Domingo, 4 Maio de 2025

Os nenos e nenas de Nigrán realizarán o cartel oficial da ‘X Travesía a Nado Costa Serena’

O concurso para elaborar o cartel oficial estará aberto a nenos e nenas de entre 9 e 13 anos dos colexios de Nigrán e entregaranse premios aos tres primeiros clasificados

O Concello de Nigrán e o Club deportivo Tumetapesonal, en colaboración coa firma deportiva Area, organizan un concurso de debuxo infantil para escoller o cartel anunciador da ‘X edición da Travesía a nado Costa Serena-Gran Premio Concello de Nigrán’, que se celebrará o 5 de xullo en Praia América.

Na mañá de hoxe o alcalde de Nigrán, Juan González, acompañado pola concelleira de Educación, Marina Vidal; o concelleiro de Deportes, José Luis Sanromán, e membros da organización da travesía visitaron o colexio CEIP Carlos Casares de Nigrán para presentar o concurso, que está dirixido a nenos de entre 9 e 13 anos dos centros escolares de Nigrán.

O cartel deberá estar relacionado coa travesía a nado Costa Serena e nas obras deberán aparecer obrigatoriamente o areal de Praia América e un nadador/a. Os debuxos presentaranse en cartolina, tamaño DIN A4 e a cor. A técnica será libre.

A organización do concurso entregará premios aos tres primeiros clasificados. O gañador recibirá un diploma, unha mochila, unha toalla e un gorro da firma deportiva Area e unha cámara de vídeo e fotos sumergible. Ademais, o debuxo gañador, será o cartel oficial da X edición da Travesía a nado Costa Serena-Gran Premio Concello de Nigrán.

O segundo clasificado ou clasificada obterá un diploma, unha bolsa deportiva, unha toalla e un gorro de Area e un smartwatch. O neno ou nena que quede en terceiro lugar clasificado recibirá un diploma, unha bolsa, unhas zapatillas deportivas e un gorro de Area. Os premios entregaranse no mes de maio aos gañadores.

O prazo para presentar os carteis nos colexios finalizará o día 15 de abril. A organización contactará cos gañadores o día 21 de abril para anunciar os resultados, que serán publicados na páxina web travesiaanadocostaserena.es. Todas as obras presentadas expoñeranse o día da travesía a nado en Praia América o 5 de xullo.

O concurso infantil é unha das distintas actividades previstas para conmemorar a ‘X Travesía a nado Costa Serena-Gran Premio Concello de Nigrán’, que se celebrará o 5 de xullo en Praia América. Durante o ano organizaranse distintos actos para festexar os dez anos da proba, que é a travesía popular con maior participación de toda Galicia con preto de 500 participantes, entre nenos e adultos.