11 C
Pontevedra
Xoves, 25 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaA Xunta ofrece 29 actuacións escénicas e musicais en Tui, Tomiño, Redondela,...

    A Xunta ofrece 29 actuacións escénicas e musicais en Tui, Tomiño, Redondela, Gondomar e Ponteareas a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios

    A primeira das funcións terá lugar mañá en Tui, co espectáculo ‘Maxia sen trucos’, de Ian&Elisa

    A Xunta promove ata xuño 29 actuacións escénicas e musicais na área de Vigo, no marco da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios (RGTA). As funcións organizadas en colaboración cos concellos desenvolveranse en Tui, Tomiño, Cangas, Redondela, Gondomar e Ponteareas. A carteleira con todas as funcións e horarios pódese consultar no web de Cultura de Galicia e da Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic).

    A programación nestes seis municipios da área de Vigo comeza mañá, co espectáculo Maxia sen trucos, de Ian&Elisa, no Teatro Municipal de Tui. Trátase dunha mestura de maxia e sombras chinesas que mergullarán o público familiar nun mundo imaxinario onde nada é imposible. As funcións continúan neste concello o venres 5, coa peza teatral O premio, de La Quintana, unha comedia sobre a situación que viviremos nun futuro próximo derivada do progreso tecnolóxico e a loita cara ao éxito económico, sentimental e social.

    A próxima semana, o día 11, estará dedicado á cativada con O lobo e a lúa, de Baobab Teatro. Os días 23 e 24 deste mes haberá unha dobre función da estrea de Illas desertas, de ArtesaCía, proxecto beneficiado no programa de axudas á creación escénica da Xunta.

    Ademais, este sábado 6 arranca a programación da RGTA prevista no Auditorio Municipal de Goián, en Tomiño, coa representación de Feminíssimas, de De Ste Xeito Producións, unha creación colectiva coa amizade como fondo e o feminismo como forma. Xa en abril, o 25, chegará para a público familiar o novo circo de Xampatito Pato e o seu espectáculo , e o 23 de maio farao a música, cun concerto de Uxía Lambona e a Banda Molona. Finalmente, en xuño, o día 20, está prevista a obra de teatro 32m2, de ButacaZero.

    Funcións en Cangas e Redondela

    O Premio, de La Quintana, marca tamén este sábado o inicio das funcións en Cangas, que continúan en abril, o día 24, con Medida x Medida, de Producións Teatráis Excéntricas. En maio será a quenda de Fulano, Mengano e Citano, coa obra A louca historia de Galicia, o día 15, e de Chévere, con Curva España, o día 22. Nese mesmo mes, o 29, representarase O ogrocho, de Ningures Producións, dirixido á cativada, e o 5 de xuño O meu reino non é deste mundo, de Teatro da Ramboia. Todas as actuacións serán no Auditorio Municipal.

    Pola súa banda, Redondela retoma a programación no Auditorio do Multiúsos da Xunqueira este domingo, con Cartoóns, de Producións Teatráis Excéntricas, para público familiar. O 27 deste mes Malasombra Producións exhibirá Nós (A historia de Galicia). O teatro segue a ser protagonista en abril, con O libro da selva, de Teatro Avento, dirixida á rapazada, o día 4, e con 32m2, de ButacaZero, o 24. En maio chega Ibuprofeno Teatro, con O mel non caduca, o día 8, e O meu mundo non é deste reino, de Teatro da Ramboia, o 29. As funcións deste semestre finalizan o 13 de xuño con Mai Mai, de Baobab Teatro, outra peza para público familiar.

    Programación en Gondomar e Ponteareas

    Canto a Gondomar e Ponteareas, as funcións previstas neste semestre arrancan o vindeiro mes de abril. Así, o Auditorio Lois Tobío de Gondomar acolle xa o día 3 a peza O mel non caduca, de Ibuprofeno Teatro, e o 10, Despois das ondas, de ButacaZero. O 17 de abril será a quenda de Companyia La Tal, coa obra Italino Grand Hotel, para público familiar, e o 1 de maio de Cinema Sticado, con Pika. Ponteareas comeza a programación do semestre o 24 de abril con O meu mundo non é deste reino, de Teatro da Ramboia. Xa en maio, representarase Clausura do amor, de Cámara Negra en coprodución co Centro Dramático Galego, o día 15, e o 19 de xuño, O mozo da última fila, de Redrum Teatro. As funcións terán lugar no Auditorio Reveriano Soutullo.

    As representacións previstas nestes seis municipios da área de Vigo súmanse ás máis de 30 actuacións escénicas que xa se están a desenvolver en colaboración co Concello de Vigo desde o pasado 19 de febreiro, no Auditorio Municipal.

    Máis de 300 actuacións en 40 concellos

    Deste xeito, a Rede Galega de Teatros e Auditorios retoma a actividade, suspendida nas últimas semanas por mor das restricións da covid-19, como o programa cultural máis intenso e extenso de todos os promovidos pola Xunta. Cómpre salientar que a programación total deste primeiro semestre ofrece máis de 300 actuacións musicais e escénicas en 40 concellos da Rede, coa participación de 110 formacións artísticas profesionais. Mobilízanse así contratacións por valor aproximado dun millón de euros, cofinanciados entre a Xunta e os concellos asociados.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.