Domingo, 4 Maio de 2025

Nigrán ofrece este xoves ‘Días Felices’, na Carrasca

O Venres tocará Argonat Band. O Concello suple deste xeito a non celebración da 'Semana Cultural'

O Concello de Nigrán, en colaboración co ‘C.C.D. Bolos da Carrasca’, ofrece este xoves 5 de agosto ás 20:00 horas na Praza da Carrasca a obra ‘Días Felices’ da compañía local ‘Teatro do Ar’. Adicionalmente, o venres 6 ofrecerá o concerto de Argonat Band ás 22:00 horas. O consistorio programa ambas actuacións para suplir a non celebración este ano da ‘Semana Cultural’, evento que a entidade suspendeu por precaución sanitaria.

O grupo de mozos e mozas de Teatro do Ar presentan unha comedia propia para todos os públicos baseada nun mundo distópico no que desapareceu a risa. A obra, escrita polo director do grupo Pedro Rodríguez Villar,  mostra a busca do pallaso Trombón, que  traballa nun tanatorio da risa. “É unha forma de reflexionar desde a comedia da necesidade de sermos un mesmo e de ser conscientes da nosa identidade”, explica o autor. A música en directo, a cargo de Lucía Doval, tamén forma parte importante da identidade desta obra.