Domingo, 4 Maio de 2025

Regresa a popular baixada de ‘Carros de Bolas’ de Camos

Os verdadeiros ‘autos locos’ regresan este luns 15 de agosto a Camos para deixar imaxes delirantes nesta parroquia que se pode considerar o auténtico berce do deporte en Galicia. Concello de Nigrán e Asociación Eixo Tolo ofrecen tras dous anos de parón pola pandemia á ‘XIV Baixada de Carros de Bolas’ na rúa San Roque con preto de 80 carrilanas inscritas. A principal novidade é que a proba estrea parte do percorrido co obxectivo de gañar en espectacularidade, así, volverán a saír do Torreiro de San Roque pero, en lugar de rematar na Touza, virarán á esquerda na rúa Xuncido (barrio de Balinfra) para afrontar maior desnivel, unha rasante e unha horquilla no trazado de 90 grados na propia meta. En total trátase de 1 km de lonxitude cun desnivel do 80%, o que fará que os vólidos ‘voen’ a case 110 km/hora e, no caso dos máis artesanais, a 80 km/hora.

“Como é o caso do ‘Flota como Poidas’ na Foz do Miñor, a baixada de carros de bolas de Camos é tamén un evento moi divertido pola orixinalidade dos artefactos que participan e ao mesmo tempo tamén moi espectacular polas velocidades que acadan e o propio trazado”, explica o alcalde, Juan González, quen anima a acudir.

En total, unha trintena de carrilanas federadas de todo o norte peninsular participarán na ‘Copa España’ e outra trintena competirán no ‘Campionato Libre Eixotolo’, destinado ás máis artesanais. O campionato arranca ás 10:00 horas cos adestramentos, para continuar xa coa propia competición ata as 14:00 horas, constando de dúas mangas puntuables. Como requerimento imprescindible figura que os rodamentos sean de aceiro e os carros conten con sistema de freado (ademais de que os participantes leven casco, codeiras e xeonlleiras e, en caso de menores, conten con autorización). Entre outros premios figura, no caso da categoría ‘libre’, os máis elaborados (300 €, 150 € e 100 €) e o ‘Era Visto’ para aquel que non chegue a meta por razóns previsibles xa a simple vista. No caso dos federados, a clasificación será por tempos.

Esta proba de carrilanas en Camos foi realizada por vez primeira no 1985, sendo a máis antiga de Galicia da que se teña coñecemento. Entre os seus grandes impulsores está Gerardo Ferreira, participante dende a súa orixe e promotor grazas á Asociación Eixo Tolo. “As carrilanas forman parte da tradición de Camos, cada neno construía o seu carro de bolas e xogabamos con el. Agora facemos este campionato para garantir que non se perda e en dous anos nos gustaría poder acoller o campionato de Europa”, explica.