A sostibilidade é un tema de debate recorrente nos museos nestes tempos. Por iso a 12ª edición do Encontro de Conservación e Restauración, que cada ano organiza o Museo de Pontevedra, porá nesta ocasión o foco en como desenvolver prácticas de xestión, museografía e restauración respectuosas co medio ambiente. O encontro terá lugar os días 23 e 24 de novembro e reunirá en Pontevedra a persoas expertas de museos, institucións e entidades privadas de Noruega, Países Baixos, Portugal e España.
Durante dous días, desenvolveranse once conferencias arredor do tema ‘Museos sostibles? Xestión, museografía e restauración’, organizadas en tres bloques que se pecharán con cadanseu coloquio. O primeiro bloque, o xoves pola mañá, centrarase na análise de propostas e o intercambio de experiencias e iniciativas de institucións públicas e privadas para establecer estratexias e criterios de sostibilidade na xestión do patrimonio cultural. Abrirá o encontro Morien Rees, responsable do grupo de traballo de sostibilidade do ICOM, cunha conferencia inaugural na que abordará o estado da cuestión. Á súa intervención seguirá a de representantes do Ki Culture de Amsterdam, unha organización que traballa pola sostibilidade na cultura, do Museo Guggenheim de Bilbao e do equipo redactor do ‘Libro verde para a xestión sostible do patrimonio cultural’, que acaba de publicar o Ministerio de Cultura y Deporte.
A sesión vespertina do mesmo xoves abordará as prácticas museográficas sostibles, coa presenza de representantes de tres empresas do sector especializadas en ámbitos cun importante impacto ambiental, que exporán alternativas que reducen esa pegada: o deseño de exposicións temporais, coas posibilidades que ofrece o ecodeseño; a iluminación, coa optimización que ofrecen a mellora tecnolóxica, o deseño responsable e a práctica especializada; e o transporte de obras de arte.
O venres pola mañá desenvolverase a terceira e última sesión, centrada de maneira específica nas metodoloxías verdes aplicadas á conservación e restauración, con prácticas que minimizan a pegada de carbono, recursos tecnolóxicos que favorecen a conservación sostible e a atención a programas de mantemento e xestión de residuos. Serán catro conferencias impartidas por investigadores e investigadoras que traballan no estudo e identificación de prácticas máis sostibles nas intervencións no patrimonio construído, no tratamento do patrimonio pétreo e na limpeza por ultraconxelación de superficies patrimoniais. Tamén se ofrecerá un repaso polos proxectos do Instituto del Patrimonio Cultural de España para validar métodos de conservación máis sostibles.
Inscrición aberta
O encontro está organizado polo Museo de Pontevedra coa colaboración da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia. A inscrición é gratuíta e pode facerse ata o 20 de novembro a través da web https://encontrorestauracion.depo.gal. As prazas son limitadas. O encontro está orientado a profesionais de museoloxía e está aberto a estudantes de disciplinas relacionadas co tema do encontro, como conservación e restauración, historia, ou historia da arte. Ten carácter presencial, aínda que as intervencións serán rexistradas en vídeo e posteriormente postas a disposición do público no sitio web do encontro.