13.7 C
Pontevedra
Sábado, 20 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoTomiñoO Outono de libros baixa o pano coa ópera prima do escritor...

    O Outono de libros baixa o pano coa ópera prima do escritor tudense Emilio Estévez

    Tras seis semanas achegando á veciñanza a literatura de autores e autoras da comarca, o Outono de libros do Concello de Tomiño baixa o pano cunha presentación moi especial, a da ópera prima do tudense Emilio Estévez, ‘El Báculo de San Epitacio. Susana, Susana…’. Nunha charla amable, amena e aberta a todos os públicos, o escritor descubrirá ao público a historia que se agocha detrás da súa primeira novela, coa que debuta no panorama narrativo de aventuras.

    Ambientada principalmente en Tui, cunha prosa áxil e cun ritmo imparable, Estévez mergúllanos na historia de Susana, unha moza nada no País Vasco que ordena e organiza minuciosamente o seu presente e o seu futuro nunha época de reinicio e cambios, o verán de 1999, co novo milenio chamando á porta. Non obstante, o pasado sae ao seu encontro nunha viaxe á histórica cidade tudense, ao finisterrae románico, na procura das orixes da súa defunta nai que lle cambiará a vida para sempre. Con esta historia de fondo, os e as lectores poderán gozar dunha novela que cabalga entre o xénero de aventuras e a novela histórica, sen desatender os aspectos máis profundos da natureza humana.

    A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, convida a toda a veciñanza a desfrutar da presentación do libro de Emilio Estévez ao abeiro dun programa co que dende o Concello se buscaba “descubrir aos tomiñeses e tomiñesas ás e aos escritores que teñen ao seu carón e dar visibilidade á creación literaria en todos os xéneros e a calquera idade”.

    Natural de Tui, Emilio Estévez é enxeñeiro industrial de profesión, doutor en matemática aplicada e profesor universitario. A súa carreira profesional desenvolveuse ocupando cargos de responsabilidade en empresas e organizacións empresariais, como Coplant, a principal distribuidora de planta ornamental de Galicia e das máis importantes a nivel estatal, da que é xerente. Coa chegada da pandemia, Estévez decidiu explorar unha inquedanza que tiña dende tempo atrás e comezou a dar forma a unha historia que percorre escenarios de ficción nunha aventura trepidante na que o lector e a lectora poderán atopar certos matices autobiográficos. O autor xa está a traballar na súa segunda novela.

    A presentación será no Mercado de Tomiño ás 20.00 horas con entrada de balde e libre ata completar aforo.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.