18.3 C
Pontevedra
Sábado, 3 de Xuño de 2023
Máis
    HomeÉ NoticiaO territorio do Miño reclama cunha pancarta xigante na ponte da Amizade...

    O territorio do Miño reclama cunha pancarta xigante na ponte da Amizade a apertura da fronteira con Portugal e a compensación polo dano económico

    Alcaldes e alcaldesas galegas e portuguesas protestaron de novo hoxe –por separado ao impedir a GNR e a Garda Civil un acto simbólico conxunto- para criticar o maltrato de Madrid e Lisboa

    Cunha pancarta xigante co lema ‘Open the border’ no medio da ponte da Amizade entre Tomiño e Vila Nova de Cerveira. Así decidiron hoxe alcaldes e alcaldesas do territorio do Miño (de 26 concellos) chamar a atención sobre o dano económico que está a sufrir o territorio miñoto, tanto empresas como persoas traballadoras dunha e outra banda, polo peche da fronteira con Portugal.

    O vicedirector do AECT Rio Miño Uxío Benítez destacou que se trata dun berro de axuda tanto ás autoridades galegas, estatais como europeas para abrir todos os pasos da fronteira, e tamén para que se inxecten axudas económicas que palien o dano feito na economía da zona pola decisión dos estados español e portugués. “O mal xa está feito ábranse agora os pasos ou dentro dun mes. Non nos fixeron caso nas nosas reivindicacións e agora queremos que nos teña en conta e se nos compense polas perdas”, afirmou o nacionalista.

    Benítez puxo cifras e lembrou que as persoas traballadoras están a gastar unha media de 200 e 300 euros mensuais en combustible nos rodeos para pasar polo único paso aberto 24 horas (Tui-Valença). Tamén destacou que, segundo o estudo de impacto elaborado pola UVigo (presentado o pasaro venres), a hostalería da zona do Miño está a perder un 19% de facturación polo ‘efecto fronteira’ a maiores do que perdería pola pandemia calquera negocio noutra ubicación, igual que o comercio ten un 12% máis de perdas por estar na ribeira do Miño.

    Fotografía de Rafa Estévez

    O mandatario destacou que nestes momentos está aberto o debate do cadro comunitario dos fondos transfronteirizos do POCTEP 2021-2027, polo que o que cómpre “ é compensar ao territorio polo perxuizo económico de decisións políticas dos Estados”. “Este é  un momento axeitado, hai que habilitar partidas específicas para territorios directamente de fronteira nos que o perxuizo económico foi maior, garantindo que os fondos se destinan ás zonas de raia e non se deturpen”, dixo, criticando que nestes momentos case toda Galicia e todo Portugal menos a zona de Lisboa teña dereito a acceder a eses fondos a pesares de non estar na ‘raia’.

    Pola súa banda, a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, censurou a negativa de poñer controis nos pasos entre ambos países para facer efectivo o control sanitario. Lembrou que iso obriga ás persoas traballadoras , máis de 6.000 que se moven na raia do Miño, a utilizar un punto que funciona como funil que é a ponte internacional de Tui-Valença. “Persoas con salarios que nesta zona non son moi altos ven incrementados os seus gastos e o tempo dedicado ao desprazamento, co que implica na conciliación”, dixo.

    Tamén subliñou que resulta “lamentable” esta situación porque “este erro” xa se cometeu o ano pasado durante o anterior peche de fronteiras. “Estamos convencidos de que é unha cuestión efectista, porque a xente que ten que pasar segue a pasar igual. O que hai que facer é poñer controis nas cinco pontes internacionais, é moi fácil”, insistiu, engadindo que neste caso o que fixeron é dividir un territorio. “É como se nos quitasen a metade do territorio, a metade dos clientes, a metade dos empresarios, a metade dos traballadores… Ao pechalo, que se nos compense. Os fondos transfronteirizos teñen que compensar aos territorios de fronteira, non poden ser para todo. E iso tense que facer efectivo no próximo cadro comunitarios”, finalizou.

    Dende o AECT anunciouse a creación dun rexistro de persoas afectadas polo peche da fronteira que se xestionará a través do Agrupamento e de todos os concellos implicados nunha oficina conxunta co fin de proceder á tramitación de posibles indemnizacións. Así mesmo, presentarase unha moción tipo nos 26 concellos para ter o refrendo e reivindicar ante todas as institucións tanto a apertura inmediata dos pasos como as compensacións económicas polo peche.

    Na protesta de hoxe participaron alcaldes e alcaldesas e outros representantes dos concellos dunha e outra banda do río: A Guarda, O Rosal, Tomiño, Tui, Salceda de Caselas, Salvaterra, As Neves, Arbo, Caminha, Vila Nova de Cerveira, Valença, Paredes de Coura, Monçao e Melgaço. Nesta ocasión non foi posible desenvolver o acto simbólido de maneira conxunta por impedimento expreso da GNR e da Guarda Civil, que non autorizaron á comitiva galega e á portuguesa a xuntarse no medio da Ponte da Amizade: cada parte escenificou a queixa do seu lado. “Esta ponte chámase da Amizade, moi simbólico, pero agora esa amizade está rota non por vontade dos seus veciños e veciñas, senón das autoridades”, criticou a alcaldesa de Tomiño.

    COLABORACIÓNS

    Aperitivos de hojaldre sin gluten

    Mayo es el mes de las personas celíacas. El día 16 se celebró el Día Internacional de la Enfermedad Celíaca y hasta este año, el 27 de mayo se celebraba en España el Día Nacional (este año nos unimos al resto de los países y lo celebramos el día 16).

    Ponteareas diante das eleccións (II): a Xeración do cambio, un recordo para que a Historia non se repita

    “De onde vimos? quen somos? onde imos?”. O título do cadro de Paul Gauguin e a letra da coñecida canción de Siniestro Total son interrogantes filosóficos que, aplicados ao mundano proceso electoral no que estamos inmersos, serven para lembrarnos que os procesos histórico-políticos son dinámicos e, polo tanto, teñen unha xénese no pasado que explica un presente que, á súa vez, condicionará o futuro decorrer dos acontecementos. A recente historia de Ponteareas non é unha excepción e, a poucos días das eleccións municipais, convén lembrala para non estar condenados a repetila.

    Ponteareas diante das eleccións (I): David contra Goliat e a utopía feita realidade

    Botando unha ollada atrás un non pode deixar de sorprenderse da rapidez coa que transcorre o tempo e a vida. Unha velocidade vertixinosa que tamén acompaña aos acontecementos e procesos sociais e políticos e que explica a facilidade coa que a sociedade pode esquecer tan axiña o seu pasado e, sobre todo, en política, ignorar de onde vimos, onde estamos e cara onde nos diriximos. Esquecemento dos que viviron eses procesos, mais tamén descoñecemento comprensíbel por razóns biolóxicas e xeracionais dos que daquela non naceran ou eran uns cativos.

    “The Last Of Us”

    Hace unos días, terminé de ver la primera temporada de la serie "The Last Of Us", una serie basada en la historia de un videojuego inspirado en un mundo apocalíptico.

    Colaboradores

    Alberto Aliaga Sola
    20 POSTS0 COMMENTS
    Bea Sanfa
    14 POSTS0 COMMENTS
    Manrique Fernández
    83 POSTS0 COMMENTS
    Paz de la Peña
    42 POSTS0 COMMENTS
    Ricardo Canosa Bastos
    14 POSTS0 COMMENTS
    Roberto Mera
    8 POSTS0 COMMENTS
    Avatar
    1 POSTS0 COMMENTS