13 C
Pontevedra
Martes, 19 de Marzo de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaO alumnado da ESO da provincia mostra o seu talento na clausura...

    O alumnado da ESO da provincia mostra o seu talento na clausura de “DepoEMPRENDE”

    A zona exterior da Praza de Abastos de Pontevedra viviu unha xornada especial da man do programa da Deputación “DepoEMPRENDE na ESO”, que levou a case 140 escolares e 13 docentes de 7 centros educativos de Moaña, Pontevedra, Vilaboa, Cangas, Redondela, Gondomar e Tui a instalar postos de venta cos que puxeron o broche de ouro ao programa provincial de emprendemento. Neles ofreceron produtos ecolóxicos e artesáns cuxos beneficios estiveron destinados a distintas ONG da provincia centradas na loita contra o cancro, as persoas con diversidade funcional, a consecución os dereitos das nenas e nenos ou protectoras animais. Entre as persoas que se achegaron a este mercado solidario e entregaron ao alumnado os diplomas acreditativos da súa participación, estiveron a presidenta provincial, Carmela Silva; o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; a deputada Raquel Giráldez; a concelleira Yoya Blanco; o concelleiro Iván Puentes e representantes do sector comercial.

    Foi unha xornada festiva na que tanto as persoas que pasaban pola rúa como as e os propios comerciantes do mercado se interesaron polos artigos que a rapazada tiña nos seus stands. Moitas e moitos foron animados polo propio alumnado, que repartiu folletos polas rúas adxacentes para atraer ao maior número de persoas a esta feira. En cada un dos postos os alumnos e alumnas das 10 cooperativas que se constituíron ao abeiro deste programa explicaron as características dos seus produtos e fixeron as labores propias dun posto de traballo destas características, poñendo así en práctica o aprendido ao abeiro de “DepoEMPRENDE” e axudándose entre si. Entre os artigos destacaron os de alimentación ecolóxica como chocolate, marmelada de amorodo, mel de alcrique ou bicas. Nos stands tamén se podían atopar produtos de artesanía como carteiras, chaveiros ou colares, algúns deles realizados por persoas con diversidade funcional usuarias de COGAMI. Con este mercado, as alumnas e alumnos tamén puxeron en práctica as súas habilidades creativas ao decorar a man os stands para chamar a atención das e dos posibles compradores.

    Carmela Silva amosouse moi interesada polos produtos que ofrecía a rapazada e comprou varios deles en compañía do alcalde de Pontevedra. Visitaron todos os postos do mercado de “DepoEMPRENDE”, programa que a presidenta provincial definiu como “un proxecto fermoso que -engadiu- dá moito traballo pero logo é moi satisfactorio”. Esta iniciativa “pretende crear cultura emprendedora e facer que os centros educativos sexan un espazo onde a rapazada aprende a crear actividade económica á vez que afonda nos valores humanos”, sinalou, en relación ao carácter social do mercado que destina os seus beneficios a “diferentes causas sociais e, polo tanto, ten moito de compromiso coa sociedade na que van a vivir e na que se van a desenvolver como traballadoras/es ou empresarias/os”. Neste senso, animou a todas as persoas a deterse nos postos e adquirir os artigos xa que “comprar estes produtos é comparar solidariedade”. A presidenta lembrou tamén que con “DepoEMPRENDE” a rapazada aprende “como se constrúe unha empresa e cales son os postos imprescindibles para poñela en marcha así como cuestións de márketing, de comercialización e de internacionalización en traballos que teñen que ver coa creación de ideas que responden ás novas demandas”.

    Pola súa banda, o alcalde Fernández Lores deulle os parabéns á Deputación “por facer este esforzo de formación e sacar adiante este proxecto que permite a moitas alumnas e alumnos meterse na mecánica do emprendemento”. Destacou que “elas e eles son o futuro do noso país e esta experiencia enriquecedora pode estimular futuros emprendementos”. O alcalde de Pontevedra secundou as palabras de Carmela Silva ao subliñar que o carácter solidario do proxecto e puxo en valor a implantación da Responsabilidade Social Corporativa “un concepto novidoso que fai reverter o aproveitamento económico das empresas na súa sociedade”.

    Os centros e as cooperativas

    Deste mercado formou parte alumnado e profesorado do IES Plurilingüe A Paralaia (Moaña) coa cooperativa “ECOGZ”; do IES Luís Seoane (Pontevedra) coa cooperativa “LUSECOOP”; do CIP do Toural (Vilaboa) coa cooperativa “Vilaboa Inicia”, do IES de Rodeira (Cangas) coas cooperativas “IVIs coop” (Iniciativa de Valientes e Inteligentes) e “Riss & Ross Cooperative”; do IES Illa de San Simón (Redondela) coa cooperativa “Cabriola”; do IES Plurilingüe Terra de Turonio (Gondomar) coa cooperativa “TuronioBio, S.coop.”; e do IES San Paio (Tui) coas cooperativas “GaliVedra”, “Sweetcoperative” e “Chocosorpresa, S.coop”. Elas e eles decidiron a que entidades destinar os beneficios deste mercado deste xeito elixiron favorecer á Asociación Española Contra o Cancro (AECC); Asociación de Redondela de Ayudas a Personas con Dolencias Psiquicas (LENDA); Asociación de Ayuda a Niños Oncológicos de Galicia (ASANOG); Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) en Mos; Asociación de Apoio a Mulleres con Cancro de Mama (ADICAM); Asociación SOS Tomiño Baixo Miño; e Fundación Balms para la Infancia. Ademais beneficiaron a tres iniciativas de protección animal: a Protectora de Animais do Morrazo, Asociación Protectora de Animais Bai Senpulgas, e Aloia Protectora de Animais.

    O programa provincial “DempoEMPRENDE” arrancou no ano 2016 e nel xa teñen participado 132 centros educativos e 3.464 alumnas/os nas modalidades de Escola, ESO e FP. Todas elas están destinadas a fomentar o emprendemento no marco do sistema educativo e impulsar que o alumnado sexa protagonista. Neste senso, as alumnas e alumnos de 4º da ESO crearon cooperativas coas que adquiriron os produtos que se logo venderon neste no mercado e puxeron así en práctica as capacidades de negociación, toma de decisións, comunicación e resolución de conflitos.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.