 12 de novembro, están programadas as III Xornadas de Oportunidades de Desenvolvemento no Medio Rural de Mondariz. Nesta edición, as iniciativas de recuperación de terras abandonadas que se visibilizan xiran arredor de experiencias emprendedoras no territorio galego que poidan servir de inspiración para persoas e colectivos sociais que estean buscando oportunidades de desenvolvemento socioeconómico no medio rural.

Terán lugar nunha das salas polivalentes da biblioteca municipal de Mondariz. Durante a xornada de mañá (9:30 h-13:30 h) está programada a inauguración oficial a cargo do alcalde e concelleiro de Desenvolvemento Económico e Turismo, Xosé Emilio Barros. De seguido, representantes da Comunidade de Montes en Man Común de Pinzás (Tomiño) presentarán as súas experiencias de pastoreo, acompañados pola alcaldesa tomiñesa, Sandra González Álvarez.

Despois da pausa para o café das 11:00 horas intervirán o director da Fundación Juana de Vega, José Manuel Andrade Calvo, para falar de oportunidades de emprendemento no sector agroalimentario, e a directora da Axencia de Desenvolvemento Rural de Galicia, Inés Santé Riveira, para presentar os instrumentos da lei de recuperación de terras agrarias de Galicia.

Durante a xornada de tarde (17:00 h-19:00 h) darase especial protagonismo ás experiencias de desenvolvemento exitosas que podemos atopar no Concello de Mondariz e na súa contorna. Hermindo Álvarez e Sara Cifuentes, promotores da horta ecolóxica BioChousa na parroquia de Gargamala, presentarán o seu proxecto ás 17:00 h; mentres que Eva González e Nelson Alonso, promotores de Carabuñas, falarán do sabugueiro como recurso alimentario e das oportunidades de desenvolvemento que hai arredor desta árbore ás 18:00 h. As xornadas rematarán, como é habitual, cunha degustación de balde para as persoas asistentes.

Inspirar o emprendemento local no medio rural

As III Xornadas de Oportunidades de Desenvolvemento no Medio Rural de Mondariz son un evento aberto e gratuíto que non require inscrición previa. Xurdiron no outono de 2019, por iniciativa da Alcaldía, dentro dunha estratexia política municipal para reflexionar colectivamente sobre a xestión do territorio desde a perspectiva do desenvolvemento socioeconómico sostible.

Naquela primeira edición, as charlas e as experiencias de emprendemento presentadas xiraron arredor da fruticultura e os produtos derivados da mazá, como a sidra. Despois de ser canceladas en 2020 por mor da pandemia de Covid-19, as xornadas de oportunidades de desenvolvemento no medio rural foron recuperadas en 2021, cos froitos secos como tema principal. Nesta segunda edición, presentáronse iniciativas relacionadas co cultivo da abelá para a súa comercialización e transformación produtiva.

Xunta e Concello impulsan a tramitación da modificación puntual urbanística que permitirá recuperar o mosteiro

0

A Xunta e o Concello de Oia reuníronse na mañá do xoves co fin de analizar a situación actual da modificación urbanística promovida polo Goberno local para permitir a recuperación do Real Mosteiro de Oia e tratar de impulsar a súa tramitación nos vindeiros meses.

A tal fin, a directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, trasladoulle á alcaldesa, Cristina Correa, ao propietario do Mosteiro de Oia, Juan Martínez, e aos técnicos municipais que os acompañaron durante a xuntanza cales son os principais pasos a seguir tanto desde o punto de vista urbanístico como ambiental para poder avanzar cara á aprobación definitiva dos cambios propostos nas Normas Subsidiarias que rexen neste concello desde o ano 1996.

Así mesmo, Rivas púxose á disposición do concello para resolver calquera posible dúbida que poida xurdir a partir de agora con relación a esta modificación urbanística, así como para colaborar na medida do posible co fin de contribuír a axilizar os trámites dependentes do seu departamento.

Cómpre subliñar que os cambios normativos que quere acometer o Concello teñen como obxectivo, entre outras cuestións, dar amparo urbanístico ao proxecto de recuperación do Real Mosteiro de Oia, unha construción que data do século XII e foi declarada Ben de Interese Cultural (BIC) no ano 1931.

Pertencente á época cisterciense, trátase dun conxunto arquitectónico cun gran valor histórico e patrimonial, de aí o interese municipal por facilitar un encaixe normativo axeitado para o proxecto, que prevé rehabilitar o mosteiro e tamén a súa contorna.

Facultade Ágora aplaude o modelo ‘Ponteareas Vila Dez’

Os ‘Obradoiros’ da Facultade Ágora remataron hoxe en Ponteareas cun aplauso xeral ao modelo da vila implantado dende a chegada do actual goberno local, que permitiu aumentar a calidade de vida da veciñanza e que gañou, só nos últimos tres anos, 40.000 metros cadrados de espazo público para as persoas retirándollelo aos coches.

A vila do Condado foi escenario do último dos talleres de traballo da Deputación neste 2022 que pretenden formar a representantes políticos e técnicos dos concellos da provincia sobre como recuperar o espazo público e fomentar as mobilidades activas. Segundo subliñou o deputado de Mobilidade e Espazo Público Uxío Benítez, Ponteareas é un referente de como se deben facer as cousas recuperando a vila para a xente desenvolvendo unha filosofía que é unha “onda imparable” a nivel mundial, unha afirmación que tamén corroborou a enxeñeira civil portuguesa Paula Teles, quen participou no taller como observadora externa.

[su_image_carousel source=”media: 63681,63674,63675″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

O nacionalista destacou que o traballo feito en Ponteareas “é dunha especial satisfacción” porque foi o concello co que a Deputación iniciou tamén o seu cambio de modelo para fomentar a mobilidade natural fronte á motorizada. “Lembro no 2015 ao alcalde Xosé Represas dicíndome que quería facer cousas e que non sabía como. Dende aí soubemos que a Deputación tiña que ser un apoio para axudar aos concellos no novo modelo e comezamos a facer cousas. Hoxe Ponteareas ten un proxecto claro e é un entusiasta participante da Rede Ágora de Concellos polo espazo público”, destacou.

A alcaldesa Cristina Fernández, pola súa banda, explicou ás persoas participantes ao taller (persoal de varios concellos da provincia, dos colexios de Arquitectura e Enxeñería así como de empresas de consultoría en mobilidade) que o goberno de Ponteareas, dende 2015, sempre tivo claro que era preciso construír unha vila máis amable.

Destacou que os primeiros anos de goberno se centraron en preparar documentación e construír estratexia e que, a partir de 2019, xa comezaron a executarse obras e melloras. “Tiñamos claras as ideas. A nosa acción de goberno fíxose para transformar Ponteareas de maneira integral. Fixemos unha aposta valente e acertamos nas decisións duras”, salientou, facendo unha lembranza e recoñecemento ao traballo co falecido xefe da Policía Local Benigno Moldes.

Fernández quixo agradecer á Deputación as súas achegas. Salientou que o goberno provincial tivo un “papel esencial” no cambio da vila, xa que achegou fondos, ideas e asesoramento para levar adiante a reforma urbana. Subliñou as subvencións para realizar o plan de mobilidade, o PMUS, os proxectos de sete rúas que conectan coa praza Bugallal, os fondos do ReacPON para a execución dun camiño escolar seguro ou os convenios e proxectos para outras moitas actuacións.

[su_image_carousel source=”media: 63679,63682,63678,63677,63676,63673″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

O primeiro tenente de alcalde Roberto Mera completou os datos achegados pola alcaldesa e fixo balance numérico do que se deu en chamar proxecto ‘Ponteareas Vila 10’, nome escollido en referencia á calidade de vida excelente para a veciñanza, e tamén a que se trata dunha localidade na que a mobilidade natural permite desprazamentos a pé en só dez minutos a todos os puntos da vila.

Mera destacou que a recuperación de espazo público entre 2000 e 2019 supuxo gañar ao coches 5.500 metros cadrados para as persoas, unha cifra que se multiplicou por oito nos últimos tres anos (2019-2022), chegando ata os 40.000 m2 actuais. Desas superficies, explicou o concelleiro, preto de 34.000 metros foron grazas a peonalizacións, e outros 6.000 debido á ampliación de itinerarios peonís. Agora mesmo, con execución a futuro medio prazo, sinalou que hai proxectos que permitirán recuperar outros 12.300 metros cadrados para a veciñanza.

Segundo lembrou o nacionalista, no ano 2019 comezou o groso das obras de transformación do núcleo urbano, da creación de itinerarios peonís, de ampliación de beirarrúas, de peonalizacións, de calmado de tráfico, de melloras de aparcamento, e de eliminación de circuítos de tráfico de paso e axitación mediante a súa reordenación, a eliminación de dobres sentidos, a redución de sobreanchos ou os controis de velocidade, hoxe reducida a 20 km/h e a 10 km/h nas zonas de preferencia peonil. “O resultado está á vista. Teremos que ver se tamén nos presentamos a premios como Pontevedra”, dixo a alcaldesa.

Bodegas La Val entrega íntegra a recadación do seu “La Val Solidario 2021” a DisCamino

Bodegas La Val, unha das marcas pioneiras da Denominación de Orixe Rías Baixas, fixo entrega hoxe aos representantes de DisCamino dun cheque polo importe íntegro resultante da venda das 200 botellas da V Edición Limitada do seu albariño “La Val Solidario 2021”.

O acto de entrega celebrouse en Bodegas La Val, situada en Salvaterra de Miño e nel, Fernando Bandeira, socio e xerente da adega e Antonio Ruiloba, socio e administrador, entregaron o cheque por valor de 1.800 euros ao responsable de DisCamino, Javier Pitillas que veu acompañado por Mónica Mera e Miguel Angel González, pilotos de Handbike e Tándem, respectivamente.

Fernando Bandeira, socio e xerente de La Val, dicía: “para nós foi un pracer poder colaborar con DisCamino a través deste proxecto solidario. Estamos orgullosos de facer hoxe a entrega do cheque da quinta entrega desta acción que parece que veu para quedar”.

DisCamino destinará esta doazón para continuar co seu proxecto e seguir logrando que calquera persoa con discapacidade poida gozar de todo o que a peregrinación do Camiño ofrece. Esta colaboración permitirá dotar de equipamento á asociación.

Pola súa banda, Javier Pitillas, director xeral da Fundación, engadiu: “Estamos moi agradecidos por ser os beneficiarios desta V Vendima Solidaria, parécenos unha moi boa iniciativa e cremos que é necesario que se fagan este tipo de colaboracións”.

Péchase así o ciclo iniciado coa V Vendima Solidaria, tras a venda do albariño “La Val Solidario 2021” e a entrega do cheque a DisCamino. O pasado setembro, co inicio da vendima, Bodegas La Val presentou a súa VI Vendima Solidaria, e o próximo La Val Solidario 2022 será en favor de Apamp (Asociación de Familias de Persoas con Parálise Cerebral).

Sobre DisCamino

DisCamino naceu no ano 2009, destinada a posibilitar a realización do Camiño de Santiago a todas as persoas con discapacidade que mostren interese neste roteiro de peregrinación como vía de superación persoal ademais de difundir os valores da cultura do deporte e do esforzo, así como o recoñecemento e a valía de todas as persoas, independentemente das súas características. Na actualidade, DisCamino conta con case 40 voluntarios que co seu traballo posibilitaron que ata o de agora 305 persoas con discapacidade puidesen vivir a experiencia do Roteiro Xacobeo. En total, desde hai xa 11 anos e de maneira ininterrompida, realizáronse 80 camiños, entre os que destacan catro veces o Camiño Francés, dous a Vía da Prata e distintas probas deportivas como a volta ciclista a España, a volta ciclista por Andalucía, a volta ciclista polo Cantábrico ou os roteiros polos Alpes e os Pireneos.

Sobre Bodegas La Val

Bodegas La Val nace en 1985, converténdose así nunha das marcas pioneiras da Denominación de Orixe Rías Baixas. Situada na Finca Arantei, en Salvaterra de Miño (provincia de Pontevedra), conta cunha adega equipada coas tecnoloxías máis punteiras do sector e ten unha superficie de 6.000 m2. Os seus viñedos en propiedade atópanse enmarcados en tres leiras: Finca Arantei, Finca Porto e Finca Taboexa e en total suman 53 hectáreas. Bodegas La Val mantén unha produción anual ao redor de 500.000 botellas, e está presente en máis de 20 países en todo o mundo.

Na actualidade produce 8 viños: La Val (Albariño), Finca Arantei (Albariño), La Val Fermentado en Barrica (Albariño), La Val Crianza Sobre Lías (Albariño), La Val Vendimia (Albariño), Más que 2 (Condado), La Val Treixadura (Treixadura), La Val Sousón (Sousón).

O “Novembro Lila” achega a Igualdade aos centro escolares de Baiona

0

A programación organizada pola Concellería de Igualdade co gallo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, “Novembro Lila”, continúa coas súas actividades.

A Concelleira de Igualdade do Concello de Baiona, Yasmina Moreira Costas, acercouse hoxe ata o CEP Sabarís para coñecer  o Proxecto “Tola ou subversiva?” de Mónica Sueiro, directora da Aula de Teatro de Baiona, e escoitar de primeira man as impresións do alumnado de sexto de primaria ao que vai dirixido esta actividade.

Hoxe foi a quenda do CEP Sabarís e CEP Belesar que acolleron a acción programada pola concellería coa que o que se busca  é  ofrecer dunha maneira lúdica ferramentas coas que favorecer novos modelos de relación entre mulleres e homes baseados na igualdade, paz, xustiza e convivencia.

Esta mesma actividade desenvolveuse este martes no CPI Cova Terreña e o mércores no CEIP. Trátase dun proxecto que se abarcará en dúas sesións polo que volverá a igualdade ás aulas baionesas a vindeira semana.

O “ Novembro Lila” é un programa deseñado para dar visibilidade á secuela da violencia machista coincidindo con motivo do 25 N, día internacional contra a violencia de xénero. Trátase dunha programación que abarcará todo o mes de novembro e contará cunha importante presenza feminina, cuxas pezas e traballos contan historias vividas e sentidas por mulleres.

Redondela pon en marcha un obradoiro de risoterapia e autocoñecemento

0

O proxecto, posto en marcha pola Concellería de Igualdade, liderada por Iria Vilaboa, leva 3 anos en funcionamento e está destinado a mellorar e benestar emocional e o empoderamento das mulleres, mediante á práctica guiada por unha persoa profesional das técnicas de rispterapia e do autocoñecemento. De igual modo, mediante esta práctica preténdese fomentar a creación dunha rede entre as mulleres participantes e fomentar as súas relacións  interpersoais.

“Esta é unha das moitas iniciativas de benestar emocional e educación en feminismo que impartimos no Concello de Redondela. Denda fai máis de tres anos levamos facendo talleres, charlas, exposicións e eventos adicados a temas tan importantes como a violencia de xénero, o autocoñecemento e o apoio emocional para crear unha rede de seguridade entreas mulleres de Redondela”, declara Digna Rivas.

Comezou o 2 de novembro e impártese no Multiúsos da Xunqueira de 12:00h a 13:30 horas, todos os xoves ata o 29 de decembro. As actividades son participativas e interactivas. Cada unha das sesións comenzará cunha parte de dinámica práctica de risoterapia durante media hora, e seguirá cos contidos básicos sobre autocoñecemento. Entre os módulos podese atopar o traballo sobre lectura e percepción corporal, a familia afectiva e o autocuidado. As técnicas didácticas empregadas terán o obxectivo de fomentar o interese das participantes, para obter desta forma unha aprendizaxe o máis activa e significativaposible, aplicando a intencionalidade de construír novos coñecementos.

Hai que destacar que aínda que a inscripción esté aberta a todas as veciñas de Redondela, terán prioridade as mulleres inscritas no CIM que sexan víctimas de violencia de xénero. O número máximo de participantes é 15.

Esta proposta supón, “poñer sobre a mesa os problemas específicos que en materia de igualdade afectan ás mulleres da nosa contorna. É imprescindible contar con programas como este que fomenten o empoderamento das mulleres no camiño á igualdade, o único xeito de construír unha sociedade xusta e decente”, conclúe Rivas.

Mergullarse na natureza é posible coas andainas saudables de Nigrán

0

O Concello de Nigrán ofrecerá de aquí ao 17 de decembro un novo programa de andainas todos os sábados destinado a fomentar o hábito de camiñar como un exercicio saudable.

A primeira delas terá lugar este 12 de novembro con saída ás 10:00 horas desde a oficina de turismo Dunas de Gaifar cara a Ramallosa (ida e volta) e cunha duración aproximada de 60 minutos. Todos os roteiros serán á mesma hora, circulares, máximo de 2 horas de duración, e mediante inscrición previa en [email protected] (indicando nome e apelidos, teléfono e día da ruta na que se anotan) e se realizarán sempre e cando se reúnan un mínimo de 5 participantes.

Recoméndase acudir sempre con roupa cómoda, calzado axeitado para camiñar e unha botella de auga. A información concreta sobre cada andaina está pendurada na web www.nigran.es.

“Este ano engadimos marcha nórdica con gran éxito á nosa oferta deportiva municipal e agora incorporamos esta outra actividade. Apostamos por este tipo de exercicio ao aire libre porque queremos fomentar o hábito de camiñar en grupo: é saudable física e mentalmente, facilita a socialización e se adapta prácticamente a calquera idade e condición”, explica o alcalde, Juan González.

O documental sobre Emilia Pardo Bazán, rodado no Balneario de Mondariz, chega aos cines

Un ano despois dos actos de celebración do centenario da súa morte, a figura da galega Emilia Pardo Bazán segue de máxima actualidade. Este venres chega aos cinemas “Emilia”, un documental que profunda na figura dunha das escritoras máis importantes da literatura nacional. A cinta recibiu o distintivo de “especialmente recomendada para o fomento da igualdade de xénero” do Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais (ICAA). Dirixido por Miguel Ángel Calvo Buttini, esta obra mestura documental e unha parte de ficción na que a actriz Pilar Gómez dá vida á escritora. Gómez xa representou a Pardo Bazán conseguiu o Premio Max das Artes Escénicas á Mellor Interpretación Feminina.
O documental poderase ver nos seguintes cinemas de Galicia: Cantóns Cinemas (A Coruña), Os Rosales Yelmo (A Coruña), Codex Cinema (Lugo), Multicines Compostela (Santiago de Compostela) e Multicines Norte (Vigo).

O Balneario de Mondariz acolleu a rodaxe de “Emilia”, longametraxe sobre Emilia Pardo Bazán que combina ficción e documental que completou a gravación en exteriores e interiores de Madrid, A Coruña e Murcia. Dirixido por Miguel Ángel Calvo Buttini e producido por Salto de Eixo PC e Twin Freaks Studio, está baseado no monólogo homónimo escrito por Noelia Adánez e Anna R. Costa representado con gran éxito no Teatro do Barrio desde o 2016, e protagonizado, do mesmo xeito que na longametraxe, por Pilar Gómez.
Emilia Pardo Bazán, a súa vida e traballos literarios, cobra un maior protagonismo considerándoa un século despois como muller liberal e adiantada ao seu tempo que marcou a historia española. Nesa liña, o Balneario de Mondariz adquire un maior protagonismo á hora entender o seu carácter. Un lugar que foi, durante 33 anos, o seu remanso estival onde non só coidábase das súas afeccións senón que converteu no lugar de encontro de librepensadores e artistas.

O vínculo da condesa coa vila termal galega foi estrechísimo e comezou cando a escritora chegou ao Gran Hotel en 1887 a “tomar as augas”, chegando a describir o balneario en numerosísimos escritos ao longo do seu traballo literario como un lugar especial: “Mondariz cura os estragos do pensamento e os males da civilización”. “Non é cal outros balnearios que visitei”, dicía a novelista, que deixou a súa firma no libro de honra do establecemento ao que acudía a flor e nata da sociedade española e portuguesa.

Pero as augas mineromedicinales de Mondariz non foron o único que encandeou a Pardo Bazán. Alí fixo boas amizades e desenvolveu a súa faceta xornalística colaborando coa revista Mondariz e o suplemento A Tempada, publicacións que os Irmáns Peinador editaban nas que se incluían informacións locais, de saúde e artigos de todo tipo.

A cinta “Emilia”, ademais da parte de ficción, rodouse en localizacións que nos lembran a súa vida, material de arquivo e entrevistas con diferentes personalidades da talla de Inés Fernández Ordóñez, Eva Acosta, Marta Sanz, Xulia Santiso, Amalia Gallego, Marilar Ailexandre, a cociñeira Estrela Michelín María Gómez, Nerea Aresti, o presidente do Ateneo e a directora do Museo Salzillo. O filme estrearase en salas o último trimestre do 2022 e conta por agora coas axudas do Concello de Madrid, Telemadrid e a Región de Murcia.

Miguel Ángel Calvo Buttini, director e produtor

Miguel Ángel Calvo Buttini comezou a súa andaina no sector audiovisual exitoso curtametraxe “A Mudanza”. A partir de aí dirixe, sempre producido pola súa produtora, 3 curtametraxes ‘Dereito de Admisión’ (2001), ‘Teresa e Luisa Esmeralda’ (2003), ‘Unha humilde proposta’ (2018), 4 longametraxes ‘O lunar’ (2007), ‘Mami Blue’ (2011), ‘Onde o bosque se espesa’ (2017), ‘O século de Galdós’ (2020) e unha obra de teatro, ‘Unha parella calquera’ (2014). Os traballos de Miguel Ángel sempre foron estreados por todo o mundo, contando con diferentes premios, participacións en festivais internacionais e mencións.

A Xunta mellora a eficiencia enerxética de Crecente

0

A Xunta de Galicia, a través da Vicepresidencia segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, vén de acometer un proxecto global de mellora de eficiencia enerxética no alumeado público dos lugares de Freixo, Nane e Paradela, no Concello de Crecente, cun investimento de 40.000 euros.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, acompañado do alcalde de Crecente, Julio César García-Luengo, supervisou esta actuación, que foi financiada ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental (FCA) e permite un aforro medio de arredor do 70% no consumo destas tres poboacións, ao tempo que incrementa a luminosidade da vía pública e a vida útil das luminarias.

“Estamos ante un proxecto impulsado polo Concello de Crecente e apoiado pola Xunta a través do Fondo de Compensación Ambiental, unha liña de axudas que encaixa como unha luva nesta iniciativa. Trátase dunha actuación que quedou moi ben executada e que só ten vantaxes, posto que reduce o consumo e, por tanto, o custo da factura enerxética municipal, aumenta a visibilidade e é moito máis respectuosa co medio ambiente”, explicou o representante autonómico.

O proxecto contemplou a renovación dos 41 puntos de luz dos lugares de Freixo e Nane, ambos pertencentes á parroquia de Freixo, e de Paradela, da parroquia de Albeos, coa substitución das antigas lámpadas de vapor de mercurio ou de sodio, segundo o caso, por novas luminarias de tecnoloxía Led de 40W, que confiren máis luz á vía pública e teñen unha maior durabilidade.

Nas treas aldeas montáronse novos puntos de suxección a base de brazos de aceiro galvanizado e instaláronse as novas luminarias xunto con renovados sistemas de protección de caixas de fusibles. No caso de Freixo, a actuación completouse coa instalación de seis farolas no campo da festa e no acceso ao cemiterio, mentres que en Nane e Paradela colocáronse cadros de mando novos e senllos reloxios astronómicos para regular o acendido e apagado segundo as necesidades pola luz solar existente en cada momento.

Deste xeito, en Freixo o consumo reducirase de 3.125W a 914W, o que supón un 70,7 %; en Nane pasouse de 750W a 210W de potencia, o que mingua un 72 %; e en Paradela rebaixouse de 1.250W a 350W, tamén un 72 % menos.

A obra de teatro “Invisibles” chega ao auditorio de Mondariz

0

O Concello de Mondariz, comprometido firmemente coa igualdade na súa programación de actividades socioculturais, ofrece de balde no auditorio municipal este sábado, 12 de novembro, a obra de teatro “Invisibles”, unha adaptación da novela homónima da escritora e investigadora especializada en memoria histórica Montse Fajardo.

“Invisibles”, producida por Redrum Teatro, está dirixida por Marián Bañobre e protagoniza polas actrices Mela Casal, Sheyla Fariña e Neves Rodríguez. Recibiu tres premios de teatro María Casares, dous deles nas categorías de mellor dirección e mellor adaptación/tradución, polo que é garantía de calidade. Chega a Mondariz a través do programa “Tornar ás táboas” da Deputación de Pontevedra.

A peza teatral, ao igual que o libro de Montse Fajardo, relata casos reais de violencia de xénero sufridos por sete mulleres galegas. “Con esta actividade conmemoramos anticipadamente o 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres. Hai ano e medio xa trouxemos a Montse Fajardo para que dese unha charla sobre a represión sufrida polas mulleres durante a guerra civil e a ditadura franquista, no marco da exposición Rexas, que tamén estaba comisariada por ela. Estabamos desexando programas esta obra inspirada na súa novela”, comenta Anxos Carballo, concelleira de Cultura e Igualdade.

A programación de actividades socioculturais para conmemorar o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres compleméntase o 18 de novembro, coa proxección do filme “Dios tiene nombre de mujer y se llama Petrunya” (Teona Strugar Mitevska, 2020) ás 21:30 horas no auditorio municipal e o mesmo 25 de novembro cunha charla do escritor e historiador Rubén Martínez titulada “Do vals ao charlestón” a partir das 19:00 horas na biblioteca municipal. A película do 18 de novembro ofrece unha crítica aos costumes retrógrados da sociedade balcánica, mentres que a charla do 25 de novembro fai un singular percorrido histórico pola evolución das mulleres, empregando os bailes e a propia moda elemento de análise.

O teatro comprometido continuará en Mondariz o sábado 26 de novembro, coa representación da obra “A señora de Forcadela”, de Os Quinquilláns, na que se conta unha historia baseada na biografía da mestra Josefa García Segret, represaliada durante a guerra civil e a ditadura franquista.

Un viñedo, innovador escenario do XXIV Trofeo Montes de Eiras de ciclocross

0

O Trofeo Montes de Eiras de ciclocross celebra a súa 24 edición nun escenario moi especial. Esta fin de semana esta carreira organizada polo Club Ciclista O Rosal coa colaboración do Concello celebrarase por primeira vez nos viñedos da adega Terras Gauda, un circuíto único e innovador a nivel autonómico, xa que non existe ningunha outra competición ciclocross en Galicia que se desenvolva nunha paraxe similar.

“Estamos ante unha carreira moi novidosa na que poderemos desfrutar dun circuíto singular que será un elemento distintivo deste trofeo e que permitirá a todo o público coñecer unha parte moi importante do noso municipio. É, sen dúbida, un percorrido espectacular que reflicte perfectamente a identidade do propio Rosal”, salientou a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, durante o acto de presentación, que contou con representantes do Concello, do club ciclista, da Federación Galega de Ciclismo, da Xunta de Galicia e da bodega Terras Gauda.

En total serán 300 deportistas os que participarán este sábado 12 de novembro dende as 13.30 horas en ata 15 categorías diferentes, polo que sobre o terreo haberá ciclistas dende os 12 anos ata maiores de 60. A carreira transcorrerá por todo o viñedo, polo que o público poderá ver por primeira vez o circuíto completo dende diferentes posicións, dada as características do terreo.

Dende o Concello quérese felicitar ao Club Ciclista O Rosal pola organización deste gran evento nunha contorna espectacular e agradecer á bodega Terras Gauda a súa colaboración e implicación neste trofeo único, así como de deporte Galego da Xunta de Galicia, da Federación Galega de Ciclismo, de todas as empresas e entidades colaboradoras e do equipo de voluntarios de Protección Civil.

A unidade móbil de doazón de sangue estará en Ponteareas este 11 e 12 de novembro

Ponteareas acolle esta semana dúas novas xornadas para doazón de sangue. A Concellería de Saúde, que dirixe a alcaldesa Cristina Fernández Davila, informa que a unidade móbil da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue estará na vila o venres 11 e o sábado 12 de novembro para todas as persoas que desexen achegar a súa pinga de solidariedade.  

O autobús estará situado na Avenida de Galiza, na parte traseira da Casa do Concello, en diferentes horarios. O día 11 as persoas interesadas poderán acudir a doar sangue en horario de tarde, de 16.00 a 21.00 horas, mentres que o día 12 poderán ir de mañá, de 10.00 a 15.00 horas. Para maior axilidade recoméndase pedir cita previa chamando ao teléfono gratuíto 900 100 828.

É importante lembrar que poden doar sangue toda as persoas maiores de 18 anos e cun peso mínimo de 50 kg e que se recomenda non acudir a doar se nos últimos 15 días se tivo febre, tose ou problemas respiratorios. Para doar sangue hai que almorzar e despois de xantar esperar 2 horas. Ademais, é importante levar a tarxeta de doazón, o DNI ou documento similar e informar ao médico de que se está a tomar algún medicamento.

Cada día a Axencia despraza 10 unidades móbiles e mantén abertos sete puntos fixos de doazón nos hospitais galegos, que precisan entre 400 e 500 doazóns de sangue para manter a súa actividade.

Nigrán e a brigada forestal crearán o parque forestal ‘Os Matos-Río Táboas’

0

O Concello de Nigrán iniciou esta semana de mans da súa propia brigada municipal os traballos para crear o primeiro parque forestal da comarca, situado na zona do Río Matos – Táboas. Este espazo natural, vertebrado pola fraga do río Táboas, ubicarase en 42 hectáreas (420.000 m²) de terreo totalmente calcinadas nos incendios de 2017, 30 delas pertencen á Comunidade de Montes de Camos (parcelas de Castelo e As Chans) e 12 á de Chandebrito (As Rozadas) e foron cedidas ao consistorio con este fin. O obxectivo das tres entidades é crear un espazo de recreo libre e público, con valores naturais, culturais e paisaxísticos únicos que serán recuperados, conservados e promocionados, ademais deservir de barreira protectora fronte ao lume. O investimento total será de 400.000 €.

“Será, posiblemente, o proxecto medioambiental máis ambicioso da comarca nas últimas décadas e estará listo a finais de 2024. Despois dos incendios, tanto dende o Concello como dende as dúas comunidades, quixemos por en valor este espazo e darlle unha función social; ademais, servirá de protección fronte ao lumes para os núcleos de poboación máis próximos”, resume o rexedor, Juan González, quen defende a execución dos traballos por parte da brigada forestal municipal como “a mellor solución”. “Resulta máis económico para as arcas municipais, máis áxil e, ao mesmo tempo, xeramos emprego de calidade”, sostén tras lamentar a tardanza de 20 meses en o obter os informes sectoriais favorables (Augas de Galicia, Axencia Galega de Infraestruturas, Seguridade Aeronáutica, Patrimonio…)

O proxecto contempla nunha primeira fase a erradicación completa das especies invasoras (fundamentalmente eucaliptos e acacias) e a realización de plantacións autóctonas e, nunha segunda fase, á creación de espazos públicos, restauración dun muíño de auga, posta en valor dos petroglifos…

O grave incendio de 2017 asolou todo este terreo, tanto a masa arborada de eucaliptos con aproveitamento madereiro coma o bosque autóctono de ribeira e as pantacións de coníferas e frondosas. Actualmente o terreo presenta un rexenerado natural de piñeiros, eucaliptos, carballos e castiñeiros. O obxectivo é que, grazas á intervención humana, se recupere o bosque autóctono galego propio desta fraga, cun inmenso atractivo pola gran variedade e biodiversidade de especies vexetais e animais que o forman. Así, todos os traballos iríán destinados a restaurar a cuberta arbórea a manter asó o seu microclima húmido.

O parque forestal contempla medidas naturais de prevención e defensa contra os incendios (faixas de xestión da biomasa); de posta en valor dos elementos patrimoniais e culturais (protección dos xacementos, fundamentalmente petroglifos; ou restauración do coñecido como ‘Muíño do medio de Táboas); medidas de posta en valor dos elementos sociais e de uso público contemplando a accesibilidade para todos (creación dunha área recreativa en O Serradouro e As Rozadas, a pimeira delas inclúe zona de aparcamento); acondicionamento do miradoiro de O Castelo ou creación dunha ruta de subida ao mesmo; medidas de sinalización, promoción e interpretación dos valores do parque forestal (paneis, pictogramas, sinalizacións, códigos QR…)

Os traballos para recuperar a fraga comezarán coa eliminación das especies invasoras, corta das árbores queimadas, roza manual da matogueira, tratamentos silvícolas nas frondosas existentes e replantación das mesmas. Na parte central do parque, en 6,5 ha, contémplase un arboreto representativo dos bosques galegos con carballos, cerquiños, acivros, castiñeiros, loureiros e sobreiras. Ademais, en dúas zonas con abundante pedregosidade e afloramentos rochosos (5,7 ha) plantaranse carballos autóctonos para reter o terreo e, finalmente, nas dúas valgadas naturais existentes (1,92 ha do extremo sur e leste) reforestarase con frondosas autóctonas. Os usos productivos estarán tamén presentes para eliminar a producción madereira de piñeiro e eucalipto por zonas de producción de castañas, noces, cogomelos e madeiras nobles.

Obradoiro do Plan para a implementación da Axenda 2030 na Guarda

0

Continúa avanzando o proxecto “A Axenda 2030, un reto local nun mundo en transformación II”, que ten por obxectivo a elaboración dun Plan estratéxico para a Implementación dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS) no Concello da Guarda.

O próximo paso é a celebración dun obradoiro, onde se explicará a axenda global e a súa aplicación a nivel municipal. Ademais, exporase a análise diagnose realizada trala fase de entrevistas a persoal do concello e un número significativo de asociacións, así como o período de enquisa aberta á cidadanía. O groso do acto consistirá na exposición da proposta do Plan estratéxico, para dar paso ao momento de suxestións no que o público poderá expresar a súa opinión e as súas achegas.

Esta actividade realizarase o vindeiro mércores 16 de novembro, de 10 a 11:30 horas no Concello da Guarda.

Para poder asistir, haberá que inscribirse na seguinte ligazón:

https://forms.gle/ZxgQKN6YvWZHx1bBA.

Comezan as obras da nova fase de rehabilitación da antiga Casa Reitoral de Petelos

0

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, anunciou o inminente inicio dunha nova fase na rehabilitación da antiga Casa Reitoral de Petelos. Os traballos comezarán a vindeira semana e son financiados ao 100 % pola Xunta de Galicia, que inviste un total de 300.000 euros na obra.

Con esta nova actuación completarase a rehabilitación da Reitoral, catalogada como Ben de Interese Cultural de Galicia, e dotarase ao edificio de novos usos, grazas á posta en funcionamento de dúas naves situadas ao este e oeste da zona xa rehabilitada, sumando aproximadamente 225m2.

Para esta nova fase de recuperación do inmoble a administración autonómica asinou un convenio de colaboración co Concello de Mos, segundo explicou a rexedora local mosense, Nidia Arévalo. “A antiga Casa Reitoral de Petelos é un dos edificios máis salientables do noso concello e un dos máis de 700 bens de interese cultural galegos”, destacou Arévalo, quen agradeceu “a achega de 300.000 euros do Goberno autonómico, que supón o 100% do investimento para as novas actuacións previstas para esta edificación, na que se acometerá unha rehabilitación dotándoa de novos usos”.

As actuacións previstas enmárcanse no traballo do Goberno galego por velar pola conservación e rehabilitación do Patrimonio Galego.

Así, xa finalizadas as obras na torre medieval e a edificación anexa, vaise seguir agora coa posta en funcionamento de dúas naves situadas ao este e ao oeste, nos extremos das zonas onde xa se actuou e darase continuidade ao programa de necesidades que se pretende para o conxunto, sumando aproximadamente 225 m2. Esta intervención incluirá a solución da cuberta, que implicará o desmonte de parte da xa rehabilitada e crear un novo encontro coa nave e a ala a rehabilitar. Entre outras accións, consolidaranse e completaranse os muros existentes, creación da estrutura intermedia así como a da cuberta, e remate total da envolvente.

Deste xeito, a Xunta dota de novos usos este edificio emblemático.  O proxecto de rehabilitación da Antiga Casa Reitoral de Petelos foi froito dun convenio entre a Diocese de Tui-Vigo, propietaria do edificio e dos terreos circundantes e o Concello de Mos, para dotarse de novos usos. En base a ese convenio leváronse a cabo as obras de rehabilitación parcial do conxunto das edificacións, obras realizadas en dúas fases, pero faltaba a rehabilitación total, que se conseguirá con estas novas actuacións.

Do século XV

A antiga Casa Reitoral de Petelos é un dos edificios de máis valía patrimonial do concello de Mos. Datada do século XV e de estilo gótico, é un ben cultural catalogado polo Plan Xeral de Ordenación Municipal. Por conservar restos dunha antiga torre fortificada, é un ben propio da arquitectura defensiva coa consideración de BIC (Ben de Interese Cultural).

De planta rectangular, o edificio principal amosa adosada unha torre de tres alturas. Tamén presenta un balcón voado no andar máis elevado e orientado ao sur. A fachada do edificio está enmarcada entre pilastras de orde dórica que ocupan os ángulos da edificación.

O Concello de Tui entregou un composteiro individual á Residencia Paz y Bien

0

O Concello de Tui continúa apostando pola compostaxe tanto individual coma comunitaria. Nesta liña de traballo a pasada semana fíxose entrega dun composteiro individual á residencia Paz y Bien, tras a solicitude realizada por este centro. A mestra composteira, Sara Luque, achegouse á residencia para facer entrega do composteiro, un aireador e varios cubos con tapa para poder recoller os restos orgánicos nas distintas dependencias, para ser logo depositados no composteiro.  Ao tempo explicou que se pode e que non se pode depositar no composteiro, e o uso do mesmo.

O composteiro individual foi situado a carón da pequena horta que ten o centro residencial, que serve como espazo de traballo, de lecer e de aprendizaxe hortícola para os e as usuarios e usuarias. Deste xeito amais dos restos orgánicos xerados tamén depositarán aqueles outros procedentes da propia horta, cos que gañarán en funcionalidade para a xestión destes restos.  

Tras a charla parte das persoas residentes en Paz y Bien colaboraron na montaxe do composteiro, o composteiro e se instalou o mesmo coa colaboración de membros do centro residencial.

Precisamente a próxima semana, o xoves día 17, haberá dúas charlas informativas sobre o Plan Municipal de Compostaxe, e entrega composteiros individuais. Será ás 19.30 h no Centro Cultural de Guillarei e ás 21 h no Centro Cultural de Paramos. Ás mesmas pode acudir calquera persoa con residencia en Tui. Para obter o composteiro será preciso cubrir o impreso de solicitude co nome e apelidos, enderezo e referencia catastral. As persoas interesadas poden contactar tamén coa mestra composteira no correo [email protected] ou no 687 24 99 53.

Aberta a inscrición do programa de conciliación de Nadal de Baiona

0

O Concello de Baiona abre o prazo de inscrición para participar no Programa de Conciliación Nadal 2022. As persoas interesadas en participar teñen de prazo ata o próximo luns 21 de novembro.

O Programa de Conciliación Nadal 2022 é un programa promovido pola Concellería de Igualdade a través do Centro Municipal de Información á Muller, que ten como obxectivo a conciliación da vida familiar e laboral e ao mesmo tempo facilitar un espazo educativo e de entretemento para os nenos e nenas, favorecendo o seu desenvolvemento integral.

O prazo para presentar as solicitudes finaliza o 21 de novembro ás 14:00 horas. Desenvolverase no CPI Cova Terreña, e vai dirixido a menores de 3 a 12 anos. Para máis información poden contactar no teléfono 986 357 552 e 986 35 75 54 en horario de 8:30 a 14:30 horas.

As bases que regulan a convocatoria poden descargarse a través da páxina web do Concello de Baiona (www.baiona.gal), do taboleiro electrónico ou recollelas no Rexistro do Concello. Para calquera aclaración poden contactar no 986 35 75 52 ou no 986 35 75 54 ou no CIM de Baiona.

Chegan as xornadas micolóxicas organizadas por Covelo Natural

0

“Coñecer a riqueza micolóxica que agocha o noso concello” é o obxectivo principal desta iniciativa da Asociación para o Desenvolvemento do Alto Tea Covelo Natural que organiza as XXVIII Xornadas Micolóxicas e Ambientais que terán lugar dende o mércores 16 de novembro ao sábado 3 de decembro.

Un ano máis volverán a amosar ao alumnado do CEIP Antonio Blanco a riqueza micolóxica do concello cunha charla didáctica e saída guiada na que recollerán cogumelos para clasificalos. Ademais participarán na exposición micolóxica e no concurso fotográfico escolar. A actividade será o mércores 16 de novembro.

O sábado 19 de novembro terá lugar a mañá de charla e ruta e a tarde de micogastronomía e degustación. A partir das 10 horas as persoas participantes recibirán coñecementos para a identificación das variedades máis frecuentes na comarca e ás 11 horas sairán de ruta para rematar expondo as pezas recollidas. Manuel Garea Castro. e Alfonso Rey Pazos serán os encargados de guiar ás e aos participantes. Ás 20:30 horas prepararase o tapeo/degustación micolóxica no bar O Buraco da Praza Mestre Cerviño de Covelo.

A última actividade terá lugar o sábado 3 de decembro no que ás 10 horas terá lugar a saída micolóxica guiada e posterior exposición das variedades atopadas. A actividade estará guiada por MycoGalicia Plantae. Ás 17 horas no auditorio municipal de Covelo poderase visitar a exposición fotográfica, ademais ofrecerase unha charla sobre “Normativa de aproveitamento e xestión de coutos micolóxicos”, tamén se proxectará o documental sobre o papel ecolóxico dos fungos. Ás 20:30 horas celebrarase o obradoiro de micogastronomía con tapeo/degustación micolóxica e música en vivo no restaurante Lemos do barrio da Ermida, Covelo.

As persoas interesadas informan que as saídas estarán limitadas a vinte persoas por ruta podendo inscribirse no número de teléfono 686 621 991 tanto para as saídas como para o resto das actividades nas que non hai límite de participantes. As actividades contan co apoio do Concello de Covelo e da Deputación de Pontevedra e serán de balde, agás as degustacións que terán un prezo de 5 € para sufragar os custos de elaboración.

O ríos transfronteirizos Miño e Soča exemplo de conexión da cidadanía

Que teñen en común a zona transfronteiriza arredor do Río Soča na fronteira eslovena-italiana e a zona do Río Miño ao longo da fronteira galego-portuguesa? Segundo se puxo onte de manifesto na xornada de traballo organizada polo AECT Rio Minho e o AECT Go hai moitos paralelismos entre ambos territorios transfronteirizos e tamén moitos obxectivos conxuntos.

No seminario, que tivo lugar onte martes organizado dentro da ’XX Semana Europea das Cidades e as Rexións’ e no que participaron de maneira telemática máis de 60 persoas relacionadas con ambos territorios, descubriuse o papel económico e histórico dos ríos no desenvolvemento de ambas zonas, xa que estes  configuraron de maneira crucial o espazo transfronteirizo.

O taller naceu grazas ao protocolo de colaboración conxunto asinado hai uns meses entre ambas institucións transfronteirizas para traballar en común. Foi moderado por Nathalie Verschelde, responsable da unidade dos fondos Interreg da Comisión Europea, e participaron Romina Kocina, directora do AECT GO, así como Uxío Benitez, director do AETC Rio Minho, xunto a Isabel Estrada Carvalhais e Matjaž Nemec, do Parlamento Europeo.

A xornada estivo marcada por un feito chave, que ambas áreas están á vez divididas e unidas por un río transfronteirizo, arredor do que existen singularidades conxuntas tanto sociais, culturais, naturais, lingüísticas como marcadas relacións económicas que as distinguen de calquera outro territorio.

“Para nós o Miño é un elemento de unión, o centro dun territorio que abrangue máis de 376.000 habitantes, a fronteira máis poboada entre España e Portugal, e temos unha Estratexia 2030 para o seu desenvolvemento na que aspiramos a soster un catálogo de servizos conxuntos e a desenvolver os elementos que nos unen”, apuntou o nacionalista.

Entre os puntos máis destacados de debate tratouse a incidencia que deben ter os fondos europeos, defendendo novamente que o programa POCTEP, creado inicialmente na Unión Europea para desenvolver os territorios que sufriron e sofren as inconveniencias de seren fronteira, debe utilizarse principalmente para beneficiar a eses territorios e non ser deturpados con outros obxectivos, para outras institucións ou outros territorios lonxe da raia.

Pola súa banda, o director do AECT Rio Minho e deputado de Cooperación Transfronteiriza Uxío Benítez salientou a necesidade de facer forza ante os estados centrais e a Xunta de Galicia, no caso do territorio miñoto. Criticou que esas administracións son xuíz e parte, xa que aspiran a fondos da UE e deciden que iniciativas se aproban á hora de repartir os fondos do POCTEP, nos que non hai concorrencia competitiva como nos Next Generation, e insistiu na necesidade de que se valoren os proxectos presentados polos axentes locais da zona.

Investimento Territorial Integrado

Benítez destacou que o AECT Rio Minho creouse para desenvolver de maneira conxunta o territorio formado por 10 concellos lusos e 18 galegos arredor do Miño, ao igual que tamén o fixeron en Eslovenia e Italia no AECT GO. Alí, debido á falta de instrumentos xurídicos adecuados para a elaboración dunha estratexia transfronteiriza común e á necesidade de abrir camiño para a creación de infraestruturas e servizos conxuntos, en 2011 os municipios de Gorizia, Nova Gorica e Šempeter-Vrtojba crearon o seu Agrupamento Europeo de Cooperación Territorial.

O obxectivo consistía, explicou Romina Kocina, en planear un municipio transfronteirizo único e promover a idea de que a cooperación podería constituír unha certa oportunidade de desenvolvemento. Grazas a entidades decisoras políticas e a profesionais calificadas, o AECT GO tornouse un organismo intermedio e un beneficiario único do primeiro (e, actualmente, único) investimento territorial integrado (ITI) apoiado polo Interreg grazas ao que xestionan dez  millóns de euros para desenvolvemento na zona.

Segundo salientou Benítez, o AECT Rio Minho está a traballar tamén para conseguir un ITI semellante que permita reunir todos os fondos europeos, estatais e autonómicos e xestionalos segundo as necesidades e prioridades que marcan as entidades locais da zona.

Festival Solidario de AECC Mos

0

A AECC de Mos organiza o Festival Solidario ‘Por Elas, Por Eles’, que se celebrará no Multiusos das Pozas o vindeiro 13 de novembro desde as 17.00 horas.

O festival contará coas actuacións desinteresadas do Playback da Asociación Cultural de Guizán, o Playback da Asociación Cultural Veciñal de Celado, Ana Belén Rodríguez García, e dos alumnos da bailarina Patricia Martínez.

A gala será presentada polas Maimiñas e durante a mesma realizarase unha tómbola benéfica con rifas a 1 euro.

A Deputación e Next Educación ofrecen o curso Territorio Rural Intelixente

A Deputación de Pontevedra,  xunto co Centro de Estudos Superiores Next Educación, pon en marcha o curso Diplomado Especialista en Territorio Rural Intelixente, produto dos estudos, foros, conferencia e documentais impulsados pola Cátedra de Despoboamento deste centro educativo, dirixido por “un dos grandes xornalistas da historia da democracia do noso país”, Manuel Campo Vidal,  e que naceu co obxectivo de facer fronte e combater o reto demográfico ao que se enfronta a sociedade no momento actual. “Hai que comezar a investir en aquelo que permita facer que o territorio rural se volva intelixente –asegurou Carmela Silva-, porque temos que ofrecer instrumentos para que a xente poida quedarse e crear proxectos que fomenten a actividade e o crecemento económico”. É a maneira de conseguir “o cambio que precisa o rural” e darlle vida a un territorio vital no conxunto da provincia. “Nin sequera as grandes urbes teñen futuro se non somos capaces de manter vivo o rural”, precisou a presidenta de Deputación.

Neste contexto nace o Diplomado Especialista en Territorio Rural Intelixente, pensado para “cargos locais, persoal técnico, persoas emprendedoras do ámbitos rural” ou toda aquela persoa interesada no desenvolvemento de proxectos locais, pois “é fundamental que a xente que ten que liderar o cambio teña ferramentas para facelo”. O curso, que conta con 75 prazas, desenvolverase entre o 15 de novembro e o 27 de decembro de maneira online, cunha duración de 20 horas, a través de seminarios web e conversacións en directo co profesorado, todos eles expertos nas diferentes materias que se abordarán.

“Fixemos este Diplomado Especialista en Territorio Rural Intelixente para ofrecer os elementos básicos de dixitalización, sostibilidade, de como facer un proxecto e como se comunica. Porque no mundo rural iniciativa hai, e hai persoas emprendedoras se se crea o ecosistema necesario para que xurdan, pero para iso o que se precisa é formación especializada”, explicou Manuel Campo Vidal, ao falar dun curso que chega agora á provincia de Pontevedra e pola que xa pasaron máis de 300 persoas. “Hai que ter proxectos, aprender novas prácticas e establecer alianzas. E neste ámbito as deputacións son absolutamente fundamentais, porque teñen unha visión xeral do territorio no que gobernan”, confirmou, ao tempo que lembrou que “hai que gañar unha batalla que é de país”, pois non é posible que “o 80% da poboación viva no 20% do territorio, así non chegamos a ningún lado”

O Diplomado Especialista en Territorio Rural Intelixente contará, ademais de con Manuel Campo Vidal, con profesores e profesoras especializadas en crecemento sostible, enxeñería, desenvolvemento rural ou comunicación, entre outras materias, e abordará temas como o concepto innovador de Territorio Rural Intelixente, o novo modelo de planificación, os ecosistemas innovadores e as infraestruturas básicas de Territorio Intelixente, o novo modelo de actuación, a innovación social e o medio rural, o impulso ás pemes e a reconversión territorial, as boas prácticas de desenvolvemento ou as claves para a comunicación eficaz.

As inscricións para esta formación impulsada pola Deputación de Pontevedra e o Centro de Estudos Superiores Next Educación xa se poden facer a través do formulario habilitado na web https://www.nexteducacion.com/diplomado-especialista-enterritorio-rural-intelixente/deputacion-pontevedra e hai bolsas dispoñibles para poder cursalo. Aquelas persoas que completen o curso, que está supervisado pola Federación Española de Municipios e Provincias, recibirán o título de Especialista en Territorio Rural Intelixente.

O multiúsos de Sabarís acolle o domingo un contacontos

0

O Novembro Lila continúa a súa andaina no Multiúsos Mercado de Sabarís e acolle este domingo, 13 de novembro, ás 12:00 h o contacontos “Contos Vellos novos finais. Moito que limpar”, de Caxoto.

Todos aqueles nenos e nenas que se acheguen ata o recinto municipal pasarán unha mañá divertida. A entrada é gratuíta e libre ata completar aforo.

Esta actividade forma parte da programación “Novembro Lila” organizada pola Concellería de Igualdade, ao fronte de Yasmina Moreira Costas, co gallo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, que trae consigo un mes dedicado a actividades para sensibilizar e educar contra a violencia á muller no Concello de Baiona.

Pinocho chega a Goián en forma de teatro musical

0

O Concello de Tomiño continúa ofrecendo á veciñanza unha ampla programación cultural con actividades pensadas para o desfrute de todos os públicos e todas as idades. Este domingo 13 de novembro chega a Goián ‘O mundo máxico de Pinocho’, unha curiosa adaptación de EducaTeatro ao teatro musical deste clásico de Carlo Collodi, no que o público poderá gozar dunha proposta que mestura técnicas como voz e piano en directo, maxia de grandes ilusións ou sombras chinesas ou corpóreas.

Pensado especialmente para público familiar e cativos e cativas a partir de 2 anos, o espectáculo recolle unha historia contada a través dos ollos de Pepiño Grilo que, xunto coa fada Mimadriña, Raposo e Gato, acompañará a Pinocho no camiño para converterse nun neno de verdade. Un camiño que comeza no obradoiro de Gepetto e que pasará pola escola, por un circo de monicreques onde un malvado titiriteiro tentará raptalo e ata pola barriga dun peixe xigante. Unha morea de aventuras para que o protagonista aprenda que dicir mentiras ten as súas consecuencias.

A representación será ás 17.30 horas no auditorio municipal de Goián e terá un prezo de 5 euros para persoas adultas e de 2,5 euros para menores de 12 anos. A alcaldesa, Sandra González, convida aos tomiñeses e tomiñesas a gozar dunha tarde de teatro en familia con este espectáculo cheo de música, maxia, risas e ilusión.

Aumento notable do turismo en Redondela

0

Redondela recupera, con ritmo, a importancia que en materia turística corresponde ao cuarto concello da provincia de Pontevedra, segundo se desprende dos datos aportados pola Concellería de Turismo que xestiona María Castro. As cifras destacan que a Oficina de Turismo atendeu, no período comprendido entre abril e outubro de 2022, a un total de persoas 6.241, fronte ás 3.349 que solicitaron información ao longo de todo o ano 2021 e as 1003 do 2020.

“A esto hai que sumarlle un total de 1.375 persoas, residentes no Concello de Redondela, que tamén pasaron pola Oficina de Turismo nese semestre. Os veciños e veciñas de Redondela tamén están podendo disfrutar da cultura e o patrimonio da súa vila, algo que para min é primordial”, explica a alcaldesa Digna Rivas.

Paisaxístico, o programa Redondela Mariñeira, as rutas en Kaiak, as visitas guiadas ao Cemiterio dos Eidos, tiveron unha moi boa acollida pola veciñanza de Redondela e polos diferentes concellos da nosa comarca. Os peregrinos das diferentes Comunidades Autónomas que remataban a súa etapa no noso Concello, tamén acudiron a participar nas visitas guiadas que se fixeron os luns, “ A Vila pola Tardiña”, sumando un total de 180 persoas. Durante esta tempada tamén acudiron a facer visitas pola Vila, o alumnado de primaria e secundaria, con un total de 338 alumnos. Sumando os peregrinos, turistas, visitantes e residentes, a Oficina de Turismo de Redondela atendeu a un total de : 7.613 persoas.

No que ao número de persoas peregrinas fai referencia –en Redondela conflúen o Camiño Portugués e o Camiño Portugués pola Costa– o incremento supera o 50 %  do ano pasado con 6.241 visitantes.DEste total de turistas e visitantes, 5.593 corresponden a Peregrinos (90 %), sendo 3.442 (62 %) de procedencia nacional e 2.151 (38 %) de procedencia estranxeira. Dentro dos peregrinos nacionais, destacan os procedentes das Comunidades Autónomas de Andalucía (846), Madrid(752), Galicia (447), Valencia(324), Castela A Mancha (216), Cataluña e Castela e León. Dos peregrinos de procedencia extranxeira, destacan con diferencia os de Portugal con 512 (25 %),a continuación Italia con 361 (17 %), e moi preto Alemania con 356 (16 %), seguidos de Estados Unidos, Reino Unido e Francia, sumando os tres 338 (15 %).

Ao longo desta tempada, pasaron pola Oficina de Turismo, un total de 57 paises diferentes dos cinco continentes. A información máis demandada polos peregrinos, turistas e visitantes, foi dos recursos do noso concello e do seu entorno. A gastronomía, lugares de interese como a Illa de San Simón, actividades programadas polo Concello, así coma información das Rías Baixas en xeral. A estes datos “esperanzadores logo dunha época de pandemia na que o sector turístico foi, xunto co comercio e a hostalaría, un dos máis afectados”, afirma a concelleira, engádese o feito da ocupación hostaleira que rondou en Redondela o 100 %. En todo caso, os datos, subliña o Goberno local, fan referencia tan só ás persoas que pasaron pola Oficina de Turismo que “sempre supoñen unha baixa porcentaxe respecto á totalidade de persoas, peregrinas ou turistas, que visitaron Redondela”

A alcaldesa Digna Rivas, destaca a importancia de “reforzar a oferta turística do municipio –tanto histórica como patrimonial, cultural e paisaxística– para aproveita o fluxo de persoas peregrinas, pero tamén para ofrecer os veciños e veciñas a programación e oferta que merecen”.

Ponteareas, un exemplo de como recuperar o espazo público para as persoas

Persoal técnico e político dos concellos da provincia de Pontevedra visitarán este xoves 10 de novembro Ponteareas para analizar in situ as obras realizadas na vila para a recuperación do espazo público. O concello convértese así en exemplo de caso real de cales son as mellores fórmulas para priorizar á veciñanza fronte aos vehículos e de converter os espazos públicos en zonas de lecer, estancia e desfrute para as persoas. Serán ao abeiro da última sesión dos ‘Obradoiros Ágora’, unha iniciativa posta en marcha ao abeiro da Facultade Ágora da Deputación de Pontevedra para formar mediante o debate colectivo e en grupo e achegar de forma concreta e práctica aos municipios os coñecementos necesarios e visibilizar como se vai plasmando esta nova filosofía nos Concellos Ágora.

Esta xornada, á que asistirán persoal técnico e representantes públicos, Ponteareas explicará o modelo de mobilidade que está a impulsar na vila, impartirase de 09.45 a 13.00 horas na sala multiúsos do auditorio municipal para, xa pola tarde, ás 16.00 horas, saír á rúa para unha visita guiada polo centro urbano. Dende o Concello salientan a importancia de celebrar no municipio “unha xornada de moito interese e moi recomendábel para entender o que se está a facer en Ponteareas, os obxectivos que se perseguen e os resultados que xa se están a obter”.

Entre as zonas que se analizarán durante a xornada estarán o núcleo da vila, no que se teñen realizado actuacións de urbanismo táctico e tamén obras definitivas, como a Praza Maior, a Praza de Bugallal ou a contorna do Mercado municipal. Tamén se abordarán, entre outros, proxectos que seguen a filosofía Ágora, como os das rúas Constitución, Concha Brey, Senén Cándido, Reveriano Soutullo ou Morales Hidalgo.

Arbo presenta este venres a Festa da Lamprea en Ourense

0

A Festa da Lamprea cumpre este ano a súa edición número 57 e representa para Arbo unha das datas máis importantes do calendario, especialmente este ano, que acaba de ser declarada polo Goberno de España, ‘Fiesta de Interés Turístico Nacional’.

Esta distinción recoñece a antigüidade, a continuidade, o arraigo e a singularidade deste evento, acadado grazas ao traballo dos veciños, restauradores, pescadores e corporacións anteriores encargados de promover esta festa.

A Festa que celébrase esta fin de semana en Arbo acollerá a máis de vintecinco mil visitantes, todos convidados a compartir unha das sinais de identidade máis afamadas, da gastronomía da vila.

Amais da celebración da Festa da Lamprea esta fin de semana en Arbo, o venres 11 de novembro, acudirá a Xantar, o Salón Internacional de Turismo Gastronómico que terá lugar en Ourense, onde presentará a Festa.

Ademais da gastronomía, contarase con outro elemento indispensable en toda celebración, a música da que poderá gozarse en variados estilos, desde os últimos éxitos, á máis tradicional, que encherá as rúas e unirá aos veciños de Arbo e aos visitantes en moitos e divertidos pasos de baile.

Unha proba do carácter único da Festa da Lamprea son os miles de persoas que, cada ano, abarrotan Arbo nestas datas. Xente que vén de toda Galicia, España e Portugal, case diríamos que de peregrinación gastronómica cara á vila, unha peregrinación do bo xantar para honrar a excelencia culinaria da lamprea e os viños.

O Museo realiza actividades sobre a exposición ‘Sombras atlánticas’

O Museo de Pontevedra organiza actividades paralelas á exposición ‘Sombras atlánticas. Retratos da arte galega’, a mostra fotográfica de Anxo Cabada que se inaugurou o venres pasado. A partir desta semana, cada xoves ás 18.00 horas, o equipo educativo do Museo ofrecerá ás e aos visitantes ‘claves da exposición’, unha introdución ao proxecto expositivo realizada na propia sala para facilitar unha mellor comprensión da mostra.

Os próximos sábados 19 e 26 de novembro e 10 de decembro, o Museo acollerá tres obradoiros de retrato fotográfico, impartidos por Luis Pereira. Trátase dun obradoiro de ‘retrato resolutivo’. O obxectivo é que as persoas participantes obteñan un método de traballo efectivo para retratar de maneira resolutiva e co menor equipo posible, aproveitando ao máximo a luz dispoñible.

O obradoiro ten unha duración de catro horas, con dúas partes: na primeira, trabállase de maneira práctica para explicar un método de traballo conciso e útil cun equipo mínimo: composición, comprensión da luz, dirección e interacción coa persoa retratada…. Na segunda parte visualízase e analízase o cartafol realizado, para afianzar un método de traballo rápido, cómodo e eficaz.

A inscrición aos obradoiros, que se desenvolven de 10.00 a 14.00 horas, pode facerse a través do correo electrónico [email protected]. Hai dez prazas dispoñibles para cada sesión, dirixidas a público adulto e menores a partir de 12 anos.

De impartir os obradoiros encargarse Luis Pereira, fotógrafo de Cesantes con máis de 20 anos de experiencia. Iniciouse na fotografía de maneira autodidacta, completando a formación en talleres con grandes profesionais da fotografía. Participou en varias exposicións colectivas en lugares como Madrid, Vigo, A Coruña ou París e publicou tres libros: ‘Luis Pereira (2018), ‘Seremos un frágil recuerdo’ (2020) e ‘Sobre lo esencial’ (2022).

Sombras atlánticas

A exposición ‘Sombras atlánticas. Retratos da arte galega’, reúne 34 retratos fotográficos de Anxo Cabada a artistas protagonistas do devir da pintura e a escultura en Galicia nos últimos 50 anos. A mostra inaugurarouse o venres 4 de novembro e estará aberta no Edificio Castelao ata o 15 de xaneiro.  

Cabada retratou en branco e negro a artistas de distintas xeracións, modalidades artísticas e territorios, todas e todos con nacemento ou residencia en Galicia. As fotografías foron tomadas co mesmo pano de fondo, como un escenario teatral que homenaxea aos primeiros fotógrafos e que serve para dar coherencia ao conxunto de imaxes da exposición, que se relacionan entre si.

Na mostra atópanse creadores que despuntaron nos 70, como Silverio Rivas, Jorge Castillo, Acisclo Manzano ou Buciños, e aos que pertenceron ou se vincularon ao grupo Atlántica, que na década dos 80 contribuíu a reactivar as artes plásticas en Galicia e darlles presenza no exterior: Menchu Lamas, Antón Lamazares, Antón Patiño, Ánxel Huete, Xosé Freixanes, Xabier Correa Corredoira, Ignacio Basallo, Din Matamoro… Tamén aos continuadores da renovación da escultura galega, como Francisco Leiro, Soledad Penalta ou Manolo Paz.

Naquelas xeracións a visibilidade de mulleres artistas era reducida, algo que cambiou nas últimas décadas e que queda ben reflectido nesta mostra, na que case a metade dos retratos son de mulleres artistas, como Almudena Fernández Fariña, Mónica Alonso, Carme Nogueira, Pamen Pereira, Tatiana Medal, Lula Goce, Elena Fernández Prada  ou Sula Repani.

Anxo Cabada, fotógrafo e profesor, é natural de Sabucedo (A Estrada). Leva catro décadas fotografando o territorio galego en proxectos nos que abordou diferentes temáticas como, entre outras, o mar en ‘Mareagrafías’ (2005), a terra en ‘Terragrafías’ (2009) e as vilas galegas en ‘Vilagrafías’ (2012), unha proposta literario-fotográfica. En ‘O imaxinario do país’ (2018) Cabada retratou as escritoras e escritores galegos, un proxecto que precedeu este “Sombras atlánticas’, centrado agora nos e nas que crean a beleza, os e as artistas.

Gondomar abre o prazo de solicitude para a instalación de postos no mercado de Nadal

0

O Concello de Gondomar abriu o prazo de solicitude para a instalación de postos de venda na terceira edición do seu Mercado de Nadal, que se celebrará na Praza Paradela os días 10 e 11 de decembro.

As bases están xa publicadas na páxina web municipal. Os interesados deberán descargar a solicitude correspondente e entregala no rexistro municipal de forma presencial no caso de particulares e de forma telemática no caso de empresas.

Poderánse instalar postos de artesanía e manualidades, restos de stock, ou produtos típicos de nadal, así como de alimentación.

A cesión de espazo é gratuita e serán os interesados os encargados do subministro do material necesario para a confección do posto, así como a súa decoración con motivos relacionados co nadal, tal e como recollen as bases da convocatoria.

O Concello solicitará aos interesados únicamente a aportación simbólica de 1 quilo de alimento, que será destinado ao Banco de Alimentos de Gondomar.

O Grupo Antorcha cumpre 40 anos de intensa actividade

0

O Grupo Antorcha da Guarda cumpre neste ano o seu 40 aniversario, unha longa traxectoria que naceu no ano 1981 baixo o nome “Rondalla del Recreo Artístico Guardés”, para pasar a chamarse “Rondalla cultural guardesa” e agora na actualidade Grupo Antorcha.

Baixo a dirección da cantautora guardesa María José Baz, o Grupo Antorcha ten participado en diversos concursos, concertos e festivais de toda Galicia, colaborando tamén con corais e diversos grupos en actos culturais de toda a xeografía española e do norte de Portugal, pasando polos estudos de gravación da TVG, en programas como “Galicia Enteira” ou “Desde Galicia para el mundo” e tamén en Radio Obradoiro, no seu programa “Estamos contigo”.

O Grupo Antorcha componse maioritariamente de mulleres, ás que as une a súa paixón pola música, reuníndose varias veces á semana para realizar os ensaios e preparar os temas, con cancións románticas, populares, modernas e relixiosas.

María José Baz

A Cantautora guardesa María José Baz iníciase na música aos 12 anos, participando dende aquela en numerosos festivais, actos, exposicións e concertos. Na súa traxectoria pasou pola TVG, Radio Tui, a Radio Galega, colaborando no seu programa “Pensando en Ti” ou Radio Obradoiro no seu programa “Estamos contigo”.

Publica o seu primeiro traballo discográfico no ano 2010 baixo o título “Crepúsculo Mental”. Dirixe o Grupo Antorcha e é Monitoria de guitarra coma actividade extraescolar en diversos colexios do Baixo Miño.

A vindeira actuación do Grupo Antorcha será o sábado día 19 de novembro ás 20:30 h na Igrexa Parroquial da Guarda, onde compartirán escenario con María José Baz e o Coro Cantábile.

María José Baz

A Cantautora guardesa María José Baz iníciase na música aos 12 anos, participando dende aquela en numerosos festivais, actos, exposicións e concertos. Na súa traxectoria pasou pola TVG, Radio Tui, a Radio Galega, colaborando no seu programa “Pensando en Ti” ou Radio Obradoiro no seu programa “Estamos contigo”.

Publica o seu primeiro traballo discográfico no ano 2010 baixo o título “Crepúsculo Mental”. Dirixe o Grupo Antorcha e é Monitoria de guitarra coma actividade extraescolar en diversos colexios do Baixo Miño.

Coro Cantábile

O coro xurde no 1986 como coro da catequesis para máis tarde pasar a chamarse coro Arpegios, primeiro infantil e despois xuvenil de voces mixtas. Durante a súa traxectoria percorreron varios lugares de España, País Vasco, Barcelona, Madrid… e tamén Portugal e Francia acadando un gran nivel con gran esforzo e adicación.

A partir do ano 2007, José Luis Lorenzo Rodríguez continúa como presidente e pasa a asumir a dirección dona Lucía Alonso Castro. Xa para aquel entón o coro inicial Arpegios se tiña dividido en dúas formacións: Coro Arpegios, infantil e Coro Cantábile, xuvenil e adulto.

No ano 2016 toma a batuta Don Avelino Ferreira López, director actual, e dende a súa incorporación, o Coro Cantábile ten continuado promocionando a música como hobby, interpretando temas de distintas épocas, estilos e orixes xeográficos, obras profanas e relixiosas, clásicas e contemporáneas.

Mos inicia a nova contratación do servizo de mantemento de zonas verdes

0

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o concelleiro mosense de Servizos, Baldomero Lorenzo, informaron de que mañá xoves, 10 de novembro, aprobarase en Xunta de Goberno Local o inicio do expediente de contratación, mediante procedemento aberto, do servizo de limpeza, conservación e mantemento das zonas verdes, parques, xardíns e arbolado do Concello de Mos.

O importe mensual do contrato incrementarase nun 33 % respecto do contrato en vigor, pola inclusión de melloras, entre as que se atopan novas zonas de actuación, e pola actualización dos prezos.

O orzamento base de licitación anual do novo contrato ascende a 105.000 €/ano (IVE incluído) e o presuposto base de licitación total (incluída a prórroga) ascende a 210.000,00 € (IVE incluído). O prazo de duración do contrato é de un (1) ano. Dito prazo poderá ser prorrogado un ano máis. A duración total do contrato, incluída a prórroga, non poderá exceder de dous (2) anos.

En total o contrato inclúe o mantemento de 57 zonas verdes distrubuídas polas 10 parroquias mosenses, entre as que se inclúen 2 zonas novas a maiores respecto do contrato anterior, que son: a zona verde na contorna do skatepark en San Rafael, parroquia de Pereiras, e as árbores existentes en ambas marxes da estrada Puxeiros-Peinador.

O novo contrato inclúe o conxunto de tarefas administrativas, operación precisas e infraestrutura necesaria para proceder a unha limpeza, conservación e mantemento suficiente de todos os elementos das zonas verdes, parques, xardíns e arbolado. Tamén se inclúe no presente contrato o mantemento dos sistemas de rego automático instalados en ditas zonas e aqueles que durante a vixencia do contrato se executen de novo. O nivel de prestación dos servizos será tal que o estado de ditas zonas verdes se atopen en todo momento dentro duns parámetros de calidade óptimos para o gozo dos cidadáns.

Os elementos a conservar nos espazos verdes son aqueles que poidan considerarse como principais (céspede, árbores, arbustos, terrazos, etc), ademais de todos os que formando parte da zona verde, interacionen de algunha forma cos primeiros, e inflúan directa ou indirectamente no seu estado. En consecuencia, os elementos que se inclúen no presente contrato serán: praderías de céspede, árbores, arbustos, pavimentos terrizos e outros, setos, macizos de flor, macizos arbustivos, redes de rego e mecanismos eléctricos das redes de rego (das actuais e das futuras).

As tarefas que a empresa concesionaria deberá levar a cabo son: Programa de Rego anual, Programa de sega anual, Recorte e poda de arbustos e setos, Aireación e escarificado, Programa de Resembra anual, Escarda: Terá como finalidade a eliminación de malas herbas, Entrecavado e rastrillado, Limpeza e adecentamento, Abonados e achegues de substrato, Programa de Tratamentos Fitosanitarios, Perfilado. Ademais dun Plan anual de plantacións con Labores de reposición: Estes labores consistirán na substitución ou renovación das plantas permanentes ou de tempada, arbustos, árbores, zonas de céspedes, etc… que houbesen perdido ou minguado considerablemente as súas características ornamentais, ou ben, que o seu precario estado botánico faga prever tal situación para un futuro próximo.E tamén un Programa de poda anual, Conservación dos sistemas de rego automático; e Actuación nos cemiterios municipais para que estean en perfecto estado nas épocas de maior afluencia de persoas: Día de Todos os Santos (1 novembro), Nadal e Semana Santa.

A empresa adxudicataria deberá dispor dos medios humanos e do persoal preciso en cada momento e época do ano para a boa execución das tarefas de conservación; non obstante estará obrigado a manter un persoal mínimo.

O adxudicatario do presente contrato deberá por a disposición do servizo, a súa conta e cargo, toda a maquinaria, ferramentas, material auxiliar e útiles, sexa en réxime de aluguer ou de propiedade, precisos para a correcta execución dos traballos.

A empresa disporá de sistemas de xestión ambiental e de calidade para que o servizo prestado desenvolva e implemente uns obxectivos medioambientais. Entre ditos sistemas deberán constar o Emprego de plantas con baixos requerimentos hídricos, o Emprego de maquinaria de alto rendemento e recicladora, a Xestión eficiente do rego e a Xestión de residuos.

Rematadas as obras no pavillón deportivo municipal vello de Tui

0

A semana pasada remataron os traballos de mantemento do pavillón deportivo municipal vello de Tui. Con esta actuación, a Concellería de Deportes do Concello de Tui continúa co obxectivo marcado ao inicio deste mandato de “poñer as instalacións deportivas municipais á altura dos deportistas e clubs deportivos que as utilizan” tal e coma sinalada o concelleiro Rafael Estévez.

A colocación do rotulado do nome da instalación culminou a semana pasada estes labores, nos que tamén se procedeu ao pintado exterior durante os meses de setembro e outubro.

Estas actuacións súmanse á reforma dos vestiarios da instalación, realizadas con fondos do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. Amais con fondos propios o Concello, a finais do ano pasado, acometeu o lixado, vernizado e remarcaxe das liñas da pista de madeira, o pintado das paredes interiores o panelado das paredes con madeira e a instalación dun portalón de acceso directo á pista deportiva. A finais deste verán, tras a limpeza das paredes exteriores, iniciouse o pintado exterior da instalación, rematando coa rotulación do frontal co nome do pavillón. Todas estas actuacións supuxeron un investimento cercano aos 80.000 €.

Este pavillón municipal é utilizado en horario matinal polos CEIP’s Nº1 e Nº2 de Tui, coas clases de educación física dos nenos e nenas de Infantil e Primaria. Polas tardes son o Club Baloncesto Tui e A Quinta de Tui Fútbol Sala, os que empregan as instalacións para os adestramentos dos seus respectivos equipos, así como para os partidos federados nas fins de semana.

Tras estas obras no pavillón deportivo municipal vello e a reforma integral do Centro Municipal de Piragüismo “Quique Míguez”, a concellería de Deportes do Concello de Tui acometerá en próximas datas, con fondos propios, varias melloras nas pistas de tenis de Areas,  así como a construción de novos vestiarios no pavillón do CEIP de Guillarei e a reforma do tellado da grada do Campo Municipal de Fútbol “Álvarez Durán” de Tui, a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra 2023.

Redondela denuncia os problemas de contaminación dos verquidos de Pazos

0

O Concello de Redondela amosa a súa insatisfacción pola falta de resposta, por parte de Augas de Galicia, ante a situación de abandono e ilegalidade das estacións de depuración de augas residuais de Pazos de Borbén.

A primeira comunicación a Augas de Galicia foi realizada o día 16.08.2022 e reiterada os días 25.09.2022 e 18.10.2022, “sen que a día de hoxe o Concello teña coñecemento”, expón Rivas. “Ante a persistencia da contaminación denunciamos os feitos ante a Comandancia do SEPRONA de Pontevedra para que realice ás accións de investigación necesarias para esclarecer a orixe dos vertidos e así poder esixir a quen corresponda as responsabilidades e a adopción de medidas adecuadas á situación”. Paralelamente, o Concello continuou a realizar actividades de control incluíndo a toma e análise de mostras por medios propios cuxo resultado tamén se achegou a Seprona.

“Dende o Concello de Redondela queremos agradecer ao BNG e a AER o seu traballo de pescuda. Somos conscientes de que este é un problema recurrente e valoramos que se sumen ás protestas contra Augas de Galicia que está ignorando as nosas queixas e peticións”, explica a alcaldesa DIgna Rivas.

A problemática comezou xa en outubro de 2008, fai 14 anos, cando o alcalde de Pazos de Borbén decidiu abrir unha planta municipal de forma ilegal e sen contar coa obrigada autorización da Consellería de Medio Ambiente. “Esta decisión foi reportada no seu momento pola asociación ecoloxista Adega, pero non se tomou ningunha medida para solucionar o problema de vertidos fecais que estaba xerando no Río Alvedosa”, explica a alcaldesa de Redondela.

En 2022 o Concello de Pazos exponse a máis expedientes  ante a situación da rede de saneamento, xa que continúa o mal funcionamento das distintas estacións depuradoras de bombeo. “Cos datos rexistrados ata o de agora, consideramos que a situación NON É PUNTUAL, como trata de asegurar o alcalde de Pazos. Dende o Concello de Redondela queremos denunciar estes periódicos episodios de contaminación. Ante unha situción tan grave, demandamos unha solución inmediata”,  conclúe a alcaldesa.

A realidade virtual chega á Carabela Pinta

0

Viaxar no tempo con realidade virtual e visitar a Carabela Pinta de 1492 xa é posible Baiona. Unha experiencia inmersiva á Carabela Pinta onde o visitante pode interactuar con elementos virtuais.

O alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, a Xefa dá Área de Calidade e Proxectos Europeos, Laura González-Dopeso Portela, a Concelleira de Cultura de Baiona, Miriam Costas Irirarte, a Directora da Casa da Navegación de Baiona, Rosa Vilar Quinteiro xunto con representantes da empresa XOIA Extending Reality, presidiron o acto de presentación do novo espazo museístico da Casa da Navegación de Baiona, realizado a través dunha reforma promovida polo proxecto europeo “Exploraterra”, encargado de divulgar as grandes travesías transoceánicos peninsulares da historia.

A Casa da Navegación de Baiona acaba de presentar unha experiencia de realidade virtual coa que os seus visitantes poderán mergullarse no interior da famosa Carabela Pinta, pero non una calquera, senón a do ano 1492. Un salto no tempo de máis de cinco séculos que permitirá coñecer as reviravoltas da navegación e a vida a bordo naquela época.

“Entre as melloras e novidades no catálogo atopamos unha interesante actividade de realidade virtual, con preferencia para aquelas persoas con mobilidade reducida que non poden acceder ao museo flotante”, destacou durante a presentación o alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado.

“ Viaxar no tempo, xa é posible en Baiona, o que abre as portas a unha nova forma de turismo, de cultura e de poñer en valor o noso patrimonio. Devolver á vida monumentos, espazos e elementos históricos para entender o patrimonio e o seu pasado de maneira visual é a gran aposta que fixemos desde o Concello de Baiona para achega máis ao público a xesta colombina, a nosa historia e o noso museo máis visitado. A visita á histórica Carabela Pinta converteuse nunha aventura aínda maior na que o visitante pode formar parte e interactuar nas contornas virtuais que se lle presentan”, finaliza o rexedor.

O Outono de libros baixa o pano coa ópera prima do escritor tudense Emilio Estévez

0

Tras seis semanas achegando á veciñanza a literatura de autores e autoras da comarca, o Outono de libros do Concello de Tomiño baixa o pano cunha presentación moi especial, a da ópera prima do tudense Emilio Estévez, ‘El Báculo de San Epitacio. Susana, Susana…’. Nunha charla amable, amena e aberta a todos os públicos, o escritor descubrirá ao público a historia que se agocha detrás da súa primeira novela, coa que debuta no panorama narrativo de aventuras.

Ambientada principalmente en Tui, cunha prosa áxil e cun ritmo imparable, Estévez mergúllanos na historia de Susana, unha moza nada no País Vasco que ordena e organiza minuciosamente o seu presente e o seu futuro nunha época de reinicio e cambios, o verán de 1999, co novo milenio chamando á porta. Non obstante, o pasado sae ao seu encontro nunha viaxe á histórica cidade tudense, ao finisterrae románico, na procura das orixes da súa defunta nai que lle cambiará a vida para sempre. Con esta historia de fondo, os e as lectores poderán gozar dunha novela que cabalga entre o xénero de aventuras e a novela histórica, sen desatender os aspectos máis profundos da natureza humana.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, convida a toda a veciñanza a desfrutar da presentación do libro de Emilio Estévez ao abeiro dun programa co que dende o Concello se buscaba “descubrir aos tomiñeses e tomiñesas ás e aos escritores que teñen ao seu carón e dar visibilidade á creación literaria en todos os xéneros e a calquera idade”.

Natural de Tui, Emilio Estévez é enxeñeiro industrial de profesión, doutor en matemática aplicada e profesor universitario. A súa carreira profesional desenvolveuse ocupando cargos de responsabilidade en empresas e organizacións empresariais, como Coplant, a principal distribuidora de planta ornamental de Galicia e das máis importantes a nivel estatal, da que é xerente. Coa chegada da pandemia, Estévez decidiu explorar unha inquedanza que tiña dende tempo atrás e comezou a dar forma a unha historia que percorre escenarios de ficción nunha aventura trepidante na que o lector e a lectora poderán atopar certos matices autobiográficos. O autor xa está a traballar na súa segunda novela.

A presentación será no Mercado de Tomiño ás 20.00 horas con entrada de balde e libre ata completar aforo.

Arbo mellorará tres parques infantís

0

Unha vez detectada polo Concello a necesidade de levar a cabo a mellora e posta en valor das áreas recreativas e parques infantís dos que dispón o Concello, e dado o interese que isto supón para os veciños deste municipio, contemplase a mellora dos parques infantís sitos na Praza da Feira na parroquia de Sela e o parque infantil de Turbela sito en Arbo, así como a creación dun parque de biosaludables na Granxa na parrqouia de Sela.

O alcalde do Concello de Arbo manifesta que se trata de levar a cabo ditas actuacións de intervención para recuperar a funcionalidade, preservar e conservar as referidas instalacións, mantendo a imaxe e conservación do patrimonio municipal,  mellorando así o servizo á  cidadanía e a calidade do mesmo, dado o deterioro no que se atopan actualmente  e o perigo que supoñen para os usuarios dos mesmos, e dotando dos servizos adecuados aos referidos espazos públicos existentes, nalgúns casos dado polo desgaste causado polo paso do tempo e, noutros, o uso inapropiado destas instalacións que son a causa de que moitos non estean en condicións, unha situación que se quere emendar con este contrato e coa creación do Parque de biosaludables na parroquia de Sela, dase resposta a unha demanda dos veciños e veciñas do barrio de A Granxa en Sela.

Cun orzamento de 16.680 euros subvencionado pola Axencia de Turismo de Galicia, o Concello de Arbo no ano 2020 arrombou e mellorou o parque de Turbela e outros espazos públicos do municipio. No parque de Turbela as obras consistiron no acondicionamento do asador e a retirada dun almacén, o que permite gozar con maior seguridade da contorna.

ACTUACIÓNS

Mellora do Parque Infantil na Feira, na parroquia de Sela

Trátase dun parque infantil, sito na Praza da Feira na parroquia de Sela. A intervención ten como única pretensión o renovar os elementos existentes e dotalos de  novas instalacións: Levantamento de xogos existentes e o pavimento de caucho deteriorado, impermeabilización de forxado e posterior protección con soleira de formigón armada, recollida e condución das augas pluviais, instalación de novo tobogán e pavimento de caucho e colocación de varanda de tubo de aceiro inox en suplemento de parámetros verticais de fábrica de pedra ata unha altura de 1,10 m.

Mellora do Parque Infantil na Área Recreativa de Turbela

Trátase dun parque infantil situado no casco de Arbo, no barrio de Turbela. Nel existen unha serie de xogos infantís, os cales, co paso do tempo deterioráronse e en algún caso volvéronse impracticables para o uso dos nenos manténdose outros en bo estado de conservación. A intervención consiste no levantamento dos xogos existentes e os seus elementos de apoio, limpeza da zona delimitada do parque e entorno, instalación de novos xogos e bases de anclaxe e subministro estendido e compactado de area como pavimento final

Creación de Parque Biosaudable na Granxa, na parroquia de Sela

Trátase dun parque de biosaudables, sito en Sela, no barrio de Portela a Granxa. A intervención ten como única pretensión crear  un parque biosaludable con  elementos para a mellora física, mellora da mobilidade, desenvolvemento de forza e flexibilidade, aumentar a axilidade e fortalecer os musculos.  

Coa execución das actuacións contempladas no presente proxecto preténdese acadar un múltiple obxectivo mellorar o servizo e a seguridade da cidadanía e a calidade do mesmo

O Porriño acolle unha reunión de traballo do ciclo de Pedra natural

O Centro Tecnolóxico do Granito acolleu esta mañá unha reunión de traballo entre Concello do Porriño, Xunta de Galicia, IES Ribeira do Louro e Cluster do Granito para valorar e tratar posibles melloras no recén implementado ciclo de grao medio de Pedra natural na modalidade Dual que se está a desenvolver no instituto porriñés.

Na mesma participaron o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, o xefe territorial de Educación, César Pérez Ares, acompañado por persoal técnico, o coordinador do Consello Directivo da FCTG, José Ángel Lorenzo, a concelleira de Educación, Carolina González, e a directora do IES Ribeira do Louro, Juana Muñoz.

Neste primeiro curso están matriculados 14 alumnos e alumnas, que se forman na modalidade dual dentro da familia profesional das Industrias Extractivas. “Este ciclo naceu para dar resposta ás necesidades de formación de novos profesionais trasmitidas polo Cluster do Granito e supón unha clara oportunidade de emprego para os alumnos e alumnas que o cursan, ao contar coa participación de empresas integradas no mesmo para formarse”, explicou o alcalde, “Todas as entidades que unimos forzas para facelo posible traballamos para que a formación sexa de calidade e avanzar na cualificación e na especialización técnica dos futuros profesionais dun sector de gran impacto no Porriño”.

Cando a reciclaxe chama á porta no Rosal

0

O Concello do Rosal continúa coa súa aposta por achegar á veciñanza modelos máis sostibles e respectuosos co medio ambiente en todos os ámbitos, tamén na xestión de residuos. Neste camiño, este xoves 10 de novembro o Centro Social Polivalente acollerá a charla ‘O cambio chama á túa porta. Falemos de reciclaxe’, un encontro co mestre composteiro Óscar Martínez no que abordar cuestións que permitirán a rosaleiros e rosaleiras adiantarse ao futuro da reciclaxe.

“Cada día facemos esforzos para concienciar ás persoas de que existen outros modelos de xestión dos nosos residuos afastados do usar e tirar en prol dun modelo de economía circular”, explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís. A rexedora lembra que o Concello ten en marcha unha web específica de medio ambiente, un espazo que aglutina toda a información relativa á xestión responsable dos residuos, unha ferramenta coa que baixo o lema ‘Únete ao cambio’ se busca axudar a potenciar a autocompostaxe nas vivendas e a recollida selectiva en orixe, fomentar a trituración de restos leñosos para evitar a queima ou que acaben nos colectores do resto, axudar a alongar a vida útil dos obxectos e mesmo reducir o volume de residuos a tratar ou eliminar no vertedoiro.

A charla será ás 20.00 horas, con entrada de balde e libre ata completar aforo.