7.6 C
Pontevedra
Mércores, 1 de Maio de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaA Deputación avanza na instalación de cunetas de seguridade na provincia

    A Deputación avanza na instalación de cunetas de seguridade na provincia

    A Deputación de Pontevedra segue a avanzar nas obras de instalación de cunetas de seguridade na rede provincial de estradas. Como informou o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, a Xunta de Goberno acordou a ampliación do prazo de execución destes traballos, nos que se invisten 1,9 millóns de euros en 2023. As obras derívanse, como destacou Domínguez, do acordo marco que aprobou a Deputación “para dotar as vías provinciais destes elementos de seguridade naqueles puntos nos que, polas súas circunstancias ou características, resulta imposible realizar sendas ou plataformas únicas”. O resultado “ofrece igualmente aos peóns unha seguridade e un itinerario cómodo”, engadiu.

    A través deste acordo marco dividiuse a provincia en tres zonas (norte, centro e sur), e este ano estase a actuar nun total de 77 estradas en 54 concellos. O prazo para rematar as obras finalizaba en setembro e tralo acordo da Xunta de Goberno amplíase tres meses máis.

    Na zona norte o investimento é de 665.000 €, e estase a actuar en 20 estradas que transcorren por Forcarei, Silleda, Lalín, Dozón, Rodeiro, Agolada, Vila de Cruces, A Estrada, Cerdedo-Cotobade, Caldas, Cuntis, Valga e Catoira.

    No que se refire á zona centro, o investimento neste 2023 é de 740.000 € e estanse a instalar cunetas en 38 estradas que transcorren por Barro, Portas, Pontevedra, Ponte Caldelas, A Lama, Cerdedo-Cotobade, Poio, Cangas, Moaña, Marín, Bueu, Redondela, Caldas, Moraña, Campo Lameiro, Cuntis, Cambados, O Grove, Sanxenxo, Meaño, Meis, Ribadumia, Vilagarcía e Vilanova de Arousa.

    Finalmente, na zona sur o orzamento é de 600.000 € e estase a intervir en 19 estradas provinciais que discorren por Nigrán, Baiona, Gondomar, O Porriño, Salceda, Mos, Tui, Tomiño, Oia, O Rosal, Ponteareas, As Neves, Mondariz, A Cañiza, Covelo, Arbo e Crecente.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.