16 C
Pontevedra
Xoves, 25 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaA Deputación e Next Educación ofrecen o curso Territorio Rural Intelixente

    A Deputación e Next Educación ofrecen o curso Territorio Rural Intelixente

    A Deputación de Pontevedra,  xunto co Centro de Estudos Superiores Next Educación, pon en marcha o curso Diplomado Especialista en Territorio Rural Intelixente, produto dos estudos, foros, conferencia e documentais impulsados pola Cátedra de Despoboamento deste centro educativo, dirixido por “un dos grandes xornalistas da historia da democracia do noso país”, Manuel Campo Vidal,  e que naceu co obxectivo de facer fronte e combater o reto demográfico ao que se enfronta a sociedade no momento actual. “Hai que comezar a investir en aquelo que permita facer que o territorio rural se volva intelixente –asegurou Carmela Silva-, porque temos que ofrecer instrumentos para que a xente poida quedarse e crear proxectos que fomenten a actividade e o crecemento económico”. É a maneira de conseguir “o cambio que precisa o rural” e darlle vida a un territorio vital no conxunto da provincia. “Nin sequera as grandes urbes teñen futuro se non somos capaces de manter vivo o rural”, precisou a presidenta de Deputación.

    Neste contexto nace o Diplomado Especialista en Territorio Rural Intelixente, pensado para “cargos locais, persoal técnico, persoas emprendedoras do ámbitos rural” ou toda aquela persoa interesada no desenvolvemento de proxectos locais, pois “é fundamental que a xente que ten que liderar o cambio teña ferramentas para facelo”. O curso, que conta con 75 prazas, desenvolverase entre o 15 de novembro e o 27 de decembro de maneira online, cunha duración de 20 horas, a través de seminarios web e conversacións en directo co profesorado, todos eles expertos nas diferentes materias que se abordarán.

    “Fixemos este Diplomado Especialista en Territorio Rural Intelixente para ofrecer os elementos básicos de dixitalización, sostibilidade, de como facer un proxecto e como se comunica. Porque no mundo rural iniciativa hai, e hai persoas emprendedoras se se crea o ecosistema necesario para que xurdan, pero para iso o que se precisa é formación especializada”, explicou Manuel Campo Vidal, ao falar dun curso que chega agora á provincia de Pontevedra e pola que xa pasaron máis de 300 persoas. “Hai que ter proxectos, aprender novas prácticas e establecer alianzas. E neste ámbito as deputacións son absolutamente fundamentais, porque teñen unha visión xeral do territorio no que gobernan”, confirmou, ao tempo que lembrou que “hai que gañar unha batalla que é de país”, pois non é posible que “o 80% da poboación viva no 20% do territorio, así non chegamos a ningún lado”

    O Diplomado Especialista en Territorio Rural Intelixente contará, ademais de con Manuel Campo Vidal, con profesores e profesoras especializadas en crecemento sostible, enxeñería, desenvolvemento rural ou comunicación, entre outras materias, e abordará temas como o concepto innovador de Territorio Rural Intelixente, o novo modelo de planificación, os ecosistemas innovadores e as infraestruturas básicas de Territorio Intelixente, o novo modelo de actuación, a innovación social e o medio rural, o impulso ás pemes e a reconversión territorial, as boas prácticas de desenvolvemento ou as claves para a comunicación eficaz.

    As inscricións para esta formación impulsada pola Deputación de Pontevedra e o Centro de Estudos Superiores Next Educación xa se poden facer a través do formulario habilitado na web https://www.nexteducacion.com/diplomado-especialista-enterritorio-rural-intelixente/deputacion-pontevedra e hai bolsas dispoñibles para poder cursalo. Aquelas persoas que completen o curso, que está supervisado pola Federación Española de Municipios e Provincias, recibirán o título de Especialista en Territorio Rural Intelixente.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.