Martes, 29 Abril de 2025

A obra de teatro “Invisibles” chega ao auditorio de Mondariz

O Concello de Mondariz, comprometido firmemente coa igualdade na súa programación de actividades socioculturais, ofrece de balde no auditorio municipal este sábado, 12 de novembro, a obra de teatro “Invisibles”, unha adaptación da novela homónima da escritora e investigadora especializada en memoria histórica Montse Fajardo.

“Invisibles”, producida por Redrum Teatro, está dirixida por Marián Bañobre e protagoniza polas actrices Mela Casal, Sheyla Fariña e Neves Rodríguez. Recibiu tres premios de teatro María Casares, dous deles nas categorías de mellor dirección e mellor adaptación/tradución, polo que é garantía de calidade. Chega a Mondariz a través do programa “Tornar ás táboas” da Deputación de Pontevedra.

A peza teatral, ao igual que o libro de Montse Fajardo, relata casos reais de violencia de xénero sufridos por sete mulleres galegas. “Con esta actividade conmemoramos anticipadamente o 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres. Hai ano e medio xa trouxemos a Montse Fajardo para que dese unha charla sobre a represión sufrida polas mulleres durante a guerra civil e a ditadura franquista, no marco da exposición Rexas, que tamén estaba comisariada por ela. Estabamos desexando programas esta obra inspirada na súa novela”, comenta Anxos Carballo, concelleira de Cultura e Igualdade.

A programación de actividades socioculturais para conmemorar o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres compleméntase o 18 de novembro, coa proxección do filme “Dios tiene nombre de mujer y se llama Petrunya” (Teona Strugar Mitevska, 2020) ás 21:30 horas no auditorio municipal e o mesmo 25 de novembro cunha charla do escritor e historiador Rubén Martínez titulada “Do vals ao charlestón” a partir das 19:00 horas na biblioteca municipal. A película do 18 de novembro ofrece unha crítica aos costumes retrógrados da sociedade balcánica, mentres que a charla do 25 de novembro fai un singular percorrido histórico pola evolución das mulleres, empregando os bailes e a propia moda elemento de análise.

O teatro comprometido continuará en Mondariz o sábado 26 de novembro, coa representación da obra “A señora de Forcadela”, de Os Quinquilláns, na que se conta unha historia baseada na biografía da mestra Josefa García Segret, represaliada durante a guerra civil e a ditadura franquista.