10.5 C
Pontevedra
Venres, 26 de Abril de 2024
Máis
    HomeUltimas NoticiasMUMI 2021, tres días, dezasete showcases, cinco mesas redondas e un cento...

    MUMI 2021, tres días, dezasete showcases, cinco mesas redondas e un cento de speedmeetings nunha cita na que participacion máis de 120 profesionais

    A Eurocidade Tui-Valença congregou a boa parte das empresas e profesionais de Galicia e Portugal durante os tres días nos que se desenvolveu o MUMI 2021. Do 9 ao 11 de setembro, o Encontro Profesional das Músicas no Minho reuniu a máis de 120 profesionais inscritos que participaron en mesas redondas e reunións nas que se abordaron as posibilidades de colaboración, a profesionalización artística e a internacionalización de proxectos.

    A organización do MUMI 2021 fai un balance moi positivo desta primeira feira profesional luso-galaica que responde á necesidade de crear un espazo de encontro entre o sector de ambas beiras do Miño. Patrocinado pola Eurocidade Tui-Valença a través do proxecto Unicidade e polos concellos de Tui e Valença, tamén apoian o MUMI 2021 a Direção Regional de Cultura do Norte e a Xunta de Galicia así como a Fundação GDA, Fundación SGAE, Mel: Piquenique das artes!, Deputación de Pontevedra, Bodegas Martín Códax, Gadis e Bodegas Corisca.

    Concerto de Silvia Penide

    Tres días, dezasete showcases, cinco mesas redondas e un cento de speedmeetings para un evento no que se inscribiron máis de 120 profesionais e que instalou a área profesional na Escola Superior de Ciencias Empresariais de Valença. Para a organización do encontro, o MUMI constitúe o punto de partida para a recuperación do sector no contexto da pandemia creando un espazo de encontro no que construír unha relación estable entre axentes e empresas galegos e portugueses. As persoas inscritas participaron activamente nos speedmeetings que se desenvolveron na área profesional, encontros tan rápidos como intensos que poñen en contacto a músicos con programadores e xestores, a profesionais de diferentes puntos xeográficos ou a empresas con novos talentos.

    Este tipo de encontros conforman a identidade do MUMI 2021 cuxo obxectivo principal é establecer un novo escenario para este tipo de interrelacións e intercambios. Os profesionais inscritos tiveron a oportunidade de asistir a mesas redondas que recolleron as inquedanzas do sector, moitas delas agravadas polo contexto pandémico. Os direitos dos artistas, a situación actual das salas de concertos tras un ano e medio de peche e o seu papel fundamental na promoción artística, o asociacionismo como estratexia, o papel dos patrocinios culturais e a relación dos festivais co territorio foron os temas das palestras que tiveron lugar o xoves 9 e o venres 10 de setembro. Entre as bandas que protagonizaron os showcases dirixidos exclusivamente a profesionais estiveron os portuguesas José Valente, Jorge da Rocha e emmy Curl, e os galegos Oîma, Pálida e Xacobe Martínez Antelo Quinteto.

    Un dos numerosos ‘speedmeeting’ que se celebraron durante o MUMI

    Ademais de toda a programación dirixida ao público profesional, a organización do MUMI 2021 tivo claro desde un primeiro momento a necesaria proxección pública do evento coa inclusión de actividades e concertos para a cidadanía en xeral. Familia Caamagno, Magín Blanco e A banda das apertas, O Sonoro Maxín, , Pulpiño Viascón, Silvia Penide, Barry White Gone Wrong, Cassete Pirata, Conjunto!Evite, KÁUSTIKA, TAKATUM e The Guit Kune Do foron as bandas que puido gozar o público en espazos como o Teatro Municipal e as rúas de Tui. O pasamento do ex presidente portugués Jorge Sampaio e a declaración de loito oficial en Portugal provocou que a actividade aberta prevista para Valença se trasladase a Tui o sábado 11 de setembro.

    A Eurocidade: aposta polo MUMI

    Ademais o MUMI 2021 foi escenario da estrea absoluta da Orquestra Galego-Portuguesa de Liberación, dirixida por Xacobe Martínez Antelo, e que foi o concerto de apertura no Teatro Municipal de Tui. Unha orquestra composta por 16 músicos galegos e portugueses que, ao redor da improvisación, deleitou ao público do MUMI que encheu o aforo do teatro na noite inaugural. Unha experiencia única que simbolizaba enriba do escenario e a través dos instrumentos, a filosofía do Encontro Profesional das Músicas no Miño. Tamén foi especial o encontro no palco, para o concerto de peche, de dous dos grandes nomes da música, considerados embaixadores da cultura galega e portuguesa, como son Uxía e a banda de Terras de Miranda, Galandum Galundaina.

    A organización do MUMI, un proxecto que viñan madurando desde hai anos un grupo de empresas culturais de Galicia e Portugal, expresou de maneira especial o seu agradecemento aos concellos da Eurocidade, Tui e Valença, que a través do proxecto Unicidade patrocinan o encontro. Ambos concellos amosáronse sempre convencidos de que a Eurocidade Tui-Valença, un dos poucos espazos transfronteirizos en Europa de carácter urbano, pola súa necesidade de horizontes comúns, era o territorio adecuado para un proxecto como o MUMI.

    Ambas institucións entenden que as implicacións sociais e económicas da actividade cultural e, máis concretamente, da música, están xerando benestar e progreso na Eurocidade. Desde a organización do MUMI 2021, este primeiro balance na xornada de peche é moi positivo, resaltando a creación de alianzas estratéxicas, fundamentais no momento no que vivimos.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.