Sábado, 3 Maio de 2025

Os bautismos de surf gratuítos volven a Nigrán

A actividade, realizada en colaboración coas cinco escolas de Patos, inclúe clases de dúas horas a cargo de monitores titulados

O Concello de Nigrán continúa co seu programa de bautismos de surf gratuítos dirixidos a escolares do municipio co fin de promover desde a infancia este deporte de gran raigame na localidade. Así, en outubro correspondeulle a 230 alumnos de Primaria e esta semana serán 110 da ESO tamén dos centros públicos de Nigrán (IES Proval e Val Miñor e CPI Arquitecto Palacios). Igualmente, constan de 2 horas de clases a cargo de profesores titulados grazas á colaboración das cinco escolas de surf do municipio.

“O surf forma parte da esencia de Nigrán e por iso queremos achegalo aos nenos, o deporte é saúde e o surf ademais leva asociados uns valores medioambientais que hai que fomentar desde a infancia”, explica o alcalde, Juan González, quen precisamente incluíu este ano o surf por vez primeira na Historia da localidade no abano de actividades deportivas municipais ofrecidas desde o Concello.

A cultura do deporte sobre as ondas está cada vez máis arraigada entre a cidadanía e conleva un xeito de vida ecolóxico, sano e sostible, por iso o Concello de Nigrán está irmandado con Valdoviño, municipio coruñés co que comparte Historia común grazas precisamente ao surf. Este deporte supón tamén para Nigrán un importante revulsivo económico, o barrio de Patos en Panxón, coas praias da Cansadoura, o Pico de Patos e o propio areal de Patos, son o espazo de cinco escolas e, paralelamente, de negocios de hostalaría e tendas temáticas. Ademais, supón un atractivo turístico durante todo o ano, especialmente no inverno, cando os bañistas desaparecen. Xusto durante eses meses celébranse campionatos locais, autonómicos, nacionais e internacionais xa recoñecidos e que reforzan esa imaxe de municipios sans, saudables, ecolóxicos e onde a natureza é a protagonistas.