13.7 C
Pontevedra
Sábado, 20 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoOiaXunta e Concello impulsan a tramitación da modificación puntual urbanística que permitirá...

    Xunta e Concello impulsan a tramitación da modificación puntual urbanística que permitirá recuperar o mosteiro

    Encarnación Rivas informou dos pasos urbanísticos e ambientais a seguir co fin de axilizar a aprobación dos cambios nas normas subsidiarias que rexen neste concello

    A Xunta e o Concello de Oia reuníronse na mañá do xoves co fin de analizar a situación actual da modificación urbanística promovida polo Goberno local para permitir a recuperación do Real Mosteiro de Oia e tratar de impulsar a súa tramitación nos vindeiros meses.

    A tal fin, a directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, trasladoulle á alcaldesa, Cristina Correa, ao propietario do Mosteiro de Oia, Juan Martínez, e aos técnicos municipais que os acompañaron durante a xuntanza cales son os principais pasos a seguir tanto desde o punto de vista urbanístico como ambiental para poder avanzar cara á aprobación definitiva dos cambios propostos nas Normas Subsidiarias que rexen neste concello desde o ano 1996.

    Así mesmo, Rivas púxose á disposición do concello para resolver calquera posible dúbida que poida xurdir a partir de agora con relación a esta modificación urbanística, así como para colaborar na medida do posible co fin de contribuír a axilizar os trámites dependentes do seu departamento.

    Cómpre subliñar que os cambios normativos que quere acometer o Concello teñen como obxectivo, entre outras cuestións, dar amparo urbanístico ao proxecto de recuperación do Real Mosteiro de Oia, unha construción que data do século XII e foi declarada Ben de Interese Cultural (BIC) no ano 1931.

    Pertencente á época cisterciense, trátase dun conxunto arquitectónico cun gran valor histórico e patrimonial, de aí o interese municipal por facilitar un encaixe normativo axeitado para o proxecto, que prevé rehabilitar o mosteiro e tamén a súa contorna.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.