Sábado, 3 Maio de 2025

Concentración e minuto silencio en memoria de Soledad Rey Valverde, veciña do municipio de Gondomar

Este mércores unha veciña da parroquia de Mañufe, en Gondomar, foi asasinada polo seu marido que, posteriormente, intentou quitarse a vida. Con ela, xa son tres as mulleres vítimas mortais a causa da violencia de xénero na comunidade galega no que levamos de 2020, tralos crimes machistas rexistrados a principios de ano na Pastoriza e en Lugo. A Asociación de Profesionais dos Centros de Información á Muller de Galicia (ASOCIM) mostra a súa repulsa polo ocorrido e traslada o seu pesar por este novo asasinato machista co que ascenden a 42 as mulleres asasinadas polas súas parellas ou exparellas este ano, 1.075 desde que existen rexistros, ano 2003.

ASOCIM pon o foco na necesidade de contar con Centros de Información á Muller fortes que permitan atender dignamente ás vítimas de violencia machista con todas as garantías. Nesta liña, leva tempo denunciando a falta de persoal nos CIM e a necesidade de máis perfís profesionais para xestionar en condicións óptimas o horario de atención de cada centro segundo as súas especificidades, tendo en conta a súa localización e se se ocupan de asistir a varios municipios de forma conxunta e/ou a zonas moi poboadas.

A corporación municipal de Gondomar concentrouse este xoves 03 de decembro ás 12 horas ante o Concello para gardar un minuto de silencio en memoria de Soledad Rey Valverde, veciña da parroquia de Mañufe, que foi presuntamente asasinada pola súa parella.

O goberno local decretou tres días de loito oficial e suspende os actos previstos neses días en memoria de Soledad Rey Valverde e, unha vez máis, quere amosar o seu máis rotundo rexeitamento e repulsa á violencia de xénero, que se cobrou no que levamos de ano a vida de 42 mulleres.

A importancia dos CIM

Os Centros de Información á Muller son un conxunto de recursos das entidades locais desde os que se artella unha intervención global dirixida ás mulleres e que proporcionan asesoramento xurídico, atención psicolóxica, orientación profesional e sociolaboral, así como calquera outra información encamiñada á consecución da igualdade efectiva entre mulleres e homes. Desde a súa constitución en 2015, ASOCIM traballa na promoción do recoñecemento social das/os profesionais dos CIM e da igualdade de dereitos e oportunidades entre homes e mulleres como garantía dos dereitos humanos.