10.8 C
Pontevedra
Martes, 19 de Marzo de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaA Xunta de Galicia xa vacinou contra a COVID-19 AO 87 %...

    A Xunta de Galicia xa vacinou contra a COVID-19 AO 87 % das persoas maiores de 80 anos

    O conselleiro apuntou que hai entre un 7 % e un 8 % de persoas que non recibiron a súa vacina cando se lles citou, ao non poder desprazarse, estas persoas serán citadas de novo

    O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, vén de informar que 203.596 persoas maiores de 80 anos xa foron vacinadas en Galicia, unha cifra que representa o 87 % deste grupo de poboación. Segundo apuntou García Comesaña, a Xunta ten previsto chegar durante esta semana ao 90 % de persoas vacinadas neste tramo de idade. Ademais, apuntou que, na actualidade, o 2,63 % das persoas maiores de 80 anos rexeitaron recibir a vacina.

    O conselleiro de Sanidade tamén lembrou que hai “entre un 7 e un 8% de persoas que pertencen a outros grupos de poboación que non recibiron a súa vacina cando se lles citou, ben por non poder desprazarse, ou por outros motivos xustificados”. Sobre este particular, salientou que “todas elas volverán a ser convocadas para acudir á vacinación no seu centro de saúde, ou ben, para seren vacinadas nos seus domicilios, no caso de ter problemas de mobilidade”.

    Durante a rolda de prensa na que a Administración sanitaria informa das decisións adoptadas polo comité clínico, o titular da carteira sanitaria galega subliñou que “Galicia transita por unha situación epidemiolóxica estable” pero que “é preciso seguir a traballar, pois aínda queda moito camiño por percorrer”.

    Acompañado pola directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán Parrondo, a responsable deste departamento apuntou que, no que atinxe aos datos epidemiolóxicos, Galicia conta cunha incidencia a 7 días de 31,9 casos (polos 76,2 casos que rexistra a media española); e unha incidencia a 14 días de 64,8 (fronte aos 164 da media de España). Carmen Durán explicou que a taxa de positividade na comunidade galega sitúase no 2,4% e que, o número de concellos sen notificar ningún caso covid nos últimos 14 días é de 142; e de 189 municipios sen declarar ningún ningún novo caso positivo nos últimos sete días.

    Pola súa parte, o xerente do Sergas, José Flores Arias, detallou que a situación asistencial dos centros sanitarios galegos continúa na liña de estabilidade das últimas semanas. Neste senso, apuntou que a porcentaxe de ocupación nas unidades de críticos sitúase no 5,6%, sen cambios desde a semana pasada a nivel porcentual; e que a ocupación das camas de hospitalización é do 2,09%, o que representa unha baixada do 9,62%, respecto de hai sete días.

    Posta en marcha da vacinación masiva en Galicia

    No que atinxe ao proceso de vacinación masiva contra a covid-19 iniciada na xornada do martes nas sete áreas sanitarias galegas, o titular do departamento sanitario da Xunta manifestou que, alén dalgunha aglomeración que tivo lugar en Compostela, a xornada debe valorarse como “positiva”. Neste sentido, explicou que das 18.209 persoas citadas, un total de 13.827 (75,9 %) recibiron a primeira dose da vacina contra a covid.

    Respecto da evolución do proceso de vacinación noutros grupos de poboación, García Comesaña indicou que Galicia xa vacinou a 6.786 grandes dependentes, é dicir, o 43% das 14.848 persoas que integran a categoría III de dependentes definida na estratexia de vacinación do Ministerio de Sanidade.

    Así mesmo, o conselleiro destacou que esta tarde elevará, na xuntanza do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde, a petición de que o Instituto Social da Mariña sexa o encargado de vacinar ás tripulacións debido as súas especiais particularidades.

    Por outra banda, remarcou que, desde o vindeiro día 10 de abril, incrementarase o número de persoas non conviventes que se poden reunir nos domicilios, fixándose un máximo de 4 persoas no interior, e de 6 no exterior.

    881 00 20 21 para maiores de 80 anos con dúbidas sobre a súa cita

    García Comesaña tamén anunciou hoxe a activación do número de teléfono 881 00 20 21, destinado ás persoas maiores de 80 anos, para que poidan resolver as súas dúbidas ou solicitar información sobre a súa cita de vacinación. Este teléfono de contacto estará operativo de luns a venres desde as 8,00 até as 21,00 horas.

    Esta nova ferramenta de comunicación artellouse por medio dunha instrución que tamén servirá para levar a cabo a inclusión no proceso de vacinación das persoas sen recoñecemento do dereito a protección da saúde. Así, as persoas que se atopen nesta situación, e estean residindo en Galicia, tamén poderán empregar este teléfono de contacto para achegar os seus datos e así poder vacinarse.

    Do mesmo xeito o conselleiro de Sanidade informou que desde a vindeira semana, a web do Sergas incorporará todos os datos do Plan de Vacinación Galego, achegando información sobre a evolución de vacinados en cada un de grupo de poboación.

    Nivel restricións concellos

    Trala reunión do comité clínico de onte, os expertos acordaron o establecemento do nivel máximo de restricións nos concellos da Pobra do Caramiñal e O Grove.

    Ademais, noutros seis concellos galegos rexerán as medidas do nivel alto de restricións, nomeadamente, na Pobra do Brollón, Rábade, O Irixo, Monterrei, A Illa e Carral.

    Así mesmo, o comité fixou o nivel medio de restricións, para os termos municipais de Beade, Cortegada, Padrenda, O Carballiño, Boimorto, Sanxenxo, Meis, Cangas, Gondomar, Moaña e Baiona. No resto dos concellos galegos, estarán vixentes as restricións fixadas no nivel medio baixo.

    Cómpre subliñar que a posta en marcha destas medidas vén de ser adiantada pola Administración sanitaria galega, e que entrarán en vigor desde ás 00,00 horas desta medianoite.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.