12 C
Pontevedra
Venres, 26 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaA Deputación aposta por "recuperar a seguridade viaria, mobilidade peonil e espazos...

    A Deputación aposta por “recuperar a seguridade viaria, mobilidade peonil e espazos públicos”

    A Xunta de Goberno da Deputación aprobou hoxe diversas melloras en estradas de cinco concellos da provincia, cun orzamento que suma máis de 2 millóns de euros, destinadas, como subliñou Carmela Silva, a consolidar o modelo de estradas que ten en marcha a institución para “recuperar a seguridade viaria, a mobilidade peonil e os espazos públicos para a xente”.

    A presidenta provincial incidiu en que estas obras “van seguir sendo un dos obxectivos prioritarios desta Administración” e que a Deputación “vai seguir a transformar esta provincia e a convertela nunha referencia en todo o que ten que ver co tratamento das infraestruturas”.

    Silva detallou que os proxectos aprobados beneficiarán a cinco concellos da provincia: A Cañiza-Arbo, A Lama, A Guarda e O Grove. Máis polo miúdo, a primeira das obras previstas comprende a reposición do firme e mellora da seguridade viaria na EP 5003 entre A Cañiza e Arbo, que sairá a licitación cun presuposto de 886.829,11 euros. Amais da reposición do firme na maior parte da estrada, tamén se revisará a sinalización vertical de velocidade, elevaranse varios pasos de peóns, reordenarase a explanada das inmediacións do centro de ensinanza de Valeixe e redistribuiranse os espazos da plataforma para favorecer o tránsito peonil.

    A Xunta de Goberno aprobou tamén o proxecto de ensanche e mellora da seguridade viaria na EP 0307 de Peso a Caroi, no concello de A Lama, cun presuposto base de licitación de 940.182,85 euros. Esta obra consistirá na ampliación da superficie viaria, co fin de dotala dunha cuneta de seguridade na marxe dereita, beirarrúas por ambas marxes, carrís de case 3 metros e unha berma na marxe esquerda.

    No caso de A Guarda, a Deputación aprobou o proxecto modificado da execución de recuperación de espazos e mellora peonil na rúa Concepción Arenal EP 3401 acceso ao Porto, que pasa a ter un orzamento base de licitación de 1.288.021,90 euros, cun incremento de 116.137,77 sobre o orixinal, para diversas melloras destas obras.

    Finalmente, adxudicouse á empresa Narom S.L., cun orzamento de 210.586 euros, a execución da mellora da intersección mediante unha rotonda na EP 9101, no punto quilométrico 5+150 en O Grove-San Vicente Igrexa, no que dita estrada se cruza con dúas vías municipais. No lugar implantarase unha rotonda con sendas peonís a súa volta, comunicadas mediante pasos de peóns elevados. Amais, tamén se contemplan obras de canalización, saneamento e abastecemento, así como a instalación de novos puntos de luz en LED. A actuación completarase co repintado de marcas viarios e a colocación da correspondente sinalización vertical.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.