12.4 C
Pontevedra
Venres, 26 de Abril de 2024
Máis
    HomeUltimas NoticiasO BNG inicia unha ofensiva en defensa da Serra do Suído e...

    O BNG inicia unha ofensiva en defensa da Serra do Suído e contra a invasión eólica

    O Bloque vai presentar nos vindeiros días iniciativas en defensa do Suído no Parlamento Galego e nos concellos de Covelo e Mondariz e outros na contorna do Suído, nas deputacións de Pontevedra e de Ourense e no Parlamento Galego

    Os deputados e deputadas do BNG no Parlamento Galego, Luís Bará, Alexandra Fernández, Noa Presas e Manu Lourenzo, xunto ao alcalde e tenente de alcalde de Mondariz, Xosé Emilio Barros e Leopoldo Tato; as concelleiras de Covelo, Laura Santiso e Belén Carballo e outros responsables do BNG nas comarcas do Condado Paradanta, Pontevedra, Vigo, O Ribeiro e O Carballiño mantiveron un encontro nas inmediacións do Foxo do Lobo de Campo, no Lombo da Serra, concello de Covelo, para denunciar os megaparques eólicos que poñen en risco hábitats declarados de interese prioritario pola Unión Europea como as turbeiras altas activas, as matogueiras húmidas atlánticas e os bosques aluviais de ameneiros e freixos.

    Por outra parte, os proxectos que están a tramitación non teñen en conta a declaración da Serra do Suído como Área de Especial Interese Paisaxístico. Diante da ameaza de destrución irreversíbel de ecosistemas de grande valor ambiental, a representación nacionalista demandou a paralización cautelar destes proxectos e o estudo de alternativas compatíbeis con un desenvolvemento racional e equilibrado do territorio.

    O BNG considera que “os 20 proxectos eólicos previstos no Suído, O Faro de Avión e A Paradanta conforman un megaparque industrial e responden a unha visión economicista, depredadora e de espolio dos recursos locais, que conta co beneplácito e o impulso da Xunta do PP. Están promovidos por empresas do oligopolio eléctrico que procuran maximizar beneficios sen importarlles os graves impactos negativos da construción de pistas de acceso, instalación de aeroxeradores, construción de subestacións e redes de evacuación de enerxía” sinalaron as nacionalistas.

    Propostas en defensa dun desenvolvemento equilibrado e harmónico do territorio

    Fronte a este modelo extractivo, o BNG defendeu un plan plurianual de dinamización socioeconómica e o desenvolvemento sustentábel, liderado pola Xunta de Galiza en coordinación cos concellos e deputacións e coa participación das entidades sociais da zona.

    Ademais, o grupo nacionalista anunciou a presentación nos vindeiros días de iniciativas no Parlamento Galego, nas deputacións e nos concellos para reclamar a integración da serra do Suído e do Alto Tea na Rede Natura, a protección dos humidais, das nacentes e das concas dos ríos Avia, Tea, Oitavén e Verdugo; e a declaración como Ben de Interese Cultural, na modalidade de paisaxe cultural, do extraordinario patrimonio etnográfico da serra formado por chozas, cortellos, curralas, sesteiros e foxos do lobo, construídos coa técnica da “pedra seca” ou “cachotería en seco”, incluída na listaxe do patrimonio inmaterial da UNESCO en 2018.

    Ademais, o BNG salienta a necesidade de avaliar e protexer a función do Suído como colector hídrico e o seu valor estratéxico para o subministro de auga ás comunidades locais e á área metropolitana de Vigo.

    Campaña de información e de mobilización social

    Ademais de presentar iniciativas nas institucións, o BNG ten previsto iniciar neste mes de marzo unha campaña de información e mobilización social mediante a organización de charlas, roteiros, recollidas de sinaturas e reunións con colectivos sociais. O obxectivo desta campaña é alertar das irregularidades da tramitación dos megaparques eólicos debido á división fraudulenta dos proxectos en unidades máis pequenas e á ausencia de avaliación ambiental conxunta de proxectos que comparten infraestruturas. Ademais, o grupo nacionalista presentará propostas alternativas para a dinamización e o desenvolvemento dos concellos da serra do Suído e do Alto Tea.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.