As visitas teatralizadas de Samaín ao Castelo de Soutomaior rematan esta fin de semana coa participación de 180 persoas. Deste xeito as sesións, nas que as persoas participantes “pásano ben pasándoo mal”, comezarán ás 20:00 horas do venres cunha visita teatralizada dirixida ao público adulto que tamén se repetirá o sábado, 28 de outubro, á mesma hora. Pola súa banda, as visitas familiares terán lugar o sábado e domingo, 28 e 29 de outubro en dobre sesión, ás 11:30 e 16:30 horas. Está previsto que participen nas actividades desta fin de semana 180 persoas que se sumarán ás outras 540 que xa pasaron polo castelo neste mes de outubro.
Tanto as visitas nocturnas, para público adulto, como as familiares, dirixidas aos máis pequenos da casa, estarán a cargo da compañía Troula Animación e baséanse na idea de que os asistentes o pasen ben pasándoo mal. Nas actividades destinadas ao público adulto os participantes (idade recomendada a partir dos 16 anos) porán a proba a súa valentía nunha visita guiada onde nada é o que parece. Pola súa banda nas dirixidas ao público infantil o público gozará dunha historia terrorificamente divertida. En cada sesión participarán 30 persoas.
Ademais, este sábado terá lugar tamén no Castelo de Soutomaior un obradoiro para familias nas que se lles amosará o mundo do Samaín e as árbores e froitas típicas desta época do ano. Esta sesión, así como a do Magosto, con saída polo bosque para recoller castañas e posterior degustación prevista para o 4 de novembro, ten tamén todas as prazas esgotadas.