Domingo, 20 Xullo de 2025

Ano excepcional de turismo para os Castelos de Soutomaior e Sobroso

2022 foi un ano histórico para os Castelos de Soutomaior e Sobroso que conseguiron unha excepcional cifra de visitantes nunca alcanzada antes. O Castelo de Soutomaior segue a ser unha das xoias do patrimonio da Deputación e este ano pasaron polo seu interior 37.800 visitantes, aos que hai que engadir as miles de persoas que visitaron os seus xardíns, declarados de Excelencia Internacional en Camelia. A gran afluencia deste ano que remata únese á crecente demanda experimentada desde 2018 cando a institución provincial realizou a ambiciosa musealización da fortaleza. De feito desde a súa estrea a cifra de visitantes elévase ás preto de 150.000 persoas. A variedade de percorridos que se ofrecen, as experiencias para maiores e pequenos e as actividades postas en marcha xustifican estas cifras históricas de visitantes que, por exemplo, neste Nadal superaron con creces os datos obtidos nestas datas en anos anteriores, con preto de 5000 visitas para desfrutar do alumeado e a decoración amais do mercadiño.

Outra das grandes iniciativas que fan atractiva a experiencia de visitar Soutomaior son os  programas de visitas caracterizadas e teatralizadas, que a Deputación de Pontevedra puxo en marcha no ano 2016. Esta proposta pretende acercar a cidadanía a nosa riqueza cultural e patrimonial coas visitas teatralizadas,  dirixidas ao público adulto da man de tres anfitrioas de excepción: María Vinyals, Emilia Pardo Bazán e Emilia Lluria. Pola súa banda, as caracterizadas, están dirixidas ao público familiar e estruturadas en forma de conto, con diversos personaxes estreitamente relacionados coa vida no castelo.

2022 tamén foi o ano da estrea no mes de abril da musealización, vangardista e interactiva, no Castelo de Sobroso que chegou nestes meses ás case 8.000 visitas. Ambos os dous Castelos acolleron ao longo do ano unha ampla cantidade de actividades culturais promovidas pola Deputación e enmarcadas no programa “Con-Fiando Cultura”. “Tras as Ameas” encheu de actuacións o calendario estival destas dúas fortalezas colgando o cartel de completo na maioría dos espectáculos. Un total de 14 actos, sete en cada Castelo, que fixeron desfrutar aos máis cativos e cativas da maxia, o teatro, a musica, a danza, o circo ou de talleres artísticos. Outra das actividades que converteu os Castelos en escenarios foi “Música no Ar”, Soutomaior foi o encargado de dar o tiro de saída a longa lista de recitais prevista para este ano, o recital tivo lugar no Patio de Armas, cun concerto da Orquestra de Vigo e Cintaadhesiva no que interpretaron Proxecto “Retrato Musical”. Pola súa banda, o Castelo de Sobroso tamén gozou do seu espectáculo cunha actuación do Cuarteto de corda da OV430.

As Raíñas e Reis Magos de Oriente visitarán as parroquias de Covelo

0

A comitiva das Raíñas e Reis Magos de Oriente visitará cada unha das parroquias do Concello de Covelo para repartir ilusión o día 6 en cada recuncho. Deste xeito, a raíña e o rei Melchor sairán de Fofe ás 16:30 horas para chegar a Piñeiro ás 17 e visitar Barcia de Mera ás 17:30 horas. Ás 18 horas repartirán maxia en Casteláns e, de seguido, trasladaranse á praza Mestre Cerviño de Covelo.

O séquito real de Melchor comezará o seu percorrido na Graña ás 16 horas para continuar visitando Campo ás 16:30 horas, Godóns ás 17 horas e San Salvador de Prado ás 17:30 horas para xuntarse ás 18:30 horas na praza Mestre Cerviño co resto dos reis e das raíñas de Oriente.

O rei e a raíña Baltasar saudarán á veciñanza de Prado da Canda ás 16:30 horas para chegar á Lamosa ás 17 horas, a Paraños ás 17:30 horas e ás 18 horas a Santa Mariña. A continuación farán a súa chegada ao centro urbano arredor das 18:30 horas.

No seu percorrido, raíñas e reis de Oriente realizarán pequenas paradas nos locais da hostalaría para felicitar o ano e espallar os seus mellores desexos ao seu paso, ademais de agasallar doces que tamén entregarán a todas as cativas e cativos que se acheguen a darlles a benvida o pavillón municipal de Covelo.

Na praza Mestre Cerviño desfilarán nas súas carrozas reais e visitarán ás e aos nosos maiores da residencia da terceira idade para deixarlles un cariño en forma de flor. De alí irán ao pavillón municipal onde atenderán a a todas e todos os cativos que, xunto coas súas familias, desfruten do día de Reis xogando nos hinchables e degustando un chocolate con rosca.

Dispositivo especial de tráfico con motivo da Cabalgata Internacional en Tui

0

Tui recibirá hoxe aos Reis Magos de Oriente nunha Cabalgata Internacional que percorrerá as rúas da Eurocidade. Por iso, a Policía Local despregará un dispositivo especial de tráfico que restrinxirá a circulación e o estacionamento nos lugares e horarios que se detallan a continuación:

-Queda prohibido estacionar dende ás 8h na rúa Augusto González Besada

-Tamén queda prohibido estacionar dende as 12h na Avenida de Portugal e rúa Martínez Padín en ambos sentidos.

-Haberá un corte de tráfico entre as 18h e as 19h dende a Avenida de Portugal até a rúa Calvo Sotelo.

-Como alternativa para aqueles que queiran ir entre A Guarda e Vigo en ambos sentido, prégase circular pola A55 como vía alternativa.

-Os autobuses de pasaxeiros da empresa Lugove entre A Guarda e Vigo poden sufrir alteracións nos seus horarios.

Por todos estes cambios, o Concello de Tui quere agradecer a compresión da cidadanía e pide a máxima colaboración para o correcto desenvolvemento do evento previsto.

Redondela e Chapela terán Cabalgatas de Reis para que nenos poidan gozar dun dos días máis esperados do ano

0

Redondela e Chapela celebrarán o día 5 de xaneiro do 2023 a esperada cabalgata para recibir aos Reis Magos de Oriente e que os nenos poidan gozar dunha das actividades máis ilusionantes do Nadal.

O ano pasado as cabalgatas adoptaron o formato de actividades estáticas, unha recomendación para poder celebrar o Día de Reis en plena pandemia do Covid-19. “Este ano as dúas cabalgatas do municipio volven a facer o seu percorrido habitual, un momento moi esperado polos máis cativos e cativas de Redondela que poderán gozar das festas como se merecen”, explicaba a alcaldesa, Digna Rivas.

En Redondela, os Magos de Oriente comenzarán ás 18 horas en Vilavella, preto da Praza de Ponteareas, para dar a volta no Campo da Feira e facer parada no Concello, onde recibirán aos nenos e nenas e escoitar os desexos deste ano. O percorrido polas rúas de Chapela comeza ás 18 horas no alto da Encarnación ata 4 Pontes e volve ao edificio do Círculo Recreativo de Chapela para recibir alí os cativos e cativas.

“A cabalgata recuperará todo o esplendor despois dos anos de pandemia. É importante para este goberno que os dous núcleos urbanos máis importantes do municipio, Redondela e Chapela, teñan a súa propia cabalgata e chegar a maior cantidade de raparigos e raparigas posible”, conclúe Rivas.

A Deputación repara a EP-2102 tras as choivas entre Nigrán e Vincios

0

As intensas choivas que se viviron nos últimos días na provincia de Pontevedra seguen a producir incidencias na rede viaria provincial. En concreto, as sufridas especialmente o pasado 1 de xaneiro afectaron a varios puntos do noiro da estrada provincial EP-2102, que une Nigrán e Vincios, onde xa se está a construír un muro de contención para garantir a vialidade e evitar o risco de colapso da estrutura e o derrube da calzada no punto quilométrico 3+000.

Neste punto en concreto, a estrada ten unha sección moi estreita, case sen beiravía e sen berma, e os deslizamentos deixaron o borde da estrada colgando, situación que impedía garantir a estabilidade do noiro nin a seguridade do tráfico. Por esa razón, foi necesario facer un desvío do mesmo, regulando o tráfico alternativo con semáforos, para afastar así as cargas de circulación do borde e evitar que a estrada seguira desmoronándose. Todo isto estaba a provocar un risco e unha grave interferencia no tránsito rodado da estrada, o que fixo necesaria unha actuación de emerxencia para garantir a viabilidade e evitar riscos de danos maiores.

 Por iso, a Deputación de Pontevedra procedeu a contratar a obra de emerxencia para a construción dun muro de contención no citado punto quilométrico 3+000 da EP-21202 Nigrán-Vincios. As obras, que xa se está a executar a empresa Cantería y Obras Manuel Vaqueiro S.L.U., ten un custo estimado de 40.00o euros (IVE incluído).

Os Reis Magos chegan mañá a Oia

0

Os Reis Magos visitarán Oia durante toda a xornada do xoves día 5 de xaneiro, onde participarán na tradicional cabalgata. As súas Maxestades de Oriente percorrerán os distintos barrios e parroquias e irán facendo paradas no comiño para coñecer aos nenos e nenas do municipio e constatar o ben que se teñen portado no último ano.

A comitiva real fará a súa ruta levando festa, ledicia e ilusión por cada recuncho do concello. O percorrido e horarios serán os seguintes:

Mañá

A Portela (11.00h), Mavia/Santa Comba (11.30h), Acevedo (12.00h) e Praza de Loureza (12.30h), continuando por Refoxos cara á Praza de Burgueira (13.00h) e Praza de Torroña (13.30h).

Tarde

Casa Cultural de Viladesuso (15.00h), Casa Cultural de Pedornes (15.30h) e baixada ao Mosteiro de Oia (16.00h). No adro da igrexa parroquial de Santa María de Oia o párroco, don Daniel Goberna, recibirá ás súas maxestades os Reis Magos. A continuación cantaranse unhas panxoliñas e farase a entrega do premio ao gañador  do concurso de postais do párroco.

A recepción aos Reis Magos celebrarase no CEIP Mestre Manuel García (16.30h), nun acto no que haberá agasallos, chocolatada e animación infantil.

Desde alí o percorrido continuará ata a Casa Cultural de Mougás (19.00h), onde terá lugar o fin de festa.

As súas Maxestades de Oriente chegan á Guarda este xoves

0

O Concello da Guarda remata esta semana a programación de actividades do nadal coa visita dos Reis Magos, a Cabalgata de Reis chegará ata a nosa vila na tarde do xoves día 5 de xaneiro, recuperando ao final do seu percorrido a tradicional recepción ás nenas e nenos na Casa dos Alonso.

Sobre as 16:30h da tarde, as Súas Maxestades de Oriente sairán en caravana para visitar as diferentes parroquias e os barrios da vila, coma O Castro, A Gándara, O Coruto, Saa, Camposancos, etc.

Ás 18:00h será a Cabalgata de Reis Magos, que sairá dende a Alameda da Guarda para facer o tradicional desfile pola Rúa Galicia ata a Praza do Reló, onde realizarase unha recepción na Casa dos Alonso sobre as 19:00 h. En caso de choiva a recepción realizarase no Pavillón Municipal da Sangriña.

A proba de obstáculos en familia A GUARDA FAMILIY KIDS, finalmente non se vai a celebrar este sábado como estaba previsto inicialmente debido á previsión meteorolóxica desfavorable e será trasladada ao vindeiro 4 de febreiro ás 17:00 h.

Do mesmo xeito a Carreira San Silvestre tamén vai ser aprazada á seguinte fin de semana debido a situación meteorolóxica desfavorable, nunha data que será anunciada nos vindeiros días.

PROGRAMACIÓN

Xoves 5 de xaneiro pola tarde polas rúas da Guarda

Cabalgata e visita dos Reis Magos

Sábado 4 de febreiro ás 17:00h na Alameda

A Guarda Family Kids

Covelo aproba en pleno a recepción do conxunto abacial de San Martiño de Barcia de Mera

0

O pleno do Concello de Covelo aprobou a recepción da cesión do pazo abacial, casa de obra, alpendre e hórreo do conxunto parroquial de San Martiño de Barcia de Mera.

Así, o pleno deu luz verde á proposta do goberno de recepcionar a cesión temporal e gratuíta do pazo abacial de San Martiño para a súa rehabilitación. Ao longo dos vindeiros 50 anos o Concello de Covelo xestionará esta importante obra do patrimonio arquitectónico e cultural, podendo despois prorrogalo baixo acordo do Concello e da Diócese de Tui-Vigo. Co obxectivo de restaurala e pola en valor, o Concello de Covelo recepciona este ben histórico que considera de interese público.

“Este conxunto arquitectónico atrae a curiosidade de viaxeiros e viaxeiras que se achegan ao noso concello só para coñecelo e cremos que é importante que recupere o seu esplendor para o goce non só da cidadanía, tamén dos e das visitantes e en especial para o desfrute da veciñanza de Barcia de Mera ”, sinala o alcalde, Pablo Castillo.

Nas vindeiras semanas Castillo desprazarase a Santiago de Compostela para reunirse coa Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, e comezar as xestións administrativas para a redacción do proxecto de rehabilitación. O proceso acompañarase da tramitación das correspondentes autorizacións e licencias que permitan a intervención.

O Concello proxecta para este conxunto barroco a prestación de servizos socio-culturais públicos, entre outros posibles usos, que beneficien á cidadanía, que promovan o coñecemento do pazo abacial e, en definitiva, que lle dean vida e sexa para o desfrute de todas e todos dende “o respecto a esta xoia do pasado que chegou ata os nosos días sen perder o seu valor e beleza”.

Pablo Castillo suliña que a cesión do Pazo posibilitará un amplo e rico espazo no que ofrecer actividades culturais, con prioridade para as iniciativas da parroquia de Barcia de Mera. 

Por último, quere agradecer a boa disposición do bispado e de D. Rafael, sacerdote da parroquia, por aceptar as condicións da cesión e poder destinalo ao uso público da parroquia de Barcia de Mera.

Redondela volve a celebrar o certame de Rondallas e Ranchos de Reis e a tradicional Feira de Reis

0

O Concello de Redondela celebra, o día 6 de xaneiro, o tradicional certame de Rondallas e Ranchos de Reis para o que destinan 3.000 euros de presuposto en premios. Ademais de ser un día de troula e celebración, tamén coincide coa tradicional Feira de Reis que corresponde coa primeira feira do ano e que soe ser das máis concurridas.

O ano pasado a elevada incidencia de casos Covid levou ao goberno local a suspender a cita. A concelleira de Cultura explicaba, Iria Vilaboa, que se trata dunha cita “que congrega moito público”, e malia celebrarse ao aire libre desde o Concello decidiron suspender esta actividade “para evitar aglomeracións”.

Este ano volve o certame con total normalidade, algo que a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, celebraba como “un paso importante para devolver a tradición e a alegría á vila, despois de dous anos de restricción pola pandemia”. Tamén quixo salientar “a importancia das formacións no día de reis, pois “contribúe a que veciñas e veciños poidan gozar do espírito destas datas”.

As 5 agrupacións presentadas este ano son de distintos municipios da provincia e comezarán o percorrido ás 10:30 horas na rúa Pai Crespo, continuando pola rúa Alfonso XII e rúa Ribeira. Para poder optar aos premios é imprescindible que as Rondallas ou Ranchos de Reis  actúen como mínimo, unha vez, diante do Concello e interpreten 5 temas do seu repertorio.

O Concello destina un orzamento de 3.000 euros para premiosconcedendo 500 euros a cada unha das formacións que se presenten ata o total do orzamento previsto. No caso de superar este, será repartido proporcionalmente entre as agrupacións participantes. Este ano presentaronse 5 agrupacións distintas

A vendima da finca do Castelo de Soutomaior proporciona á Deputación importantes ingresos

A Deputación de Pontevedra vén de aprobar a liquidación pola venta da uva da finca do Castelo de Soutomaior, que vai proporcionar á institución provincial uns ingresos de preto de 47.000 euros (46.355 €). Hai que lembrar que na vendima deste ano recolléronse un total de 18.651 quilos de uva, a mellor colleita desde 2015, e que foi a empresa Enoturismo Acha a que resultou adxudicataria da poxa aberta pola institución provincial para a colleita nas catro hectáreas de viñedos que ten a finca.

A meirande parte da colleita foi de uva albariña, con 16.201 quilos, e o resto corresponde á variedade de godello (2.450 quilos).  Na poxa, a firma adxudicataria ofertara un prezo de 2,60€ por quilo de uva albariña e de 1 € para o resto de variedades.

A do 2022 foi a mellor colleita desde que a Deputación implantou o sistema de poxa para a vendima e explotación da uva da finca do Castelo, superando por exemplo de longo a cifra acadada no 2018, con 17.754 quilos recollidos, e tamén a do pasado ano 2021, con 16.827 quilos.   

Os viñedos do Castelo de Soutomaior foron plantados nos anos 80 e esténdese por 4 hectáreas. A explotación distribúese nunha parte con terreos tipo castel e en terrazas, e outra sobre terreos húmicos, fértiles e con cuberta vexetal suficiente, o que fai que as producións non sexan moi altas. A uva é autóctona, na súa maioría albariño, habendo outras variedades tanto brancas (godello, torrontés, loureiro e treixadura) como tintas (mencía e sousón).

Tui e Valença recuperan a súa Cabalgata Internacional dos Reis Magos

Tui e Valença volverán a celebrar este xoves 5 de xaneiro a súa Cabalgata Internacional da Eurocidade. Trátase do único caso de cabalgata internacional entre España e Portugal e este ano celebrará a súa 12ª edición con 3 quilómetros e medio de percorrido.

Deste xeito, os Reis Magos de Oriente visitarán as rúas de ambos municipios, con saída dende a cidade portuguesa e chegada ao Paseo da Corredoira de Tui preto das 19h para recibir aos máis pequenos que queiran pedir os últimos desexos.

Tui e Valença preparan así a noite máis máxica do ano, esa na que os nenos e nenas son absolutos protagonistas cun desfile de carrozas nas que desfilarán Melchor, Gaspar e Baltasar xuntos aos seus paxes reais. Os tres Reis Magos chegarán ás 16h da tarde en tren á Estación de Valença e, preto das 17.30h terá lugar a saída da comitiva real polas rúas valencianas. Alí percorrerán a Avenida do Colégio Português, a Avenida Miguel Dantas, a rotonda da Trapicheira e Avenida de Espanha antes de cruzar a Ponte Internacional sobre o río Miño.

Unha vez chegados a Tui, os Reis Magos continuarán o percorrido pola Avenida de Portugal, a Rúa Martínez Padín, a Rúa Augusto González Besada e chegarán a destino final, o Paseo da Corredoira e a carpa alí instalada onde recibirán a nenos e nenas dende ás 19h até as 21h da noite para recibir os derradeiros encargos de agasallos.

Nesa comitiva organizada polo departamento de Cultura do Concello de Tui e os seus homólogos da Cámara Municipal de Valença, haberá tres carrozas municipais que encabezarán cada un dos Reis Magos xunto a outras catro que encherán as asociacións tudenses Arume de Malvas, Lembranzas de Guillarei, Aloia de Pazos de Reis e Xuntanza de Randufe. En total haberá 200 participantes entre figurantes, músicos e persoal de organización e seguridad. Nese despliegue estarán presentes a GNR, os Bombeiros de Valença, Protección Civil das dúas cidades e a Policía Local de Tui.

Nese desfile estarán presentes ambos alcaldes e os representantes do goberno das dúas localidades. Amais, repartiranse máis de 1.300 quilos de caramelos sen gluten para todos os participantes que encherán as rúas no que é a actividade conxunta da Eurocidade máis importante por repercusión e número de participantes.

Os Reis Magos completarán a súa axenda na nosa Eurocidade coa visita ás residencias de maiores Paz e Ben, Amoralia e San Telmo na mañá do 4 de xaneiro en Tui, e Casa Santa Misericordia, Cruz Vermelha e Centro de Día esa mesma tarde en Valença.

Gran Cabalgata de Reis en Arbo

0

Mañá xoves, 5 de xaneiro, a partir das 18:00 horas, e seguindo coa tradición, as súas maxestades os Reis Magos de Oriente percorrerán as rúas de Arbo e entregarán agallasallos aos nenos de ata 11 anos de idade que teñan o correspondente vale regalo. Dito vale regalo pode recollerse nas oficinas do Concello. Como cada ano, espérase que moítisimos nenos de Arbo desfilen nas carrozas desta cabalgata, que cada ano sigue mellorando, crecendo e sorprendendo.

O alcalde do Concello de Arbo, Horacio Gil, manifesta que “nunha data tan especial para os máis cativos, que son os que máis o desfrutan, dende o goberno, queremos agradecer a todos os que colaboran na realización de este gran evento”.  Horacio Gil, tamén informa que a Cabalgata contará coa visita de persoaxes Disney.

Será o resultado dun intenso traballo de moitos meses, para ter todo a punto para que as súas maxestades, Os Reis Meigos de Oriente, repartan ilusión, sorrisos e agasallos aos pequenos de Arbo. Os nenos e nenas que queiran participar na Cabalgata, deberán anotarse previamente e ir acompañados por un adulto.

Con motivo da Cabalgata de Reis, o Concello comunica aos veciños que a Praza Consitorio, rúa Miguel Davila e rúa Antonia Tovar quedaran pechadas o trafico a partir das 16:30 horas, quedando asimismo prohibido aparcar.

As autoridades valoran os desperfectos provocados polas intensas choivas na Guarda a noite de fin de ano

0

As fortes choivas que se produciron na madrugada do día un de xaneiro provocaron, no Baixo Miño, importantes inundacións de fincas e viarios así como violentas escorrentías de auga con arrastre de materiais que nalgunhas zonas produciron erosións moi destrutivas. Os derrubes que se produciron foron nalgúns casos moi graves e requiren unha reparación inmediata pola perigosidade que representan e porque de non actuar con celeridade pode continuar o seu deterioro.

Dada a gravidade da situación o alcalde da Guarda, Antonio Lomba, mantivo contactos, o mesmo día un de xaneiro, coa Subdelegada do Goberno en Pontevedra, co Xefe de Costas de Pontevedra e co Xefe Territorial de Medio Ambiente da Xunta de Galicia. O rexedor trasladoulle as autoridades a situación que se estaba a producir por causa das escorrentías no litoral do esteiro.

O luns día dous o alcalde remitía un informe, no que se recollían as principais incidencias que se produciron na localidade, a Costas do Estado en Pontevedra e a Xefatura Territorial de Medio Ambiente da Xunta. Este informe foi acompañado dunha solicitude de axuda e colaboración para reparar os danos provocados polas choivas e escorrentías. Os principais temas que se referían no informe eran: o colapso da pista entre a Armona e o Codesal a altura da Noria, o colapso da zona de acceso a praia do Muíño e a erosión producida na contorna do colector de desaugue de pluviais na praia do Muíño.

O mesmo luns día dous, a petición do alcalde, a subdelegada do Goberno, Maica Larriba e o Xefe Provincial de Costas, Miguel García, desprazáronse ata A Guarda para valorar “in situ” os desperfectos provocados polas intensas choivas.

A incidencia máis grave foi a que provocou o colapso da pista entre a Armona e o Codesal. Esta pista quedou totalmente cortada por unha fenda transversal que ocupa unha superficie que supera os 300 m2 cunha profundidade de máis de 3 m e con aproximadamente 12 m de na súa parte máis ancha. Esta fenda provocou, a rotura do colector principal da EDAR da Guarda e dificulta o acceso a dúas vivendas que se atopan a súa veira. O concello estivo durante o luns facendo unha reparación de urxencia do colector para restablecer a condución de fecais para a depuradora.

O alcalde trasladou ás autoridades, como xa fixera por escrito, a urxencia das actuacións necesarias que permitan recobrar a normalidade no litoral do esteiro. Sobre todo a reparación da pista na zona do Codesal, dado o perigo que representa, o quebranto para os veciños que teñen alí as súas vivendas e porque de producirse máis choivas podería agravarse a situación incluso provocar a caída de árbores de gran porte.

Nigrán ofrecerá unha Cabalgata de Reis e unha recepción dos Reis Magos no pavillón

0

O Concello de Nigrán ofrecerá a cabalgata de Reis tradicional con saída ás 16,30 dende o Concello de Nigrán ata A Ramallosa e Panxón. O obxectivo é voltar a unha cabalgata máxica que engaiole aos máis pequenos da maxia desta noite. Ante a posibilidade de choiva, pode haber pequenos cambios de última hora que se comunicarían a través da web www.nigran.es.  A comitiva e as súas carrozas, formada por máis de 120 paxes e axudantes, conformarán unha verdadeira ‘Duendelandia’ deseñada íntegramente por Sarao Animación e composta por  Duendes
Ninfas, Elfos  e Gnomos.

Deste xeito, as Súas Maxestades estarán presentes na Praza do Concello de Nigrán ás 16:30 horas para saír ás 17:00 horas cara a rúa Telleira por Rosalía de Castro. As 17,30 a comitiva retomarase na Ramallosa (Rúa Valle Inclán) co Séquito Real, Reinas magas a cabalo, Paxes reais, Duendes, Ninfas, Elfos, Gnomos e  Carteros reales a caballo e os 3
Reis Magos para percorrer Cabreira, Romana Alta e Damas Apostólicas, Parque da Feira seguidamente continuarán por Romana Baixa e Manuel Lemos. Finalmente, a comitiva reaparecerá en Panxón (antes do espazo deportivo de Gaifar) sobre as 19:00 horas ata o pavillón de Panxón onde habrerá unha tirada de fogos de lucería.

 Abrirase o pavillón municipal para disfrutar de animación e da música tradicional da Rondalla de Parada. A Cabalgata Real continuará polas rúas Jesús Espinosa, Mariñeiro e Paseo Marítimo e entrarán sobre as 19,30 horas no pavillón onde levarase a cabo a  Recepción Real.

As Súas Maxestades estará acompañados por un séquito de máis de 100 paxes do Club Baloncesto Nigrán, Club de Patinaxe Nigrán, Centro Educación Especial Juan María e Hípica Abraín cos seus xinetes a cabalo. Ademais, a Rondalla de Parada se sumará á comitiva na Ramallosa.  Todos eles forman cadanseu grupo burbulla e repartirán máis de media tonelada de caramelos e gominolas sen glute coa novidade de que non serán lanzados ao aire para evitar concentracións.

“Despois de dous anos marcados pola pandemia é o momento de devolverlle aos máis cativos a maxia e a ilusión da noite de Reis. Este é un día moi importante para os máis pequenos e dende o Concello de Nigrán queremos axudalos a seguir soñando”, considera o alcalde, Juan González.

Antón Riveiro Coello, «Días de intemperie»

A nova achega de Antón Riveiro Coello, «Días de imtemperie», é unha proposta que contén nove relatos de temática e transfondo diferentes, mais que teñen un elemento en común, como é a guerra no sentido máis amplo da palabra. Non fala de ningunha en concreto e, ao tempo fala de todas, dende a de Ucraína até Vietnam, Siria, a Guerra Civil española ou calquera outra, sen especificar. Quizais debería rectificar e afirmar que o pano de fondo das narracións non é a guerra, senón as súas consecuencias na poboación, pois non fala de grandes batallas nin de estratexias militares, senón de xente do común que, cada un á súa maneira, padece as consecuencias dun enfrontamento bélico do que, ás veces, nin forman parte, nin desexaron. Nese senso podemos afirmar que mantén a mesma liña do seu anterior traballo, «O paraíso dos inocentes».

Sen deterse a evaluar as razóns do enfrontamento nin quen leva ou deixa de levar a razón, centra a nosa atención nesas personaxes inocentes que se ven asoballadas polos acontecementos no seu día a día. Dá igual a que bando pertenzan, se é que pertencen a algún. Isto dálle pé a crear algunhas das escenas máis duras da súa dilatada traxectoria como narrador, pois non se trata de agochar as consecuencias dun enfrontamento, senón todo o contrario: de amosar como os máis inocentes acaban por seren sometidos e destruídos pola ira e o rancor daqueles que pretenden ter a razón. Non importa o dano, a podremia, a loucura que provoquen. Velaí o camiño polo que se move o mundo que estamos a crear dende o principio dos tempos.

Pero a pesar desta visión pesimista da realidade, os contos de Riveiro Coello deixan un pouso para a esperanza. Ao longo do libro preséntanos temas tan contemporáneos e, a un tempo, tan tradicionais, como a acollida, a orfandade, a homosexualidade, o devezo polos libros, a vinganza, o contrabando ou a suplantación de identidade. E, por moi difícil que pareza, no medio de toda esa tolemia bélica que rodea aos protagonistas, agroman por todas partes sementes de humanidade, abrochos de inocencia dos que penduran a sensibilidade e o altruísmo que o ser humano segue gardando dentro de si. As persoas que aparecen nestes relatos son vítimas ou verdugos, certo, pero sempre teñen unha fenda aberta para que por ela se cole a confianza en que, se nolo propoñemos, as cousas poden ir a mellor. Coido que esa é a mensaxe máis interesante que se esconde por tras destes nove relatos.

Riveiro Coello é un dos escritores máis recoñecidos do panorama contemporáneo, e non é unha afirmación gratuíta. Facer que a lectura destas historias, por veces truculentas, se convirta en algo pracenteiro, resulta difícil  e só ao alcance duns poucos. Cunha linguaxe sinxela e directa e con algunhas concesións líricas de cando en vez, é capaz de pasar da crueza do relato a amosar esa luz de esperanza da que falabamos sen que a narración se vexa alterada. Unha fluidez que denota o oficio dun autor ao que hai que ter sempre presente.

Antón Riveiro Coello

«Días de intemperie»

120 páxinas

A Cabalgata dos Reis Magos encherá de maxia O Porriño

O Concello do Porriño ten o pracer de anunciar a visita das Súas Maxestades os Reis Magos de Oriente. Melchor, Gaspar e Baltasar chegarán ao Porriño en camello o día 5 de xaneiro. Irán acompañados dun enorme séquito formado polos seus paxes reais, a rondalla de Atios, a rondalla de Pontellas, o Tren do Nadal,  os seus amigos da Patrulla Canina e moitos persoaxes que farán as delicias dos máis pequenos e pequenas na noite máis máxica do ano.

Os Reis sairán nas súas carrozas cara o centro ás 18 h da rúa Doantes de Sangue. Percorrerán Antonio Palacios, continuarán por Domingo Bueno, Fernández Areal, Manuel Rodríguez e Ramón González ata chegar á praza Arquitecto Antonio Palacios.  As súas Maxestades repartirán 1000 kg de caramelos sen glute para os nenos e nenas.

Unha vez alí, subirán á Casa Consistorial onde recibirán ás nenas e nenos que se acheguen a saudalos, escoitarán os seus desexos, collerán as súas cartas e conversarán con eles antes da máxica visita que lles farán pola noite.

Recomendacións de seguridade

  1. Non utilizar o paraugas para recoller os caramelos. O seu mal uso pode ser perigoso.
  2. Non baixen das beirarrúas nin salten os valados de seguridade. Manterse a unha distancia prudencial das carrozas é sempre unha boa opción.
  3. Lembren que unha carroza parada pode poñerse en marcha en calquera momento, así que é mellor non deixar que as crianzas se acheguen a elas.
  4. É importante colocar ás crianzas en lugares seguros e a unha distancia prudente das carrozas.
  5. Non distraer aos conductores que levan os vehículos da Cabalgata.
  6. Non perder de vista ás crianzas. Pode soar obvio pero telos localizados en todo momento evitará algún que outro susto.
  7. É recomendable que as crianzas leven anotado nunha pulseira ou tarxeta o seu nome e un teléfono de contacto por sí se perden.
  8. Explicar aos nenos e nenas que deben facer no case de perderse: dirixirse a un axente da Policía Local ou a un voluntario de Protección Civil.

A campaña Nadal + Nadal reparte premios en Tomiño

0

A campaña ‘Nadal + Nadal 2022. As túas compras de Nadal en Tomiño valen dobre’, organizada polo Concello de Tomiño para impulsar o comercio local repartiu vales de compra por un total de 3.000 euros. O pasado 27 de decembro o Salón de Plenos acolleu o sorteo destes vales que duplicaban o invertido polas e polos usuarios entre o 9 e o 27 de decembro. Bastaba con realizar un gasto mínimo de 20 euros en calquera dos establecementos adheridos á campaña para participar. Finalmente, foron 28 as persoas que resultaron premiadas con vales de compra que van desde os 50 ata os 200 euros e que poderán ser trocados nos comercios de Tomiño.

Na procura da dinamización do comercio local, a campaña buscaba tamén crear un ambiente agradable e atractivo nas rúas que animase á veciñanza a facer as súas compras sen saír de Tomiño. Con este obxectivo creouse tamén o concurso ‘Ruta Nadal + Nadal’ que premiaría a mellor decoración de escaparates e establecementos.

O xurado da presente edición, composto por 3 artistas do municipio, 2 representantes do comercio tomiñés e un voceiro do Concello, xa revelou o seu veredicto: na modalidade de mellor escaparate o 1º premio, dotado con 500 euros, foi outorgado a La Reina Caracola, mentres que o 2º premio, cun valor de 250 euros, levouno Parafarmacia Roma. En canto á modalidade de mellor local, o 1º premio, tamén de 500 euros, foi para Confecciones Isabel e o segundo, que ascendía a 250 euros, para Ro&Ro.

O xurado estivo dacordo en que as candidaturas que resultaron ganadoras foron as que reunían unha cualificación maior e máis equilibrada no conxunto dos criterios avaliados. Non obstante, gustaríalles salientar o gran nivel de moitas e moitos candidatos, polo que queren agradecerlles e todos e todas o seu gran traballo e dedicación, animándoos a participar de novo en vindeiras edicións.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, valora positivamente esta nova edición da campaña, pois “é evidente que a creatividade serve para apoiar ao noso comercio e animar ás tomiñesas e tomiñeses a mercar nas tendas dos seus veciños e veciñas”. Amais, a rexedora engade que dende o goberno local “seguiremos poñendo en marcha iniciativas co firme obxectivo de darlle pulo á economía local, pois é o presente e o futuro de Tomiño”.

Todo preparado no Rosal para o concerto máis especial do ano

0

O Rosal conta os días para gozar dunha das actuacións máis agardadas do ano. A Agrupación Musical do Rosal celebra por fin o seu concerto de Santa Icía, actividade coa que conmemoran o día da patroa da música e compartan o seu bo facer co público rosalero. Unha tradicional cita que estaba prevista para o 19 de novembro, mais, por motivos persoais tivo que ser adiada e, finalmente, terá lugar o vindeiro sábado 7 de xaneiro.

O auditorio municipal acollerá esta actuación que dará comezo ás 19.30 horas. Baixo a batuta de Javier Alonso, o concerto achegará ao público asistente ás obras de Maslanka, Ticheli e Bernstein e será a ocasión perfecta para presentar ás 10 caras coas que se reforza este ano a banda. Ademais, salienta a participación como frauta solista de Ana María Fernández, a gañadora da quinta edición do Concurso de Xoves Intérpretes ‘Antonio Granja’.

A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, convida a toda a veciñanza a desfrutar deste concerto único co que a Agrupación Musical do Rosal chegará ao corazón do seu público. A rexedora lembra que a actividade é de balde e con entrada libre ata completar o aforo da sala.

O Porriño cede unha parcela a Aceesca para crear unha planta de compostaxe

O Concello do Porriño cederá á Asociación de Apoio a Persoas con Diversidade Intelectual Aceesca unha parcela anexa á súa Escola Profesional para a implantación dunha planta de compostaxe  que permita a autoxestión de residuos do centro.

“Para Aceesca isto suporá , ademais do cumprimento de ODS que teñen na súa planificación estratéxica, unha xeración de emprego adicional de persoas con discapacidade intelectual e o aforro de costes de produtos”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “Por iso se acordou ampliar a actual cesión de 7.685,06 m2 coa adhesión de outra de 946,26 m2 que albergará a planta de reciclaxe”.

Cabe destacar que a finalidade é poder autoxestionar todos os residuos producidos pola actividade de xardinería e restauración que se leva a cabo no invernadoiro do centro, convertíndoos en materia prima para a produción do mesmo. Isto permitiría reciclar un volume do 25% dos residuos, é dicir unhas 50 toneladas anuais.

O rexedor concluíu eloxiando “o encomiable labor social que desempeña Aceesca no municipio” motivo polo cal “contará sempre co respaldo do Concello do Porriño en todas as iniciativas que emprenda na mellora da calidade de vida das persoas con discapacidade”.

48 nenos participaron nos campamentos de Nadal de Tui

0

48 nenos participaron nos campamentos de Nadal que o concello de Tui ofertou coincidindo coas vacacións escolares. Así, tanto o campamento rural na granxa escola Corazón de Carballo en Tomiño como o urbano no pavillón Gustavo Rodríguez de Tui, tiveron lugar do venres 23 ao venres 30 do mes de decembro.

O campamento rural desenvolveuse na granxa escola Corazón de Carballo, en Tomiño, nun horario de 8:30 a 16:30. Alí, os 16 nenos participantes aprenderon rodeados dunha contorna natural con diferentes actividades e xogos.

Participaron no coidado dos animais, da horta ecolóxica, na xestión de residuos (compostaxe, alimentación, reciclaxe…), e mediante talleres de Caderno de campo e de Aula da natureza aprenderon a importancia de coidar a contorna.

A música tamén estivo presente con xogos tradicionais e cooperativos, e os e as participantes puideron levar para as súas casas os adornos de Nadal que elaboraron xuntos.

Pola súa banda, 32 nenos e nenas participaron no campamento urbano, que se desenvolveu, entre outras localizacións, no pavillón Gustavo Rodríguez. Nel prepararon experimentos para saber como se forman as nubes, crearon neve, aprenderon sobre a fauna da contorna e pintaron con especias como a cúrcuma e con vexetais como a remolacha.

Os contos navideños estiveron tamén presentes e incluso prepararon ponche con froitas que eles e elas mesmas cortaron. Ademais, o último día do campamento tiveron badaladas e música.

A concelleira de Igualdade, Ana María Núñez, despedía o pasado venres aos e ás participantes no último día do campamento, e agradeceu “a labor educativa e sensibilizadora do monitorado”. Quixo tamén a concelleira desexarlles “un ano novo cheo de paz e igualdade”.

Falece o recoñecido compositor Rogelio Groba

A Deputación de Pontevedra vén de trasladar o seu “enorme e fondo pesar” polo falecemento do recoñecido profesor e compositor musical Rogelio Groba. Carmela Silva, que trasladou á familia e amizades do fillo predilecto de Ponteareas “todo o agarimo da corporación provincial”, subliñou que “non se pode entender a música galega e a formación musical en Galicia sen falar de Rogelio Groba”.

“Rogelio Groba merece todo o noso recoñecemento pola súa inxente traxectoria creativa pero tamén pola ser o grande impulsor dos estudos musicais en Galicia e de entidades como a Orquestra Sinfónica de Galicia”, recordou a presidenta da Deputación. “A súa pegada permanecerá sempre entre nós cando escoitemos algunhas das súas máis de 700 obras, os acordes de pezas como Divinas palabras, María Pita, Camiños de Rosalía ou a derradeira Voces da Terra”, engadiu Carmela Silva.

Rogelio Groba, nado en 1930 en Guláns, Ponteareas, contactou por vez primeira coa música a través da banda “A Unión” onde comezou a tocar o flautín antes de coller a batuta da agrupación con 17 anos. Estudou no Real Conservatorio de Música de Madrid, acadando o título Superior en Composición, e exerceu como director de banda en diferentes localidades da xeografía estatal. En 1962 trasladouse a Suíza onde tamén dirixiu numerosas agrupacións musicais e, ao regreso a Galicia, exerceu como profesor de Contrapunto e Fuga, Harmonía e Composición na Coruña, onde tamén dirixiu o seu conservatorio. Trala súa xubilación seguiu vencellado estreitamente á música, compoñendo numerosas pezas e publicando ensaios e libros sobre a música.

Salceda estudia a posibilidade de solicitar a declaración de “zona catastrófica”

Salceda de Caselas estudia a posibilidade de solicitar a declaración de zona catastrófica por parte da Xunta de Galicia e o Consello de Ministros ante os danos producidos pola incesante acumulación de precipitacións destes últimos días, que provocaron numerosas incidencias en todas as parroquias do municipio.

Dende o Concello realizouse unha primeira avaliación dos danos que se produciron. As inundacións afectaron a diferentes lugares de todo o termo municipal, producíndose derrubes, danos en vías e camiños, na rede de alumeado público, redes de telecomunicacións, instalacións municipais, ademais de  inundacións en baixos de vivendas unifamiliares e de edificios comunitarios.

Víronse afectadas  especialmente as sendas polo desbordamento dos ríos Landres e Caselas, con numerosos danos.

A zona máis afectada foi a zona industrial de O Cerquido, que estivo anegada de auga durante toda a xornada, podendo restablecerse o tráfico na estrada N550  a primeira hora da mañá de hoxe. Numerosas empresas resultaron afectadas mirándose, algunhas delas, obrigadas a paralizar a súa actividade.

A alcaldesa Verónica Tourón sinalou que nestes momentos é importante atender ás urxencias provocadas polos danos ocasionados ante as persistentes choivas ao mesmo tempo, que  avaliar os danos e estudar distintas posibilidades, como a de solicitude de declaración de zona afectada gravemente por unha emerxencia de protección civil.

Mos rematou o 2022 renovando os parques

0

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o concelleiro de Servizos para a mellora do entorno rural e urbano, Baldomero Lorenzo García, informaron de que o Concello rematou o ano mellorando os seus parques infantís.

Así, destacaron que desde a administración local mosense fíxose unha inversión de 30.000 euros de fondos propios municipais para renovar elementos de xogo, e outros complementos, e instalar tamén elementos novos e complementarios aos preexistentes en 9 parques da localidade.

Estas 9 áreas de lecer infantil ao aire libre distribúense por 7 das 10 parroquias mosenses, e son as seguintes: parque das Lagoas e parque do Plantel na parroquia de Guizán, parque da Porteliña en Petelos, parque de Torroso xunto a Asodifisi, parques de Queirón e San Antoíño (parroquia de Louredo), parque de Celado en Cela; San Eleuterio en Tameiga, e parque de Cantín na parroquia de Mos.

Ademais, instaláronse novos elementos de mobiliario urbán na Estrada da Vía, ao seu paso pola parroquia de Tameiga.

Hoxe comezou o planetario “Viaxando polo universo” na biblioteca de Tui

0

Un total de 360 persoas participarán dende hoxe ata o mércores 4 de xaneiro nas diversas sesións do “Planetario viaxando polo universo”, unha actividade de divulgación científica dirixida a todas as persoas interesadas no mundo da astronomía. Maioritariamente trátase de nenos e nenas pero tamén de afeccionados ao mundo da astronomía que non queren perderse esta actividade.

No interior dun moderno planetario móbil con capacidade para 20 persoas, e utilizando unha metodoloxía interactiva e práctica adaptada a diferentes niveis, as persoas asistentes realizan unha viaxe no espazo e no tempo, que lles leva a descubrir – entre outras materias – o Universo e as galaxias ou o movemento das estrelas, os planetas e os satélites máis importantes que integran o noso Sistema Solar. Aprenden a orientarse observando o ceo nocturno e coñecen os mitos e lendas que as civilizacións clásicas atribuíron ás principais constelacións e como situalas na bóveda celeste. O planetario recrea con total precisión o ceo nocturno desde calquera lugar da Terra e a visión do Universo desde calquera lugar do espazo, mostrando as posicións exactas dos elementos que o integran en calquera momento presente, pasado ou futuro.

Nesta primeira sesión participou o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro González, que amosou a sua satisfacción por acoller en Tui esta actividade do “Planetario, navegando polo universo”, pois ofrece unha sesión didáctica que mestura unha experiencia educativa cunha experiencia visual única que nos permite contemplar o Cosmos en todo o seu esplendor a través dun proxector de última xeración apuntado cara a unha gran cúpula semiesférica de 5 metros de diámetro e nun movemento de 360 graos.

As sesións serán ás 12.00 h, 12.45 h, 13.30, 17.00, 17.45 e 18.30 h con capacidade limitada en cada quenda. Para asistir é preciso inscrición previa no correo electrónico [email protected] ou presencialmente no propio centro indicando un teléfono de contacto.

O circo de lume chega á Guarda este martes

0

O Concello da Guarda remata esta semana a programación de actividades do nadal con circo e a visita dos Reis Magos.

Como prato forte da programación do Nadal este martes día 3 de xaneiro terá lugar o espectáculo Circo de Lume, da compañía AsacoCirco na Praza do Reló ás 18:00h.  Circo de lume é un espectáculo de pura acción para tódolos públicos. Con emocionantes números, que mesturan técnicas de danza con malabarismos, manipulación, pirofagia, humor e trato directo co público. Interpretado por Joao Alvim e Miriam Crespo, malabaristas con más de 13 años de adestramento, conclúen nun espectáculo de efectos visuales impresionantes.

O mesmo día 3 e ata o día 5 de xaneiro os carteiros reais, en nome dos Reis Magos de Oriente, estarán percorrendo as nosas rúas para recoller as cartas das crianzas aos Reis Magos.

A Cabalgata de Reis chegará ata a nosa vila na tarde do día 5 de xaneiro, recuperando ao final do seu percorrido a tradicional recepción ás nenas e nenos na Casa dos Alonso.

A proba de obstáculos en familia A GUARDA FAMILIY KIDS, na Alameda ás 16:30h. que pechará a programación o día 7 de xaneiro.

Xa para pechar a programación do Nadal, o domingo día 8 de xaneiro ás 11:00h terá lugar a Carreira San Silvestre, un evento que se tivo que aprazar debido á climatoloxía adversa. Cunha distancia de 4 quilómetros, sairá dende a Praza de Avelino Vicente para percorrer diferentes puntos do noso municipio.

PROGRAMACIÓN

XANEIRO

Do 3 ao 5 de xaneiro polas rúas da Guarda

Carteiros do Nadal

Días 3 e 4  de 17:00h a 20:00h. Día 5 de 11:30h a 14:30h.

Martes 3 de xaneiro na Praza do Reló

Circo de lume ás 18:00h

Xoves 5 de xaneiro pola tarde polas rúas da Guarda

Cabalgata e visita dos Reis Magos

Sábado 7 de xaneiro ás 17:00h na Alameda

A Guarda Family Kids

Domingo 8 de xaneiro ás 11:00h

Carreira San Silvestre

José Miñones reivindica en Mondariz o apoio do Goberno á transición verde dos concellos

0

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, reivindicou nunha visita ao Concello de Mondariz o compromiso do Goberno co municipalismo e o apoio á transición verde dos pequenos concellos. Alí, José Miñones reuniuse co alcalde, Xosé Emilio Barros, para abordar as diferentes actuacións do Goberno no municipio, coñecer as súas demandas e presentar as accións que o Executivo central destina aos municipios dentro do Plan de Recuperación. Na actualidade, o Executivo ten en marcha en Mondariz investimentos por valor de 1,7 millóns de euros, entre os que destaca a axuda de 1,45 millóns do IDAE (Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía) do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico para financiar mellora da eficiencia enerxética municipal.

Durante o encontro, José Miñones destacou que o Concello de Mondariz é un exemplo da aposta do Goberno por mellorar os servizos públicos e a calidade de vida das vilas de Galicia. Remarcou que o Goberno de Pedro Sánchez aposta pola revitalización nos pequenos municipios e pola creación de equipamentos, a eficiencia ambiental e infraestruturas que impacten na calidade de vida da veciñanza e permitan atraer máis poboación a estes núcleos.

Investimentos

O delegado repasou co alcalde a situación dos proxectos nos que colaboran o Goberno e o Concello de Mondariz, en temas como a extensión de banda ancha de acceso a Internet ou a mobilidade, entre outros.

As dúas convocatorias xa resoltas do Plan ÚNICO-Banda Ancha que desenvolve o Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital inclúe proxectos en 189 zonas de Mondariz, que permiten achegar a conexión a internet de velocidade ultrarrápida a 407 familias e empresas, cun investimento estimado en 15.000 euros.

Os investimentos estatais farán posible tamén a mellora e a ampliación da senda Coviña-Laredo, grazas á sinatura dun convenio entre o Concello e a Confederación Hidrográfica do Miño- Sil, quen asume o 80% do custo da obra (o que supón 4.535,68 euros).

Os 1.687.777,28 € da axuda do IDAE están a servir para acometer seis liñas de mellora da eficiencia enerxética en Mondariz:

  • Rehabilitación enerxética da Escola Municipal de Música de Mondariz
  • Proxecto técnico de rehabilitación enerxética da Casa do Concello
  • Proxecto de aforro e eficiencia enerxética nas parroquias de Lougares, Sabaxáns e Gargamala          
  • Proxecto de aforro e eficiencia enerxética na iluminación pública das parroquias de Riofrío, vilar e Frades 
  • Proxecto de aforro e eficiencia enerxética na iluminación pública na parroquia de Mondariz
  • Proxecto de aforro e eficiencia enerxética na iluminación pública nas parroquias de Vilasobroso, Mouriscados e Meirol   

Ademais, Mondariz recibe 211.275 euros do Programa de Impulso á Rehabilitación de Edificios Públicos (PIREP) local. Estes cartos permitiranlle afrontar a reforma integral da antiga escola unitaria de Redo, na  parroquia de Vilar, para convertela en centro sociocomunitario.

Ademais, Mondariz o Goberno transfire recursos a Mondariz dentro do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, para financiar accións para a erradicación das violencias contra as mulleres e a promoción da igualdade.

Durante a reunión, o delegado repasou co alcalde as principais liñas de axuda que o Goberno destina aos municipios con cargo aos orzamentos propios e o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. Reivindicou que “os concellos son un eixe fundamental do Plan, e resultan imprescindibles para garantir que estes fondos cheguen a cidadanía e se executen na súa totalidade”.

José Miñones trasladou ao alcalde a oportunidade do programa de axuda para comprar ou alugar vivenda destinada a persoas mozas nos pequenos concellos. Este programa permitirá que a mocidade dispoña de axudas de ata 10.800 € para adquisición dunha vivenda habitual, ou do 60 % do renda do alugueiro.

O delegado tamén animou ao equipo de goberno a seguir aproveitando as convocatorias do Plan de Recuperación para a transformación territorial e loita contra o despoboamento.

A Rede Ágora expándese no 2023

A Rede Ágora de Concellos polo Espazo Público impulsada pola Deputación sigue a súa expansión. Se neste pasado 2002 o proxecto do departamento de Mobilidade espertou interese en boa parte do Estado, o 2023 comeza cunha nova visita institucional á provincia: a Deputación de Cádiz quere coñecer ‘in situ’ o modelo de recuperación do espazo público que está a desenvolver o goberno pontevedrés e ver como é a súa aplicación práctica nas vilas e cidades da provincia para valorar se é factible aplicar a iniciativa no seu propio territorio.

A visita da delegación de Cádiz estará formada por Francisco Javier Vidal Pérez, vicepresidente segundo da Diputación Provincial e deputado delegado da área de Transición Ecolóxica e Desenvolvemento Urbano Sostible -como representante político-, e María Teresa Fernández Mota Martos, directora da área de Transición Ecolóxica e Desenvolvemento Urbano Sostible e directora da Fundación Medio Ambiente, Enerxía e Sustentabilidade da Provincia de Cádiz (Axencia Provincial da Enerxía de Cádiz), así como Ángel David Domínguez Ruso, técnico da Axencia Provincial da Enerxía de Cádiz e responsable proxectos de Mobilidade Sustentable -pola parte funcionaria-.

O programa da visita, que se desenvolverá do 10 ao 13 de xaneiro, incluirá unha recepción institucional por parte da presidenta e o deputado de Mobilidade Uxío Benítez, así como unha xornada de traballo teórica co persoal de Mobilidade pontevedrés, que achegará os datos numéricos de proxectos, metros cadrados de espazo público recuperados, así como outras cuestións de tipo práctico. Na segunda xornada de traballo será o momento para a visita dos casos prácticos: obras realizadas seguindo o decálogo Ágora que establece que as persoas deben ser o eixo do deseño urbano, xa que o dereito ao espazo público é fundamental e está ao mesmo nivel que o dereito á Sanidade ou a Educación.

O modelo e o traballo feito pola Deputación seguindo a filosofía das persoas primeiro no ámbito da Mobilidade xa levantara moito interese xa dende a súa concepción no mandato pasado, posto que supoñía unha gran revolución con proxectos concretos como o Plan Móvese (Mobilidade e Velocidade Segura) ou o decálogo de criterios para a reforma das vías provinciais –que chegou incluso a ser exemplo nun congreso en Perú-, entre outras iniciativas. Sen embargo, a exportación total do modelo está a ser exponencial dende a súa 

concreción  no 2020, baixo a denominación da Rede Ágora de Concellos polo Espazo Público. No 2021 chamou a atención tamén da DXT e do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, que incluíu o proxecto no ‘I Foro Urbano de España’ que abordou a iniciativa da ‘Nova Bauhaus Europea’.

Neste ano 2022 o departamento de Mobilidade da Deputación de Pontevedra foi referente en numerosas comunidades e requirido para expoñer o modelo na Universidade Politécnica de Madrid, no Concello de Cartagena durante a Semana Europea da Mobilidade, nas deputacións de Gipuzkoa e Bizkaia no País Vasco, no concello de Logroño, ou en Mallorca, no congreso estatal da Rede de Cidades que Camiñan. Por motivos de axenda tivo que adiarse unha visita á Deputación de Barcelona.

Máis técnicos Ágora, tamén de fóra da provincia

O interese externo polo traballo que se está a desenvolver con Ágora como proxecto de mobilidade está a constatarse tamén no número de persoas de fóra da provincia e incluso de fóra de Galiza interesadas en participar na formación que imparte a Deputación de Pontevedra na Facultade Ágora.

Recentemente vén de finalizar o segundo curso básico sobre o espazo público, que nesta edición se celebrou en liña. Se no anterior ano, cando as persoas relatoras estaban de maneira presencial, o número de licenciados como persoal técnico Ágora fora de 125 persoas, sendo 8 de fóra de Pontevedra e outros 12 de fóra de Galiza, neste ano das 38 persoas tituladas, 4 eran galegas e outras 5 de fóra do país. É dicir, o 25% das persoas ‘licenciadas’ como técnicas Ágora non estaban relacionadas coa provincia.

Ao abeiro da Facultade Ágora tamén se celebraron neste ano catro obradoiros prácticos coa participación dunha media de 40 persoas en cada un (persoal técnico municipal, persoal político, integrantes de consultoras e empresas…), así como a xornada formativa de PoliÁgora, destinada ao intercambio de coñecemento con axentes das policías locais da provincia, responsables prácticos da defensa do espazo público para as persoas fronte ao uso abusivo por parte dos coches.

Nigrán tramita a licencia para a construción dun hotel en Porto do Molle

0

O Concello de Nigrán disporá ao longo de 2023 dun hotel de 45 habitacións e de primeira categoría en Porto do Molle, o único nesta ubicación. Así, actualmente está a tramitar a licencia da empresa de Nigrán Worpint S.L. para construír esta infraestrutura de catro plantas sobre rasante nunha parcela de 3.048 m² na rúa das Pontes, ao carón do Centro de Negocios. Como servizos complementarios ofrecerá piscina, garaxe, restaurante e zonas verdes de esparexemento. 

“É unha moi boa nova para Nigrán gañar prazas hoteleiras porque existe unha clara necesidade ao respecto. Neste caso, hai gran demanda por parte dos negocios e, pola súa situación estratéxica, atraerá a moitos turistas”, defende o alcalde, Juan González, quen subliña que “nos últimos anos tamén se instalou o Val Convention no centro de Nigrán con gran éxito ante o tirón que ten a localidade desde o punto de vista turístico e empresarial”, proba delo é que a promotora é Worpint, firma do sector naval que ten a súa sede no parque empresarial Porto do Molle. “Nigrán gañará un servizo máis moi necesario para xerar riqueza en todo o municipio, porque significará visitantes que se quedan aquí e non noutra na localidade. O persoal que se despraza por negocios a Nigrán ou por turismo moitas veces ten que ir a outras localidades por non ter habitacións dispoñibles”, explica.

O proxecto dos arquitectos Rogelio Pérez e Antonio Ameijeiras plantexa un edificio aillado de catro plantas sobre rasante e unha baixa onde se atoparía o garaxe con 41 prazas, unha zona para bicicletas e servizos privados como lavandaría, almacén ou cuarto de instalacións de aerotermia (enerxía renovable empregada para a climatización sostible). Pola súa banda, no primeiro andar ubícase o restaurante e o salón social, destinándose os tres outros andares ás habitacións (constando dunha suite con terraza en cada un) . Na cuberta atópase a zona de piscina cun vaso de 33,5 m² e maquinaria. Na parcela, o 20 % (un total de 644 m²) destínase a zona verde.

“Nesta caso concreto, Porto do Molle é unha área comercial e empresarial situada nunha contorna privilexiada desde o punto de vista paisaxístico e urbanístico. É un referente en toda España en termos de sostibilidade ambiental, deseño urbano e modernidade, un lugar con atractivos como a senda peonil do río Muíños que finaliza en Praia América, polo que este hotel realmente dará servizo á viaxeiros vinculados ao parque e tamén a turistas que desexan gozar das vacacións en Nigrán”, considera o rexedor.

Julio César García-Luengo optará á reelección á alcaldía de Crecente

0

Julio César García-Luengo optará á reelección á alcaldía de Crecente nas municipais de maio. Así o anunciou o candidato, nun encontro con varios representantes da xunta local, ao que asistiu o presidente provincial do PP de Pontevedra, Luis López.

García-Luengo, que é alcalde desde 2007, e desde entón suma catro maiorías absolutas, agradece todo o apoio e a confianza dos seus compañeiros e dos veciños de Crecente, e amósase “ilusionado, motivado e con proxecto para seguir traballando por e para os meus veciños”. Nesta liña, comprometeuse a “continuar a pé de rúa e totalmente pegado ás necesidades e prioridades da cidadanía, para seguir acertando con políticas e servizos que melloren a súa calidade de vida. Ofrezo traballo, proximidade e o meu compromiso para seguir facendo de Crecente un gran concello para vivir”.

Pola súa banda, o presidente provincial, Luis López, puxo en valor o respaldo que Julio, “un alcalde carismático, do que nos sentimos moi orgullosos no PP”, recibe sistematicamente nas eleccións municipais, “que amosan o apoio indiscutible ao alcalde, ao seu equipo e ao seu proxecto para este concello”. Así, destacou que o único obxectivo do alcalde popular é “traballar polo progreso de Crecente”, e puxo como exemplos, tanto a calidade da atención e dos servizos municipais, como que é capaz de atraer grandes investimentos que xeran renta, riqueza e postos de traballo.

Con respecto ás eleccións de maio, López dixo que “a tarefa máis importante, a mellor campaña posible, xa está feita. É a que fixeron todos os alcaldes e voceiros da provincia durante este mandato. Unha labor en primeira persoa como a que está facendo Julio, no trato diario cos veciños, escoitándoos e atendendo as súas demandas”.

O Apalpador visita Ponteareas este luns ás 11.00 horas

O Apalpador, ese emblemático personaxe que, segundo a tradición, baixaba das montañas a noite do 24 ou 31 de decembro para tocar o ventre das e dos máis pequenos para comprobar se comeran o suficiente durante o ano e lles deixaba agasallos e castañas, desexándolles un feliz ano novo cheo de felicidade e comida, volverá achegarse este ano para coñecer a todos os nenos de Ponteareas. A cita é este luns 2 de xaneiro ás 11.00 horas. O carboeiro recibirá a todas as persoas que queiran compartir tempo con el na Praza Maior e dende alí percorrerá varias rúas acompañado polo seu burro Río Lor e polo acordeonista Servando Barreiro. Os tres arrincarán sorrisos da cativada ao seu paso con música, baile e algunhas anécdotas, coas que tratarán de promover valores como a dinamización da lingua, o respecto ao medio ambiente ou os hábitos de alimentación saudable.

O Concello anima a veciñanza a acompañar ao Apalpador na súa estancia en Ponteareas, ao tempo que destaca a importancia de pór en valor a nosa tradición entre a nosa infancia.

Esta visita forma parte do programa Nadal en galego da Deputación de Pontevedra. A iniciativa busca que as nenas e nenos coñezan a esta mítica figura que forma parte da tradición galega destas festas.

Os promotores da Plisan aproban a cesión da zona loxístico empresarial ao Concello de Salvaterra

Os promotores da Plataforma loxística industrial Salvaterra-As Neves (Plisan) aprobaron na comisión de seguimento a cesión da urbanización da zona loxístico-empresarial ao Concello de Salvaterra de Miño, así como a entrega do aproveitamento urbanístico.

Con esta aprobación, dáse cumprimento á lexislación urbanística e de ordenación do territorio, que establece que son os promotores os encargados de facer entregar ao concello os terreos correspondentes ao viario público, zonas verdes, espazos libres e resto dos espazos destinados a equipamentos públicos. Ao igual que acontece coas obras de urbanización, co fin de que o municipio poida poñer en servizo a fase da área empresarial xa urbanizada.

Durante a reunión, na que a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, participou por videoconferencia, tamén se acordou a entrega ao Concello das Neves do aproveitamento urbanístico, en base á superficie de terreos da Plisan localizados no seu termo municipal, e que supón o 29,25% da totalidade da área industrial.

Cómpre salientar que a Xunta, promotora da Plisan xunto á Autoridade Portuaria de Vigo e ao Consorcio Zona Franca de Vigo, prevé un orzamento de 1,64 millóns de euros para esta área empresarial, que representa a maior bolsa de solo industrial do sur de Galicia.

A Xunta rehabilita integralmente o mercado de Crecente

0

A Xunta de Galicia, a través da Consellería do Medio Rural, está a rehabilitar de xeito integral o Mercado Municipal de Crecente para impulsalo como centro de dinamización socioeconómica e favorecer a venda de produtos agroalimentarios das bisbarras da Paradanta e do Baixo Miño e doutros puntos de Galicia cun investimento de 95.753 euros.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, acompañado polo alcalde de Crecente, Julio César García-Luengo, e do xefe territorial do Medio Rural, Antonio Crespo, visitou as obras de acondicionamento interior global desta Praza de Abastos, na que se mudou a cuberta o pasado ano e que está pendente desta reforma para proceder á súa reapertura.

“Estamos ante unha actuación perfecta de ámbito rural, polo seu efecto moi favorable para a dinamización social e comercial dun concello de interior, e que ademais aposta pola promoción e posta en valor de produtos agroalimentarios galegos, con especial fincapé nos locais destas comarcas do sur da provincia, pero tamén dos pertencentes ás Denominacións de Orixe e as Indicacións Xeográficas Protexidas”, explicou o representante autonómico.

Esta actuación, que se desenvolverá en dúas anualidades co obxectivo de rematarse nas primeiras semanas de 2023 para proceder á súa inmediata posta en funcionamento, está a ser financiada por unha subvención da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, “posto que o proxecto presentado polo Concello de Crecente é magnífico e cumpría, un por un, cos requisitos, a filosofía e a estratexia de potenciación do rural deseñada pola Xunta”, agregou Luis López.

A rehabilitación do Mercado Municipal de Crecente consiste na restauración completa do interior do inmoble, que conta con dúas plantas e unha superficie de 564 m2, e a creación de catro postos de venda de produtos agroalimentarios e dun local para un supermercado que terá entrada independente dende os soportais do exterior.

Así, os traballos consisten no reforzo da estrutura con perfís de aceiro para garantir a seguridade do recinto, a instalación de carpintarías metálicas en todos os ocos exteriores para ofrecer unha luminosidae ampla pero non directa, a colocación de portas corredeiras automáticas en aras da eficiencia enerxética e a funcionalidade, o reforzo do illamento térmico para mellorar a confortabilidade interior e a dotación de pavimentación específica, con características diferentes, no interior e exterior do edificio.

A reorganización de espazos contempla a creación de catro postos de venda con revestimento vertical mural de paneis de PVC con peche metálico enrollable e falso teito e cuxas superficies oscilarán entre os 15 e os 40 m2, un local para un supermercado de 50 m2 que terá entrada independente para permitir o acceso dende o exterior e que sairá en alugueiro, dous aseos adaptados e un cuarto de instalacións. Todo elo completarase con todos os servizos de electricidade e fontanaría e coa instalación de sistemas anti-lumes.

Os Reis Magos visitarán todos os barrios do Rosal a mañá do 5 de xaneiro

0

Os Reis Magos volverán a percorrer todos os barrios do Rosal un ano máis. Será a partir das 11:00 horas da mañá do xoves 5 de xaneiro cando unha comitiva cos tres Reis comezará unha visita con case 60 paradas en distintos puntos do concello.

A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, explica que o Concello “volveu invitar aos Reis Magos a facer este percorrido que permite que os nenos e nenas desfruten”. A rexedora lembra que os Reis farán paradas de 10 minutos en cada punto, polo que “haberá tempo dabondo para coñecelos e mesmo para recibir, se cadra, algún agasallo”.

Para axilizar o percorrido o Concello organizou un total de catro itinerarios que parasarán por diferentes puntos de Marzán, A Cachada, A Fecha, Pacenteo, A Cumieira, A Telleira, Lagos, A Mata, Sandián, Pías, Tamuxe, O Morán, San Miguel, Tabagón, As Eiras, Fornelos, O Picón, Viso dos Eidos, Martín, Caselas, A Lomba, Couselo, Novás, A Rotea, Parada, Miranxe, San Xián, Portecelo, Urgal, Valdemiñotos, Couso e O Calvario. 

En caso de choiva, a comitiva dos Reis modificará a súa traxectoria para poder realizar as paradas en espazos cubertos:

Ruta 1

  • 11:00h Escola de Marzán
  • 11:45h Casa Oficios da Mata
  • 12:30 Escola de Couso

Ruta 2

  • 11:00h Escola de San Miguel
  • 11:45h Escola de Tabagón
  • 12:30 Escola das Eiras

Ruta 3

  • 11:00h Escola de Fornelos
  • 11:45h Tenda de Martín
  • 12:00h Escola de Pías

Ruta 4

  • 11:00h Escola de Novás
  • 11:45h Palco de San Xián
  • 12:00h Explanada do Horizonte

Pola tarde, a maxia e a illusión continuarán a partir dás 17:00 con Sue Moreno e o seu espectáculo ‘4.0’ na praza do Calvario, ou en caso de choiva a actuación trasladarase ao pavillón. Nesta actuación mestúranse técnicas aéreas de circo con cancións e teatro físico, cunha estrutura de 6 metros de altura e tomando o humor como partitura. A historia preséntanos a unha muller no seu día a día, tentando conciliar traballo, vida e maternidade e amosando as mil facianas desta etapa desde un punto de vista divertido, tenro e, por momentos, absurdo.

Ao remate da actuación os reis saudarán ao público asistente e recibirán peticións de última hora. Non faltará o chocolate quente para todas as persoas que o desexen.

365 días traballando nunha igualdade real e efectiva no Porriño

A Concellería de Igualdade do Concello do Porriño, que dirixe Carolina González, vén de facer balance do camiño percorrido no último ano.

“Dende o inicio entendemos que esta era unha área á que non se lle estaba a dar a importancia que ten e apostamos pola introdución transversal da perspectiva de xénero en todas as políticas municipais”, explicou a concelleira, Carolina González, “en definitiva, estamos  a facer da igualdade o eixo vertebrador da nosa liña de goberno para dar pasos reais e efectivos”.  

“Non imos limitarnos a reivindicar ou conmemorar dous días ao ano”, apuntou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “plantexamos un plan de intervención e traballo anual e continuo xa que a igualdade e os dereitos das mulleres deféndense todos os días”.

Para facelo posible, o novo executivo duplicou a inversión nesta área destinando máis de 40.000 euros.

A conciliación e corresponsabilidade, a atención especializada e eficaz ás mulleres vítimas da violencia de xénero, a concienciación e sobre todo, a educación, marcaron a folla de ruta en materia de igualdade.

No tocante á conciliación e corresponsabilidade, reactiváronse os campamentos en períodos non lectivos co fin de fomentar a conciliación da vida persoal, laboral e familiar nos que participaron preto de 400 nenas e nenos de entre 3 e 12 anos de idade.  Desenvolveuse o campamento de semana santa, o de verán e o de Nadal, púxose en marcha por primeira vez o servizo de ludoteca durante os meses de outubro e novembro e nestas vacacións de Nadal estase a desenvolver os talleres de fomento da corresponsabilidade dirixidos á infancia e á adolescencia. “Estas actividades dan resposta á demanda das familias de contar cun recurso de conciliación durante as vacacións escolares e incluso como actividade extraescolar”, apuntou a concelleira.

Pero xunto con estas, celebráronse outras dirixidas directamente ao alumnado adolescente, como o Escape Room que se celebrou nos institutos con motivo do 8M. Tamén se deu voz á toda a cidadanía para que aportaran as súas achegas e opinións coa iniciativa “Voces na rúa” que acadou unha gran participación de mulleres, homes nenas/os e adolescentes.

A atención especializada, eficaz e inmediata ás mulleres foi e segue ser un obxectivo da Concellería de Igualdade do Concello do Porriño, para o cal se impulsou a participación do persoal técnico encargado desa atencion en accións formativas ao longo do 2022 , para a súa reciclaxe e mellora nas intervencións para con elas. Destacar que o número de atencións neste senso aumentou considerablemente.

Este ano ademais coa participación do departamento da Policía Local e de igualdade, ubicouse en lugar extratéxicos durante as festas locais ,o 8 M e o 25 N, un Punto violeta para informar e no seu caso, intervir recurrindo ao persoal técnico e profesional axeitado para dar unha resposta rápida e axeitada ante unha agresión.

Como non podía ser doutra forma, en días sinalados como son o 8M e o 25M, impulsáronse programacións específicas para seguir apostando pola concienciación e visibilización desta realidade.

A Xunta amplía en dúas semanas a campaña de vacinación da gripe

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade tomou a decisión de prorrogar en dúas semanas a campaña de vacinación contra a gripe, que se estenderá até mediados do mes de xaneiro, concretamente ata o día 15.

O obxectivo desta medida é posibilitar que se poidan vacinar todas aquelas persoas que aínda non o fixeron até o de agora, pertenzan ou non, aos grupos de poboación cuxa vacinación contra a gripe está indicada.

No que vai de campaña, o 76,54 % da poboación galega con 65 ou máis anos xa se vacinou, superando en máis de catro puntos a porcentaxe acadada na campaña pasada nestas mesmas datas, neste grupo de idade (72,3 %). A porcentaxe de cobertura actual neste tramo de idade supera o 75 % marcado como obxectivo polo departamento sanitario da Xunta e polo Ministerio de Sanidade.

No grupo de poboación con idades comprendidas entre os 65-69 anos xa se vacinou ao 65 % da poboación, case oito puntos máis que nas mesmas datas do pasado ano (57,6).  Outras cifras destacadas da campaña deste ano son que, no grupo de 70 a 79 anos, a cobertura xa supera o 78 % (78,08 %), no de 80-84 está por riba do 79 % (79,68 %), e no de máis de 85 anos está preto do 85 % (84,92 %).

O Executivo galego convida a toda a poboación que aínda non se vacinou da gripe a facelo nas vindeiras datas, poñendo o foco naqueles persoas que integran os grupos de poboación diana. Ademais, agradece a todos os profesionais sanitarios, en especial ao persoal de enfermería, o seu labor e esforzo que está a protexer a saúde da cidadanía galega.

A Dirección Xeral de Saúde Pública lembra que a vacina é a mellor ferramenta  de prevención para evitar as complicacións que pode ocasionar esta enfermidade de carácter infeccioso-respiratorio.

Ponteareas investirá máis de 680.000 euros na limpeza de tres centros educativos nos dous vindeiros anos

O Concello de Ponteareas mantén o seu compromiso cos centros educativos da vila. O Goberno municipal acaba de sacar a licitación o servizo de limpeza, desinfección e retirada e depósitos de residuos dos CEIP Fermín Bouza Brey, CEIP Nosa Sra dos Remedios e CEIP Mestre Ramiro Sabell Mosquera, dependentes do Concello ponteareán. Co obxectivo de promover o emprego de persoas con discapacidade e a integración sociolaboral de persoas en risco de exclusión social, a alcaldesa lembra que o servizo de limpeza do CEIP Mestre Ramiro Sabell Mosquera resérvase a centros especiais de emprego de iniciativa social e a empresas de inserción laboral que conten cos correspondentes certificados.

“Dende o Concello continuamos aunando esforzos para mellorar día a día as instalacións dos nosos centros escolares, facendo importantes investimentos no mantemento dunhas instalacións que son competencia exclusiva da Xunta de Galicia”, como salienta a alcaldesa, Cristina Fernández Davila, que xestiona dende Alcaldía áreas como a de Educación. Só o curso pasado o Concello destinou máis de 700.000 euros aos centros escolares da vila entre persoal, limpeza, servizos, mantemento e reparacións.

En canto ao novo contrato de limpeza, o Concello destinará máis de 680.000 euros para un servizo que se prestará dez meses ao ano durante os vindeiros dous anos con posibilidade de realizar unha prórroga por dous anos máis. O contrato contempla a realización dun total de 1.260 horas ao mes destes traballos de limpeza en todas as instalacións dos tres centros educativos, así como zonas de acceso, patios interiores, zonas cubertas transitables e calquera espazo aberto. 

As empresas ou entidades interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 16 de xaneiro.

O Rosal comeza o ano coa visita dunha unidade móbil de doazón de sangue

0

O Rosal comeza o ano achegando a súa pinga de solidariedade. O Concello acolle o vindeiro mes de xaneiro unha nova visita dunha das unidades móbiles da Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS), que estará dispoñible o mércores día 4 para todas aquelas persoas que queiran achegarse a doar. Como ven sendo habitual, o autobús estará situado na rúa Ramón Franco, nº 4, fronte á sucursal de Abanca, e os rosaleiros e rosaleiras poderán doar sangue de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 21.00 horas. Todas as persoas que desexen doar sangue poderán solicitar cita previa chamando ao teléfono gratuíto 900 100 828.

A Axencia de Doazón anima a toda a veciñanza a non esperar a que se esgoten os recursos e a sumarse ás máis de tres millóns de doazóns xa realizadas en Galicia. Como recomendación, aínda que o persoal da unidade móbil fai unha revisión a todas as persoas que se achegan a doar para garantir a seguridade dos compoñentes da sangue, piden que as persoas doantes non acudan se nos últimos 15 días se tivo febre, tose ou problemas respiratorios.

Poderán doar as persoas con máis de 18 anos e máis de 50 kg e deberán ir despois de almorzar se acoden pola mañá ou dúas horas despois de xantar ao mediodía se acoden pola tarde. É importante levar a tarxeta de doazón, o DNI ou un documento similar, ademais de informar ao médico en caso de estar tomando algún medicamento.

As doazóns feitas nas unidades móbiles son procesadas e analizadas nas dependencias centrais da Asociación Galega de Doazón de Sangue e Órganos, grazas ao que é posible enviar compoñentes sanguíneos a todos os hospitais galegos para atender a milleiros de doentes os 365 días do ano. É importante lembrar que os hospitais galegos precisan ente 400 e 500 doazóns de sangue cada día, arredor de 10.000 ao mes, para garantir a asistencia a moitas persoas que son sometidas a intervencións cirúrxicas, que sufriron accidentes de tráfico ou laborais, que padecen anemias, hemorraxias, cancros, leucemia, transplantes de órganos…

Covelo rexeita a instalación dunha liña de alta tensión de Red Eléctrica Española

0

O Concello de Covelo e as Comunidades de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) de Godóns, Maceira e San Salvador de Prado amosan o seu rexeitamento ao trazado do proxecto do “Parque 220 kV da Subestación Fontefría”  promovido por Red Eléctrica de España SAU.

“O trazado do parque, que trasladará a enerxía dos eólicos a Portugal, afectará á saúde da veciñanza, aos mananciais, ao patrimonio natural e cultural, ás actividades forestais e agrogandeiras e, en definitiva, ao día a día das veciñas e veciños de distintos barrios destas tres parroquias”, así o explican, Darío Carballo, Manuel Santiago e José Muradás das directivas destas comunidades de montes que, a través dun escrito, veñen de comunicar ao servizo de infraestruturas enerxéticas da Consellería de Economía, Empresa e Innovación a súa total oposición tanto á colocación da subestación como ao trazado proposto.

As tres comunidades de montes adiantan que non aceptarán o prezo que Red Eléctrica de España ofrece xa que está moi por debaixo do mercado, ofertando ata catro veces menos do valor do solo e solicitan unha negociación directa coa empresa pública e non cos intermediarios privados. Ademais, paralizará os proxectos e subvencións acadados.

O Concello de Covelo alertaba, xa no ano 2013, das consecuencias negativas deste proxecto  nunhas alegacións remitidas á Subdelegación do Goberno en Pontevedra. No documento o Concello advertía dos prexuízos que ocasionaba para a Serra do Suído, o Faro de Avión, o Macizo de Fontefría, o Coto de Eiras e, en definitiva, o sur da Dorsal Galega. Manifestaban, daquela, o dano provocado a diferentes hábitats e especies de interese comunitario, o impacto sobre a necrópole megalítica de Fontefría, entre outros moitos elementos do patrimonio arqueolóxico e etnográfico, e a falta de análise das consecuencias socioeconómicas. Covelo solicitaba, entón, unha avaliación ambiental estratéxica, o traslado da subestación, a protección estricta da turbeira de Pontepiñeiros e da necrópole megalítica de Fontefría e a implementación de medidas correctoras dos impactos dos novos tendidos sobre a avifauna, entre outros moitos aspectos.

“Entendemos que se debe facer un estudo minuicioso dos moitos prexuízos que conleva para a nosa zona xa que pon en risco as nosas principais riquezas, a medioambiental e a cultural, freando ademais os esforzos que se realizan nos últimos anos para promover a economía no sector turístico, forestal e agrogandeiro”, explica o alcalde Pablo Castillo.

Hoxe, a veciñanza, reclama un desprazamento da liña levándoa monte arriba para liberalos, así, dos danos e presión da alta tensión e rexeitan totalmente a colocación dunha subestación. As CMVCM manifestan que “a nosa contorna verase transformada nun parque industrial enerxético e resulta curioso o feito de que en apenas 5 anos, estivo en estudo a inclusión do noso monte como Espazo Protexido Rede Natura 2000 (quedando restrinxio á Praia Fluvial de Maceira)”.

As comunidades de montes entenden indispensable a realización por parte da Administración competente, dun estudo obxectivo, real e exhaustivo do impacto ambiental na zona no seu conxunto; “non sendo válido un estudo de impacto ambiental realizado sobre plano e relativo, tan só, ao proxecto singular de execución”.

Os comuneiros explican que, este proxecto de liña eléctrica, corta o monte en dúas partes, e supón a colocación de apoios, para os que se construirán accesos, que son barreiras para o natural percorrer das augas. “Coa iniciación das obras proxectadas, parte dos mananciais ou fontes de agua da nosa parroquia, tanto superficiais como subterráneas, sofren o risco de ser contaminados tanto polas labouras de limpeza como por potencias derrames de substancias perigosas procedentes de maquinarias de obras (aceites e hidrocarburos). Corremos tamén o risco de que os mananciais busquen outros cauces subterráneos debido ás vibracións que produce a maquinaria pesada, e o pilotaxe dos soportes das torres e o corte de camiños de paso tradicionais”.

O patrimonio cultural tamén se verá afectado así como un dos principais atractivos turísticos,o mirador do Castelo do Faro que, cada ano, visitan centos de persoas atraídos polas fermosas vistas e apaixoados do starlight e o parapente.

Ademais, prexudicará os usos forestais e agrogandeiros e provocará unha perda do valor do solo e tamén unha desconexión entre os núcleos rurais e o seu monte comunal, “vai fragmentar o monte de Maceira en dous, cando precisamente o que piden os veciños, sería que se achegue o tendido ao extremo do seu terreo comunal. Desconectará os núcleos rurais do seu monte comunal. Non ten sentido que logo dun proceso de unificación da concentración parcelaria volvamos fragmentarnos”. 

As comunidades de montes afectadas polo paso da liña de alta tensión solicitan unha protección especial para os barrios da Mouta, Carmoniño e San Breixo, (Maceira)  trasladando a liña ao límite do MVMC de Maceira e no barrio de Sutibal (Godóns) á extrema do monte de Godóns. Esixen, entre outras cuestións, contemplar as melloras necesarias para garantir os cursos fluviais e evitar danos nos manaciais, realizar un estudo actualizado do patrimonio cultural da contorna, e priorizar o uso forestal para evitar a perda de renda destes comuneiros e comuneiras, así como unha catalogación axeitada do seu solo e riqueza natural.

Tui despide o ano cunha intensa actividade de Nadal

0

Dentro da programación ‘Tui, o camiño do Nadal’, o concello de Tui continúa impulsando iniciativas para seguir festexando estas datas. A música será a protagonista hoxe á noite co Concerto de Fin de Ano, o Paseo da Corredoira acolle o Mercado de Nadal, os cativos e cativas disfrutan ao longo da semana dos obradoiros e a próxima semana dun planetario, pero amais a decoración e a iluminación destas datas son outros dos atractivos que ofrece a cidade.  

Así Tui despedirá o ano coa música de catro agrupacións locais que ofrecerán hoxe venres, ás 20.30 h, de forma conxunta o Concerto de Fin de Ano no Teatro Municipal. Esta edición correrá a cargo da Banda de Música Popular de Tui, da Coral Polifónica Ponte das Febres, da Coral do Centro Sociocomunitario de Tui e da Coral San Telmo de Tui nun concerto no que a música de Nadal e as bandas sonoras serán as protagonistas. As entradas pódense mercar até media hora antes do inicio en tui.gal aos prezos de 4 € e 3 €.

Por outra parte até o 5 de xaneiro continúa o Mercado de Nadal, emprazado no Paseo da Corredoira. Os postos que ofrecen as súas creacións son o Club Patinaxe Artístico Ribex, Coco Bisutería, Sapone di Principessa, Ideas Peregrinas, Sovoral, Lelate, Vallelongo, Mari Fastudo, Jesús Cesteiro, Riomao Estudio Creativo, Aloia Protectora de Animais de Tui, Artesanía Corman, Churrería chocolatería Patry e a food truck Ruta 82.  Hoxe xoves o mercado abre de 17 a 21.30 h, e mañá venres de 12 a 14 h e de 17 a 21.30 h, mentres que o sábado o horario será so de mañá, e o domingo, 1 de xaneiro, estará pechado.

A cidade está decorada con distintos elementos que se poden visitar nun percorrido polo centro urbano dende a rúa Ourense, pasando polo paseo da Corredoira, a rúa Ordóñez, e as prazas de San Fernando, Fromista, da Estrela e da Armada. Cómpre lembrar que, tanto na Oficina Municipal de Turismo como no pergamiño situado á súa fronte ou na web municipal, está dispoñible o rueiro de Nadal no que están sinalizadas de todas estas decoracións. Pero a iluminación de Nadal é tamén obxecto de múltiples fotografías sobre todo da situada na praza da Inmaculada cun gran oso, o trineo de Papa Noel con dous renos e o tradicional Belén de luz.

Os e as máis pequenos son tamén protagonistas estes días na programación. Polas mañá cubríronse as prazas dos obradoiros infantís organizados pola Biblioteca Municipal, e puideron gozar tamén de inchables na Corredoira. Xa a próxima semana haberá un planetario do luns 2 ao mércores 4 para o que é preciso inscrición previa na propia biblioteca.

E na Biblioteca remata mañá venres o Mercadillo Solidario de Libros  no que a cambio de produtos de Nadal se pode escoller entre os distintos títulos ofertados.

Amais o sábado ás 10.30 h celebrarase a I San Silvestre Solidaria dende o Paseo da Corredoira, onde ao remate da carreira popular haberá chocolate con rosca, badaladas e a actuación do grupo Broken Peach.

Unha programación de Nadal que culminará a próxima semana coa tradicional Cabalgata de Reis.

Ponteareas estrea un corazón solidario para a reciclaxe de tapóns de plástico

O Concello de Ponteareas levou a cabo nos pasados días a instalación dun contedor con forma de corazón para a recollida de tapóns de plástico. Está situado na Praza Fernández Vega, nas inmediacións da praza de Abastos, e nel pode depositarse calquera tipo de tapón ou tapa de plástico procedente de artigos de uso doméstico.

“Desde o Concello entendemos que é fundamental que se traballe coa veciñanza na necesidade de tomar conciencia da importancia de reciclar a fin de adoptar hábitos máis respectuosos co medio ambiente que nos rodea, para coidar o noso planeta”, explica a alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández Davila. “A iniciativa, ademais do beneficio ambiental contribúe á concienciación das xeracións futuras, así como a labores sociais”, salientou a rexedora.

A concelleira de Medio Ambiente, Rosa Covelo, indicou que “malia que xa se realizaba a recollida de tapóns no interior  do Mercado para a súa reciclaxe, coa instalación deste contedor facémola máis visíbel e cómoda para a veciñanza”. 

Cando o contedor estea cheo, os tapóns serán recollidos para darlles unha segunda vida e colaborar así con fins solidarios, xa que irán destinados a asociacións que colaboran con familias afectadas polas enfermidades raras.