A nova achega de Antón Riveiro Coello, «Días de imtemperie», é unha proposta que contén nove relatos de temática e transfondo diferentes, mais que teñen un elemento en común, como é a guerra no sentido máis amplo da palabra. Non fala de ningunha en concreto e, ao tempo fala de todas, dende a de Ucraína até Vietnam, Siria, a Guerra Civil española ou calquera outra, sen especificar. Quizais debería rectificar e afirmar que o pano de fondo das narracións non é a guerra, senón as súas consecuencias na poboación, pois non fala de grandes batallas nin de estratexias militares, senón de xente do común que, cada un á súa maneira, padece as consecuencias dun enfrontamento bélico do que, ás veces, nin forman parte, nin desexaron. Nese senso podemos afirmar que mantén a mesma liña do seu anterior traballo, «O paraíso dos inocentes».
Sen deterse a evaluar as razóns do enfrontamento nin quen leva ou deixa de levar a razón, centra a nosa atención nesas personaxes inocentes que se ven asoballadas polos acontecementos no seu día a día. Dá igual a que bando pertenzan, se é que pertencen a algún. Isto dálle pé a crear algunhas das escenas máis duras da súa dilatada traxectoria como narrador, pois non se trata de agochar as consecuencias dun enfrontamento, senón todo o contrario: de amosar como os máis inocentes acaban por seren sometidos e destruídos pola ira e o rancor daqueles que pretenden ter a razón. Non importa o dano, a podremia, a loucura que provoquen. Velaí o camiño polo que se move o mundo que estamos a crear dende o principio dos tempos.
Pero a pesar desta visión pesimista da realidade, os contos de Riveiro Coello deixan un pouso para a esperanza. Ao longo do libro preséntanos temas tan contemporáneos e, a un tempo, tan tradicionais, como a acollida, a orfandade, a homosexualidade, o devezo polos libros, a vinganza, o contrabando ou a suplantación de identidade. E, por moi difícil que pareza, no medio de toda esa tolemia bélica que rodea aos protagonistas, agroman por todas partes sementes de humanidade, abrochos de inocencia dos que penduran a sensibilidade e o altruísmo que o ser humano segue gardando dentro de si. As persoas que aparecen nestes relatos son vítimas ou verdugos, certo, pero sempre teñen unha fenda aberta para que por ela se cole a confianza en que, se nolo propoñemos, as cousas poden ir a mellor. Coido que esa é a mensaxe máis interesante que se esconde por tras destes nove relatos.
Riveiro Coello é un dos escritores máis recoñecidos do panorama contemporáneo, e non é unha afirmación gratuíta. Facer que a lectura destas historias, por veces truculentas, se convirta en algo pracenteiro, resulta difícil e só ao alcance duns poucos. Cunha linguaxe sinxela e directa e con algunhas concesións líricas de cando en vez, é capaz de pasar da crueza do relato a amosar esa luz de esperanza da que falabamos sen que a narración se vexa alterada. Unha fluidez que denota o oficio dun autor ao que hai que ter sempre presente.
Antón Riveiro Coello
«Días de intemperie»
Galaxia
120 páxinas