13 C
Pontevedra
Martes, 19 de Marzo de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaAntonio García Teijeiro, Inma López Silva, Francisco Castro e Diego Giráldez, dirixirán...

    Antonio García Teijeiro, Inma López Silva, Francisco Castro e Diego Giráldez, dirixirán os obradoiros da Escola de Letras

    Os recoñecidos autores galegos Antonio García Teijeiro, Francisco Castro e Diego Giráldez e a autora Inma López Silva dirixirán os obradoiros literarios deste primeiro ano da Escola de Letras da Deputación de Pontevedra, que xa ten perfilada a súa programación desde o vindeiro mes de xuño ata decembro.

    A entusiasta acollida a este proxecto da Deputación e a Editorial Galaxia motivou que xa estean esgotadas as prazas e haxa lista de agarda para o primeiro curso sobre Escrita Creativa que se desenvolverá os días 15 e 22 de xuño en Vigo, se as circunstancias sanitarias o permiten, e que impartirá o director da editorial e escritor Francisco Castro.

    Para cada un dos seguintes seis cursos, todos eles con quince prazas en aras de ofrecer unha formación máis personalizada e propiciar a participación do alumnado, xa está aberto desde hoxe o prazo de inscrición. As persoas interesadas deben enviar un correo electrónico ao enderezo escoladeletras@editorialgalaxia.gal, indicando o seu nome no asunto e, no corpo do correo, en cal se quere matricular. A inscrición formalizarase por estrita orde de chegada das solicitudes, ata completar o aforo de cada curso. Todos eles impartiranse no mesmo horario, das 19.30 ás 21.30 horas.

    Hai que lembrar que para participar en la Escola de Letras non hai máis requisito previo que ter cumpridos os dezaseis anos e ter “amor pola palabra e a literatura”, como subliñaron a presidenta da Deputación, Carmela Silva, e o director de Galaxia, Francisco Castro, na presentación desta iniciativa.

    Castro tamén dirixirá o seguinte curso, o Obradoiro Literario para Maiores (a partir de 60 anos), que se desenvolverá na sede da Deputación en Vigo en varias sesións, os días 7 de setembro; 5 e 20 de outubro; 4 e 17 de novembro e 1, 15 e 16 de decembro. Así mesmo, impartirá outro obradoiro sobre Escrita Creativa na Deputación de Pontevedra, os días 21 e 22 de setembro.

    Francisco Castro (Vigo, 1966)

    É escritor e director xeral da Editorial Galaxia. En 2010 foi elixido presidente da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix). Comezou a publicar no inicio do século XXI e súa narrativa destaca pola orixinalidade á hora de abordar xéneros moi diferentes. É autor do libro de relatos eróticos ‘Xeografías’, de ‘A canción do náufrago’, ambos de 2001, e do relato histórico ‘Memorial do infortunio’. En 2004 publicou ‘Xeración perdida’, coa que adentra ao lector no mundo das drogas, e ‘Un bosque cheo de faias’, que gañou o Premio Frei Martín Sarmiento. No ano 20o6 recibiu o Premio Blanco Amor de novela longa con ‘Spam’, e ao ano seguinte foi gañador do Premio de Novela Manuel García Barros, concedido polo Concello da Estrada, pola obra ‘As palabras da néboa’, ambas publicadas por Galaxia. Tamén no 2007 lanzou ‘O ceo dos afogados’ que foi finalista do premio Fundación Caixa Galicia e que recibiu o Frei Martín Sarmiento como mellor libro do ano. No ano 2009 obtivo o Primeiro Accésit e Pluma de Prata no I Certame de Xornalismo de Opinión Raimundo García ‘Borobó’ polo seu artigo titulado ‘Borobó despedido’. No eido da narrativa infantil e xuvenil é autor de ‘Chamádeme Simbad’ (2009), Premio Frei Martín Sarmiento e lista de Honra do IBBY, e ‘O segredo de Marco Polo’ (2010). En 2013 gañou o Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia pola súa obra ‘O corazón da Branca de Neve’ e, en 2014, publicou a novela xuvenil ‘Tes ata as 10’, coa que acadou o Premio Frei Martín Sarmiento en 2016. No ano 2018 entrou a formar parte da sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega.

    Diego Giráldez

    Será o encargado de dirixir outro curso sobre Escrita Creativa en Vigo, que terá lugar os días 8 e 28 de setembro e 14, 19 e 26 de outubro. Nado no Porriño en 1976, Giráldez leva toda a súa vida profesional vinculado ao xornalismo. Dirixiu distintos xornais e revistas, e  colaborou como columnista de opinión en medios como A Nosa Terra, A Peneira e Xornal de Galicia, e, a través de reportaxes culturais, con El País. Na actualidade escribe para o diario dixital Praza Pública e a revista Luzes e dedícase profesionalmente á comunicación corporativa. Licenciado en Historia da Arte, ten varios traballos publicados, que van dende a arquitectura ata a historia económica. Sen renunciar á creación literaria, con vinte anos participou, canda outros autores, no poemario ‘Baldío’. En 2016 publicou o seu primeiro traballo de narrativa, ‘Galería de saldos’, un libro de relatos que le valeu o aplauso unánime de crítica e público, sendo elixido Autor galego do Ano polo lectorado da revista Fervenzas Literarias. En 2010, gañou o Premio Literario José Saramago de relato curto e recibiu na súa localidade natal o Premio Círculo ‘Cultura’. Posteriormente, no 2015 se fixo co primeiro accésit do Certame Nacional de Narracións Breves Modesto R. Figueiredo e un ano despois gañou o prestixioso premio literario Manuel Murguía.

    Antonio García Teijeiro

    Da súa man chegará a poesía á Escola cun obradoiro que se celebrará en Vigo, os días 16 e 17 de setembro. Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil no 2017, García Teijeiro (Vigo, 1952) é profesor, escritor e crítico de literatura infantil. Galardoado co Premio Merlín por ‘Na fogueira dos versos’, entrou na Lista de Honra do IBBY e concedéuselle o Premio Pier Paolo Vergerio da Universidade de Padua (Italia), un dos máis prestixiosos de Europa. Co poemario ‘Arredor do teu corpo’ gañou o Premio Illas Sisargas. Estes son só algúns dos moitos recoñecementos que atesoura. Algúns dos seus poemas foron musicados por grupos de Galicia e por músicos como Antón Seoane e Paco Ibáñez. Mantén unha intensa actividade na rede dende o blog ‘Versos e aloumiños’.

    Inma López silva

    Será a encargada de dirixir dous Obradoiros Literarios nas sedes da Deputación en Vigo e Pontevedra. O primeiro desenvolverase os días 2, 9, 16, 23 e 30 de novembro e os días 9, 14 e 21 de decembro, mentres que o de Pontevedra terá lugar o 3, 10, 17 e 24 de novembro e os días 1, 10, 15 e 22 de decembro. López Silva (Santiago, 1978) é unha das novas narradoras galegas máis destacadas. A súa novela de debut, ‘Neve en abril’, que recupera o drama da Guerra Civil, gañou o Premio Rúa Nova convocado pola Biblioteca Nova 33 de Santiago en 1996 e sorprendeu pola súa madurez a lectores e crítica. A obra foi editada no 2005 por Galaxia como libro aberto a lectores de todas as idades. Outros traballos publicados pola autora son ‘Rosas, corvos e cancións’, ‘Concubinas’ (co que obtivo o Premio Xerais 2002) ou ‘New York, New York’ (2007), diario dunha estadía na cidade norteamericana, que despois foi traducido ao castelán. Coa novela ‘Memoria de cidades sen luz’, publicada por Galaxia, obtivo o Premio Blanco Amor 2007. Posteriormente foi recoñecida co premio AELG como mellor obra de narrativa 2008 e o Arcebispo San Clemente como mellor novela en galego 2008. En 2016 recibiu o Premio Insua dos Poetas como recoñecemento aos seus 20 anos de carreira literaria.Amais de escritora, destaca como crítica e investigadora teatral, colaboradora habitual en numerosas publicacións periódicas e científicas. Actualmente é profesora na Escola Superior de Arte Dramática de Vigo.

    A acción da Escola de Letras tamén incluirá encontros con profesionais do mundo do libro, así como recitais con público onde dar a coñecer o froito do seu traballo. Amais, publicarase un libro dentro do Catálogo da Editorial Galaxia que recollerá, cando menos, un traballo por cada participante.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.