O proxecto ‘Camiño a dentro’, promovido pola Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia a través do programa ‘O teu Xacobeo’, fixo escala onte na praza Arquitecto Antonio Palacios de O Porriño, onde o grupo ‘Dúas’, formado por Sabela Caridad e Marta Figueiredo, ofreceu un recital de percusión en directo ante autoridades, veciñanza, peregrinas e peregrinos.
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, resaltou antes da actuación os valores deste innovador proxecto cultural, que ten por obxecto pór en valor o Camiño Portugués a través de dez accións artísticas protagonizadas por mulleres. “O grupo ‘Dúas’ representa hoxe aquí ás mulleres do O Porriño, da provincia e de Galicia que están a levar a cabo un gran rexurdimento cultural”, explicou, tras dar un aplauso de benvida ás peregrinas e peregrinos presentes no acto e agradecer ao director xeral de Políticas Culturais da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo, a colaboración no proxecto. “É a demostración de que podemos facer grandes cousas para difundir un patrimonio tan fundamental como o Camiño Portugués”, indicou ao respecto.
Carmela Silva lembrou que esta ruta é a segunda máis transitada de cantas conducen ás e ós peregrinos a Santiago, e definiu ‘Camiño A Dentro’ como “unha mostra de que o Camiño é relación humana, espiritualidade, sentimentos, patrimonio, e cultura”. Ademais felicitou a Paula Cabaleiro, comisaria do proxecto, e remarcou que o programa está integramente liderado por mulleres. “Representa unha aposta pola igualdade, polo Camiño e a cultura”, sintetizou.
O director xeral de Políticas Culturais da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo, amosouse pola súa parte encantado de participar no evento e mostrou a súa satisfacción pola colaboración institucional para levalo adiante. Ademais, resaltou a calidade de ‘Camiño A Dentro’, que constitúe unha proba máis de que “Galicia é unha gran terra”.
A alcaldesa de O Porriño, Eva García de la Torre, destacou na súa intervención que “O Camiño é unha oportunidade para atraer viaxeiros e viaxeiras e facer que coñezan esta vila, a súa cultura, o seu patrimonio e a súa gastronomía”.
Os eventos de ‘Camiño A Dentro’ inclúen desde poesía, música e teatro, ata fotografía, videocreación, ilustración e instalación. A través destas obras búscase afondar na relación entre Camiño e territorio, así como propiciar a interacción entre a veciñanza e as persoas peregrinas e recoñecer o traballo das mulleres no mundo da arte.
O programa seguirá a súa andaina pola provincia de Pontevedra mañá mesmo cunha acción nas inmediacións do mosteiro de Oia protagonizada pola ilustradora e pintora María Meijide baixo o título “Oia Usté!. A Guarda, Pontevedra, Nigrán, Tui e Soutomaior completarán as paradas deste proxecto que conta coa participación das artistas Dores Tembrás, Carmen Quinteiro, Ruth Montiel, o grupo Dúas (formado por Sabela Caridad e Marta Figueiredo), María Meijide, Inherente Teatro (integrado por Noelia Blanco, Celina Fernández e Pía Nicoletti), Lucía Loren, Carla Andrade, Nastasia Zürcher e Helen Bertels.
Hoxe, venres 11 de outubro, María Meijide, cunha mostra de pintura e ilustración, estará nas imediacións do mosteiro de Oia, na praza Centinela, ás 18 horas.
Xa o vindeiro mércores, 16 de outubro, será a quenda do teato na Guarda, coa actuación da compañía Inherente Teatro na Praza do Reló ás 18:30 horas.
Nesa mesma semana, o venres 18 de outubro, ás 19:30 horas, a praza do Concello de Nigrán acollerá unha charla de Carla Andrade sobre fotografía e videocreación.
Ao día seguinte, sábado 19 de outubro, a Praza de San Fernando de Tui, fronte a Catedral, será o escenario idóneo para o concerto que ás 18:30 horas, ofreza Natasia Zürcher.