O goberno en funcións da Deputación de Pontevedra fixo oficial esta mañá o traspaso de poderes ao grupo provincial do Partido Popular, nun encontro no que participaron o deputado portavoz do PSdG-PSOE en funcións, Carlos Font, o voceiro do BNG e vicepresidente en funcións César Mosquera, e o deputado e voceiro en funcións do PP, Jorge Cubela, acompañado de Marta Fernández Tapias.
Na reunión, que se desenvolveu de forma cordial, Mosquera e Font fixeron entrega á delegación popular de toda a documentación dos proxectos e programas que está a desenvolver a Deputación. O dossier, cun total de 300 folios, ofrece toda a información detallada das 27 áreas de servizo, a fin de que o goberno entrante na institución poida tomar así as decisións que considere convenientes.
O pleno de constitución da nova corporación da Deputación de Pontevedra xa está fixado para o vindeiro xoves, 6 de xullo, ás 12.00 h, unha vez chegou esta mañá, procedente da Xunta Electoral, a documentación dos novos deputados. Ambas as dúas delegacións reuniranse de novo mañá venres para organizar o protocolo da toma de posesión da nova corporación provincial.