Xoves, 27 Marzo de 2025

O AECT Río Miño un grupo de traballo estable con ‘entidades espello’ dos ríos Uruguai, Rin e Danubio para intercambiar experiencias

Representantes das institucións ‘eurolatinoamericanas’ visitarán a zona do Miño para estudar in situ a súa gobernanza transfronteiriza

O Agrupamento Europeo de Cooperación Territorial AECT Río Miño vai formar parte dunha rede estable de traballo e intercambio de experiencias xunto a entidades transfronteirizas similares de concas de grandes ríos europeos e latinoamericanos. Así se concretou esta tarde no seminario  ‘Intercambio de experiencias: UE e Conca do Río Uruguai’ organizado pola Asociación de Rexións Fronteirizas Europeas (ARFE) e o Comité para o Desenvolvemento da Conca do Río Uruguay, no que estiveron presentes de maneira telemática ademais do deputado e vicedirector do AECT Uxío Benítez, representantes de organismos do Río Uruguai, o río Rin e o Danubio.

O obxectivo do encontro, segundo explica Benítez, é estreitar lazos entre as ‘institucións espello’ das concas dos mencionados ríos, e dar un primeiro paso de cara a unha vindeira visita de estudo –con data aínda por determinar- que as e os integrantes dos agrupamentos transfronteirizos realizarán ao territorio miñoto para coñecer ‘in situ’ a gobernanza transfronteiriza que está a desenvolver o AECT Río Miño.

A decisión de crear unha rede de agrupamentos ‘eurolatinoamericanas’ de cooperación estable, que manteña reunións periódicas, tomouse debido ás similitudes que teñen as organizacións que xestionan recursos nas concas, con estruturas formadas principalmente por municipalidades. Considérase  que todas elas poden achegar e intercambiar fórmulas e solucións a problemas que se dan nos territorios transfronteirizos de maneira repetida.

No seminario de hoxe, o deputado Uxío Benítez participou nunha mesa sobre ‘Gobernanza e Cohesión Social Transfronteriza’. Destacou que o Agrupamento Europeo de Cooperación Territorial do Miño ten unha curta vida –naceu en 2018-, “mais xa está a ser referente institucional claro na defensa e xestión do territorio miñoto”.

Subliñou que foi a institución que se puxo á fronte das necesidades dos concellos ribeiráns en momentos chave como o peche de fronteiras entre España e Portugal por mor da COVID, reclamando a súa apertura. Tamén lembrou que está a traballar –entre outros obxectivos- para acadar unha unidade de criterios da Xunta e o goberno portugués á hora de aplicar a normativa europea no espazo ‘Rede Natura 2000’ do Miño, iniciativa para a que obtivo financiamento europeo.

O nacionalista destacou que o AECT supón un modelo de xestión administrativa, “un instrumento privilexiado de cooperación”, que coñece de primeira man e de maneira local as necesidades dun territorio común a pesares de estar dividido administrativamente entre os estados español e portugués.

Segundo explicou o deputado Benítez, o AECT Rio Miño, ademais, é un medio xurídico que permite optar e xestionar fondos europeos de xeito áxil, promover e organizar accións de cooperación do territorio de forma directa, así como servir de foro estable sobre o río Miño. Subliñou, así mesmo, que consta dunha estratexia de actuación coa vista posta no 2030.