12.4 C
Pontevedra
Venres, 26 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoO RosalUn viñedo, innovador escenario do XXIV Trofeo Montes de Eiras de ciclocross

    Un viñedo, innovador escenario do XXIV Trofeo Montes de Eiras de ciclocross

    O Trofeo Montes de Eiras de ciclocross celebra a súa 24 edición nun escenario moi especial. Esta fin de semana esta carreira organizada polo Club Ciclista O Rosal coa colaboración do Concello celebrarase por primeira vez nos viñedos da adega Terras Gauda, un circuíto único e innovador a nivel autonómico, xa que non existe ningunha outra competición ciclocross en Galicia que se desenvolva nunha paraxe similar.

    “Estamos ante unha carreira moi novidosa na que poderemos desfrutar dun circuíto singular que será un elemento distintivo deste trofeo e que permitirá a todo o público coñecer unha parte moi importante do noso municipio. É, sen dúbida, un percorrido espectacular que reflicte perfectamente a identidade do propio Rosal”, salientou a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, durante o acto de presentación, que contou con representantes do Concello, do club ciclista, da Federación Galega de Ciclismo, da Xunta de Galicia e da bodega Terras Gauda.

    En total serán 300 deportistas os que participarán este sábado 12 de novembro dende as 13.30 horas en ata 15 categorías diferentes, polo que sobre o terreo haberá ciclistas dende os 12 anos ata maiores de 60. A carreira transcorrerá por todo o viñedo, polo que o público poderá ver por primeira vez o circuíto completo dende diferentes posicións, dada as características do terreo.

    Dende o Concello quérese felicitar ao Club Ciclista O Rosal pola organización deste gran evento nunha contorna espectacular e agradecer á bodega Terras Gauda a súa colaboración e implicación neste trofeo único, así como de deporte Galego da Xunta de Galicia, da Federación Galega de Ciclismo, de todas as empresas e entidades colaboradoras e do equipo de voluntarios de Protección Civil.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.